Vostede está aquí

A LINGUA DE NAVEA

                Vou iniciar unha nova sección á que, coma sempre, estades convidados a participar.   Tamén podedes engadir, matizar...(mesmo unha palabra podería ter diferentes acepcións dependendo do barrio do pobo).

        Ninguén dubida de que a lingua de Navea é o galego. Como ocorre con todas as linguas, existen termos que se empregan nunha zona do país e noutras non. Eu quero lembrar unha serie de plabras, moi significativas, pola súa enorme forza fónica e semántica. Espero que non esmorezan de todo.

           Debo deixar claro que eu "nunca as ecoitei fóra do ámbito naveán", pero iso non significa que non existan ou existisen. Ben sei que hai dicionarios de varios tomos que inclúen termos dende  o nacemento da lingua ate o momento actual. Tampouco se trata dun estudo filolóxico-lingüístico sesudo, para iso xa están os expertos da R.A.G e do I.L.G. así como outros investigadores do noso idioma.

         Este é un sinxelo traballo de recopilación de palabras de uso pouco habitual, fermosas,  e  que aínda seguen vivas, polo de agora, en Navea. Ata cando?

         Empezarei hoxe coas tres primeiras.

    

DEXOBAR(SE).   Fai alusión á limpeza esmerada que se fai un a si mesmo, a outra persoa ou a obxectos e animais.

-Onte dexobouse moi ben        -Estivo dexobando no cobeto ata que brillaba                                    -Antes de ir á feira, voume dexobar

   Lembro ter oído: en cabeza de carneiro negro non vale dexobar.  É evidente que non fai referencia ao físico senón ao feito da imposibilidade de facer cambiar de opinión a unha persoa que non dá o brazo a torcer.

ESPAXOAR.  Este verbo vén a significar o feito de proceder a alonxar algo(xeralmente animais) para que non fagan dano, estraguen os eidos...

-Espaxoou as perdices da viña. -Tiven que espaxoar os gatos da porta da casa. - Pegueille uns berros ao xabarín para espaxoalo.

       Tamén se pode empregar para os seres humanos. -Espaxoono da casa.  Refírese ao feito de que alguén faga  os medios necesarios para "botar" da casa a algún pesado.

ENVORQUILLARSE.   Empregábase moito coas cabalarías(en Navea, case exclusivamente burros). Consiste en dar voltas á esquerda e á  dereita, xirando 180º sobre as súas costas no chan. Coido que o facían para liberarse dos insectos.

-Envorquillouse no lameiro.    -A ver se se envorquilla.

Lembro á xente facendo este comentario: hoxe gañou a cebada.  Eu penso que facía referencia á capacidade de dar varias voltas, mais non estou moi seguro.

  Tamén os rapaces e rapazas nos envorquillabamos, dando varios rolos pola chan. 

                                         Saúdos e saúde.

 

Artigos: 

Comentarios

                       Nova xeira de palabras que eran de uso cotián en Navea, pero que están moribundas, ou case.

ANDOLEXAR.  Este verbo vén a significar o contrario de dexobar.  Se para dexobar había que esmerarse en facer ben o traballo, andolexar é lavar mal, rapidamente, mesmo sen xabrón. Meter a roupa na auga, remexela un chisco e sacala ás présas.

- Vou andolexar uns trapos.   -Teño que andolexar estas sabas antes de marchar á festa.

-Voume andolexar e imos...(lavarse de forma rápida e superficial).

                             Se algúen me di que andolexou as tripas do marrao, pensaríao antes de comer os chourizos. 

ENZORROBILLARSE.   Alude ao feito de que unha fita, unha corda, un fío, o cordón do zapato...den voltas e máis voltas, nós e máis nós ata que resulte case imposíbel estiralo novamente.

- Enzorrobillouse o nobelo de la.

- O fío está enzorrobillado, quen o desenzorrobille...

             Se de alguén se di que ten o cerebro enzorrobillado,non é moi bo sinal.

AMOLACHAR.    Este verbo era bastante habitual en Navea, inda que con tendencia a ir esmorecendo. Parece que segue moi vivo en terras portuguesas. Vén a significar algo que se aplasta, se engurra, ata, nalgúns casos, quedar reducido á mínima expresión.

-Amolachou a lata das sardiñas.

- Peguei un golpe e amolachei a porta do coche.

    Referido aos seres humanos ten un significado pexorativo.    - X  está bastante amolachado/a.

   Quere dicir que se aprecian claramente o paso dos anos e o conseguinte deterioro físico.

ZANGOLEXAR.   Alude ao feito  de remexer algo, fundamentalmente líquidos, pero non só.

Boteille auga ao cobeto para que inche e vouno zangolexar un pouco. 

- Como sigas zangolexando o café, valo verter.

   Tamén se pode zangolexar ás persoas, agarrándoas fortemente e provocándolles movementos bruscos. Non convén zangolexar moito a cabeza  por se ás neuronas lles dá por fuxir.

                           Saúdos e saúde.

,

            Imos coa terceira entrega de palabras moribundas, ou case. Ogallá volvesen a coller pulo porque iso sería un bo sinal para o futuro da nosa lingua.

DERRENGADO/A

         Vén a significar que alguén está moi ou bastante prexudicado, inda que, xeralmente non é definitivo, senón provisional. Por iso, normalmente,  esta palabra vai acompañada do verbo estar.

- Estou derrengada( apañou doce feixes de herba do Real).

Ando cunha dor nos cadrís que me ten derrengada.

- pegoulle unha paliza e deixouno derrengado.

ESMOLICRADO/A

             Quere dicir que unha persoa está moi cansa, sen folgos, extenuada, esgotada. Pode acompañarse de dores xeneralizadas ou que afectan a unha zona do corpo.

- Estou esmolicrado de todo.

- Que esmolicrado me vexo!

- A gripe deixoume esmolicrado.

LOSQUIÓN.

    Podería ter un significado moi parecido ao de "labazada". Consiste en darlle a alguén un golpe de "pouca intensidade". Normalmente non vai dirixiodo á cara, senón á parte de atrás, na caluga. Enténdese, máis ben, como un toque de atención, un aviso para que a persoa, xeralmente nova, cambie a súa actitude.

-Tiven que darlle un losquión para que calase.

- Vouche dar un losquión!

- Como o volvas facer, vas levar un losquión!

ESTRANSIDO/A

   Moi canso, esgotado, pero a un nivel máximo. Sen forzas, tanto no eido físico como no síquico.

- Estou estransida!

- Non tes boa cara, estás estransida!

- Estou tan estransido que non teño gañas de facer nada.

 

 

    COUQUIZO

      Esta é unha plabra que segue viva no galego. Fai referencia á parte traseira da cabeza. Vén a significar o mesmo que caluga, cocote, cogote...

-Quedou adoecida do golpe que levou no couquizo.

   Máis o relevante, en Navea,  é que alude ao remuíño que o pelo fai na parte alta e traseira da cabeza. 

Non dou nestes pelos do couquizo

-É moi listo, ten dous couquizos.  

GUIÑAR, GUIÑALAS, GUIÑOUNAS

    Guiñar é unha plabra moi común no español, pero que en galego significa "chiscar" e alude ao feito de pechar un ollo para enviar diferentes mensaxes(por exemplo, no xogo da brisca).

     Mais en Navea ten o significado de falecer.

- Xa as guiñou o marrao

- Está malo o burro, vainas guiñar.

           Non é común utilizala para os seres humanos, pero é coñecida a anécdota(real e triste) que sucedeu a mediados do século pasado e que paso a relatar. Unha nai tiña un fillo maliño. Cando un veciño(xordo) a viu, preguntoulle por el  e a nai respondeulle:

-Pois guiñounas esta noite.   O veciño(xordo) dixo: Pois alégrome de que vaia mellor.

 A pobre da nai, contrariada, insistiulle: - Que demo de home! Xa lle dixen que as guiñou!   Parece que a discusión durou bastante tempo ata que o home se dacatou da realidade.

ESPOLIÑAR

   Este verbo emprégase moito en Navea e aplícase tanto a seres humanos coma a outros seres vivos. Significa crecer, ter mellor aspecto, curar dunha doenza...Deste xeito, podemos dicir dun porquiño:

Agora parece que vai espoliñando.

   Tamén nos podemos referir a unha planta que "tiña mala pinta" e se recupera. 

-Mira esa cerdeira como espoliñou!

    Cando se refire as persoas, vén a significar que esa persoa tivo unha doenza  e logo mellorou.

Xa espoliñaches! Tes mellor cara!

   ESPERUCAR

                 Esta palabra ten variantes esparexidas por Galiza adiante. significa separar os graos de millo da mazaroca, extraer os chícharos da súa vaíña, debullar as castañas...

     Pero o significado máis relevante no noso pobo é separar á carne do óso, por exemplo, para facer os chourizos.

- Esperuca ben a soá(que non lle quede nada de carne)

        Principalmente asóciase ao feito de aproveitar toda a carne cando comemos, por exemplo, a costela dun cordeiro.

- Que ben esperucas.

A min dame un zanco, que non me gusta esperucar.

  É coñecido o caso dun señor que nas matanzas e noutras festas gastronómicas, collía un cacho de carne, quitáballe dúas febras e aparcábao no prato. Repetía o proceso varias veces e cando xa a fonte comunitaria estaba baleira, el empezaba a esperucar, dándolle a 2ª volta, mentres os demais, abraiados,  miraban para el.

 

 

  

          Vou cunha nova xeira de palabras, moi naveás, non sei se dalgún outro lugar. O certo é que están en serio risco de desaparecer. A ver se salvamos algunha.

ENCORVELLADO. 

      Aplícaselles aos seres humanos inda que tamén se pode empregar para os animais. Debido á idade ou a algunha doenza, as persoas empezan a encollerse, dobrarse...

Ao.........vino moi encorvellado.

-Á............cada vez se encorvella máis.

-Este cabrito encorvellouse de tal xeito que non vale pra nada.

    O encorvellamento pode ser non permanente cando o empregamos en frases como:

 Durmiu no sofá todo encorvellado e quedou adoecido dos cadrís.

ZARABASCO

   Esta palabra vén a significar o mesmo que "cachiño"ou "anaco". É unha porción pequena de algo, xeralmente comida.

-Non deixou nin un zarabasco. (comeuno todo)

-Dáme un zarabasco de chourizo.

    Pódese empregar tamén noutras situacións:

-Quédalle un zarabasco para rematar de cavar a viña.

PITARANCO

           Fai referencia a un eido pequeno, normalmente alonxado do núcleo de poboación e, case sempre, non se corresponde coas mellores terras.

- Teño un pitaranco na Broia.

- Trouxen un queipo de uvas do pitaranco que teño no Viso.

- Como non podía durmir estiven botando contas e teño máis de cincuenta pitarancos.

ESGARRUNCHAR

         Significa subir, sen o emprego de ferramentas, polo tronco dunha árbore, dun poste da luz...Esixe grande esforzo, moita forza e bastante habilidade.

-Hai que esgarrunchar, que non temos escada.

-A ver se esgarrunchar para ver aquel niño de milpéndora.

     Ás veces tamén se emprega para o feito de subir por unha parede ou laxe verticiais e que presentan gran dificultade.

- Estamos subindo polo río. Hai que esgarrunchar por esa laxe ou temos que dar a volta.

 

                        Vou cun novo grupo de palabras salientatábeis. 

ESCACILAR.

       Este verbo emprégase, ou empregábase, en Navea co significado de rematar "algo", que non quede "nada". Fundamentalmente utilízase para a comida.

-Escacilou ben o xamón(non quedou nin unha febra)

-Tes que escacilar, como é debido, a pota dos callos.

    Por extensión podía empregarse para rematar outro tipo de tarefas.

Imos escacilar aquela mota de carqueixa que hai no medio da Ladeira.

AZAFRANAR.

         Esta palabra é coñecida por case todos co seu significado clásico: usar este condimento para aderezar a comida. Mais, en Navea, ninguén diría  que azafranou o arroz senón que lle botou un chisco de azafrán ao arroz.  Sen embargo, podemos escoitar:

-Pero, que estás azafranando?

-Azafranaches, azafranaches e non fixeches nada!

        Vén a significar a realización dalgún tipo de actividade sen moito éxito, de xeito bastante trapalleiro.

-Andivo azafranando na televisión e quedou peor do que estaba.

ESLOIRAR(SE)

       Normalmente emprégase o reflexivo xa que non é habitual que ninguén te esloire, senón que cada un se esloira a si mesmo.  O seu significado vén a ser tumbarse, a calquera hora do día, na cama ou noutro lugar para descansar ou relaxarse. No Largo había, supoño que aínda haberá, unha laxe estupenda para esloirase ao sol. 

- Voume esloirar  un rato cama.

  Pode coincidir coa hora da sesta.

-Despois de xantar, heime esloirar unha miga que estou moi canso.

    Era unha gozada esloirarse, cando facía calor, e ías coa veceira pola Serra.

-Atende ti as cabras que eu vóucheme esloirar un rato.

ENXARNICAR 

    Vén sendo o mesmo que remexer en asuntos, actividades, eventos...sen elaborar axeitadamente o proxecto.

-Deixa de enxarnicar niso, que total...(está perdendo o tempo)

-Andivo enxarnicando na viña e non fixo nada.

     Normalmente, os resultados non son son moi bos dado que o proceso tampouco foi adecuado nin preciso.

-Este ano enxarnicou o Antón na zorza e non se tragan os chourizos. 

 

                                        Saúdos e saúde

               Imos cunha nova xeira de palabras moribundas, ou case. Esperemos que algunha, ou algunhas, se recuperen.

CAÑASTRA

                       As cañastras son, ou eran, utensilios feitos con vergas de salgueiro, vido, carballo...Diferenciábanse dos "cestos" en que o cu tiña forma rectangular e non, máis ou menos, cadrada. Nun dos lados facíaselle unha curvatura para que asentase ben na albarda da cabalaría. 

- Ponlle as cañastras ao burro que imos apañar o esterco para o Penediño.

- Trouxen unha cañastra de cereixas.

                  Ás veces tamén se empregaban para cargar ao lombo, pero non asentaban tan ben coma os cestos e , ademais, se se enchía, podía pesar setenta ou oitenta kg. 

Trouxen unha cañastra de uvas da Borrén que me   chegou ata vela e deixala.

QUEIPO

               Esta palabra segue viva no noso idioma e aínda se emprega en diferentes lugares, pero, en Navea, os queipos son algo diferentes.  Os de  outros lugares teñen "asa" para agarralos. Na nosa aldea existen os "cestos" cunha capacidade de 50 Kg de patacas; os "carreteros", cunha capacidade de 25 kg e os "queipos" que terían unha capacidade intermedia: 30 ou 35 Kg.  

Collín un queipo de pavías.

       Cando eramos novos, se alguén pretendía "ofender" a outro e, ao mesmo tempo, presumir, podía dicir:

-Levas un "queipiño", tenta o meu cesto!

 

LUDRIDO

      Poida que nalgures teña un significado bastante amplo: ter "bo aspecto", "ter boa cara"...

  En Navea emprégase ou empregábase para referirse a unha persoa que está "gorda", ou "gordiña", aínda que sen chegar á obesidade.

-O Xabier está ludrido.

   Antes era habitual oír expresións coma estas: 

Dá gusto ver ao Mariano que está ben ludrido.

    Había unha clara asociación entre estar ludrido e ter boa saúde.

 

FUNGUEIRAZO

          Fungueirazo, noutros lugares, significa dar un golpe cun "fungueiro" ou "estadullo" do carro. Mais, en Navea non había carros.

      Cando empezamos a xogar ao fútbol, necesitabamos unha palabra para expresar eses "golpes" fortes cun balón aos que tamén lles podemos chamar "balonazo". Adoptamos, xa que logo, a palabra fungueirazo para esta acción.

- Vouche meter un fungueirazo!

  No noso estadio do "Chelo" exercíase unha grande democracia e  os maiores, menores e medianos, xogabamos xuntos e revoltos. Ás veces, os maiores ameazaban aos máis pequenos con empregar o recurso dos fungueirazos. Noutras ocasións púñase coma norma obrigatoria:

- Non valen fungueirazos!

       Esta medida axudaba a preservar a saúde dos máis novos e tamén para que o balón non chegase á Barronca con moita frecuencia.

                                            Saúdos e saúde.

 

 

 

 

PALABRAS ESQUECIDAS. (38)

É unha ledicia ler os excelentes traballos do mestre (espero que siga alumeándonos o camiño), un decátase de que o “xardín” xa conta cun coidador ben experto e non é doado entrar.

Case que non me atrevo a compartir convosco esta humilde achega. Supoño que residir fóra do ámbito do galego e, ademáis, compartir espacios vitais con persoas alleas á nosa fala ven a ser un problema engadido para manter vivos eses termos antes utilizados coa normalidade que nos da o cotián da fala materna. Loxicamente o esquecemento daquelas palabras que non entran no día a día, para min, ten diferentes motivos: primeiro, e máis importante, o deixar o lugar de orixe; segundo, ó abandonar o agro tamén deixamos, sen dacatármonos, o “léxico rural” que envolta tódalas tarefas que se levan a termo nese ámbito, e xa que logo, as conversas que xiran ao seu rredor.

A maioría das naveás e naveáns, que cada día axudamos a engrandecer outros territorios do estado ou de fóra, (aínda que non nos teñan moito en conta) xa levamos varias décadas fóra, e xa que logo, non é doado manteren viva e actualizada a fala. Aínda así, e tendo por dada a vosa licenza, aquí deixo algunhas das palabras que lembro e, eu diría, que non se utilizan coma en tempos pasados.

 

1-ABOUXAR: Falar moi alto, prexudicando a outros para que poidan oír.

2-ACABALOTAR/SE: Ven a ser “montar” “subirse” a unha cabalaría, de aí o nome; pero tamén pode ser montar nunha motocicleta, nunha bicicleta...

