Vostede está aquí

XOGOS, MOI POPULARES, NAVEÁNS(1)

               Esta será unha subsección dentro da sección ANÉCDOTAS....Xa adianto que non vou incluír, inda que poidan facelo outros ou outras, a billarda. Este ten unha ampla difusión en toda Galiza e mesmo hai campionatos a nivel galego. Só mencionarei aqueles outros que son 100% autóctonos ou que conteñen unha regras ben diferenciadas. Animo a quen queira particicipar a que eses xogos que están na saca do esquecemento, aboien e quede constancia deles para as xeracións dos vindeiros séculos.

O CHOTO

                              Cecais cando leades este nome,a maioría non saberá de que vai e outros estaredes intrigados. Lóxico, poida que só algúns o practicásemos, é posíble que sexa un gran descoñecido.

       Tería eu cinco ou seis anos e estaba empezando a escola. Lémbrome de xogar ao que agora explicarei.  Faciamos no chan un recadro duns trinta ou corenta cm de lado e dentro del, un dos xogadores, enterraba un "chotiño" de medio cm aproximadamente. O 2º xogador tiña que "furgar" na terra empregando outro choto de maior tamaño e as propias mans, incluídas as unllas. Podías atopalo pronto ou mesmo deixalo para o día seguinte( igual  ca no xadrez).Cando o atopabas, invertíanse os roles. 

          Xa me parece que estaredes pensando que non era para tanto, non é complicado, as regras son doadas de entender. Mais eu dígovos que tiña o seu aquel. Estar tumbados no chan, o arrecendo das cacaracás e das flores das xestas, o entusiamo por atopar tan prezado obxecto...

 

AS CONCHARELAS

            Alá polos anos sesenta, Navea empezou a ter acceso á sociedade de consumo. Isto, entre outras cousas,manifestouse no consumo de gasosas, cervexas, fantas, iris... Estas tiñan unha tapadeira, non aproveitábel(daquela, os cascos recollíanos para ser reutilizados). A esta tampa, nós, non tardamos en atoparlle unha utilidade, polo que ao pouco tempo iamos á escola cargados cunha saquetiña cos prezados obxectos.

Desenvolvemento do xogo.   (debo confesar que teño algunha lagoa a respeito das regras, polo que se alguén pode botar unha man...). Basicamente consistía en facer no chan un burato duns 10 cm de diámetro e duns 10 cm de profundidade. A certa distancia, trinta ou corenta cm, colocábanse as concharelas. Cada un despregaba a cantidade acordada que se puña en xogo.  Alternativamente, facíase un lanzamento co dedo corazón da man, non sen antes enganchalo no polgar para aplicar a forza axeitada. Cando a concharela caía dentro, esta xa a recuperabas e se non entraba había que esperar a que avanzase o xogo. Se un dos membros fallaba, tocáballe ao rival.  A cuestión estaba en ir capturando as pezas dos demais ata que quedase sen material para seguir xogando. A forma de capturalas era que as súas quedasen preto do buraco e logo ti golpeabalas cunha túa. É dicir había que "arrempuxar" ás dos outros, metelas dentro e "comerllas". Seguías xogando ata que fallabas polo que no tramo final, un xogador podía "disparar" unhas cantas veces e "varrer" ao rival. Loxicamente, o xogo remataba cando un quedaba sen "munición". Ás veces funcionaba a solidariedade e facíanse préstamos para poder seguir xogando.

      Poida qe  tamén vos pareza un xogo trivial, pero as alegrías que nos deu foron moitas e cómpre valorar a capacidade de creatividade que demostramos os nenos de Navea para inventar xogos con materiais  de "refugallo e baratiños".  

                                  Saúdos e saúde.

 

 

 

Artigos: 

Comentarios

                     BARRIL BARRÓN: GARDA E LADRÓN

                            ·Este xogo, inventado alá polos anos 60, tivo unha grande actividade durante, polo menos, unha década. Descoñezo a data exacta de inicio, mais coido que foi a raíz da chegada da televisión e das primeiras películas policiais que vimos. Tamén poida que teña unha orixe máis autóctona e tivese unha relación directa coas nosas vivencias e relatos ouvidos da "brigadilla", "escapados"...

               A respeito do nome, tampouco teño a verdade probada, só hipóteses. O de barrón poida que fose sinxelamente porque rima con ladrón. O de "barril" aínda é máis confuso, cheguei a conclusión que que ese  "erre dobre" tan potente nas dúas palabras tivo algo que ver.

