Vostede está aquí

Minaría do ouro en Navea

Os topónimos constitúen unha interesante fonte de datos. Algúns dos que aparecen no listado de Navea fan referencia aos traballos da minería romana do ouro, actividade confirmada polos numerosos restos arqueolóxicos existentes na zona.

A Borrén procede do latín *burra > borra, residuo que queda ao escoar a parte líquida dun determinado material, como son as borras do café. Neste caso refírese aos restos do traballo de lavado da grava vermella para obter o ouro e que hai nese lugar. Este mesmo nome existe en San Clodio-Ribas de Sil para o sitio onde houbo unha mina romana de ouro e na zona de As Médulas hai Borrenes.

O Buraco, refírese á configuración do terreo a xeito de concavidade e que, tamén en San Clodio, designa outra zona afectada pola minería romana do ouro.

A Cova, As Covas, poden estar relacionados cos restos do traballo de escavación na busca do ouro, ben para buscar filóns nos xacementos primarios ou para provocar o derrubamento, ruina montium, do terreo nos xacementos secundarios. Existe unha aldea en Quiroga, As Covas, xunto á desembocadura do Lor no Sil, na que hai abundancia deste tipo de restos.

A Cunca do Ouro parece estar moi claro: concavidade da que se extrae ou na que se lava o ouro?

As Pombeiras é tamén o nome que se lle da a diversas bocaminas, pozos verticais de xacementos primarios, tamén romanos, ubicados na ladeira norte do Cerengo, non tan lonxe de Navea. Hai a Pombeira do Tesouro, a dos Guetas, a da Sala, ... O nome pode deberse á perigosidade do lugar que impedía ao gando, veceira, achegarse a pacer a ese sitio favorecendo que a vexetación proliferase e servixe de refuxio e fonte de alimentación cos seus froitos a diversas aves, como poden ser as pombas bravas.

A Quinta. Por que non pode ser unha quinta romana? É o caso de Quintá do Lor, Quiroga, tamén zona de minería romana do ouro.

O Coído, A Pedreira e O Penedal fan referencia á acumulacións de coios, pedras. Poden deberse a forzas naturais:erosión, xelifracción, aluvións, ... ou á acción humana: escombreiras posiblemente fosilizadas consecuencia dos traballos mineiros.

Unha visita a estes lugares servirá para confirmar ou desbotar o exposto, baseado unicamente na lectura do listado dos microtopónimos de Navea que leva milleiros de anos no mundo.

Colaboracións: 
Datos de Navea: 

Comentarios

  Excelente traballo.