3-AMOLAR/SE: Sufrir molestias de alguén, ou por algo.

4-ANICAR/SE: Ven a ser, abaixarse doblando as pernas.

5-AZANGALLAR/ACANGALLAR: Dise das persoas que non paran quedas, sempre dun lado paro outro. Que van a un lugar sen motivo...

6-BERRALLOU: Dise daquela persoa que fala moi alto, a berros.

7-ENTROIDAR: Refírese a celebrar o Entroido, aínda que tamén a: aledarse e celebrar calquera cousa importante para esa persoa que “entroida”.

8-ESTRAPUZAR/SE: Caer, normalmente cando se vai correndo.

9-LARAPEXAR: Xogar ca auga. Os cativos larapexan ca auga na fonte. Tamén se di: non para de larapexar na cociña.

10-LILO: (seguramente -dixéralle a súa aboa- lle habían de traer algún “LILO” ou algunha lambetada, os seus pais que ían regresar da emigración e xa endexamáis volverían marchar. “Un rabaño de ovellas brancas” pg.10. Xerardo Quintiá, Friol 1970. É esta a única vez que vin na escrita este termo.

A miña lembranza do termo ven de cando neno e viñan os reis magos e deixaban algún “lilo”; tamén cando os pais ían ás feiras e traían algunha cousa; os trebellos que me facían meus irmáns (verdadeiros artistas artesáns) eran “lilos”.

11-RESESO: Perdeu a frescura. O pan está reseso, seco, duro.

12-VITELA: Tempo atrás a “tenreira” era “vitela”.

13-ZARANGALLO: O dicionario da RAG recólleo con varios sinónimos, pero case sempre referido a “roupa”. A miña lembranza refírese a: unha persoa ou persoas que non paran quedas nun lugar. Van de aquí para alá, sen motivo aparente. ( ven a ser o mesmo que o nº 5)

Saúde e boa viaxe.

             GARAPINADO

                     Emprégase esta palabra para significar que "algo" se realizou ben ou, moi ben. Cando se realizou unha determinada actividade ou traballo, se o resultado foi óptimo; cando fas unha obra na casa e dá gusto ver o produto... Por exemplo, alguén plantou un horto, pasa un veciño e queda abraiado pola estupenda realización, dicindo:

- Deixáchelo garapinado!

       Tamén se emprega para aludir a unha persoa que se prepara par asistir a algún evento e quere coidar moito o seu aspecto físico para dar unha boa imaxe.

- Vai moi garapinado.

 

   DESAZALABRADO

             Alude á forma de proceder dos seres humanos cando presentan síntomas pouco racionais. Se unha persoa pasa diante de nós, apresurado, sen falar e mesmo berrando, ou falando só, poderíase dicir:

- Non sei que lle pasa , vai desazalabrado.

                Se alguén fala de outro, con palabras grosas, até empregando o insulto, poderíase dicir:

- Hoxe o/a...está desazalabrado/a.

   Tamén podería empregarse en senso positivo; por exemplo, un está no campo do Chelo e meteu oito goles no 1º partido, entón:

- O/A... está desazalabrado/a!

 

AZOROLLADO

         A palabra "azorollado" emprégase co significado de "enrugado". Aló, polos primeiros meses do ano as patacas, as mazás, peras...vanse deshidratando, polo que a pel se enruga paseniñamente. Dicíase:

- Hai que sementar as patacas antes de que se azorollen.

- Que ben saben as mazás de "pel de sapo" azorolladas.

     Tamén se pode aludir aos seres humanos, inda non é aconsellábel dicirllo á cara.

-Hoxe vin ao Brais e atopeino moi azorollado.

  AXICAR

             Este verbo empregábase moito coas galiñas. Significa alonxar, botar dun determinado lugar...case sempre coa idea de que non fagan dano.

-Axica as galiñas do horto, que non deixan nada!

-Hai que axicar as perdices da viña que non deixan in vago de mencía.

-Teño que axicar o corzo que me entra todos os días á horta.

        Pero, coma sempre, os seres humanos inventan novos usos, por exemplo:

Tivo que axicar ao Xavier que non lle saía da casa.

                                                   Saúdos e saúde.

                  Aí van unhas cantas palabras máis:

VITILLO

           É un aparello que se colocaba no fociño das cabras e das ovellas para que, ao pasar a carón do eido dalgún veciño non lle papasen as patacas, verzas...

              Esta palabra recóllea a RAG co nome "vetillo" e co significado de bozal feito de arames e vimbios. Os nosos vitillos son, máis ben eran, trapos como calcetíns, medias...aos que se lle engadían uns cordóns para  amarralos á cabeza.

-Ponlle os vitillos ás ovellas que as vou levar para a Rocha.

-Vou preparar uns vitillos que se me estragaron os que tiña.

DEBROCAR

                 Este é un verbo moi interesante e, desgraciadamente, está moribundo. Significa "verter", "botar" algunha substancia sobre outra ou sobre o chan.

-Debroca ese cubo de cereixas na cañastra que lla vou levar ao Pampas. 

-Tes que debrocar todo o que tes no bolso.

Se unha persoa  se asoma a un precipicio, algúen podía advertilo dicíndolle:

-Coidado, que te vas debrocar!

PAIANA

                 Esta se é unha palabra exclusivamente naveá, coido. É un tipo de legume que ten a faba moi grosa. En xeral son  menos apreciadas que os fréxeles, os chícharos ou os tirabeques. Na zona de valdeorras coñecense co nome de "fabas lobas" ou "fabas cordeiras". Pódense comer coa vaíña ou sen ela. Coa vaiña só se poden comer cando son moi tenras.

-Hoxe vou comer unhas paianas con bacallau.

 Tamén se pode comer só a faba, tirando a casula:

-Estiven degrañando unhas paianas e voulle facer un rustrido.

SALUGA 

                Esta  é outra palabra que se atopa en estado "difícil".  Recóllea o dicionario da RAG co significado de "talo dos allos". En Navea só se emprega como equivalente a "dentes dos allos":

-Boteille unhas salugas (de allo) ao guiso.

-Machaca unhas salugas para botarlle á zorza.

- Dáme unhas salugas para botarlle ao xarope este.

                                     Saúdos e saúde.

 

 

 

CONCHAPREAR-CONCHAPREADO/DA

        Refírese a unha acción cuxo resultado foi moi satisfactorio, cando quedou perfecto.

- Esa porta quedou conchapreada.

             Se alguén lle pon madeira nova ao chan da casa e quedou sen ocos, sen ruídos raros ao camiñar, podemos dicir:

-Deixouno conchapreado.

         Ás veces é sinxelamente mellorar algo que estaba moi mal. Por exemplo, ti podes ter un galiñeiro con certos buracos por onde podería entrar o raposo ou a garduña para papar as galiñas. Fas un arranxo rápido e podes dicir:

-Vou conchaprear o galiñeiro.

ESCARRAFULAR

        Este verbo emprégabase bastante en Navea. Se alguén mete o dedo no nariz buscando...poderíaselle dicir:

 -Que estás escarrafulando?

        Ás veces alguén pode furgar na orella co obxecto de...

-Para de escarrafular na orella!

   Escarrafular tamén pode ser sinónimo de rañar ou rascar. Se alguén ten un proído, pode rañar e tamén escarrafular a zona afectada.

AZARAMPALLAR- ZARAPALLEIRO/RA-ZARAMPALLAS

       Alude ao feito de facer as cousas mal, ou moi mal, sen ningunha preocupación polo resultado final. Alguén ten que mondar unha leira e deixa todo feito un desastre.

-Deixou todo azarampallado.

    As persoas que deixan os diferentes labores azarampallados son zarampalleiros/as ou zarampallas.

-Mira como deixaches iso, es un zarampallas.

-Vaia zarampalleiro estas feito!

    Cando algo está moi mal feito, dicimos:

-Iso é unha zarampallada!

ESCALAMONDRAR

     Significa  estragar, deteriorar, deixar algo ou a alguén nunha situación lamentábel.  Se  ten un accidente do tipo que sexa...pódese dicir:

-Quedou escalamondrado.

   Tamén, se observamos o coche de alguén amolachado, cun golpe importante...

-Ten o coche escalamondrado.

    Cando se sube  a unha cerdeira de 10 m de altura para coller as cereixas, a seguridade non é doada; pode haber un fallo(ogallá non) e, neste caso, o normal é escalamondrarse.

                                 Saúdos e saúde.

                         Desta xeira imos cunhas cantas expresions que eu, unha vez máis, nunca oín en ningures, inda que o Universo é moi grande.

VEÑO DO POLEIRO/VOUME AO POLEIRO...

         O poleiro é/era o lugar onde as galiñas pernoctaban, onde estaban máis protexidas do raposo, garduña, etc. Digo pernoctaban porque, habitualmente, as sesións matutina e vespertina pasábana no "galiñeiro", lugar onde comían, peteiraban e ponaban. 

      Mais, a expresión que encabeza este apartado non está relacionado coas galiñas, senón, coas persoas. Deste xeito, "o poleiro" sería o lugar axeitado para descansar, durmir...Por iso, podemos dicir:

-Voume empoleirar( irse á cama)

- Son as sete da tarde e xa está no poleiro!

-É hora de xantar a aínda non saíu do poleiro!

BATANAR A CABEZA

                 Ás veces, os seres humanos, non sei se tamén os non humanos, temos unha fonda preocupación porque recibimos unha mala noticia, témoslle medo a un exame, o mildeu realizou un ataque despiadado que non podemos controlar... (que o lector engada outros). Nestas circunstancias podemos botar horas, días, semanas... cun pensamente recurrente e obsesivo.

-Estalle batanando a cabeza por...

-Díxenlle... e quedoulle batanando a cabeza.

     Tamén pode expresar perseverancia, perseguir algo con aínco.

-Batanou e batanou ata que o conseguiu.

DA-LO CÚBICO

        Lembro cando marchei  estudar a Ourense, meu tío Gabino díxome:

-Agora hai que da-lo cúbico(obviamente referíase a que había que estudar e non perde-lo tempo)

      Esta expresión significa, xa que logo, traballar a reo, esforzarse, poñer interese en facer as cousas o mellor posíbel, para acadar uns resultados ópimos.

    Cando unha persoa non desenvolve o traballo coa eficacia que de el se espera( un xogador de fútbol que cobra dez millóns de euros e sestea partido tras partido), poderiamos dicir que tal xogador non dá o cúbico.

UN PICÓN DE...

       Vén a significar "anaco", "cacho", "trozo". Podemos facer esta pregunta:

- Queres un cacho de chourizo?

-Si, dáme un picón(un trozo pequeno)

         Empregábase moito para o queixo, cecais porque cortar unha rebanda nalgúns momentos non era doado; entón, había que onformarse cun picón de queixo.    

- Vai por un picón de xamón.

                                                    Saúdos e saúde.

 

 

            Imos  cunha nova xeira de palabras esquecidas, ou case.

    ESMODROCAR-ESMODROCADO/A

          Xeralmente este verbo emprégase para referirse ás persoas, inda que tamén se pode estender aos ainimais irracionais e aos obxectos. Alude a que alguén levou un golpe, tivo un accidente, recibiu unha malleira.

- A Andrea levou un golpe e quedou esmodrocada.

  Se alguén aparece cheo de feridas, con sangue abondoso, podemos dicirlle, 

-Estás completamente esmodrocado.

     Un burro pode marchar polo Graíl abaixo, coa carga correspondente e acabar esmodrocado.

         Se un coche ten un golpe forte porque pegou contra un penedo e está amolachado, tamén poderiamos dicir que está totalmente esmodrocado.

        ESCARMALLA

                             Tamén a podemos aplicar tanto para as persoas coma para os animais. Unha persoa ou animal pode levar unha escarmalla moi grande se o esforzo realizado supera o "normal", chegando nalgúns casos ata a extenuación.

-Hoxe levei unha escarmalla de ... trouxen vinte feixes de herba do Real(igual me pasei)

-Vaia escarmalla que levou o burro, estivo todo o día apañando cargas de esterco para a Mallada.

    ESBOUQUELAR

      Significa rachar algo, rompelo. En Navea empregábase moito para os cacharros de barro que, ao levar un golpe, marcháballe  un cacho, quedando esbouquelados.

-Tes a xerra toda esbouquelada.

     Ás veces tamén se empregaba para referirse a diferentes cacharros metálicos.

-Tes a pota do caldo algo esbouquelada.

     -Se unha persoa está esbouquelada non é bo sinal, significaba a a acabeciña ten algúns "furados"

-O/A...está bastante esbouquelado/a.

PARAVÁN

             Este substantivo designa, xeralmente, un lugar, máis ben grande, para Navea, que non está ben atendido, senón, bastante abandonado.

-Teño un gran paraván en Santa Mariña, pero está cheo de silvas.

      Tamén se emprega para designar unha zona da casa ou anexa, sen coidar, pero ampla. Normalmente empregábase para almacenar trastos vellos.

   -Vou cambiar as camas e deixo as vellas no paraván.

                                                     Saúdos e saúde.

        

            Vou cunha nova xeira de palabras.

ROULLAR

                   Roullar é o verbo que empregamos en Navea para referirse a algo que se move, dando voltas sobre si mesmo.  Cando eramos cativos faciamos roullar pedras coa idea de que percorresen un longo camiño.    Cando se fixo a estrada ata a fonte, foron quedando moitas pedras nas beiras e disfrutabamos botándoas para que roullasen e chegasen o máis abaixo posíbel.

- Imos tirar esta pedra, a ver se chega roullando á Mesiña.

                Unha vez estabamos na Pena da Santa coas ovellas e faciamos roullar pedras que chegaban ata o Valdosino ou ata o Río. Produciuse un "accidente" ao que tamén se lle pode chamar "efectos colaterais". Unha ovella non podía andar porque tiña un coxote roto. Cousas do diaño!

TRACAMARQUE

             É unha palabra que ten un ton despectivo. Úsase, fundamentalmente, para os obxectos de todo tipo. Se un coche está estragado, renxe por todas partes, podemos dicir:

- Hai que cambiar ese coche, que está feito un tracamarque.

  Tamén pode referirse ás persoas; neste caso ten un significado moi despectivo e destrutivo(non se debe empregar).

-O/A............... parece un tracamarque.

ESCARAFOCHADO

   Cando unha pola ou un tronco dunha árbore está medio podre, oco o seu interior, case só lle queda a casca, podemos dicir que está escarafochada.

- Coidado! Non subas a esa cerdeira que está escarafochada.

   Emprégase moito cos catiñeiros, cando teñen un grande oco no medio.

- Ese castiñeiro ten moitos anos, está todo escarafochado.

      Tamén, en sentido figurado e pexorativo, se lle aplica ás persoas. Aquí alude a que o sistema neuronal empeza a ter problemas graves.

cosa

         Esta palabra debemos pronunciala cun o pechado. Se a pronunciamos cun o aberto, estariamos ante a palabra castelá "cosa"=cousa, en galego.

  Cosa ten o significado de carreira intensa e cun esforzo máximo. Por exemplo se cae un tronada e temos présa por acollernos, podemos dicir:

-Botou unha cosa ata a casa.

-Chamou o mestre, imos botar unha cosa ata Palacio.

  Nós empregabamos esta plabra tamén, como sinónimo de competición. 

-Quen bota unha cosa ata a Ponte?

                                                                                      Saúdos e saúde

 

 

 

ARROUTAR. ARROUTO 

                      O substantivo arrouto ou arroutada é común no galego e vén a significar que se toma unha decisión súbita, impulsiva, violenta, irreflexiva, chegando, mesmo, a perder o control.

-Deulle unha unha arroutada e marchou para Rusia. 

            Máis o significado que quero poñer de relevo, naveán 100%, é aquel que alude á expulsión de gases pola boca de forma ruidosa. Parece que, nalgunhas culturas, ten un significado positivo xa que indica que o convidado quedou satisfeito co agasallo gastronómico que recubiu. Porén, na nosa cultura, enténdese como un acto de mala educación. No caso que nos ocupa ten un carácter terapéutico xa que que se realiza para que a dixestión sexa saudábel. 

               Pode ocorrer que estemos nunha matanza e xantemos ás cinco da tarde, comendo "o fégado" e "outros produtos". Logo ceemos ás nove da noite, "varios pratos de callos" e "outros produtos". Entón é probábel que unha tía nos diga:

- Toma un grolo de "champán" pra arroutar. E funciona!

 

CHOFREAR

                           Cando unha persoa, ou un animal, bebe con fruición, con moita ansia, mesmo facendo ruído, podemos empregar o verbo chofrear.

-Leva chofreando dúas horas no godello. 

      Agora é pouco habitual, pero pode ocorrer que unha persoa convide a outra a beber por unha xerra de 2l. Este acepta, baleirando a xerra, neste caso, chofreou seguro!

           As crías dos animai mamíferos chofrean habitualmente, rivalizando cos irmáns.

- Este año arreda ao outro e chofrea el todo.

 

      BROIO

                   Un broio é unha pedra, unha rocha, grande en termos relativos, pero non necesariamente de toneladas.  Podemos dicir:

-Lanzoulle un broio ao tellado do veciño de enfronte, rompéndolle varias louxas.(1/4, 1/2 Kg).

                   Cando a veceira subía por unha forte pendente, con pedras soltas,, ás veces desprendíanse broios(varios kg) que resultaban perigosos.

- Coidado, que baixa un broio!

             Hai unha zona, preto do seixo, moi próxima ao lugar onde se desvía o camiño cara o Real que se chama "A Broia"; seguramente porque hai broios de abondo.

- Viña cun feixe de herba do Real e ao chegar á Broia, desfíxoseme. 

