Vostede está aquí

Na vendima

Hai uns días estiven en Navea. Se podo, vou cada ano polo mes de agosto, aínda que só sexan catro ou cinco días. Sábeme a pouco pero procuro non deixar de facelo.

Esta vez foi diferente por moitas razóns. Acabo de xubilarme e fun alí coa intención de desconectar. Despois de corenta e cinco anos traballando, a maior parte deles no ensino, levaba uns días “descolocado”. Que mellor que ir a Navea?

Tamén fun ca intención de volver á vendima. Ofrecinlle os meus servizos a Xosé Lois e a Manolo. Eses dous heroes da resistencia naveana non precisaban da miña axuda. Era eu quen necesitaba deles. Ó Manolo sóbralle xente cada ano e, aínda que o Xosé Lois tamén ten bos profesionais como o Fausto ou o meu primo Xosé María, eran menos. Así que foi Xosé Lois o destinatario amable da miña pobre axuda.

Sentáronme tan ben eses días en Navea! Foi unha auténtica festa. O pobo cheo de xente (houbo día que eramos vinte e catro persoas vendimando ou facendo ver que vendimabamos); un sol que quentaba pero non queimaba; o cor amarelo verdoso das cepas; o sabor case esquecido da mencía, do godello, da treixadura, do xerez, da portuguesa…; o xantar xeneroso regado con viño tinto e branco e rematado con roscón e licor de herbas; a charla cos amigos; os paseos por Navea probando un concho por aquí, un figo ou unha breba por alá; o canto dos paxaros; a choiva e o cheiro a terra mollada; o ruído monótono e relaxante da caldeira que segue baixando pola Carreira; os tragos de auga na fonte da Quinta ou na Ferraia; as postas de sol; o ceo das noites e a néboa das mañás… esa Navea da que eu formo parte desde sempre.

A semaniña que alí estiven foi un bálsamo para min.

Non hei de tardar en volver. Chámame a terra.

(Iso si, cando volva, hei de levar a rozadoira nunha man e unha cerdeira na outra. Hai moito que facer.)

Vendima
Vendima
Vendima
Vendima
Vendima
Colaboracións: 

Comentarios

                           Evidentemente que se agradecen os comentarios eloxiosos. Cecais o de "heroes" sexa un pouco esaxerado, pero, moitas grazas!  Loxicamente quedas convidado para o ano que vén(esperemos que as forzas nos respecten para poder continuar con este labor e o mildeu nos de unha tregua). De paso queda convidada tamén a Elvira, por se tivese  "ciumes" do irmán. 

                   Debo dicir que es moi modesto cando falas da túa aportación que eu cualifico cun notábel alto, e con perspectivas de mellora...

                  Gústame a idea esa de que cando volvas, vas vir provisto de trebellos para funcionar e plantas para poder recoller no futuro. Estupenda idea!                        Unha aperta.

                                            Saúdos e saúde.

Grazas Xosé Lois pola túa invitación. A diferencia do meu irmán,  nunca me tirou moito o agro (son moi urbana) pero acepto encanda. Teño ganas de ir a Navea na primavera, no outono, ... 

Grazas, tamén, por a nova sección. Axúdame a lembrar palabras que tiña esquecidas.

Bon magosto. Bicos.