Vostede está aquí

"A NADA"

Oh, outra vez a cerdeira! Agora cargada do froito que xa nos auguraba na primavera cando se nos ofrecía chea de flores. Pois nada, só sana envexa, ou non? Non non, ademáis ...“están verdes”.

Lembranzas dos veráns.  “A NADA”  (36)

Bo día a tod@s:
Agora, que vai tempo de calor, lémbrome daquelas festexadas sesións de “nada” nas mañáns dos domingos. Poida que para moitos dos mozos e mozas, que frecuentan Navea, este termo teña un significado moi diferente do que eu presento aquí; ben, supoño que é normal que así sexa, xa que os “usos e costumes” dunha comunidade tan pechada, como daquela era o noso lugar, contando ademáis coa saída continua da xente nova á procura dun futuro mellor e tendo en conta, tamén, a propia evolución da fala fan que nunca se saiba que camiños van coller e, xa que logo, as palabras  adoitan mudar e ficar en desuso sen decatármonos.
Ir á “nada” comezaba a escoitarse en Navea alá a finais do mes de maio e, logo xa arreo, ao longo do verán.
A “nada”, viña a ser un goce normalmente semanal; acordábase ao saír da misa do domingo, na parada obrigatoria no Xogo da Bola; os mozos (aquí as mozas, coma en moitas outras situacións, non tiñan oco) quedaban para iren xuntos ao río ( tamén nos engadiamos algúns raparigos sempre baixo a tutela dun maior de confianza): ó Largo, á Charca, ó Redondo...; os do cima do lugar ían vaixando e chamando polos que residiamos máis abaixo até chegaren á Quinta.
Para os raparigos, que iamos tutelados, a ledicia de ir á nada cos mozos adoitaba rematar case de contado e  de xeito nada agradábel xa que era o tutor o primeiro que, sen moitos miramentos, agarraba o tutelado e guindábao ao medio do pozo... e veña a intentar saír nadando. A verdade creo que non era o mellor xeito … pero efectivo si que era. ( e dígoo con coñecimento de causa, xa que fun un dos “privilexiados”que puido gozar da arcaica experiéncia)
Logo pola semana arriba tamén se frecuentaban outros lugares, aínda que con moitas limitacións,  no regueiro: a Campana, a Preseira do muíño, os Choplos...
Ben pois, que poidades aproveitar esas augas frescas e limpas, que aínda tedes ao voso dispor, para gozar da “nada”.

Saúde e boa Viaxe.

 

Colaboracións: 

Comentarios

Aproveitando o artigo de brdaquinta sobre o tema da "nada", vou engadir algunha cuestión. A verdade é que podería escribir unhas cantas páxinas posto que foi unha actividade que eu practiquei moito. Hoxe farei unha primeira achega e logo, xa veremos...
Efectivamente como se di no artigo quedabamos na Quinta arredor das doce; aínda que tamén lembro outra referencia horaria que era o son do "corno" para avisar da saída da veceira. Mesmo aproveitabamos para ir bañarnos ao regueiro cando había que subir as cabras ata o Chelo.
Dende a Quinta había dúas alternativas para baixar; unha era máis recta, pero máis dura, atravesando o eido dos mondelos; a segunda, algo máis longa, polos Rousos. O primeiro camiño levábanos directamente á Charca e o segundo permitía dúas opcións: pola dereita cara a Charca e pola esquerda cara o Largo. Se ías ao Largo, antes de chegar ao río, tiñas que atravesar unhas zona de piñeiros que naquel momento me parecían moi altos, chamada a Mesiña.
Había outra zona(eu aínda fun algunha vez de moi cativo)que era Lama de Sando. Daquela, a xente xuntábase na Lama.
O certo é que as miñas primeiras experiencias non foron boas xa que os métodos empregadas na aprendizaxe eran algo arcaicos: tirábante á auga e, iso si, antes de que afogases, botábanche a man e sacábante "algo acorado". Eu tardei en perdoarlles a meu irmán e ao Alfonso que me levaron ao pozo dos Vieiros e me tivesen "pedindo auxilio" durante un par de horas.
Lembro perfectamente o incendio do 66. Viñamos da Charca. Algúns subiamos polo lado dos Rousos e outros polo lado da Fraga. Neste último lado iniciouse un incendio que ameazou seriamente as casa da Quinta(nárrao moi ben Rubén Ramos Nogueira nun libro de recente aparición titulado "Punk cursi")
Alá, preto dos anos 70, ocorreu un feito relevante. O Axenor, pai do Fausto, Ernesto e Elvira construíu unha laga con bloques de cemento, para regar, na Lavandeira. Tiña unhas dimensión modestas para a nada: aproximadamente 1m de alto, 3 de longo e 2 de ancho. Pero a nós valeunos para aprender a nadar, sen medo a afogar. Iso si, cumpría logo dexobarse ben xa que saías negro ao remexerse o lodo que había no fondo(algúns hoxe acoden a terapias deste estilo por prescrición médica).
Logo, veu a proba definitiva: cruzar o Largo. Se superabas esta proba, xa sabías nadar e podías adentrarte noutros lugares máis tenebrosos como o Redondo, o Boleiro ou a Ponte.
Por hoxe, "nada" máis. SAÚDOS E SAÚDE.