ZAROLO/ZAROLA

                                                      Esta palabra emprégase para referirse a unha persoa que é algo parvaxolas, repite moito a mesma cuestión e os agumentos son peculiares e pouco lóxicos. Pode escoitar isto:

-Cala, cala, zarolo!

            Tamén se refire a aquela persoa que é moi pesada porque para falar dálle voltas e máis voltas aos argumentos ata aburrir aos oíntes.

-Xa está o outro coas súas zaroladas!

       Así mesmo se lle pode aplicar a unha persoa que fala de xeito moi pausado e, xa que logo, resulta un fastío.

-Ai, zarolo, zarolo!

              Aí van unhas palabriñas máis:

 ESCORROMEXER 

          Este é un verbo que alude a movemento, bulir, remexer... Por exemplo, unha persoa está sentada a carón de outra e esta non para de fedellar, entón poderiamos dicirlle:

-Non paras de escorromexer!

           Alguén está intentando estudar e outros están paseando, movéndose, falando; tamén se lle podería dicir:

-Se non paras de escorromexer, non hai quen se concentre.

CAZOCHO

            É un anaco de madeira, non moi grande, que se emprega para diferentes fins. o máis habitual é que teña forma irregular e que se utilice para alimentar o lume.

-Mételle un cazocho ao lume.

                   Tamén pode ser un cacho de madeira, de forma máis ou menos regular, con outros obxectivos. Por exemplo, un anaco de madeira con forma de cuña para que un cobeto non role sobre os canteiros cando non se desexa.

-Prepara dous cazochos para o cobeto de trece canados.

CEDER

          O verbo ceder ten bastantes significados que están na mente de todos e, por suposto, nos dicionarios(dar, transixir, estirar...)

           Pero, o significado que eu quero poñer aquí de relevo é aquel que está explícito na seguinte frase:

-Cédeme unha cántara de viño para o San MIguel!

     Neste caso, a persoa que cedía, estáballe facendo un favor á que recebía a mercadoría. Este, ademais de pagarlle, tiña que quedarlle agradecido e, amais, estaba en deuda, como se puña de manifesto en frases como esta:

-Cédeme uns chourizos para a vendima, que ademais de pagarchos, agradézocho.

PRÉIXEGOS-ALPRÉCHEGAS-EMAS

                  Antes de importar os melocotóns tiñamos pavías, préixegos, alpréchegas e emas. Tamén tiñamos pavías de cedo, alá polo mes de xullo; pero, al auténticas pavías son as de setembro, froito de extraordinaria calidade que acadou moitos premios na "Feira de Mostras"  da Pobra. Xa choveu!   Esta froita ten unha carabuña moi vermella que irradia un zume roxizo que abrangue a toda a carne.

-Arrecende a cociña coa cesta de pavías que tes.

   Hai pavías vermellas e amarelas. A diferenza está no aspecto externo, segundo que prevaleza unha ou outra cor.

    Logo están os préixegos e as alpréchegas. Teñen unha carne moi branda e unha vida efémera; por iso, non teñen moito éxito comercial.  A característica fundamental é que a carabuña se separa da carne con moita facilidade; pero, mentres que os préixegos son brancos, as alpréchegas teñen unha cor avermellada.

-Xa valen os préixegos do Figueiral!

-Hai que coller as alpréchegas que caen todas.

         As emas son un produto en extinción. Por buscarlle algunha semellanza diremos que son como pequenos "albaricoques". Son pequeniñas, brancas, con escaso valor comercial, pero cun sabor exquisito.

-Vou plantar unha emeira que naceu no Cepado.

                                                                                           Saúdos e saúde.

     

 

 

 

 

                   Aí van outras:

   CORRANCHA

                 Corrancha é unha palabra con moita potencia fónica. Este substantivo ten un significado moi concreto e case único.  É a codia do pan. 

- A min, gústame máis a corrancha que o miolo.

- Trae unha barra que a fogaza ten moito miolo.

    Excepcionalmente tamén se emprega para outras "codias", inda que sexa pouco habitual.

-Dálle ao gato a corrancha do queixo.

 

BANGALLO

         Cando escoitamos esta palabra, sabemos que fai referencia a uvas, acios, etc.

         Nalgures, este termo  alude á madeira que queda no acio, despois de quitarlle os bagos. En Navea, un bangallo é un acio, que pode ser(ou estar)  ruín, pequerrecho, enfermo, apestado. Pobre dende un punto de vista estético.

-Vou por uns bangallos que teño nas Forcadas.

O mildeu só me deixou uns bangallos de mencía.

- Queres un bangallo de sumol?

VALICORPIO/S

        Este nome emprégase, case sempre, en plural. Fai alusión a "eidos" cativos, xeralmente situados en forte pendente e, con frecuencia, próximos ao río; teñen un rendemento escaso. Serían os primeiros eidos en ir abandoando. 

-Vou por un feixe de xardóns aos valicorpios que teño en Lama de Sando.

- A ver se traio unha pouca leña, para cocer, dos valicorpios do Valdosino.

COBETO, COBETA, TINA.

           Estes son os tres nomes que se que se empregan( ou empregaban) en Navea para cocer e gardar o viño.

     A capacidade mídese en en canados e daquela estaba a idea de que un cesto de uvas(dos  nosos pais) era a medida para dar un canado de viño.Hai que aclarar que os cestos eran duns 50Kg e os canados duns 44l.

     Segundo isto, falamos de cobetos, cando a súa capacidade máxima está arredor de 15 canados. A partires de aí, empezarían as cobetas, que, en Navea, rara vez pasaban de 35 canados.   Logo estaban as tinas, con forma cilíndrica; abertas por riba o que facilitaba moito o feito de "pisar" ou "baixar" o viño.

-Vou cocer a mencía no cobeto de 13  canados.

-Hai que sangrar a portuguesa ao cobeto de 9 canados.

-Encheuse a tina coa viña da Mallada. Trouxemos 100 cestos.

                              

                                                                            Saúdos e saúde.

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                            Hoxe vou cunhas cantas expresións que, os naveáns e as naveás coñecen  ben. 

BOTAR POR ELA

    Esta, vén a significar que unha persoa esaxera moito as súas capacidades, virtudes e potencialidades, para presumir diante dos demais. Alguén podería comentar:

-Eu chego, andando, de Trives a Navea, nunha hora(Algo que non é imposíbel, mais si, moi difícil). Neste caso ben podería dicírselle: 

-Xa estás botando por ela.

      se alguén dixese que podería traer,nun día, dez feixes de estrado dende a segunda cavarca de Lourido, tamén sería moi pertinente o comentario:

-Moito botas por ela!

 

TOMAR UN CACHARRO

             Esta frase trunfou durante uns cantos anos en Navea. Esquezo como foi a seu nacemento, pero, iso si, tivo unha vida efémera., xa que rapidamente decaeu o seu uso. Foi habitual, naquela época, (estou falando dos anos setenta e, cecais,  dos oitenta), escoitar:

-Imos tomar unhos cacharros.

            Tomar un cacharro era sinónimo de tomar un "cubalibre", un "llintónic" ou algo semellante.

Ás veces ao chegarmos ás cafetarías  diciamos:

-Dáme un cacharro! A continiación faciámoslle á aclaración correspondente ao camareiro, "larios con coca-cola"

     A expresión tamén trunfou cos nosos pais que, cando ían ás noites ao bar da Sara, podían dicirlle,

-Bótanos unhos cacharros. (estábanse referindo a uns viños)

ATA-LA BURRA

       Era unha expresión moi habitual e, aínda hoxe, segue no noso maxín, inda que xa non haxa burras en Navea. 

    Daquela non había coches e, se os había, as nosas xentes non tiñan acceso doado aos mesmos; ao que si tiñan acceso era ás festas patronais que celebraban con entusiasmo. O habitual era facer intercambios; os nosos ían aos pobos veciños e eles devolvíanlles a visita polo San Miguel(eu lembro de ir ao San Paio, Ás Cabanas). Deste xeito, no manual de bos costumes estaba que os convidados, en reciprocidade polo feito de ser invitados,agasallasen aos anfitrións cos produtos correspondentes de tempada. Por exemplo, os de Caldelas traíannos "leite", "queixo esfarrapado"... e os nosos levábanlles leitugas, cereixas, ameixas... O carrexamento facíase en burros(os cabalos escaseaban en Navea).

    Xa que logo, era habitual preguntar: -Vas á festa do/da...?

- Non, non vou que non teño onde atar a burra.(como o perspicaz lector sabe, significa que non fora convidado).

     Ás veces, xa nin se mencionaba a palabra "festa", senón que se empregaba unha metáfora como,

-Tes onde ata-la burra pró san Pedro...?

ARRIMAR O/A...

    Arrimar é un verbo común tanto en galego como en español. En galego ten unha morea de acepcións e sinónimos. ( Moitos dos que lean isto lembrarán que cantamos centos, cecais miles de veces: arrimar, arrimeime, funme arrimando, á criada do cura cominlle o caldo, cominlle o caldo nena...).

    Pero, o obxectivo non é poñer de relevo a famosa canción senón un significado "peculiar" , "diferente".

   Así, arrimar significa iniciar un proceso que , sempre, está relacionado co lume.

-vou arrima-lo caldo. ( Alude so momento no que se pon ao lume e se lle botan os ingredientes).

  Se estamos no outono, época de facer a augardente, poderíamos dicir:

- Mañá madrugo, ás sete teño que arrima-la alquitara.  (prender lume).

                                                                                                       

                                                                                                                       Saúdos e saúde.

 

                                                                                                                        

 

 

 

 

GUECHA

    En Navea empregábase bastante a palabra, sempre en plural, "guechos". Facía referencia ao pelo longo e, xeralmente, pouco coidado.  Nun momento determinado, a nai podía dicirche:

-Tes que quitar eses "guechos".

   Mais, o peculiar é o substantivo "guecha", empregado, sempre, en singular e co indefinido "unha" diante. Alude a unha pequena cantidade dalgún material que, nalgún intre, formou parte de "algo máis grande".

- Bótalle unha guecha de herba ao burro. (formaba parte dun feixe ou da almacenada na palleira)

    Non se emprega para produtos que se poidan contar por pezas, kg, l, etc. Ninguén diría " unha guecha de patacas ou cereixas".

- Trae unha guecha de estrado para botar no camiño que se esvara moito coa xeada.

LUDRIDO/A

     Inda que o verbo "ludrir" sexa común e esté vivo no galego, en Navea, o emprego queda reducido, case exclusivamente, ao adxectivo ludrido/a. Ten  unha connotación positiva(cecais hoxe, non sexa así). Significa que unha persoa está "gordiña","ten boa cara"...Aparentemente goza de boa saúde.

-Que ben vexo ao Brais, está ludrido.

  Ás veces tamén se empregaba eufemísticamente para indicar que unha persoa estaba moi gorda.

-O/A........... está ben ludrido/a.

     Cando a connotación positiva é máis evidente, é cando se fai referencia a un porquiño, un cordeiro, un cabrito...

-Mira que porquiños máis ludridos ten esa marrá!

TIGO

      Tigo é unha palabra que se emprega en Navea como sinónimo de "cordeiro" ou "año". Xeralmente fai referencia ás idades máis temperás, cando teñen poucos kg de peso. 

- A ovella ten dous tigos igualiños!

   Usábase moito para chamalos, cando se despistaban:

-Tigo, tiguiño, ven, ven!

 

GOLONDRÓN

      Golondrón vén sendo sinónimo de "empuxón", pero  en plan moi besta. Normalmente, a persoa que o recibe sofre algún dano físico.

-Deulle un golondrón e  e rompeulle un brazo!

   Tamén se emprega como sinónimo de "abalar"(mover compulsivamente a alguén, sen desprazalo do lugar).

-Vaia golondrós que lle deu o Xacobe á súa filla!

      Así mesmo, tamén se empregaba no sacrificio de animais para a alimentación.

-Deulle un golondrón(golpe) na cabea ao coello.

   Entre os animais tamén hai liortas con "golondrós" incluídos.

-O "castrón" pegoulle un golondrón a esa cabra e deixouna coxa.

 

                                                                             Saúdos e saúde.

 

 

 

                 Dado que estamos no inverno, tempo, entre outras cousas, de matanzas, imos cunhas cantas palabras, relacionadas co tema e que son moi significativas na fala naveá. 

CAGADEIRA.

              Esta palabra era a única que se empregaba en Navea para nomear este produto feito na tripa gorda do mesmo nome, enchida de costela adobada e de outros produtos do porco. Dicíase daquela:

- Botei a cocer unhas cagadeiras pró mediodía. 

                  A partir de certo momento e debido á "globalización" empezamos a escoitar a palabra "androlla". Esta, substituiu, nun breve espazo de tempo, á nosa, cecais, porque cagadeira "non soaba moi ben".

                    As mellores estaban feitas con costelas pero, desafortunadamente, había poucas; unhas cumprían para a "abridela", outras para salgar(que ben sabían logo cocidas).  A verdade é que non quedaban moitas e había que botar man dos ósos da soá(estas estropeábanse antes) e dos coiros.

- Vou cocer unhas cagadeiras de soá antes de que se estraguen.

PEGUREIRO.

                     O dicionario da R.A.G. defíneo como unha persoa que coida o gando, un pastor.

           En Navea, descoñezo se nalgún momento os pegureiros ían co gando, pero, dende logo,  había moito tempo que non ían coa veceira.

                 O pegureiro é outro dos produtos exquisitos da matanza, entre outras cousas porque só hai un por marrao. É a parte máis grosa do intestino groso, o inicio do mesmo.

- O domingo que vén, comemos un pegureiro.

               A mercancía que levaba era a mesma  cá das cagadeiras, inda que ás veces facíase unha especial para un evento "especial".

-Este pegureiro é para o entroido.

BANDULLO.

          Como ben sabe todo o mundo, o  bandullo é o estómago dos animais. Os porcos non ían ser menos.

       No noso pobo, o bandullo enchíase dos mesmos produtos cás androllas e os pegureiros, mais dábaselle un relevo especial, gardábanse para os grandes momentos.

Este éncheo ben que é o do santo Tiso, e somos quince!

        Se era posíbel tamén se facía un "especial" con moita costela, para agasallar á xente que máis se apreciaba.

- Este bandullo é o que imos comer en Barcelona pola Noite Boa.

       Agora, debido á "internacionalización" tamén se empregan outros termos como "botelo", nome que se emprega nas terras de Valdeorras ou "butelo",  que se emprega polas da Fonsagrada.

SÁBADOS, SABADEÑAS. 

  -Vou facer dúas ducias de sabadeñas.

-Imos atar os sábados.

                  Habitualmente, facíanse dous tipos de chourizos: os "bos", para os cales non tiñamos un nome específico e os "sábados" ou "sabadeñas". Estes eran os "malos" ou "menos bos". Para estes empregábanse as partes menos apreciábeis do porco como a carne da papada, o boche, carnes sanguentas, con moita graxa... Normalmente non se comían  crús, senón cocidos e , na primeira fase con grelos e aceite de "Paradela", con moitísima acidez para, deste xeito, facer unha mestura explosiva.

        Por terras de Castela fan os "chorizos sabadeños" polo que é posíbel que esta palabra sexa un castelanismo que entrase na nosa lingua oral nun certo momento.

         Descoñezo se agora se seguen facendo ou non, pero, xa daquela había casas onde non os facían.

-Non fixen sabadeñas, deille o boche ao can.

                                                                                                            Saúdos e saúde.

 

 

 

 

                Continuamos co léxico relacionado coa matanza.

ABRIDELA

         Esta é a palabra que empregamos para o conxunto de labores que se desenvolven, xeralmente, no día seguinte ao da matanza.

- Na abridela  xuntámonos quince persoas. 

- Ven botarme unha mao o luns, que teño a abridela.  

                                      Noutros lugares non empregan esta palabra, senón que falan do " día de abrir" e outras expresións semellantes. 

              Trátase logo de despezar ao porco para o seu máximo aproveitamento. Sepáranse os xamóns, os lacóns, escóllese a carne para os chourizos, sálganse os touciños...Tamén se pica a carne para os chourizos e bótaselle o adobo(pemento doce e picante,sal, ourego, loureiro...). Deste xeito, temos a zorza preparada que, normalmente, se proba o día seguinte pola mañá para comprobar se lle falta algo dalgún ingrediente. 

               Tamén é o día de probar as costelas, tanto fritas como grelladas(eu sempre lle atopei un sabor exquisito nese momento e nesas circunstancias).

-Prepara a grella que imos botar unhas costelas.  

         _Ímolas botar nas brasas que saben moi ben encinsadas.

ENCHEDELA

      Enchedelas hai moitas, por exemplo o sábado á noite. Esta é diferente.

               Para nós é conxunto de tarefas que se levan a cabo o terceiro día e que pecha o ciclo da matanza. Ben é certo que noutros lugares, efectúase o 4º día, deixando o terceiro para que a zorza absorba mellor o adobo.

-Este venres estou ocupado, teño a enchedela. 

          É o día no que se fan os chourizos, "bos" e "sabadeñas"; fanse os bandullos, pegureiros, cagadeiras. Modernamente tamén se elabora o salchichón.

          É un labor  que require bastante man de obra "cualificada". Os chourizos énchense cunha máquina que leva un funil longo onde se enzorrobilla a tripa que se vai desenzorrobillando a medida que se vai enchendo. Para ese traballo cumpren dúas persoas, a que atende  á tripa e a que vai xirando a manivela da máquina.

     Logo, hai que "atar". Xeralmente trabállase por parellas inda que hai algunha "experta" que o fai soa. Unha ten que "tasar"(determinar a medida que levará cada chourizo) e, a outra, vai atando.

                Finalmente, cólgase todo o produto no "fumeiro" para que se vaia secando e afumando. Aos poucos días xa se poden probar cocidos. Para comelos crús, hai que esperar algo máis. 

  Era habitual contalos ao rematar.  Unha nova paparota puña fin ao evento.