En que consiste o xogo? Iníciase o proceso coa escolla dos dous equipos, Íase sinalando aos participantes coa frase: barril barrón, ti garda e ti ladrón.  Deste xeito configurábanse os equipos: un de ladróns e outro de gardas. Como era lóxico, os gardas eran os bos e os ladróns, os malos. Estes escondíanse e tiñan que ser "cazados" polos gardas. Delimitábase unha zona de actividade para funcionar dentro dela e que alguén non puidese ir esconderse, por exemplo, a Rome. Lembro dúas fundamentais. A de "Palacio"  e os seus arredores que abranguían dende o cemiterio ata a igrexa. Outra foi "O Souto" con aquel casarellón abandonado que estaba por riba do lugar onde o ferrador realizaba o seu labor.  Outra foi a zona que hai entre a fonte da Quinta, O Souto e o vello transformador. Mais, tamén unha cun enorme circuíto de fin de semana. Subía polas Penas, chegaba  á Lucenza e baixaba ata os Vales para rematar na fonte da Quinta; Impresionante!

Desenvolvemento do xogo.  Os ladróns escapaban e escondíanse; os gardas buscábanos para "eliminalos". A  forma de eliminación era mediante un disparo verbal, pero moi efectivo. Tratábase de disparar antes que o  rival, inda que só fose unhas décimas de segundo. Dicíase: pan, morto!.  Como se pode comprender, o disparo era completamente letal. Os falecidos íanse retirando ata que o xogo remataba e se iniciaba o seguinte. Se gañaban os ladróns, trocábanse os papeis xa que o que "molaba" era ser garda.

             Dado que non había árbitros podería pensarse que os conflitos eran permanentes, e as liortas  habituais. Pois non era así, apenas lembro algunha pequena discusión. Relacionado con isto, sinalarei unha anécdota significativa; ás veces, os contrincantes estaban separados por seis ou sete metros e protexidos só polo galleiro dunha cepa. Isto entendíase que era protección suficiente para estar "a salvo da balas" inimigas. Chegado un certo momento algún realizaba "un salto" ao poste seguinte ata quedar fronte a fronte. A situación era realmente cómica.

           Como arma empregábase a man e co dedo índice , xeramente dobrado cara atrás, como se apretases o gatillo dunha pistola; inda que, nalgúns casos, os máis artistas facían un revólver(películas do Oeste) dun pau coa forma axeitada.

                                                                   Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O MARRO

            Este é un xogo coñecido que se practica, ou practicaba, en moitos lugares de Galiza. Mais, en Navea, ten normas propias que o fan único, orixinal e irrepetíbel. 

DESCRICIÓN DO ESTADIO.   Non tiña que ser moi sofisticado, calquera carreira ou camiño con dous m de anchura nos valía. Trazábanse dúas liñas an ambos extremos. Os xogadores de ambos equipos situábanse, enfrontados, "pisando marro".( o nome de marro servía para para denominar o xogo e tamén para o nome das liñas mencionadas).

DESENVOLVEMENTO.  Sae un xogador do equipo A, retando aos rivais; inmediatamente sae outro do equipo B,  tratando de "pillar" ao do A(era suficiente cun toque mínimo). A continuación sae o 2º xogador do  equipo A,tratando de "catular" ao 1º do equipo B.  Logo sairía o 2º xogador do equipo B... Así sucesivamente. (Só pode catular un que pisou marro máis tarde).   A grande novidade das normas de Navea é que podía haber seis ou sete xogadores ao mesmo tempo na pista, tratando de pillar e non ser pillados por outros. Isto dáballe moito dinamismo e aquí radica a diferenza principal co practicado noutros lugares que só permiten dous xogadores, ao mesmo tempo, en liza.

       Tamén aquí se podería pensar que había conflitos como:

Eu pisei marro máis tarde ca ti, entón...       Pois tampouco lembro ningún  relevante. A capacidade de autoarbitraxe era extraordinaria!

    Cada xogador que era catulado pasaba a formar parte dunha cadea que partía do marro do equipo rival. Dependendo do número do xogadores, a cadea podía chegar ata o medio do "coliseo", ou máis aló. Había que intentar "salvar" a cadea para que eses xogadores se reincorporasen ao xogo. Ás veces, un peón  "sacrificábase" colocandose diante da cadea para evitar que fose "salvada"

                Loxicamente o xogo remataba cando todos os membros dun equipo eran eliminados. Nalgunhas ocasións podía eternizarse se, cando quedaba un só xogador, este actuaba de xeito "covardica", saíndo só un par de m e voltando rapidamente para pisar marro. (así era imposíbel podelo eliminar).

                                                                       Saúdos e saúde.