Despois de aprender a nadar na laga da Lavandeira, o centro de operacións trasladouse, durante moitos anos, ao Largo. Como non lembrar aquela "laxe" que, cando o río estaba baixo, quedaba ao descuberto e nos servía de leito para tomar o sol; cando o río estaba alto, só sobresaía un cachiño e o primeiro que chegaba, ocupábao. Dende alí, organizábanse incursións cara outras zonas(falarei delas noutra entrega).
Hoxe quero centrar a miña intervención en dous compañeiros e amigos da miña xeneración e que sobresaían polo intrépidos e arriscados que eran. Estou a falar do Arturo e do Suso. Nesa época, principios dos anos 70, podíamos baixar unhas vinte persoas, a maioría eramos adolescentes, inda que había algún máis novo e tamén, algún "veterano de vinte e pico anos". Pois ben, como xa dixen antes, o Suso e mailo Arturo eran os que sacaban pedras, baixando a máis profundidade, os que chegaban máis lonxe que ninguén nadando por debaixo da superficie da auga, os que aguantaban sen respirar máis tempo; botábanse, de cabeza, en porracas nas que non había máis de un metro de auga...Lembro que no Largo tirábanse dende unha altura de seis ou sete metros colocándose no saínte dunha penela que, para acceder a ala, cumpría moito valor. Porén, a acción máis incríbel que lles lembro desenvolveuse no regueiro, en concreto no pozo da "Campana". Recordo a primeira vez que que o vin e quedei moi impresionado. Ensinoumo a nai dende un "mirador"( iamos coa veceira polo Graíl) dende o que apenas se vía un círculo escuro alá abaixo. -Grande atentado ecolóxico a desaparición desa enorme creación da natureza- Voltando aos nosos protagonistas, debo dicir que se lanzaban dende o citado "mirador", unha e outra vez, e acertaban co ollo escuro, sen fallaren. Afortunadamente eran moi hábiles xa que unha pequena desviación representaba estamparse contra a penela e xa todos imaxinamos as consecuencias. Só sinalar, para rematar, que "estímulos moi potentes" facían que o valor se incrementase notábelmente, inda que, o que xa tiñan de por si era enorme.

Saúdos e saúde

A PREA
Alá polos anos 70(primeiro quinquenio) había compañeiros e compañeiras que facían incursións cara as zonas onde había "algo" no que prear; podían ser pavías, peras e , fundamentalmente, uvas. En agosto, cando xa pintaban, algúns lanzábanse río abaixo, atravesando o temíbel Redondo, percorrendo logo todo o Regato e saír enfronte do Boleiro, onde, por certo, había unha figueira con figos brancos cun sabor excelente. Pois ben as visitas buscaban unhas cepas de mencía e xerez que había nas partes máis baixas e cercanas ao río xa que deste xeito se dificultaba a visión dende as casa da Ponte. Como utensilio para o transporte empregaban o propio bañador. Cabe dicir, xa que logo, que as uvas non chegaban moi frescas pero hixiénicamente impecábeis, ou on?