-Tes trinta e dúas ducias de chourizos e vinte e sete cagadeiras!

PÁXARA

                           No dicionario da R.A.G. aparece esta palabra, pero con acentuación grave, paxara; ademais co significado de "bazo do animal".

   En Navea, a páxara, (acento esdrúxulo) non é bazo, senón unha víscera alongada e de cor tirando a   morada. Fritida e metida na boca semella estar mascando chicle.

-Mañá vou fritir a páxara, que a min encántame!

    Cecais sexa a peza do porco con menos,dende logo un dos menos,  aprecio. Xa nalgunhas casas non se comía.

    En realidade, a páxara é o páncreas do porco. Nalgures ten a mesma raíz denominándose "paxarela" ou "paxarola".

REGOXA

Trae a regoxa que a vou picar. 

                  Esta palabra ten un significado moi concreto en Navea que non ten nada que ver co que o dicionario da R.A.G. expresa. Segundo este, é un "anaco de pan"

    Para nós, a regoxa é un anaco, pero non de pan senón do porco. En concreto se nos situamos no pescozo, na parte de abaixo está a papada e na de arriba a regoxa.

      Xeralmente é a primeira peza que se lle saca ao porco para empezar  a "abrir". A partires de aí xa se separa a cabeza e logo fanse dous longos cortes que rematan no rabo para quitar a soá e dividir o porco un dúas follas. 

     Esa peza, normalmente, aprovéitase para os chourizos, inda que é coñecido o refrán, "é peor cá carne do pescozo".

                                                                                Saúdos e saúde.

 

 

 

         Dado que están rematando as matanzas, esta será a última palabra, relacionada co tema, da presente campaña.

TORRERMO

         O certo é que Navea ten torrermos(síntoo polos franceses e ingleses que terán algúns problemas para pronunciar este termo).  Ben é certo que o noso dicionario trae  a palabra "torresmo", aínda que cun significado moi restrictivo: -anaco de touciño fritido. En  Valdeorras empregan "torrezmo" cun significado semellante, mesmo como sinónimo de "roxón".   Para os naveáns, a significación é moito máis ampla, como se pode comprobar nesta frase:

-Cando saques a papada, dáme un torrrermo para botar nas brasas.

     No día da abridela, cómense torrermos, por exemplo para almorzar.

-Vou poñer a grella que xa saen os torrermos.    Neste caso, serían anacos do lombo, solombo e mesmo da costela.

   Co tempo, acadou outros significados como se pode comprobar co seguinte exemplo:

-O sábado que vén vou aos torrermosQuere dicir que  vai a unha matanza.

CHANQUEIRO

     Esta palabra empregábase bastante, mais, desafortunadamente, está nunha situación de evidente emerxencia.

Tomamos un chanqueiro de viño? Sería o mesmo que tomar unha cunca ou un vaso.

            Ás veces podía empregarse esta palabra para outros líquidos, como a auga, inda que o habitual é que fose viño. Nese caso diríase "queres un chanqueiro de..."?

   Tamén pode significar a cantidade que se toma, sen levantar os beizos da recipiente. Coñecido é o caso daquel que foi convidado a tomar un chanqueiro  nunha xerra de dous litros e baleirouna. Iso é un chanqueiro!

     A palabra "grolo" foi aparecedendo na nosa linguaxe cotián non vai moitos anos e foi substituíndo a anterior, inda que os signifidos non sexan idénticos. Se dicimos:

-Imos a Ourense tomar un groloo habitual é empregar o singular, inda que puidese significar "uns viños")

AZAGALATAR

        Este verbo, como moitos outros, non se emprega case en infinitivo, pero si nalgunha forma conxugada. Podemos dicir:

- Ía cara a Río toda azagalatada Ía con présa, con ansiedade, cunha rapidez anormal, case sen responder a outra persoa que lle fale.

    Alguén pode azagalatarse botando un discurso(sempre me chamou a atención como os actores, bregados en falar diante dun público, se azagalatan cando reciben un Mestre mateo, un Goya ou un Óscar).  Deste xeito,  fálase con excesiva rapidez, a pronuncia non será moi correcta e o a xente non entenderá parte do discurso(inda que se son amigos aplaudirán para sacarte do apuro).

                  Lembro unha voda, na que un convidado subiu ao campanario para lanzarlle o arroz aos noivos cando saísen da igrexa.  Pero, azagalouse e caeulle o paquete enteiro na cabeza da pobre noiva. (Non foi grave).

FLECHA

-Tráeme unha póla de Oliveira que vou facer unha flecha

  No dicionario da nosa lingua temos a palabra "frecha" cuxo significado máis coñecido é o de ser unha arma que, segundo as películas, empregaban moito os indios do "Oeste".

   En Navea temos "flechas". Todos os que eramos pequenos daquela(vai moitos anos) e tamén os anteriores, tiñamos unha. Empregabámola para facer prácticas de tiro e tamén co obxectivo "perverso" de cazar paxaros(debo sinalar que con escaso éxito).

                   Nun momento de "guerra fría", dos de Abaixo contra os de Arriba, houbo ameazas de ser empregada, mais como era un aparello de "destrución masiva", deseguida  foi prohibido e inmediatamente  se asinou a paz, que xa dura máis de cincuenta anos.

      Na construción emprégase unha póla en forma de V e cun mango para agarrar, logo son necesarias dúas gomas elásticas e un coiracho.

      Polo universo do noso idioma atopamos diferentes nomes: tiracroios, tirapedras, tiracoios...

 

 

            Bo día a tódalas persoas que entran e len esta páxina. Despois dunha longa ausencia(efectos colaterais do "becho") vou seguir con esta sección, inda que, seguramente,  non sexa de grande interese. A verdade é que non é doado desenvolver novos proxectos, non está un sobrado de ideas.  Durante estes meses Bernadino e Manolo sostiverona; agora hai que tratar de botar unha man.

          Hoxe vou cunha serie de expresións que, non vou afirmar que sexan exclusivas de Navea, mais para nós teñen certas connotacións semánticas peculiares. 

BOTAR UNHA FRESCA

              Debo sinalar que é unha expresión moi interesante e que me gusta, inda que non lembro que a utilizase algunha vez. Pero, aínda lla oín vai moi pouco a unha persoa; logo, está viva.

 Unha persoa vai ao médico e á saída podería suceder este diálogo:

-Que che dixo logo?

- Pois botoume unha fresca que me deixou...

Este doente sufriu unha "bronca", seguramente porque, a criterio do médico, non fixo o tratamento correcto, non seguiu as pautas deseñadas, etc.

Alguén, durante o famoso "estado de alarma", realiza unha saída non autorizada, pode velo a alcaldesa e botarlle unha fresca.

     En xeral, esta expresión empregábase para actos nos que "o infractor", máis ou menos, recoñecía que a reprimenda era razoábel ou merecida.

ROER CANDADOS

- A este dálle por roer candados.

  Cando eu era mozo oíase bastante esta frase.  Facendo referencia a min mesmo, lembro que esa foi a frase exacta que me dixo unha persoa de Navea cando fixen a primeira reforma importante na casa, vai para trinta anos.

    Podería suceder que alguén empezase a plantar unha viña no Perrilla.

-E logo que fas?

-Vou mirar de plantar unha viña porque a da Mallada quédame algo a desmao. 

-Pero a ti dáche por roer candados!

 A xuízo do interlocutor sería unha auténtica aberración; deste xeito mostraría o seu rexeitamento e, mesmo, se intentaba ridiculizar ao protagonista. 

TEÑO, TES, TEN...MALACABEZA

É evidente que con esta frase non nos estamos a referir á dor de cabeza producida por cefaleas, migrañas,etc.

    Con certa frecuencia, eu saio da casa para viaxar e deixo as chaves do coche, entón dígome a min mesmo.

-Que mala cabeza teño! (esquecemento)

        Se alguén se meteu en "negocios", pero non lle prestou a atención suficiente, ou non realizou os esforzos necesarios e, como consecuencia, o negocio non funcionou,  podería ocorrer que alguén dixese:

-Porque ten malacabeza! (permítome a licencia de xuntar as dúas palabras. Inda que a R.A.G. non a recoñeza como tal, funcionan coma unha unidade).

Hai algunhas persoas que están, case permanentemente, metidas liortas, pelexas, conflitos..podemos decir: -ten tan malacabeza!

XA LIBRAMOS

       Cando o lector vexa esta expresión, viráselle á mente a idea de que  o seu significado é evidente, e ten razón. O dicionario galego dá unha ducia de acepcións. Librar da mili, librar de pagar...

  En Navea temos unha estrada, dende A Ponte a Navea. É algo estreita! ou cando menos non moi ancha. Atópanse dous coches, fanse os cálculos correspondentes, ao cruzárense ábrense as ventaíñas e un dille ao outro:

-A ver se libramos!  É facil que se toquen os espellos e que os pinos da mesiña estén a 2cm.

    Non hai moito que un ilustre naveán, facendo referencia á pandemia coñecida me dixo:

-Agora pasan dez anos e nós xa libramos!  A verdade é que a frase é pesimista e incluso macabra. Como o lector pode intuír facía referencia a que  algún "experto" dixo que cada dez anos habería unha peste destas e como nós xa temos unha idade...

                                                                                     Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 Moi bo día.

REFOLEGAR

    Esta palabra, moi empregada en Navea, coido que está a esmorecer na Galiza. Vén a significar: descansar un intre, tomar un respiro, facer unha pausa para recuperarse física e psiquicamente.

   Se alguén chega con moita présa, case coa lingua fóra, ben lle poderiamos dicir:

-Para un pouco oh!  Refolega!

     Cando xogabamos a fútbol no mítico estadio do Chelo, ás catro da tarde, no vrao, ás veces, non sempre, parabamos un rato para coller folgos.

    Tamén se emprega profusamente no eido mental. Cando a unha persoa lle está "batanando a cabeza" de forma reiterada e intensa, estaría moi ben que outra lle dixese:

-Tes que refolegar un pouco! (inda que non sexa doado).

XEBELUDO

     Este adxectivo emprégase, sobre todo, aplicado ás/aos rapazas e rapaces cando se considera  que son inquedos, bulideiros, respondóns, que se revolven con facilidade e , mesmo, con certa agresividade.

-Que rapaz máis xebeludo!

    Obsérvanse casos nos que o "pequeno" se enfronta a un maior con patadas e outras armas primarias. Neste caso, alguén que o vise, podería exclamar:

-Pois mira que é xebeludo este pequeno!

ARREMPUXAR

       É un verbo que empregamos como sinónimo de empuxar, arrepuxar, empurrar...pero, con certas diferenzas.

-Arrempuxouno e tirouno ao chao. 

 En xeral, emprégase en interaccións humanas e con finalidade un chisco perversa.

-Arrempuxouna e deixouna esnafrada.

   Para fins menos belicosos, empregamos empuxar.

-Empuxa un pouco o canteiro, a ver se asenta o cobeto.

RACHELA

-Trae unhas rachelas que vou facer o lume.

   Unha rachela é un anaco de madeira que, xeralmente, foi rachada e que se emprega para atizar o lume. Ás veces non é necesario "rachar" a leña xa que os paus orixinais non teñen moito grosor, sinxelamente se tronzan en anacos axeitados. Aínda así, ás veces tamén lle chamamos rachela.

-Vou preparar unhas rachelas de xesta e facer brasas para o churraco.

     O verbo "atizar" segue moi vivo na nosa lingua e significa "avivar o lume", "darlle pulo", fundamentalmente engadindo rachelas.

                                                                                       Saúdos e saúde.

 

       Imos coa  seguinte  entrega de palabras con "significados especiais" na nosa lingua naveá.

FARRACA, FARRACADA

       Este termo aparece no dicionario da R.A.G. como sinónimo de "faldriqueira". Para nós é unha especie de saco para meter produtos sólidos, como patacas, castañas, millo...

-Hoxe collín en fontecarballo tres farracas de castañas.

   Tamén se empregaba para "pisar" as castañas(a base de golpes enérxicos), deste xeito sepárase a casca da parte comestíbel.

   En xeral, unha farraca non sería un saco grande, máis ben podería rondar os 25 ou 30Kg. Falariamos de "saco" se andivese polos 50Kg e, a saca, sería aínda maior.  Os nosos devanceiros collían ao lombo sacas, por exemplo de fariña, de 70 ou 80Kg.

          Empregamos tamén a verba farracada, inda que, xeralmente  son sinónimas, desta forma alude máis á cantidade que ao utensilio.

-Fun á Estacada e trouxen unha boa farracada de conchos.

 Neste caso tamén hai unha connotación psicolóxica xa que representa unha cantidade importante con respecto ás espectativas previas.

Ás veces tamén se emprega como metáfora para indicar unha cantidade grande de calquera cousa.

-Extiven no súper o collín unha farracada de leite.

ENGUAR

         Este verbo está aquí, non porque sexa exclusivo de Navea, senón porque está esmorecendo debido ao cambio socio-económico producido no nosa país e á decadencia do mundo rural.

Hai anos, en Navea empregábase centos de veces ao día xa que se enguaban "miles" de feixes en cada xornada.

-Engúa ben que che se vai desfacer!

  Significa, logo, atar o feixe cunha corda. Estes poden ser grandes ou pequenos. Se é de estrado ou herba hai que facer primeiro unhas cantas gavelas, ilas amoreando e finalmente atar con precisión. Era importante deixarlle unha "lazada" para que dese "mellor levar". Se non se engúa ben, faise un oco na zona de apoio do carrelo e as gavelas debrócanse pola cabeza.

 Tamén ten outro significado, como se pode apreciar na frase:

-Vexo que engúas ben!

  Eiquí, o significado sería "tragar" a comida sen mastigar, comer moito e rápido. Así mesmo,  temos o "enviar" cun significado semellante.

ARMARIO

          Evidentemente cando alguén escoita esta palabra pensa o obvio. Que é un moble, xeralmente con caixóns, que se emprega para gardar diferentes cousas; a roupa é o máis habitual.

      O significado naveán e,polo tanto, debe estar nesta sección, vémolo na seguinte frase:

-Voulle poñer un armario ás merlas que non me deixan un amorodo.

       É, deste xeito, unha trampa para "cazar" paxaros, inda que tamén poden caer outros animaliños pequerrechos coma ratos. Consistía en tres pezas de madeira, enriba dos cales se colocaba un "louxón" que, ao caer, aplastaba á vítima. A cuestión era que estrutura estivese ben feita, nun equilibrio inestábel para que cando o "incauto"se acercase para comer o cebo, o trebello se desmoronase.

Ás veces, a xente tiña compaixón e facía un oco na terra para que o paxaro se acubillase e non morrese aplastado.

VILIMBRAO

  Cando eramos cativos non tiñamos moito acceso a instrumentos musicais, porén,  a imaxinación era grande. Os máis artistas eran quen de construír un aparello, chamado vilimbrao. Os máis perfeccionados podían emitir unha escala musical  "ou máis".

- Vou facer un vilimbrao que xa lama o castiñeiro.

  A época axeitada é na primavera, arredor de maio, cando o zume flúe polas árbores con moito pulo. Así era fácil separar a casca da parte leñosa. Fánselle os ocos axeitados, afínase e xa temos unha frauta.

- Botaremos unhas pezas co vilimbrao!

                                                                                Saúdos e saúde.

  

 

 

                  Bo día a todas as persoas que accedan a esta páxina.

  Desta, van unhas expresións características que non se oen( polo eu nunca as oín) noutros lugares do país.

AIHOMENÓN

            A primeira impresión que terá o lector  será pensar que esta palabra élle descoñecida, e terá razón, non está no dicionario. En realidade está formada pola unión de tres: AI-HOME-NON. 

      Máis cómpre pronunciala como unha soa para que acade todo o seu pulo. En xeral, úsase para contraporse a unha frase negativa pronunciada polo interlocutor; deste xeito, convértese nunha afirmación rotunda.

-Onte non fuches á feira.

-Aihomenón! Ás dez xa estaba comendo unha tapa de polbo.

     Nalgúns casos, os menos, serve para ratificar e darlle máis intensidade á negación.

-Mañá é domingo. Non irás traballar!

-Aihomenón! (pois claro que non, de ningunha maneira, só faltaba iso...). Neste caso o NON pronúnciase,aínda, con máis forza.

      Habería, xa que logo, que apelar ao contexto  e a pronunciación para ter unha idea exacta do seu significado.

HAI QUE POÑERSE EN FACHA

         A palabra "facha" ten un significado político-social que é ben coñecido, e, outros varios.

      A expresión acaída para esta sección pódese percibir no seguinte exemplo:

Dúas ou máis persoas están na cava das cepas na Borrén; paran para tomar un grolo, ata que un se levanta e di.

- Hai que poñerse en facha!  Alude a que o tempo de descanso rematou e hai que voltar ao choio.

  en xeral vén a significar preparase  para...

Os domingos é/era día de ir á misa. As persoas aseábanse e puñan as mellores prendas de vestir.Os país podían apurar a un fillo con esta frase:

-Hai que poñerse en facha! ( estáballe a dicir que había que "moverse" e "amañarse" que xa logo era hora)

NON ME QUEDA RESQUICIO

                 Debo confesar que esta expresión só lla oín á avoa Emilia. Logo, eu utilízoa , de cando en vez, en contextos coloquiais. Dicía a avoa:

-A min de bailar non me queda resquicio.    Quería deixar claro que nos seus anos mozos, e cecais, non tan mozos, bailara moito nas festas. Neste sentido sentíase plenamente realizada, non era unha asignatura pendente.

       Animo aos lectores e lectoras que pensen de que cousa non lles queda resquicio( excluímos o traballo porque de "iso", coido, que todos imos ben). E, se o queren manifestar publicamente... Eu vouno facer(poida que alguén xa mo teña oído)

          A min non me queda resquicio de comer fóra: restaurantes, bares, cafeterías, tascas, tabernas e demais locais ao uso.

IR IMPLORANDO, XA IMPLOROU, SE NON IMPLORA...

         o verbo implorar recólleo o dicionario co significado de "pedir" ou "suplicar). Mais, coma sempre, se está nesta sección é porque ten algo de peculiar na nosa fala. Con frecuencia aparece formando unha perífrase que lle dá máis relevo e significación.

-Parece que xa vai implorando!  Ben podía ser a resposta dunha persoa a quen lle preguntaron pola saúde de alguén próximo.(Cecais o doente fora mellorando da gripe).

       Tamén se aplica para os animais e as plantas. Se alguén ten un eido de patacas que están "troxas", régaas pola noite e á mañá seguinte podería dicir.

-Notouse a rega, xa imploraron!

                                                                                                   Saúdos e saúde.

 

 

         Bo día para todo o mundo.  Aí van unhas cantas palabriñas máis.

GANAFATE

-O... está feito un ganafate.

   Esta palabra ten connotaciós negativas ou moi negativas. Se nos referimos a un neno, estariamos a falar dun "traste", "inquedo", que non para de remexer. Se a referencia é un adolescente, o senso negativo intensifícase; xa que logo, podería realizar certas actividades cun reproche social evidente. E, se nos referimos a un adulto, a cuestión  aínda é peor.

-Si ho! Está el un bo ganafate.

Neste caso, estariamos no bordo da delincuencia, ou sinxelamente, unha persoa cun comportamento social moi rexeitábel.

CIRRIGUICHAR

   Este verbo empregámolo en Navea con moita frecuencia. O dicionario galego ten palabras como "cichar" ou cirrichar" que veñen sendo sinónimas da nosa.

-Abrín a billa do cobeto e cirriguichoume todo.   E dicir, que ten viño esparexido por todo o corpo. Tamén se pode dicir. quedou todo zarrapicado.

-Bótalle un cirriguichón de auga ás fabas. a ver se nacen dunha vez!

Neste caso, sería botarlle  unha pequena cantidade de auga a cada pé.

            Modernamente, introducíronse as mangueiras en Navea para regar as hortas. Ocorre, con frecuencia, que ao manipulalas hai "accidentes" e papamos algún cirriguichón non desexado.

CARLOUCÓN

  Esta palabra oínlla moitas veces á miña nai.

-O carneiro deulle un carloucón á ovella e deixouna coxa. Significa, logo, golpear coa cabeza e, cos cornos, no caso de que agresor en cuestión os teña.

     Os machos de moitas especies bátense a "carlouconazos" para ser o rei do harén.  En Navea, aínda lembramos cando, na veceira, os castrós botaban todo o día,carloucón vai e carloucón vén. Aparecía o sangue e, ao seguinte día, voltaban á mesma.

     Tamén temos observado competicións deportivas(sobre todo fútbol) onde os rivais se retan cachola contra cachola; iso si, en xeral, non retroceden dez metros para coller pulo.

ESCARRANQUIÑAR

Deste verbo, como en moitos outros casos, empregamos fundamentalmente o participio e rara vez o infinitivo ou outras formas conxugadas.

- Esta cañastra está escarranquiñada.  Significa que está estropeada, estragada, destartelada...

Cando  nos referimos a persoas, queremos dicir que esa persoa perdeu facultades , sobre todo físicas. Anda con certa dificultade, sen chispa, sen forzas, facendo "eses" nas subidas..

-Vin ao/á...e está bastante escarranquiñado/a.

  Os burros en Navea traballaban moito e "escarranquiñábanse" rapidamente.

   Os coches cando fan ruídos varios tamén están "escarranquiñados".

                                                                                                     Saúdos e saúde.

                                                                                                                       

               Boa tarde. Imos cunhas cantas máis. A nosa lingua é moi rica! ou non?

ESTAMBURITARSE

            Este verbo funciona, xeralmente, como reflexivo, inda que, ás veces, o estamburitamento pode ser provocado por outros.

-Ía correndo pola Carreira abaixo e estamburiteime.  Significa que caeu e puido sufrir un dano importante. Vén sendo o mesmo que "esnafrarse", "esfachicarse" ou "escachifarse"(moi naveá).

     Tamén os animais teñen/tiñan "accidentes". Cando os sufridos burros subían ou baixaban pola Prebida, non era difícil que se estamburitasen esgotados polo esforzo; aínda que, hai quen di que os burros son máis listos do que o seu nome indica, e, eles mesmos se debrocaban no chao para que o dono tivese compaixón e cargase parte da carga, ao lombo, ata Valdonedo, Río...

LAROTA

       Seguramente que esta palabra lle soa a moi pouca xente. Eu, oíalla moito a meu pai, pero non lembro se alguén máis a empregaba. Dicía:

-Durante a Guerra(36-39) pasouse moita larota. 

-Os anos 42, 43 e 44 foron nos que máis larota pasamos.

Está claro que se refería a que nos citados períodos se pasou moita fame. A fame estaba instalada e afectaba a maioría da sociedade ou a unha parte moi grande.

     Sería logo incorrecta a súa utilización nunha situación como esta:

-Son as dúas, imos xantar que teño larota.  Neste caso a palabra axeitada é fame. (larota sería equivalente ao que en castelán é "hambruna".

MÓCO

      É fundamental que esta palabra se pronuncie correctamente. Por se hai algún despistado, ídesme permitir(que remedio) unha cativa digresión lingüística. O sistema de cinco vogais do castelán non é o noso. Nós somos máis ricos! Deste xeito temos un (o)pechado en palabras como "ponte" ou "fonte" e un (Ó) aberto en palabras como "onte" ou "pote". Ás veces este Ó aberto márcase cun til para que quede máis clara a súa pronuncia e significación.

   Se nós pronunciamos moco cun o pechado estariamos a referirnos a ese fío líquido ou semilíquido que cae do nariz coas catarreiras ou coa friaxe.

 Debemos, xa que logo, pronuncialo aberto nunha expresión como esta;

-Mira que es ben móco.  Queremos expresar que esa persoa di parvadas,cousas con pouco sentido, obviedades...Pero, en xeral, sen malicia nin ánimos de facer dano.

Houbo un tempo que había unha parella xove e ben habida. Ela, esaxeradamente correcta, sempre intentaba satisfacer, gabar ou deixar ben ao interlocutor. El, canso desta actitude(esaxerada), dicíalle:

Ai móca, móca! Se calases!

RAPONAR

    -Teño que raponar as ovellas que lle fai boa falta.   Queda claro que coa palabra anterior queremos dicir o mesmo que "rapar". Rapar é a palabra maioritaria, pero lembro como o Pedro(pai do Carlos) a empregaba moito.

   Ás veces tamén se emprega noutras situacións como neste exemplo:

-Vou raponar esta mazaira.  Neste caso queremos especificar que imos facer unha poda radical e que practicamente só imos deixar o tronco.

                                                                                   Saúdos e saúde.

 

 

 

 

            Boa tarde.

  Vou contar, antes de escomenzar a seguinte entrega, unha anécdota que esquecín na anterior e referida á palabra larota.  

          Moitos aínda lembramos que en Navea houbo un cabalo(dos poucos) afectado dunha "larota sistémica". As costelas querían rebentar a pel e os ósos dos cadrís estaban requichados coma agullas.  Meu tio Justo(moi ocorrente sempre), dicía:

-Ten unha vantaxe: se vas vender por Caldelas, xa tes onde colgar a romana.

                                     Agora empezo xa coa seguinte entrega. Debo sinalar que a esta contribuíron de xeito fundamental o Xosé María do Casar e o Carlos do Mondelo, lembrándome palabras que tiña esquecidas.

TOUTOADA/TOUTUADA

    Ambas formas se oían, inda que eu inclínome pola primeira.

-O Pepe deulle ao Xabier unha boa toutoada. Sería un golpe, unha puñada, unha labazada. Normalmente a persoa que recibe a toutoada ten síntomas visíbeis como inchazón, mazadura, etc.

     As toutoadas tamén poden ser accidentais. -Non para de brincar ata que  caeu, e desta levou unha boa toutoda.

    Tamén no mundo animal son habituais as toutoadas.

-O carneiro deulle unha toutoada  á ovella e dixouna valdada.

ZAPURALLO

 -Es un zapurallo!

-Está feito un bo zapurallo!

             Se empregamos esta palabra para cualificar a alguén non o estamos facendo, dende logo, en termos eloxiosos; moi polo contrario, estariamos a falar dunha persoa "pouco axeitada". Poida que nos estemos a referir ao seu aspecto físico, descoidado,coa roupa inadecuada para a ocasión...Na maioría dos casos estariamos a falar da súa actitude, do seu comportamento, do modo de actuar perante os demais. Ven sendo sinónimo de "trapalleiro".

 Lembro escoitar como se lle aplicaba esta palabra a unha nena, pero neste caso levaba un diminutivo cariñoso.

-Pero ben zapuralliña es!

DOILE

           Cando eramos cativos xogabamos bastante á billarda e, probabelmente, as xeracións anteriores, máis. Logo construímos o "estadio do Chelo" e adicámonos a "deportes modernos" como o fútbol e o tenis.

    Doile é unha palabra que se emprega para denominar eses rebaixes que se fan nos dous extremos da billarda, onde se golpea co palán para levantar a billarda e darlle logo o golpe de alonxamento. O normal era que se xogase a tres intentos; de aí de doile1, doile 2 e doile 3. Se fallabas no terceiro intento era fácil escoitar a a expresión c_g´_ch_l_,(palabra que leva moitos as).

     Pero a esta sección o que máis lle interesa son  expresións como esta:

-Agora si que lle deches no doile. Seguramente que estivo intentando solucionar algo, arranxar un problema, acadando unha solución ben satisfactoria.

  Se unha persoa desenvolve os traballos necesarios, fai os tratamentos adecuados e, como consecuencia ten unha boa colleita, tamén estará dando no doile.

ZURUPALLO

   Este substantivo é común en Navea.

-A goma tiña un zurupallo de fentos e non botaba. (probabelmente tiña unha bóla de fentos que atrancaban a mangueira).

     En xeral é un vulto  formado por terrós ou outros materiais e que atrancan algún tubo.

   Ás veces fai referencia a un cacho dalgún material que está obstruíndo algo ou ocupando un lugar inadecuado.

-Mira que zurupallo de lardo ten ese chourizo,

  Nalgúns casos o zurupallo é moi útil e ademais prepárase.

-Fai un zurupallo con eses trapos. Para tapar unha laga(as lagas eran pozas pequenas que proliferaban por todo Navea, en xeral de pouca capacidade, pero que se enchían rapidamente(lembro que nós nas Covas tiñamos tres que se abrían dúas veces ao día). (En Palacio había unha, por riba da escola, onde os rapaces maioares se bañaban; que tempos!)

                                                                         Saúdos e Saúde.

 

 

 

                  Boa tarde. 

GUEIFAS

     Gueifa é un nome que recolle o noso dicionario e está relacionado  coas partes ou trebellos do arado.

         A expresión naveá non ten que ver co aparello mencionado e, xeralmente, empregamos o plural: gueifas. Neste caso serían as mans dos humanos, aínda que empregadas dun certo xeito e nun contexto determinado.

-Como che bote as gueifas... Soa a ameaza. Botaríalle as man para facerlle... o que sexa.

    Utilízase moito nos animais. Se alguén está na corte intentando pillar un porco para a matanza e este intenta saír fuxindo pola porta:

-Bótalle as gueifas aí, que escapa!

      A expresión ten certa semellanza coa palabra "garras" ou "poutas", referidas aos animais.

Ás veces, algúns humanos intentan botarlle as gueifas a unha perdiz ou a un coello, no monte. Non é doado!

TROXO

    É unha verba que empregamos moito. Aplícase tanto para persoas, como para animais ou plantas.

       Cando nos referimos a alguén dicindo que está troxo/a  é porque a vemos sen vigor, apagada, sen forzas. Fisicamente e mesmo psiquicamente está mal. Cecais padece algunha enfermidade.

-O galo está troxo, parou de cantar. Algunha doenza o está afectando.

O mesmo pasa coas plantas:

-Non sei que lle pasa aos pementos que están troxos. Cecais a planta necesita auga ou ten algunha doenza. (Dicir que neste caso usamos a mesma palabra para a planta que para o produto. Se ven,de cando en vez, tamén empregamos pementeira para referirnos á planta).

GOMA

 Este nome é ben coñecido e non necesita moita explicación. Utilizamos gomas para "construír flechas". Goma de borrar, goma elástica...

       En Navea, é o termo que empregamos, case en exclusiva, en frases como esta:

-Vou poñer unha goma para regar os tomates.

      Máis recentemente, a palabra mangueira foi gañando terreo, pero goma segue sendo maioritario.

-Vou poñer unha goma dende a Ponticela para regar as amendoeiras e as abelairas.

ENTOSOADO

 É outro participio de grande produtividade no galego naveá.

-O...vai todo entosoado.  Estamos a dicir que vai "moi serio", coa "mirada erguida e fría", poida que enfadado, con cara de poucos amigos...

          Nalgúns casos, tamén se asocia coa forma de vestir. Cecais leva un traxe sen unha enruga e procura nonn facer ningún movemento para que non perda  o seu estado.

-Vai tan entosoado que non nos viu. (ao cruzármonos).

                                                                                            Saúdos e saúde.

 

 

 

                     Boa tarde a todas as persoas do planeta, ou máis alá.

ESCANIFRADO/A

O/A...está escanifrado/a

O/A...é un escanifrad/a.

        Na inmensa maioría das ocasións nas que empregamos esta palabra, facémolo coa axuda dos verbos ser ou estar.

   Pódese aplicar e persoas, pero tamén a animais. Se aludimos a unha persoa, non convén dicirllo á cara porque non nolo vai agradecer. Significa que esa persoa  está feble, cecais moi delgada, con non moi boa cara e, nalgúns casos, coas pegadas dunha doenza.

-Ese gato está escanifrado de todo!  Seguramente padece de larota sistémica que forma parte da súa triste vida; como consecuencia, aparecen os ósos requichados querendo furar a pel.

VALDAR. VALDADO/A

-Anda valdao dos cadrís.   Esa persoa ten algunha doenza nesa zona, puidese ser un problema nas vértebras lumbares; deste xeito, tería problemas de locomoción, dores, máis ou menos fortes.

Tamén pode ocorrer que unha enfermidade infecciosa, cecais un virus,  deixe a unha persoa nun estado lamentábel; neste caso, tamén pode dicirse que:

-Quedou valdado!

   Ás veces, chegar a este estado provén do feito, por exemplo, que un can trabe a outro no coxote. Diríase logo: agora vai valdado!

CHACOLEAR

-O/A...xa chacolea.

  Este verbo empregámolo bastante para indicar que unh persoa empeza a dicir cousas sen sentido, algunhas parvalladas, incoherencias...

   Emprégase moito tamén para definir a situación de alguén que repite unha mesma cuestión cada pouco tempo(algo que veño observando nos ocorre a todos a medida que nos van pasando os anos). 

-O/A ...ultimamente chacolea moito.

REVALLAREGO/A

  A min esta palabra gústame moito, non sabería cal é a causa, cecais ese son tan rotundo.

-Esas patacas son revallaregas.  Estamos a dicir que son vellas, que están engurradas, non teñen bo aspecto e xa case non están para o consumo humano.

   Non se debe empregar coas persoas xa que é moi despectivo.

   Pero emprégase moito cos animais. É aquí onde vou conatar unha anécdota real.

   Vai uns anos, xuntámonos o creador desta páxina, eu e dous ou tres máis co obxectivo de facer unha "paparota", algo que practicabamos con asiduidade. Era na miña casa. Mercamos logo un "fermoso cabrito" de 4'5Kg(non precisamente barato) que formaba parte do menú. Xa nos estaba sabendo antes de comelo. Ao mesmo tempo, tiñamos unhas botellas de cava catalán ben frío. Cando chegou a hora de degustar o prezado manxar, tivemos serios problemas para poder cravarlle o dente. Obviamente era un cabrito moi revallarego.  Logo, pasado o cabreo, faciamos bromas dicindo que non era só pai, era xa avó!

   Evidentemente, o cabrito non era de Navea. Sabido é que os de Navea tiñan fama nas comarcas próximas, e máis alá do Padornelo.

                                                                 Saúdos e saúde

 

 

     Boa tarde. 

ESCALAMONDRAR(SE)

    Poida que alguén tropezase(o cal non era difícil) cargado cun cesto de uvas baixando pola Ladeira, no traxecto que vai dende A Borrén ata Navea.Cecais teña feridas nos xeonllos, na cabeza, nos cóbados; polo que diriamos:

-Caeu na Ladeira e quedou todo escalamondrado.

Tamén se emprega cos animais e cos vexetais.

-Veu unha tronada con pedra e deixou os pementos escalamondrados.

-Pero, deixaches a mazaira escalamondrada!  Neste caso, o suxeito fixo unha poda tan "esaxerada" que á pobre árbore quedoulle o tronco e pouco máis.

ESCAÑASTRAR, ADO/

   Na entrega nº7 desta sección apareceu a palabra "cañastra" que, como alí se indica, emprégase, fundamentalmente, para cargar os animais(tamén os de dúas patas).

          Cando se di que alguén está escañastrado/a, alúdese a un deterioro físico, temporal ou definitivo. Se unha persoa sube dende A Ponte a Navea ou dende A Quinta a Casenando a ritmo lento, cansino e con moito esforzo, podería dicirse: 

-Está bastante escañastrado.

          Ás veces o escañastramento pode ser froito dun exceso de traballo continuado, como cando un está sementando patacas dende as oito da mañá ata as oito da tarde, cunha aixada. Sería bastante lóxico que o interesado dixese: estou todo escañastrado.