BALDEIRAMENTO DO ENCORO
O noso encoro, construído alá polos anos 50, nunca fora baleirado totalmente. Nós viamos que subía e baixaba cunha oscilación duns dous m. Foi unha sorpresa ir observando os troncos das árbores que aínda non se pudriran(coido que a maioría eran de laranxeira); Tamén se podían apreciar perfectamente os paredóns que, sen dúbida, foran sementados en tempos pasados; tamén puidemos ver os míticos pozos dos tanto oiramos falar: o Redondo, O Boleiro, a Ponte e un que había despois da central, onde o Rio fai aquela revolta tan chamativa, inda que deste non lebro o nome se ben xa estaba nas últimas.
Cecais o máis sorpendente foi achar na Ponte, antes das pontes, nunha zona onde quedaban restos dun antigo muíño con parte da súa canle no interior dun túnel. Pois ben, nesa zona atopamos grande cantidade dunha especie de mexillón de auga doce. Todos collemos e levamos, pero chegamos a mesma diagnose: "estaban sosos".
O máis abraiante foi ver, dende a Ponte e río abaixo, como ían quedando no leito montóns de troitas; sen dúbida que moitas toneladas feneceron ao faltarlles a auga(hoxe iso constituiría un delito ecolóxico). Nós, case todo o mundo, colleu a apañou caldeiros delas, que aínda rebulían. Pero, non eran comestíbeis, "sabían ao lodo".
Como andabamos todos os días remexendo no río, nun certo momento, pola zona onde desemboca a Cavarca de Lama de Sobreira, achegámonos a un punto, onde, ao parecer, antes había un pozo profundo e empezamos a afundirnos no lodo. Xa estabamos enterrados ata máis arriba do van e eu lembraba películas onde de as "areas movedizas" tragaban ás persoas. Foi un rato de moito agobio algúns estabamos "realmente acorados"
Saúdos e saúde.

UN EN APUROS.

Continuamos nos primeiros anos dos 70. Daquela, o grupo decidiu iniciar, dende o Largo, un percorrido río arriba, sen máis pretensión que de dar unha volta. Debo confesar que a min dábanme certo medo esas aventuras, pero tampouco podía quedarme só, xa que os demais riríanse de min(naquel intre afectaban moito esas cousas). Ben certo é que aqueles lugares máis profundos, lúgubres e sombríos aos que non lles daba o sol, metíanme certo temor. No tramo que ía ata a Charca non había moito problema posto que se podía "facer pé" en varias penelas mergulladas, e iso dábame seguridade. Chegamos á Charca que, cando o río estaba baixo, se podía cruzar saltando de pedra en pedra. Alí mesmo había un pozo, pegado á ladeira do pobo, que tiña bastante profundidade o cal aproveitaban algúns para pegarse unhas cabezadas dende considerábel altura. Outros, decidimos ir avanzando e pasamos, andando, pegados á penela do lado contrario xa que por alí non cubría. Uns botaron media hora zampándosede de cabeza e outros iamos vendo "novas" paraxes. Non tardei moito en descubrir un pozo que descoñecía, inda que oíra falar del, e que me deixou abraiado: os Vieiros. Longo, lúgubre...Deume un certo arrepío cando me vin ante el e había que seguir! Ninguén quería retroceder. alá nos lanzamos e, a verdade, é que non as levaba todas comigo. Na miña imaxinación xa vía peixes que me roían os pés ou troitas enormes que me arrastraban cara o fondo. Respirei cando vin que algúns "facían pé" nunha penela que había no medio; mais cando eu cheguei, os demais xa descansaran e arrancaron para continuar. Alí quedei eu só. Barallei tódalas alternativas: seguir, regresas, achegarme á orela e subir pola Covas arriba(o malo é que estaba descalzo). Ningunha acción era axeitada. Cando vin aparecer aos rezagados da Charca, volveume a cor e xa me lancei para continuar coa confianza de que se algún ser infernal me arrastraba ao fondo sería salvado pola parulla de retagarda. DAQUELA SOBREVIVÍN.

Saúdos e saúde.

DESFEITAS E DANOS “COLATERAIS” POLA CONSTRUCIÓN DO CAMIÑO/ESTRADA PARA CALDELAS.