*Por certo que as cañastras tamén se escañastran e ten que un cesteiro botarlle unhas vergas para desencañastralas.

APALAMBRADO/A

   Non é, precisamente, un atributo cariñoso.

-O/A...está apalambrado/a.

   Esta persoa, seguramente está pasando un mal momento; deste xeito, séntese cansado, sen folgos, con pouco ánimo, cecais coa mirada perdida. habitualmente é un estado pasaxeiro e a persoa recupera a situación cotiá.

   Cando alguén ten un "día negro" no que os obxectos lle caen ao chan, tropeza con calquera obstáculo; é dicir, está moi torpe, tamén se podería dicir que está apalambrado.

AGALDRACHAR

      Esta é a palabra que máis me gusta do día de hoxe.

-Vou agaldracharlle algo as ovellas.

    Neste caso o falante foi buscarlle "algo" para comer, porén, non había moito que segar, arrincar ou mondar; a herba estaba esgotada e non e non era doado apañar un feixe adecuado. Tamén podería ocorrer que esa persoa tivese moita présa para marchar á feira ou ao Cristo.

-Teño que agaldrachar un feixorro antes de marchar.

    Tamén poida referirse a que unha persoa fai algún traballo con pouca convicción, sen entusiasmo, escaso interese e de xeito bastante trapalleiro.

-Teño que agaldrachar a remolacha.

*É bastante lóxico pensar que se alguén sabe, ou pensa, que as tripas dos marraos foron agaldrachadas, se lle vaian as gañas de comer chourizos, androllas, pegureiros...

                                                                                                  Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

      Boa tarde. Imos cunha nova entrega.

ACHAPAZAR

   Achapazar é un verbo que empregamos con relativa frecuencia. Sería a realización dunha actividade con pouca convicción e case nulo entusiasmo. Algo así como: cubrir o expediente.

-Vou achapazar estes bacelos. Un traballo feito con demasiada rapidez, sen facer unha cava profunda, sen botarlle esterco...

Teño que achapazar o xantar. O mesmo que no caso anterior, sería facelo  con rapidez e sen esmerarse en acadar un bo produto final.

*Debo  sinalar que, cando son convidado, prefiro que a comida non sexa produto dun achapazamento, senón dun traballo riguroso e dun concienzudo proceso de elaboración. Teño que dicir que  sempre é así. Dá gusto!

ESPURRIDO

  Segue a utilizarse, aínda que, coma moitas outras, está perdendo vigor e esmorecendo paseniñamente.

  Aplícase, fundamentalmente, para definir o comportamento dunha persoa á que se lle ofrecen varios pratos de comida e rexeitaos todos, poñendo cara de...circunstancias.

-É moi espurrido!

  Algunhas veces está relacionada coa forma de ser, coa conduta,  coa imaxe que se quere dar perante os demais. Se dicimos: 

-O/a...vai moi espurrido/a.  Neste caso, queremos significar que é presumido, que lle mira aos demais por enriba do ombro, que é vaidoso/a.

ENMORROÑAR, ENMORROÑADO/A

-Parece que se vai enmorroñar o tempo.  Estamos facendo referencia a que vai empezar a chover, xeralmente con pouca intensidade; pero, vai crear algúns problemas xa que nos pilla nun momento importante: sementeira das patacas, sega da herba, vendima...

     Tamén fai referencia aos problemas que causa cando queremos facer algún traballo e, dado que está todo mollado, poñémonos perdidos,

-Ía buscar unhas navizas para o caldo, pero está todo enmorroñado.

LARAPEXO, LARAPEXAR

        Ultimamente veño "votando" unha palabra en cada achega. Hoxe a miña elección é por este substantivo e polo verbo correspondente.  Non sei a razón.

Podería darse unha conversa coma esta:

-Vou facer a comida rapidamente.

-E logo, que vas facer?

-Vou preparar una larapexo, que teño présa.  

Referiríase a algo "mollado"; caldo, potaxe...Porén, feito rapidamente, sen moito interese por acadar un produto de excelencia.

    Tamén se lle pode chamar larapexo a certa comida que se lle dá aos marraos coa mestura de diferentes restos xunto con auga e farelo.

-Para xa de larapexar na auga!  Alguén está remexendo nela e poida que facendo ruído, salpicando...

*Vai moitos anos, cando iamos ao río e non sabiamos nadar, tamén larapexabamos, onde non cubría; e, dese xeito, fomos aprendendo.

                                                                                                         Saúdos e saúde.

      Boa tarde. Imos cunha nova entrega.

EMPORROÑADO/A

             Non debemos confundir esta palabra con outra que se comentou recentemente: enmorroñado. 

  Se alguén está emporroñado quere dicir que non se atopa ben, que sofre algún problema de saúde.

-Vin ao/a... e está bastante emporroñado/a.

   O emporroñamento adoita ser temporal, de non ser así, teriamos que empregar outras palabras ou expresións.

   Tamén pode empregarse para animais e vexetais. Se as pavías son pequerrechas, con moitos defectos e sabor pouco agradábel, tamén diremos que están emporroñadas.

  No 2020(ano COVID), en Navea, case todos os produtos están emporroñados( non afirmo que haxa relación coa pandemia).

CHAMONDAR

          Emprégase moito esta verba. Fai referencia a unha sega, poda ou debouca, pero, pouco ortodoxa.

-Vou chamondar a herba do lameiro.  Sería unha laboura rápida, cortando a herba pola metade.Un traballo pouco elaborado, bastante chafalleiro.

   Ás veces, faise unha acción correcta, chamondando as vides, pola metade, antes de facer a poda definitiva.

   En sentido figurado, utilizamos  a expresión:

-Chamondáronlle a cabeza. Para indicar que foi cesado, destituído ou expulsado dalgún cargo de designación ou elección.

ENCHOUCELADO/A

      Esta palabra é de uso común na zona dos Paus e da Cruz.

-Xa está outra vez enchoucelado/a!  Podería ser unha frase que se lle dixese a unha persoa que pasa moito tempo na casa e, a criterio do emisor, non toma susficiente aire fresco.

  Que eu saiba, só se aplica para as persoas. Os marraos, galiñas, ovellas e outros animais domésticos están enchoucelados dado que, na práctica, están ao servizo dos humanos.

    Se alguén se recolle na casa cando o sol vai pola estrada de abaixo significa que se enchoucela moi pronto.

ESMALLOADO/A

      Esta palabra palabra emigrou a Barcelona, fixo un longo percorrido e regresou recentemente.

-Estou esmalloado/a.  Seguramente traballou moi duro, fixo un esforzo físico moi grande e está moi cansado.

  Ás veces, o esmalloamento prodúcese por algunha doenza física, psíquica ou de ambas, que deixan o organismo feble, extenuado.

   Lembro que cando eramos rapaces tiñamos que traballar todo o día, pero á tardiña ou ao luscofusco iamos xogar ao noso estadio. Acababamos, á noitiña, "esmalloados"

*Hoxe "votarei" por estas dúas últimas, que non formaban parte do meu léxico e que foron achegas de colabordores.

 

                                                                                                                               Saúdos e saúde.

   

  

 

                 Moi boa tarde.

FASTRA

-Agora xa teño moitas fastras.  Estaría dicindo que ten moitos problemas de saúde e, que lle foron aparecendo nos últimos tempos.

              En xeral, unha fastra é algunha eiva ou problema físico que afecta  ás persoas. Podería trasladarse aos animais, inda que non se acostuma. Onde si está vivo este termo é no que se refire aos produtos agrícolas; de paso, podemos dicir que o presente ano 2020 é/foi horroroso en Navea, polo que:

-As mazás, peras, pavías...están/estaban cheas de fastras.

FACOTEXO

    -Vou poñer un facotexo calquera.    Significa que vou poñer unha peza de roupa en non moi bo estado, estragada, que, xa non uso habitualmente, pero, para esta tarefa concreta pode servir.

        Lembro que o antroido en Navea non era especialmente relevante, sen embargo si era bastante común poñer algún facotexo para o evento.

     Ás veces, úsase o diminutivo cariñoso "facotexiño/acando se lle di a un/unha neno/a de tres ou catro anos.

-Pareces un/unha facotexiño/a.  Estamos a dicir que é un pequeno espelido, rebuldeiro, que non para un momento de remexer,que fai rir aos adultos.

ACHAFALLAR

       -Non achafalles iso!  Estamos poñendo de manifesto que unha persoa está facendo mal as cousas,  ás présas, de calquera maneira.
     Ás veces, o traballo a desenvolver non precisa moitos coidados polo que o achafallamento tería certa xustificación. Neste caso, achafallar é sinónimo de actividade ou laboura feita con rapidez, pero, non precisamnte ben.
    Temos, xa que logo, o substantivo chafalleiro/a aplicado ás persoas que achafallan na realización das súas labouras. 

BULLOTES/mamotos

  Xa que estamos na época dos magostos, sería desexábel que puidésemos aseverar:

-Vou asar os bullotes que quedei cuns amigos para celebrar o megosto.

   Esta palabra non é exclusiva de Navea, emprégase noutros lugares, pero, xeralmente co significado de "castaña asada". No noso caso "castaña" e "bullote" son termos perfectamente intercambiábeis.

-Este ano non hai bullotes, vou mirar se caeron os bullotes, voulles botar un cubo de bullotes aos marraos...

    Relacionado co termo está mamota(castaña) ou mamoto(bullote). Esta palabra tamén ten diferentes significados, dependendo dos lugares. Para nós un bullote mamoto é aquel que só ten a pel e nada, ou case nada por dentro.

*Por certo, coidado cos mamotos que en Navea houbo un "accidente grave", cando alguén meteu na boca un mamoto asado e quente, producíndose unha explosión con certos danos na boca. 

                                                                                                 Saúdos e saúde.

    Boa tarde. Quero sinalar que as palabras de hoxe viaxaron dende O Casar ata Vigo, voltando recentemente. Aproveito, xa que logo, pra darlles as grazas as persoas que, de cando en vez, me botan unha mao, con importantes aportacións.

PENACHO

    Este substantivo está recollido nos dicionarios habituais do galego con acepcións como: a  parte máis alta dunha pena ou montaña; tamén, feixe de plumas da cabeza de certas aves; e outras.

   Agora ben, fixémonos en expresións como estas:

-Estás feito u bo penacho!

- Ai, penacho, penacho!

   Estaremos a referirnos a unha persoa da que non temos boa opinión e, mesmo, no segundo caso, se podería entender como un insulto do cal o receptor non quedaría nada agradecido.

FERREÑO

   Este adxectivo é común no noso idioma con significados relacionados co ferro, inda que para nós as augas que conteñen tal elemento reciben a denominación de "augas férreas".

Tamén se fai referencia  a el para expresar que alguén goza de moi boa saúde: rexo coma o ferro.

   Mais, se nós dicimos:

- Este ano, os conchos son moi ferreños.  Estaremos dicindo que son pequenos, cativos con relación ao tamaño estándar ou ao esperado.(por certo que os conchos dunha nogueira recentemente talada que había no centro do pobo, tiña noces ferreñas, tanto polo tamaño como pola dureza enorme da casca.

   Había e hai(supoño) un paxaro máis pequeno cós seus irmáns, do cal se falaba bastante entre nós.

-Sei dun niño dun pitoverdello ferreño. 

ZARAPATEL

-Vaia zarapatel que armou. Estariamos a falar de que provocou unha liorta, unha lea, cecais unha pelexa nalgún lugar como unha festa, bar e, mesmo na casa.

 Ten outro significado que tamén empregamos algunhas veces.

-Vaia zarapatel que se formou na Navarega. Neste caso estariamos falando de que nese terreo hai tanta auga que ao andar nos afundimos ata enterrar o calzado.

FITIR

   Inda que no dicionario aparecen as locucións "en fite" ou "fite fite" co significado de mirar fixamente,nós conxugamos o verbo en expresións como:

-Fíxate no gato como fite cara ao faiado. 

-Que estás fitindo?

No primeiro caso, o gato cheirou unha posíbel vítima, pola que está moi interesado. No segundo, coidado! Pode dar lugar a algún conflito xa que se pode entender que esa mirada é imprudente, provocadora e, incluso, retadora.

ALARABALLAR

-Deixou todo alaraballado. Estamos sinalando que non fixo ben o traballo, nin dende o punto de vista funcional nin estético.

Grave é cando se di:

-Deixaron as tripas dos marraos alaraballadas. Neste caso, eu recomendo non comer os chourizos, androllas, bandullo...

  Tamén o usamos ao falarmos de certas froitas. Lembro cando miña nai me dicía:

-No alaraballes as claudias!. Para os que non controlen ben esta froita, direi que teñen como unha especie de "po brillante" que as recubre polo que non convén "sobalas" xa que quedarían verdosas, feas e cunha merma importante no seu valor de mercado.

                                                                                                  Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                 Seguimos cunha serie de palabras retornadas de Vigo e, unha delas, precachada,que recentemente aterrou dende terras catalás.

PRECACHADA

 -Iso que dis é unha precachada.  Vén sendo unha bobada, unha parvada, unha necidade, algo de pouco ou ningún senso. En xeral ten unha connotación negativa. A persoa en cuestión molesta, incomoda, fai perder o tempo e incluso os nervios. Mesmo, empregamos o apelativo precacheiro/a para referirnos a persoas que se manifestan continuamente con precachadas. Contarei logo una anécdota moi real.

    A sr. Elvira da Eirexa recibía, con moita frecuencia, a visita doutra persoa do noso pobo. O certo é que esta persoa só ía "dar a lata", "porlle pegas a todo", "crear tensión"...Por iso a sr. Elvira, con razón, dicíalles aos seus:

-Non hai que facerlle caso, é unha precacheira!

RIQUITRAQUE

-Ese cabrito é un riquitraque.  Estaremos a decir que é ruín, que se o quixeramos vender non nos darían un peso por el; é dicir, ademais de pequeno en tamaño e peso, o seu aspecto deixa moito quie desexar.

   Tamén se lle aplica ás persoas, inda que non sexa moi elegante.

O/A... é un/unha requitraque. (Obsérvese que non ten variación de xénero). No caso dos humanos, só nos estamos a referir á situación física; poida que aluda a unha persoa máis ben baixa, con poucas forzas, falta de vitalidade...

Ás veces tamén se aplica para as froitas cando falamos de mazás, peras...Neste caso, son pequerrechas e sen boa feitura.

ESCARREIXADO/A

         Nesta sección levamos varios termos sinónimos; inda que imperfectos, comparten certo grao de significación. Son: esmolicrado, escarafochado, escarranquiñado, escañastrado, esmalloado(observe o lector que todos empezan por "es").  Pero, todos teñen matices diferenciadores. Imos ver, logo.

Se empregamos o verbo estar,coma na oración:

-O/A ...está escarreixado!  Estamos dicindo que sofre algunha doenza crónica que fai que teña poucas forzas; por exemplo, para coller pesos(se unha persoa non pode coller unha botella de butano e colocala na estufa é que está escarreixado)

Agora ben, se se lle di a alguén: 

-Vés escarreixado!  Probabelmente acaba de chegar cun feixe grande de Lourido ou veu andando dende A Rúa ata Navea. Neste caso o escarreixamento é transitorio.

ESLABAZADO/A

Existe un adxectivo, recoñecido pola normativa oficial, e que se pode atopar nos dicionarios de uso habitual. É "eslamiado". Vén sendo coincidente co noso, mais eslabazado engade algún matiz.

Emprégase, fundamentalmente para referirse ás comidas. Cando non están ben sazonadas ou lles faltan produtos e, como consecuencia, o resultado final é deficiente.

-Este cordeiro está eslabazado.  Estariamos sinalando que o sabor non é moi agradábel; cecais o coceron no canto de asalo(de todo hai polo mundo).

   Se facemos un caldo ao que lle botamos moitas patacas e verzas, pero pouca "substancia animal", con toda seguridade que nos sae un caldo eslabazado.

   Por certo que lembremos que ás veces dábaselles aos porcos os restos da comida humana coas graxas correspondentes e se dicía: dálle esa labaza aos marraos.

                                                                                                           Saúdos e saúde.

 

 

  Imos camiñando. Nova achega.

       Para quen poida estar interesado/a(se é que lle interesa a alguén), direi que na parte da esquerda da portada atoparedes unha sección co nome "LINGUA". Aí estan todas as palabras, ordenadas alfabeticamente. Foi unha suxestión que nos fixo o Carlos(da Cruz) e que o Manolo se escargou de organizar.

      Tamén direi que van aparecendo  palabras, moi interesantes polo seu significado e porque están tan en desuso que, mesmo parece, non lle quede moita vida. Mais, como o seu significado naveán  coincide e, ademais, están nos dcicionarios de galego de uso habitual, non hai razón para incluílas nesta sección. Por exemplo: tarabelo, larafuzas, langrán, estúrdigo, rodelo, paduán, chantón.

CAÑOTA-CAÑOTO/S

-Voume esconder naquela cañota!  (pronúnciese con ó aberto para que soe ben. CAÑOTA).

    Lémbrome de que, cando estabamos na escola de Palacio,  metiámonos nunha enorme cañota que habia no Picouto. Como baixaban os carros! Quen o tivese! Para frear había que chocar contra algún obstáculo. Cantos carloucós!

       Para nós, ao falar de cañota, estamos a nos referir, case en exclusiva, a eses castiñeiros centenarios que tiñan no seu inteior un oco máis ou menos grande e que, nalgúns casos, permitía ocobillarse neles. En certos contextos, os menos, tamén lle chamamos cañota a un cacho do tronco dunha árbore, unido á raíz, despois de ser talado, tumbado polo vento...

     Logo, empregamos o substantivo masculino CAÑOTO.(ese o pronúnciese pechado).

-Vaia cañotos que teño! Case con toda seguridade que estaría falando da barba, cativa, pero cuns pelos grosos e que rascan ben.