(37)

Bo día a tod@s:

Xoselois déixanos caer, nunha das entregas da súa prometida (moi interesante por certo) serie de relatos arredor da “nada”, a desfeita da poza da “Campana”, supoño que polo entullo cando a construción do camiño.

Eu non tiña coñecemento deste feito. Si teño un escrito desde hai xa meses, (despois do lume do ano 2016. de feito é o nº dous dunha serie de tres) no que falo, en xeral, de desfeitas que eu lembro e coñezo que soportou o medio natural ao longo de anos..,feitas, supoño, sen intención de facer dano, pero... voluntaria ou involuntariamente os danos fixéronselle. Refírome, moi especialmente, á construción do camiño cara caldelas (aínda que sexa moi anterior ao lume ten transcendencia actual) pois deixou inutilizadas e sen servizo as principais vías de comunicación do lugar. Xa que é un tema que se refire á mesma obra e aos efectos ”colaterais” negativos, vou incluír “unha parte”do artigo que pode axudar e complementar a visualización desas desfeitas.--------------------------------------------------------------------------

CONSECUENCIAS DO LUME (2/3)

(ACTUACIÓNS, AO MEU ENTENDER, FÓRA DE NORMAS)

No escrito que comentaba o meu parecer arredor das consecuencias do lume do verán de 2016, remataba dicindo que na parroquia se podían ollar actuacións contrarias ao medio. Ben, pois aquí vos deixo unha relación daquelas que, para o meu entender, atentan unhas contra ese medio e outras contra normas elementais de dereito e boa veciñanza.

1) O camiño/estrada para Caldelas foi e segue a ser unha fonte de beneficios; non teño dúbida, pero tamén veu a ser unha desfeita medioambiental continua e que se rematou sin que houbese, ao parecer, a máis mínima queixa. Era tan importante que, supoño, ninguén quixo poñer “pedras ao carro” para non entorpecer o proxecto. O caso foi que se deixou facer a quen non tiña nada a perder e se ollou para outro lado. Estoume a referir a tódalas vías de comunicación da parroquia polas que travesou sen deixar amañados os accesos a eses camiños; fago referencia, sobre todo, aos que podemos considerar máis importantes do lugar: carrúa para “Vilaboa/O Seixo” e carrúa para “o monte/Peites” que quedaron fóra de servizo para carros, tractores, carrocetas...; tamén, xa no medio do lugar, a “carreira” nalgún punto quedou malparada. A infraestrutura, repito, moi importante e necesaria, quedou... eu diría “coxa”, xa que non se tiveron en conta as obras complementares para evitar convertela en canle dereito e axeitado, nas tronadas, cara o centro do lugar; teño entendido que algunha situación de perigo xa se ten dado; desexamos e agardamos que non se produzan máis.-----------------------------------------------------------------------------

Ben, pois volvo á poza da Campana. Eu nunca gostei do lugar, dábame un certo arrrepío cando intentaba meterme … non sei, pero non, non era o meu lugar para nadar.

Si recoñezo agora que, como ben di xoxelois, é (era) unha espectacular creación da natureza que cumpriría, se fose posíbel, recuperar e poñela en valor.

E como? Pois habería que acudir ás institucións: Concello, Deputación, Xunta... Explícome:non din que “OVal do Río Navea“ é, ou mais ben dito foi, a primeira zona declarada: “Paisaxe protexida” pola Xunta? Iso comportaba, segundo as autoridades, unha longa serie de obrigacións e beneficios para as institucións e, tamén, para os veciños. Pois, xa que logo, habería que intentar protexela e poñer en valor todos os seus recursos, tanto naturais como patrimoniais/arquitectónicos, que os hai na zona e ben interesantes.

Non vos parece que sería unha “área de lecer” privilexiada de recuperarmos: Os dous muíños, o pontixolo, a preseira e a guinda “A Campana”?. Conectados entre si cunha serie de camiños/escaleiras de pedra; chegaría coa que se saque da poza. Logo poderiamos seguir amañando a carrúa cara Os Lameiros e virar pola que vai para Rome ata a Pena da Santa. Para rematarmos a faena habería que rehabilitar tamén os sequeiros; esta obra aportaríanos, como valor engadido, un privilexiado miradoiro para poder ollar e gozar, sen interferencias, da visión espectacular que nos ofrece o canón do Navea en Rome. (coido que moi superior, en beleza natural, a outros que saen en todalas guías coñecidas e por coñecer)

Estes poxectos, aparte de recuperar patrimonio, servirían para transmitirlles ás novas xeracións informacións (con paneis informativos que habería que colocar) das formas e xeitos de vida que hoxe están xa case que esquecidos.

Lembro unhas declaracións, aos medios, do entón alcalde da Pobra (non sei se segue sendo o mesmo) que falaba da perda tan grande que viña a significar toda a desfeita. Dicia que, no concello, tiñan moitos proxectos para levar a termo en toda a área: promoción do “barranquismo”, “sendeirismo” “recuperación de camiños e patrimonio arquitectónico” e non sei cantos proxectos máis. Alguén ten constancia dalgunha actuación das que relataba o rexidor? Hai constancia de informacións aos veciños das posibeis vantaxes ás que poderían ter acceso?

Ben, pois se tiñan tantos proxectos dos que, ao parecer non presentaron nin fixeron ningún, podémoslles propoñer estes que acabo de describir, haber se lles caen ben e dedican algunha inversión ao lugar...xa que poucas levan feito en toda a historia.

(Disculpádeme pola insistencia en, como din por este lares, presentar de novo "pantallas xa pasadas". Ben, como podedes intuír, son só cavilacións en voz alta que posiblemente non teñan moito valor)

Saúde e boa viaxe.

 

CONSECUENCIAS DO LUME (3/3

(39)  PODE SER QUE HAXA BENEFICIADOS COA DESFEITA ?

Boa tarde a todos:

Ben, pois vendo como quedou o territorio despois do lume: desprotexido diante dos fenómenos da erosión, choivas, lumes, vento... non poido deixar de pensar...e el non haberá alguén que se beneficia coa desfeita? Eu diría que si, nalgún recanto ha de haber quen se beneficiou ou se beneficiará dese atentado, aínda que non poidamos identificalo. Poida que non sexa unha persoa física; poidera ser unha persoa “xurídica”; ou porqué non, un “ente público” dos moitos que xeran os tempos actuais para enchufar os amigos sen chamar moito a atención, xa que os poderosos xestores agóchanse entre bambolinas.

E, logo, pensando no anterior, tamén me pregunto: quen, e en base a que lei ou norma, está a plantar o noso territorio de piñeiros? Nunha primeira e lixeira ollada, semella que só estén a traballar nos terreos incluídos no “monte comunal dos veciños de Navea” (que eu saiba non poden facelo sen permiso dos residentes, xa que logo, solicitáronllelo?) Xa logo, nunha ollada máis devagar, é doado decatarse que as plantacións abranguen zonas de parcelas privadas. A este paso nun santiamén atoparémolos en Palacio.

Coido que, se estou no certo, deberiamos facer xestións para, como mínimo poder reclamar a propiedade das parcelas privadas, o que nos xeraría autoridade para logo, nas futuras cortas, que algún día chegarán e xerarán beneficios, reciban os propietarios a parte que lles pertoque. Para entón, posiblemente, os veciños residentes no lugar (polo tanto destinatarios dunha parte dos beneficios xerados) xa serán ben poucos ou ningún. Si que optarían a eses beneficios os herdeiros dos terreos privados, residentes no territorio ou non.

Non sei cal será a opinión dos naveáns arredor do asunto, pero a miña é esta: sería un “negocio” de interés xeral o demostrar a propiedade das parcelas privadas, plantadas sen permiso, para logo podermos reclamar os dereitos derivados.

Supoño que o máis acaído para levar a termo esta tarefa sería : crear unha “Asociación de veciños e propietarios”. Sería este ente o que representaría a todolos propietarios, e seguro que sería de moita axuda á hora de intentar abrir portas e plantarlles cara.

Saúde e boa viaxe.

--------------------------------------------------------------------------------------

Febreiro /2018:

(O escrito que precede foi redactado cando o lume do ano 2016).