         Agora que estamos en tempos de matanza, é convinte que non queden moitos cañotos xa que logo a panceta ou os coiros do lacón crávanse na gorxa. 

CEMIXE

   Esta palabra era moi común en tempos pasados. Cecais, hoxe, esté esmorecendo.

-Hei de mirar os xamós, que están cheos de cemixe!

        Lembremos  que collían unha especie de "po" que os cubría, inda que na parte do coiro algo menos. Co paso dos días, ía a máis ata que o xamón se quedaba en nada. Se non chegaba a producirse tal é porque se comía ou se lles valía cuns "polvos"  milagreiros.(Non lembro se se mercaban na farmacia ou noutros estabelecemento). Anos máis tarde chegou a noticia de que o citado produto era velenoso. Érao?

  Diremos logo que o "po" que cubría e comía o xamón era un ser vivo, case microscópico. Pero, se un se fixaba ben, víase como bulían; eran coma unha especie de formigueiro con millóns de efectivos.

MARMARULA

-Fai todo á marmarula!  Estariamos sinalando que unha persoa traballa ou fai calquera actividade, sen convicción, sen entusiasmo, sen gañas, sen que lle importe o resultado final.

      Ás veces, a idea aplícase directamente ás persoas, adxudicándolles o apelativo de "marmarulo". Por exemplo, cando alguén vai camiñando para desenvolver unha determinada tarefa, pero albiscamos pouco ou nulo entusiasmo. (Cando se xogaban os impresionantes partidos no Chelo, era moi difícil atopar "marmarulos", dado o enorme entusiasmo co que se xogaba).

ZAPOLEGO

-Vaia zapolego que estás feito.

   Non é un adxectivo cariñoso, por iso a ninguén lle gustaría que  lle fose adxudicado. Aconsello, logo, precaución antes dicirlle a alguén tal termo.

            Pode facer referencia á apariencia física. cando alguén se despraza con movementos torpes, cansinos e pouco harmónicos. Pero, o máis habitual é que se aluda ao "xeito de ser e comportarse". Alguén groseiro, terco, desatinado nas súas decisións, burdo. En definitiva: pouco ou nada axeitado.

                                                                                                  Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Boa tarde! Bo nadal! Que o 2021 sexa máis axeitado que o 20!

ZAPUROLO

                       É outro adxectivo cuxo significado non é precisamente positivo, polo que, non recomendo o seu uso, a non ser que o/a interfeuto/a acreditase méritos abondos. 

O seu uso coincide, nun 90%, coa última palabra da entrega anterior: zapolego.

-Pareces  un zapurolo!  Cando se  fai esta afirmación podemos estar facendo referencia a cuestións físicas(cecais non se acomoda aos modelos estéticos de referencia) ou ao seu comportamento perante os veciños, a sociedade, etc. Pode ser unha persoa que empregue expresións soeces na súa fala cotiá, que non diga cousa amañada, que non realice  as tarefas coa corrección debida...

   A continuación introducirei dous termos que teñen significado moi semellante: pallafrós e bandoxo.

PALLAFRÓS(ver zapurolo)

BANDOXO (ver zapurolo)

 

QUINCALLA

       A esta palabra téñolle especial aprecio, e coido que o merece. Vexamos.

-Vou coller a quincalla pra feira do 15.

Representa o conxunto de produtos que os nosos pais, avós... collían para levar a vender. A quincalla constituía logo a fonte de ingresos para poder facer algo moi cotián: comer.

       En principio, referíase só a produtos de pouca calidade, os ruíns ou menos bos, porén, máis tarde, pasou a significar o conxunto de materiais que se levaban a vender.

-O burro non vai poder coa quincalla.(boa, mala ou regular)

CALLOSTRO

-Vou por un feixe de xardós ao callostro da Forcadas.

      Un callostro é unha zona de vexetación exuberante que está situada nun buraco ou zona rodeada de outras máis altas. Ás veces o acceso non é doado. Non  falamos de callostro nos lugares situados á beira dos ríos; neste caso, falariamos dun val: O Valdosino. Nin tan sequera nos ocos dos regueiros. Referímonos, máis ben, ás zonas que rodean a unha cavarca:o callostro da Mallada. En moitos casos non hai ningunha relación con correntes acuosas: o callostro do Val( ben preto das casas).

CICANCHO

-Vou cavar o cicancho da Pedela.

   É un eido de superficie pequena(dicir pequena en Navea, significa que é moi pequena).  Se un cicancho ten forma rectangular recibe, tamén, os nomes: tirela ou tirelo.

  Nalgún sitio desta sección está a palabra pitaranco. Vén sendo o mesmo en canto ás dimensións; a diferenza  está en que esta última verba empregámola só para lugares que están bastante afastados: o Portovello, Carbuído, Lama de Sando, O Franco...

    Rematarei a entrega de hoxe engadindo unha nova palabra, moi empregada na zona da Cruz, pero que non precisa explicación porque xa temos outra case intercambiábel na sección. DESANDECIDO.

DESANDECIDO(ver desazalabrado)

                                                                                                      Saúdos e saúde.

    Boa tarde. Bo Nadal para todos  os habitantes do mundo.

CROUCHIÑO

 Non vai moitos días que recibín unha mensaxe dunha veciña de Navea, residente en Barcelona, onde me dicía:

- Este vrao, se o "becho" mo permite, irei ensinarlles Navea aos meus crouchiños.

Estábase referindo aos seus netos. Representa, xa que logo, unha forma cariñosa de aludir aos seus netos. Emprégase fundamentalemente no ámbito familiar, inda que  tamén, nalgúns casos, se utiliza para os  alleos.

BICARRACHEIRO/A

    É outra palabra moi empregada na factoría dunha das pólas dos "nogueiras".

Como a propia palabra expresa fai referencia a unha persoa que acostuma a dar bicos con moita profusión.

-O/A...é un bicarracheiro/a.  En xeral enténdese como unha actitude positiva ou, cando menos, neutra.

Só nalgúns casos podería ter unha connotación negativa se os bicos do emisor non fosen do agrado do receptor.

NITURRÍA

Así se di en Navea. Pero, esta palabra é usada noutras zonas de Galiza, se ben, cunha pequena variación ortográfica: NATURRÍA.

-Este neno ten moita niturría.  Cecais lle poña moitas pegas á comida, esté afeito a facer o que quere, esté moi consentido, chore por "case nada". Poderíase dicir que ten moito "mimo"

CANZORNO

-Case furei a cabeza naquel canzorno.

 Estariamos a falar dun pau que sobresae dunha casa, dun alpendre, dunha parede...e que, en boa lóxica, non debería estar alí. Por extensión, ás veces, tamén se emprega para denominar un anaco dunha pola de calquera árbore que foi tronchada polo vento, pola acción humana,pola gravidade e, modernamente, por un xabarín.

CANTROCHO

Pode que alguén esté levantando un muro de pedra e diga:

-Trae ese cantrocho que me vai ben aquí neste buraco.

É unha pedra; pode ser grande ou pequena; non ten boa afeitura e, seguramente, sen unha cara "guapa";  con forma moi irregular.

ZALAMANDRO

-Voulle botar un zalamandro de lacón ao caldo.

Un zalamandro e, logo, unha cantidade grande  a respeito da situación sobre a que se aplica. Normalmente emprégase para sinalar unha parte de algo máis grande(xeralmente, un produto alimenticio): un zalamandro de touciño.

 Algunha vez oín chamarlle "zalamandro" a un ser humano. Non é educado nin delicado!

                                                                                                        Saúdos e saúde.

 

 

 

                                Bo día. Antes de empezar coas palabras correspondentes, quero enviarlles a todas as persoas que lean esta páxina, os meus mellores desexo para o 2021. En principio, non debería ser difícil mellorar ao 2020. Saúde e se toca a lotaría de reis, tampouco estaría mal.

CARTILOXO

            Cando eu era neno había en Navea dúas tendas e dous bares. Nun primeiro momento, as mercadorías viñan  "ao por maior" en enormes sacas de azucre, fariña, etc, que pesaban preto de 100Kg. Antes de que a estrada chegase ao pobo, o Raúl tiña unha chabola na Ponte(non sei se antes era do Luís). Alí descargaban e almacenaban os produtos. Logo estes apañábanos polo difícil camiño dos Rousos ata A Eirexa.  Un sufrido macho traballou arreo e, con frecuencia, o lombo humano contribuía.

Logo a xente ía á tenda por 1kg, 2kg...,que se pesaban na báscula ou na romana correspondente.

-Dáme tres kg de azucre.

-Póñochos en dous cartiloxos que en un non caben.

Daquela aínda non se coñecían as bolsas de plástico ou, cando menos, o se uso non estaba xeneralizado. O cartiloxo era, como a raíz do seu nome indica, de cartón moi resistente, ecolóxico e reutilizábel!

CAMBELEAR

-Véxote cambelear moito!  Diríaselle a alguén que, estando de pé ou camiñando, mostra signos evidentes de desequilibrio. Pódese cambelear por moitas razóns. Ás veces por dar un paso errado, o cal, normalmente, non ten consecuencias. Pode deberse a unha doenza física, psíquica ou de ambas, producindo un cambeleamento transitorio ou definitivo. Mais, o que inspirou a pintores, poetas, músicos, e mesmo libros sagrados é o producido polo alcohol. Milleiros de millóns de charlas, chistes, chanzas se teñen feito ao longo dos tempos. Ás veces tamén, dependendo do infractor, se dan mostras de comprensión e compaixón.

RÉCOVA

  É unha palabra que eu utilizo moito. Gústame!

-Ía unha récova de coches polo outro lado.

Récova ten dous significados; un é o de fileira, o feito de iren persoas, animais ou obxectos uns detrás dos outros. Pero, o significado máis acaído é o de unha cantidade grande, en termos relativos.

-Había unha récova de xente na Xuntanza estival de Navea(140 persoas). Se falamos dunha récova de xente paseando pola Ramblas  de Barcelona no mes de agosto, nun ano sen COVID, poida que fosen algunhas máis.

 ZÚNIGA

-Entroulle a zúniga de virse. Isto podería dicilo alguén que estivese na feira e tivese que adiantar o seu regreso pola "zúniga doutro humano".  É logo un desexo moi forte, case irrefreábel, de facer algo. Unha ansia moi potente. Emprégase moito para manifestar o desexo de mercar algo ou que cho merquen. Aquí contarei unha anécdota persoal.

Cando era un cativo tiña unha enorme zúniga de que me trouxesen un balón ou, cando menos, unha pelota de goma. Por fin chegou. Pegueille a primeira patada e espeteina nun choto dunha faba que estaba requichado. Unha desgraza!

                                                                                                     Saúdos e saúde

,

 

          Bo día dende Navea.

XARABEADA/XARABRIADA

     Ambas palabras se poden oír  no noso pobo. Eu emprego sempre a primeira.

-Onte caeu unha xarabeada impresionante!  Utilizamos esta palabra para referirnos a unha chuvia "non normal". Habitualmente é unha chuvia fina e fría, ás veces semellan cristais que se nos cravan na cara, en ocasións vén acompañada de  folerpas de neve e, fecuentemente,  aparece certo vento que axuda a aumentar a sensación de friaxe. É bastante habitual que se vaian turnando momentos de sol e de xarabeamento; por iso, dicimos:

-Leva xarabeando todo o día.

RAMPONIO

-Vente prá casa que vén o Ramponio e lévate!

Esta palabra emprégase, ou empregábase, na zona de Cruz e do Campo. É un ser mítico que ten como misión asustar aos nenos para que o seu comportamento se axuste á vontade dos miores. Deste xeito, os nenos corrían a refuxiarse antes de que tal ente aparecese.

    Persoalmente, eu tíñalle máis medo aos "gardas". Cando me ameazaban  con tales, non paraba de mirar cara a estrada do "outro lado" e xa os vía aparecer en cada coche que baixaba.

PELA

Ademais de ser un dos nomes que alude a antiga moeda de España, ten outros significados na nosa lingua. Por exemplo, forma conxugada do verbo pelar.

-Pela ben a mazá!

Tamén se refire á monda que recobre certos froitos, patacas,...

-Pela as patacas e dálle as pelas ao marrao.

Mais se está nesta sección é porque ten un significado peculiar. Diremos logo que é unha cantidade  de esterco que se saca dunha soa vez coa axuda dunha aixada ou dun rastro e, xeralmente, forma unha masa compacta.

-Vou á corte das cabras por unhas pelas de esterco. -Bota unha pela máis pra encher o cesto.

ENVIORCAR

-Enviorquei a pelota.

Enviorcar é mandar algo relativamente lonxe e, ás veces, con moitas dificultades para recuperar o treballo correspondente. Pode ter, xa que logo, o significado de perder definitivamente un obxecto.

Cando se xogaba á billarda na Cova, tiña moito mérito enviorcala cara á Navarega xa que, deste xeito, o rival dábache o xogo por gañado pola dificultade de atopar o citado e prezado aparello.

                                                                                          Saúdos e saúde.

Boa tarde. É o meu desexo para todos e todas. Como ben sabedes, a situación é dura.

Pero, imos ao tema. Novas palabras.

POTRALLADA

 -Déixate de potralladas!

Se empregamos esta expresión é porque alguén está falando, insinuando, propoñendo...algo con pouco senso, disparatado; tolerías!

Se dicimos: -todo isto é unha potrallada. Significa que todo o proxecto carece de sentido. E, se dicimos:-non di máis que potralladas. Estamos a dicir que a persoa en cuestión non goza de credibilidade.

ESCOZOFARSE

-O gato non para de escozofarse. 

Empregamos esta palabra cando un animal se envorquilla ou cando se rasca contra unha parede, unha árbore...Se o fai é porque ten algún proído, algún escozor...debido aos parásitos ou a outros problemas de saúde...

  Os seres humanos tamén se escozofan, inda que, xeralmente, empregan as mans para tal actividade.

CÁDIVA/CÁDEVA

É un utensilio, xeralmente feito de madeira; esta debe ser moi elástica, que non rache con facilidade(salgueiro vimieiro...). Cóllese unha póla de 20 ou 30 cm, dobrase ata que se cruzan os extremos. No punto de cruzamento, átase ou crávase polo que se fai unha circunferencia irregular. Déixase secar ata que se consolida. Lógo, préndeselle unha corda. Deste xeito, a corda esvara con máis facilidade á hora de enguar un feixe, polo que queda máis apretado para que non se desfaga ao telo no lombo.

-Faime unha cádiva pra corda nova que trouxen!

FOLELLO

-O pan hoxe saiu folello. Quere dicir que está oco, que se o apretas comprobas que case non ten máis que corrancha.

Pena é/era que á hora de comer un bandullo, tivésemos que recoñecer que estaba folello.

LAMAR

O substantivo "lama" é moi común no galego. Mesmo nós temos o topónimo "A Lama" e tamén o nome "lameiro" para designar aquel eido con herba verde debido á abundancia de auga.

Pero ademais nós empregamos o verbo "lamar".

-Xa lama o castiñeiro.  Estamos a falar do momento no que o zume(savia) "ferve", corre a "golforóns" pola planta. Nese intre, sepárase facilmente a casca da parte leñosa. Logo, pódes facer, por exemplo, un instrumento musical(vilimbrao, gaita, etc

*Tamén se podía facer unha variña moi feituca para certos usos escolares que é mellor non lembrar.

ENLAGORZAR/-ADO/-ADA

Se nun lugar hai moita lama(bulleiro) é que está enlagorzado. Nun terreo así vas enterrando os pés ao andar. Lembro moi ben como na Navarega estaba todo enlagorzado(regábase en Camba, O Moredo, Cimacevila...)

Tamén pode estar enlagorzado, de forma provisional, un terreo, por exemplo de pementos, se fose regado de xeito esaxerado.

-Non regues máis que xa está demasiado enlagorzado!

                                                                                               Saúdos e saúde.

 

Boa tarde. Aí van unhas cantas máis. Xa quedan menos!

ENCHAGORZADO(ver enlagorzado)

 

CHATOLEAR

 -Teño que chatolear as galochas.

  Cecais as persoas máis novas descoñezan que este calzado era moi empregado no medio rural galego durante a época de chuvieiras. O piso é de madeira dun grosor considerábel, pero, teñen dous problemas: o primeiro é que se esfarela con facilidade, polo que duran relativamente pouco; o outro é que esvaran moito, o que conleva certa perigosidade. Para aminorar estes problemas, hai que chatolealas. Este proceso consiste en espetarlle uns cravos debaixo e, as veces, nos laterais. Con frecuencia aproveitábanse latas, por exemplo de marmelo, para que a protección fose meirande.

Cando en Navea había efectivos dabondo, xogabamos, diariamente, ao fútbol. Cada quen empregaba as "botas" que podía. Mesmo había quen xogaba con galochas. Iso era unha enorme ventaxe xa que os rivais sentíanse intimidados ante tales armas.

CHOULAR

-Vou tirar este broio, xa verás como choula.

 Emprégase para referirse aos brincos que dan as pedras cando se fan rolar por un terreo de forte pendente. Pra min un dos mellores lugares para choular penedos é dende a "Pena da Santa". É un auténtico espectáculo ver choular os broios camiño do Valdosino...e do río.

    Tamén os seres humanos podemos executar esta actividade. Como mostra contarei un "choutamento" que levamos a cabo sete ou oito rapaces, vai aló moitos anos. Daquela aínda non había móbiles, nen tan sequera cámaras de vídeo(populares). Foi un auténtico espectáculo. Hoxe sería considerado un deporte de "alto risco" digno dos xogos olímpicos(peores eventos se ven).