Agora, na última visita á parroquia, ollando todas as ladeiras, queimadas ou non, contrasta moi negativamente coas lembranzas que un retén de datas lonxanas. (poidera ser que a situación anímica vivida, no entorno familiar, tivese certa influencia negativa na visión, de novo, do territorio afectado polo lume). Aínda así demóstranos, a min alomenos, a nula visión de futuro dos gobernantes da comunidade á hora de idear, promover e por en marcha normas adecuadas para axudar a protexer e por en valor o enorme potencial de riqueza que atesoura o rural do país galego.

Teño para min (algunha nova andivo polos papeis) que unha das ideas que lles ronda polo maxín aos nosos altos dirixentes é a de como acadar o xeito de poderlles facer entrega, a “poderosos inversores (mellor amigos)”, da maior parte do rural, unha vez xa ceibo de propietarios que lles poidan dificultar os proxectos.

Para levar a bo termo o negocio intentarán despoxar da propiedade a aqueles donos que non teñan ao día as parcelas de acordo ás normas que van dictando un pouco polo calado e sen lles dar moita difusión; así será máis doada a incautación.

Coido que dentro deste proxecto tamén está, e dalle unha boa axuda, o “catastrazo” recente que a toda Galiza lle afectou nun % moi superior ao resto do estado. Gabábase o Sr. Feijoo, nunha entrevista, do grande incremento de ingresos do IBI xerados na comunidade. Primeiro aflorando o que eles din “construcións agochadas” ao catastro: palleiras, cortes, calquera chabola...aínda que non teñan utilidade; logo as que realmente incumprían as normas; despois e como “obra mestra” facendo unha verdadeira chapuza, tendo en conta as ferramentas coas que se pode contar na actualidade.

E logo, senón, a que ven o eliminar fincas perfectamente identificadas no anterior catastro (xa informatizado) incluíndoas cun % dunha grande área con nome “inventado” polo que xa no é unha finca identificábel?.Por exemplo: o Figueiral, o Foro, o Regueiro, a Rocha, a Pedela, a Cunca do Ouro, os Vieiros, a Fraga, os Vales, a chaira da Borrén, Carboído, A Mallada, Santa Mariña, Valdosino, Vilaboa,.. en fin, case que todo o territorio da parroquia.

E como é posíbel que propiedades, repito, ben identificadas, se engadan a outras fincas con donos diferentes?

Pouco a pouco esas áreas e propiedades quedarán, moitas delas, nun valeiro administrativo: haberán propietarios que non se decatarán, outros por desleixo, outros tendo en conta o que lles vai costar amañar a desfeita pensarán que non lles sae a conta; todo isto beneficiará a tarefa para contar cunhas extensións de terreo máis grandes (dependerá das reclamacións ) e así a cesión máis doada e frutífera.

Poida que o paso intermedio, para intentar darlle máis coheréncia e transparéncia á operación, sexa que todas esas extensións pasen a engrosar o, en principio creo ben intencionado, ente público “Banco de Terras”.Logo, os beneficiados, cando chegue o intre de repartir as ganancias, ben seguro que non han de ter nada a ver cos residentes que poida haber ou cos lexítimos donos. Nesas teóricas situacións o que sempre sucede é que os beneficios collen vieiros opostos ós que deberían coller. E case sempre, tamén, ninguén se entera.

Saúde e boa viaxe.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Marzo do 2019.

Hoxe, recorrendo o territorio da parróquia a cabalo do google, que é máis levadeiro aínda que non tan atractivo, chego á conclusión de que parte do escrito no relato que precede, con data do ano pasado, xa está feito.

Unha grande extension do territorio non traballado, ao parecer, xa houbo algún visionario da administración que veu e creu oportuno que: “os tempos eran chegados” para engadilo ao monte comunal dos veciños de Navea.

Eu non estou en contra da “repoboación”, si que estou en contra da “usurpación”.

(Disculpádeme por volver remexer no “borrallo” do lume, montando un escrito con diversas datas de redacción, pero é que un mantén a teima de que algunha cousa, nada boa para a parroquia, se está a cocer).

Saúde e boa viaxe.