Estabamos unha tardiña nas Parras, coma moitas outras, e de repente ocorréusenos. Alá nos fomos preto da Ponticela, ao alto de Cireixedo. Trazamos unha liña recta(visual) ata unha laga que nós tiñamos nas Covas. Demos a saída e iniciamos unha carreira  incríbel: saltamos paredes, choutamos por riba dos siveiros, afundímonos no bulleiro, enchagorzámonos na cavarca do Arroxo...Non lembro quen foi o gañador, pero todos chegamos nun tempo record. Que tempos!

Facendo memoria, lembro que o Manolo estaba, coido que o Ernesto, o Gabino da Lama e Arturo, tamén. E alguén máis inda xa me fallan algo as lembranzas.

ARREFELOAR-ADO/ADA

-Estás todo arrefeloado.

  Se alguén ten o pelo, máis ou menos longo, e non se peiteou; cecais os teña de punta, esté espeluxado(é moi habitual ao levantarse da cama); entón podemos dicir que está arrefeloado.

-Unha ovella que leva varios anos sen rapar, e non ten moi boa pinta, tamén está arrefeloada.

-Tamén hai algunha raza de gatos, moi peludos, que precisarían un peiteado para non estar arrefeloados.

                                                                 Saúdos e saúde.

   Boa tarde. Aí van unhas palabriñas máis.

PITEIRA

    Ademais de ter diferentes acepciós relacionadas coas galiñas, e mesmo se lle pode aplicar a unha planta espiñenta, o significado de relevo naveán podémolo estimar na seguinte conversa:

-Que tal che vai a ferida do xeonllo?

-Vai mellor, xa lle caeu a piteira,

Estamos logo a falar desa placa dura que se forma nas feridas e que as recobre durante o período de curación e, despois remata por caer cando se rexenera a parte danada.

   O galego normativo ten a palabra "bostela", pero, pra nós é, e será, espero, piteira.

GARFALLADA

Poida que estemos facendo unha fogueira e alguén diga:

-Bota tamén toda esa garfallada. Estaríase referindo a restos vexetais formados por pólas cativas, ou grosas, pero en estado de descomposición; follas...En xeral, restos vexetais aos que xa non se lle dá ningún valor.

Tamén a empregamos para aludir a froitas e hortalizas de aspecto ruín e, escaso, ou nulo, valor comercial,

-Esa  mazaira só dá garfallada.

Non é habitual, pero si a teño escoitado para facer referencia a seres humanos. Neste caso, é obvio que a persoa ou persoas aludidas non gozan da simpatía do falante.

-Iso...é todo garfallada!

TARAMANCO

-Botou á pota un taramanco de touciño.

Empregamos esta palabra para significar algo "grande", ou "moi grande" en termos relativos.

-Menos mal que o queixo era enorme porque papou un taramanco...

Como se pode apreciar empregámola fundamentalmente para as comidas, mais, podes dicir, por exemplo; -Colleu un taramanco que lle chegou ata velo e deixalo.  Podería ser un pau moi grande e con moito peso para a persoa en cuestión.

                                                                                               Saúdos e saúde

 

 

 

              Boa tarde. Estas verbas vai poucos días chegaron dende Barcelona, mais concretamente dende a "carrer de Còrsega". Temos moitos falantes nesa fermosa cidade que colaboran para que a nosa lingua naveá resista. Grazas polas súas achegas.

AMOUROAR

   Esta palabra é/era moi empregada nunha situación moi concreta.

-Amouroaron as ovellas.  Quizabes están acaloradas, coa cabeza metida entre os fentos ou entre a herba e medio paralizadas. O exceso de calor fainas adoptar esta posición. Logo, ao arrefriar un chisco volven "en si".  Lembremos como  a veceira saía cara ás doce do mediodía. No vrao, cando se chegaba, na serra, ao castiñeiro do Javier, as cabras amouroaban; Había alí unha cacho grande de uces, cheo de ocos que foran facendo as cabras e máis outros animais non domésticos.  Hai que dicir que os humanos non eramos menos, case  se pode dicir que amouroabamos máis. Que ben sentaba aquel fresquiño! e a primeira comida!

Non é infrecuente que se vemos unha persoa en estado de adormecemento a unha hora non habitual, se lle diga:

-Amouroas, ouh?

CHAQUELLO/A

Esta é outra das palabras que me soa moi ben, independentemente do significado.

-Cala, cala que pareces un chaquello!

-Só sabes dicir chaquelladas!

Cando unha persoa di chaquelladas significa que é un chaquello. Pode selo de xeito permanente  ou ocasional. Se é permanente ten certa gravidade xa que iso quere dicir que sempre fala sen tino,non di máis que parvadas, fai razoamentos excéntricos e pouco axeitados, sen "pés nin cabeza".

En xeral, enténdese que esa persoa non é de fiar, pero non ten malicia de seu nas súas chaquelladas.

CHOCOSO/A

-Puxéronme onte a vacina e estou algo chocoso.  Quizabes ten certo malestar, dores moderadas, algo de febre...Non está ben, pero tampouco está moi mal e, ademais, é de esperar que axiña se recupere. Emprégase moito para os arrefriados, gripes leves, etc. Se a doenza fose grave, xa habería que recorrer a outros termos.

CANGA

  É un termos, enormemente produtivo na nosa lingua, con moitas acepcións.  En Navea ten un significado moi concreto.

-Ten boa pinta ese "recimo", dáme unha canga. 

É, logo, unha das partes nas que se ramifica o acio(palabra desaparecida na lingua habitual de Navea; nós non temos nin racimos, senón recimos). 

O dicionario galego recolle a palabra "cangallo" con ese significado. Nós tamén empregamos cangallo, pero para refeirnos a uvas ruíns, con mala pinta, acios moi cativos...

-Vou vendimar esas cepas que só teñen catro cangallos.

                                                                                                        Saúdos e saúde.

 

     Boa tarde. Primeiro, reparar un pequeno erro cometido na entrega anterior: onde dicía "carrer de Còrsega" debería dicir "carrer de Sardenya". Pois ben, as palabras de hoxe proceden da mesma rúa.

SANGRÓN

-Vou afiar o sangrón que mañá teño matanza. É un coitelo moi longo, máis ben estreito, co cal se matan os marraos. Dado que é un instrumento fundamental para o matachín, este profesional cóidao e mímao para que desempeñe a súa función coa máxima eficacia. Para decatarse da lonxitude do trebello, se o matachín  ten algo de sorte e a puñalada é certeira, pode chegar ata o corazón; isto acelera moito o remate e sufrimento do sacrificado.

CHAMBARÍN

                                            Este utensilio é moi importante na actividade da matanza. Serve para colgar os porcos polas patas traseiras; depois pódese traballar comodamente, baleirándoos, sacándolles todos os órganos dos diferentes aparellos.

-Vou preparar dous chambarís que estes están algo deteriorados.

  Lembro que se usaba moito unha das madeiras máis duras e resistentes do noso ecosistema: o xardón. É necesario para porcos de douscentos ou máis kg.

PEGULLA(S)

-Aprovéitame ben todas as pegullas.  Cando espregamos este substantivo estamos a nos referir ás patacas pequenas e, moi pequenas que se aproveitan, fundamentalemente, para dárllelas aos porcos e a outros animais. As grandes son para os humanos.

  Por unha asociación obvia, ás veces emprégase para cualificar todo tipo de froitas.

-Esta cerdeira non ten máis ca pegullas(cereixas moi pequenas)

CASTAÑOLA

      É unha palabra con varias acepcións na nosa lingua. Mesmo un trebello que serve de acompañamento rítmico nalgunhas pezas musicais.

En Navea, castañola(s) ten, ademais, outro significado. Ao quitar a papada do porco aparece unha masa graxenta(pouco apreciada) e, mesturada, están as "castañolas". Son pezas duras, escuras, non graxentas e que, estas si, moi apreciadas polo seu sabor.

En canto saian as castañolas, botámolas ás brasas.

Debido á miña ignorancia ao respeito e, despois de consultar cun "esperto", todo parece indicar que os citados torrermos se corresponden coas parótidas que, como todo o mundo sabe, son as glándulas salivais.

*Tendo en conta a dificultade que supón entender a linguaxe marranil, non é doado apreciar cando un porco se queixa das papeiras.

                                                                                                                           Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

    Boa tarde. Unhas cantas verbas máis chegadas dende a rúa Sardenya de Barcelona.

DEBOUCA/DEBOUCAR

  -Mañá vou ao Seixo á debouca.   Cando empregamos este termo estamos a referirnos, na  inmensa maioría das ocasións, á poda dos castiñeiros. Falamos, logo de debouca cando se fai unha poda radical, de longos e grosos varelos.

  O instrumento, empregado, habitualemente, é a machada(modernamente úsanse as motoserras, inda que con certos receos pola súa perigosidade). Non empregamos esta palabra para referirnos a unha "poda normal" de pavieiras, pereiras e, moito menos, cepas; a non ser que arrasemos a planta e só lle deixemos o tronco.

O dicionario da RAG recolle o termo "demouca", porén, para nós é con "b".

ACHOU

-Na semana que vén, imos ao achou.  Significa que imos darlle a penúltima, ou cecais derradeira ollada á recolleita dalgún produto. Emprégase moito cos conchos e coas castañas...é dicir, produtos que non se recollen na árbore e que van caendo paseniñamente. Podese dicir cando alguén vai ao achou esta realizando unha actividade de "rebusca"

MARRUCA

     É un treballo moi contundente que empregamos, por exemplo, para cravar estacas, rachar leña atizándolle golpes e máis golpes a unha cuña.

-Teño que poñerlle unha hasta nova á marruca.

*Por certo, os nosos homenaxeados tiveron que zumbarlle moito á marruca para facer a obra coñecida.

TURBISCO/TURBISCADA

-Esta noite imos botar unha turbiscada.   Turbisco ou torbisco, turbiscada ou torbiscada; ambos termos se escoitan entre a nosa xente. O turbisco é unha planta pequena, unha matogueira cuxa cortiza ten usos medicinais. Pode meddir arredor de medio m. En Navea empregábase(vai alá moitos anos) para pescar grandes cantidades de peixes. Ten unha raíz moi grosa; esta machacábase, a base de paus, para que fose soltando a súa "substancia". Logo, lavábase na cachoeira e ía, polo río abaixo, envelenando o que pillase. Actúa sobre o osíxeno da auga polo que os peixes fenecían por asfixia ou intentaban subir á  superficie para respirar onde eran facilmente capturados. Primeiro sucumbían a troita e o peixe naveán e, finalmente, as bogas.

>Debe quedar claro que esta práctica foi habitual ata mediados do século pasado. Daquela unha turbiscada podía alimentar durante varios días ao pobo, polo que o seu uso estaba totalemnte xustificado.   Hoxe somos moi ecoloxistas e rexeitamos esas práticas.

                                                                                                                                 Saúdos e saúde.

 

Boa tarde. Nova serie de palabras que proveñen da rúa Sardenya de Barcelona.

CHAFELLAR

-Que andas chafellando?

  Esta pregunta faríaselle a alguén que esta realizando algo con pouco tino, ou mesmo estartelando algún artefacto.

**Dado que o dicionario da RAG recolle "chafallar", "chafalleiro" e "chafallas", co mesmo significado, remito aos posíbeis interesados a ese trebello tan útil.

ALOUBEAR

-Hoxe estou medio aloubeado!  Diríao alguén que nota certo desequilibrio, que a cabeza se lle vai un chisco, mesmo ten certos síntomas de vertixe.

   Tamén dicimos que un animal está aloubeado cando observamos un comportamento algo raro; por exemplo, dar saltos, voltas e reviravoltas, sen acougo.

* Cando os castrós se enfrontaban a carloucón limpo durante horas, o normal é que acabasen aloubeados.

AMANDILAR, AMANDILADO/A

-Espera que imos botar outra, ou estás amandilado?

         Era unha expresión que se empregaba con certa frecuencia. Mais, no século XXI, foi perdendo forza xa que engade connotacións machistas evidentes.  Case senpre a empregaban os homes cando, un ou uns, lle dicían a outro que estaba ou parecía amandilado. Significa, logo, que a muller  tiña dominado ao home; el debía seguir as normas de aquela e non podía sairse das ordes recibidas

**Que a muller estivese "amandilada" polo home víase como algo "relativamente normal". Hoxe,afortunadamente,  a situación foi mudado.

ALISCAR, ALISCADO/A

-Vaste aliscar!

-Estou algo aliscado!

      Utilizamos moito esta verba para referirnos a alguén que se pasou un chisco na inxestión de alcohol. A persoa en cuestión está algo "bébeda", ten un "puntiño de alegría", pero non é grave; mesmo, pode resultar graciosa.  Se o aliscamento fose grave, estariamos a falar de "borracheira", "melopea"...

CODRUÑO

Poida que alguén esté levantando un portelo con pedras de dimensións considerábeis e diga:

-Dáme ese codruño para meter eiquí entre estas dúas. É logo, unha pedra pequena, vai dende uns g ata uns kg, inda que, este peso é relativo; poderíaselle chamar codruño a unha pedra de dez kg se fose para colocar entre "broios" de media tonelada, ou maiores.

XINADO/A

Empregamos esta palabra en expresións como esta:

-É xinada á súa nai!

Quere dicir que é "igualiña", case se confunden. Actualmente poderiamos falar de "clon", máis, esta palabra non resiste a camparación coa nosa. Xinado, xinada é moito máis expresiva e humana.

                                                                                                                       Saúdos e saúde

 

 

Bo día. Nova morea de palabras chegadas dende a rúa Cerdenya de Barcelona.

FOLLATO

         É unha palabra que recolle o noso dicionario, con diversas acepcións; mais, en Navea, usámola, case exclusivamente, en situacións como esta:

-Vou a Santamariña por un feixe de follato.  O follato está formado por polas, ramas, gallas de castiñeiro que se cortan cando teñen follas para alimentar cabras, ovellas, coellos...Por extensión, ás veces, podemos dicir:-canto follato ten esta cerdeira, para indicar unha ramaxe moi exuberante.

CACARACÁ/S

     Case sempre se emprega o plural. As cacaracás danlle nome a un tipo de herba e a unha flor. Están formadas por unha variña vertical que vai dende uns cm a 1/2m da que colgan unhas campaíñas de cor rosácea. Estas flores son ocas por dentro e pódense coller,  nun dos extremos cos dedos polgar e furabolos, quedando dentro aire, que podemos facer estourar, resultando divertido.

-Cantas cacaracás hai este ano!

FREXEL/ES

     -Vou coller uns fréxeles para facer unha ensalada rusa.

    Esta é a parte comestible dunha planta denominada "feixón" que se desenvolve sementando as fabas. O froito está recuberto dunha vaíña e, cando o produto está ben tenro, é moi apreciado no mundo da gastronomía.

CHAMADEIRO/A

-Esta moza é ben chamadeira. Empregámola máis ben para referirnos ás mulleres, pero pódese empregar para ambos sexos. A persoa en cuestión chama a atención por algunha cuestión(estatura, cor dos ollos, forma de andar expresións diversas...). Probabelmente non acade tódalas características para ser considerada/o unha beleza, pero ten algo que fai non pase desapercibida/o.

REPINICAR

      Non confundir con "repenicar"; repenícanse as campás.

-Repinica, se queres!  Podería dicirlle alguén que estivese comendo un recimo de uvas, a outra persoa para convidalo. Significa ir ripando vagos de uvas dun acio.

-Está toda a viña repinicada. Cecais oa paxaros fixeron un traballo sen contar co visto bo da dona da viña.

RABOLEXO/A

-Ai, rabolexo, rabolexo!   Cando se lle di a alguén que é un rabolexo, significa que fai moitas cousas ao revés, que non pon interese en aprender, ten pouco xeito. Tamén se emprega neste contexto:

-Por onde andiveches rabolexando?  Puidese ser a pregunta que uns pais lle farían ao fillo despois de estar desaparecido todo o día.

                                                                                                               Saúdos e saúde.

 

  Boa tarde. Vai un novo grupo de palabras chegadas recentemente dende Vigo, despois de emigraren dende O Casar.

ENCALAPRINAR-ADO/ADA

-O/A...está encalaprinado/a.

 É unha das moitas palabras que empregamos para dicir que alguén está "bébedo". Dentro da secuencia de termos que usamos para falar das situacións etílicas, andaría polo medio, entre o máis suave:aliscado e o máis forte: borracho perdido.

BOSTAREGO/A

-O/A...é un bostarego/a.

   Representa un insulto. Estamos a dicir que a persoa é bruta de xeito integral: na súa forma de falar, nos seus xestos, nas súas accións...

FEDE

-Cantos fedes hai este ano!

   O nome deste animaliño dános unha idea clara da súa característica principal. É un insecto de cor verdosa, capaz de voar, inda que de pouco percorrido. Só que toque un instante nun lugar, queda impregando dun cheiro moi potente.

  Pronúnciese con (é) aberto para non confundilo co nome da nota musical

-Fasme un RÉ para o neno? 

É un xogo para xirar a un lado e a outro. Un fío enrólase e desenrólase arredor dun eixe. Podería asociarse á gama dos ioiós. Constrúese cun concho(noz) ao  que se lle fan tres buracos. Dous en liña recta e un perpendicular aos anteriores. Polos dous primeiros atravésase un pauciño redondo ao que, nun dos seus extremos, se lle pón unha aspa. Dentro  enrólase un fío que asoma polo terceiro buraco. Al tirar polo fío, xira o pauciño xunto coa aspa nun determinado sentido. Recóllese o fío pola inercia; repetimos a operación e logo xira no sentido contrario. E así ata que nos cansemos. Divertido!

LARANCA

-Vou ao Seixo buscar unha laranca de castiñeiro.

   Unha laranca é un pau, relativamente grande e pesado. Pódese empregar verticalmente, por exemplo: soster o teito dun chabolo que periga; tamén horizontalmente, por exemplo: apoiado  sobre uns galleiros para facer unha parra. E...

                                                                                           Saúdos e saúde.

 

Páxinas