Vostede está aquí

A LINGUA DE NAVEA

                Vou iniciar unha nova sección á que, coma sempre, estades convidados a participar.   Tamén podedes engadir, matizar...(mesmo unha palabra podería ter diferentes acepcións dependendo do barrio do pobo).

        Ninguén dubida de que a lingua de Navea é o galego. Como ocorre con todas as linguas, existen termos que se empregan nunha zona do país e noutras non. Eu quero lembrar unha serie de plabras, moi significativas, pola súa enorme forza fónica e semántica. Espero que non esmorezan de todo.

           Debo deixar claro que eu "nunca as ecoitei fóra do ámbito naveán", pero iso non significa que non existan ou existisen. Ben sei que hai dicionarios de varios tomos que inclúen termos dende  o nacemento da lingua ate o momento actual. Tampouco se trata dun estudo filolóxico-lingüístico sesudo, para iso xa están os expertos da R.A.G e do I.L.G. así como outros investigadores do noso idioma.

         Este é un sinxelo traballo de recopilación de palabras de uso pouco habitual, fermosas,  e  que aínda seguen vivas, polo de agora, en Navea. Ata cando?

         Empezarei hoxe coas tres primeiras.

    

DEXOBAR(SE).   Fai alusión á limpeza esmerada que se fai un a si mesmo, a outra persoa ou a obxectos e animais.

-Onte dexobouse moi ben        -Estivo dexobando no cobeto ata que brillaba                                    -Antes de ir á feira, voume dexobar

   Lembro ter oído: en cabeza de carneiro negro non vale dexobar.  É evidente que non fai referencia ao físico senón ao feito da imposibilidade de facer cambiar de opinión a unha persoa que non dá o brazo a torcer.

ESPAXOAR.  Este verbo vén a significar o feito de proceder a alonxar algo(xeralmente animais) para que non fagan dano, estraguen os eidos...

-Espaxoou as perdices da viña. -Tiven que espaxoar os gatos da porta da casa. - Pegueille uns berros ao xabarín para espaxoalo.

       Tamén se pode empregar para os seres humanos. -Espaxoono da casa.  Refírese ao feito de que alguén faga  os medios necesarios para "botar" da casa a algún pesado.

ENVORQUILLARSE.   Empregábase moito coas cabalarías(en Navea, case exclusivamente burros). Consiste en dar voltas á esquerda e á  dereita, xirando 180º sobre as súas costas no chan. Coido que o facían para liberarse dos insectos.

-Envorquillouse no lameiro.    -A ver se se envorquilla.

Lembro á xente facendo este comentario: hoxe gañou a cebada.  Eu penso que facía referencia á capacidade de dar varias voltas, mais non estou moi seguro.

  Tamén os rapaces e rapazas nos envorquillabamos, dando varios rolos pola chan. 

                                         Saúdos e saúde.

 

Artigos: 

Comentarios

  Novo grupo de palabras orixinarias do Casar.

ESCALDOIRAR

-Mañá teño que escaldoirar o lameiro de Camba.

   Cando a primavera avanza, a temperatura sube e a calor aumenta cómpre revisar e quitar as caldeiras para que a auga chegue a todas as embelgas dos lameiros; este proceso denomínase escaldoirar.

ESCARRABUÑAR

-Que andas escarrabuñando?  Podería dicírselle a alguén que tivese un proído, ou mesmo unha ferida e estivese rascando nesa zona.  Os gatos e moitos animais salvaxes escarrabuñan frecuentemente nos paus, árbores... para afiar as súas poutas.

*Cando alguén con poucos azos e menos entusiasmo cava raño, tamén lle podemos dicir que está escarrabuñando, non cavando, na terra.

 CHAFANDÍN

-O...é un chafandín.  É unha palabra invariábel de xénero e rara vez se lle aplica a unha muller, inda que non se descarta que haxa algunha "chafandina". 

É unha persoa na que non se pode confiar, bastante tola e vaidosa, con pouco xeito e ningunha cabeciña.

LOURIÑEIRA

-Vou baixar ao río pola louriñeira da Rocha. Inda qie nalgures se emprega louriñeira para designar as árbores, no caso de Navea, a árbore recibe o nome de loureiro e  "louriñeira" empregámola para referirnos á zona. o lugar ou o bosque cuxa planta principal é o loureiro.

COBACHA/COBACHADA

-Vouche dar unha cobachada!

  Cobacha é a parte de atrás do pescozo, entre os ombros e a caluga, polo que dar unha cobachada sería dar un golpe nesa zona. Tamén empregamos pescozada co mesmo significado.

CULEIRA

-Tráeme un saco da feira para facer a culeira. Foi un instrumento esencial para o traballo tradicional en Navea; sempre cargando feixes, sacas ou cestos ao carrelo. Ao saco, tea de forma rectangular, fánselle as dobreces axeitadas de tal modo que unha parte encaixe na cabeza e a parte máis grosa queda enriba dos ombros formando unha especie de coxín ou almofada na que se apoia o feixe ou o cesto; deste modo, inda que o peso non diminúa, non manca nos ósos nin roe na carne; así. o seu levar é menos adoecido.

                                                                                                   Saúdos e saúde.

 

   

Boa tarde a todas as persoas que se acerquen á nosa páxina.

ESMURUXA/ESMURUXAR

-Teño que facer a esmuruxa no Cepado/ Teño que esmuruxar o cepado.

   Podemos empregar o substantivo ou o verbo para aludir á mesma cuestión.  A esmuruxa e a "decrúa" son as accións que se realizan polo final do inverno ou no inicio da primavera de cara a preparar as terras para ser logo sementadas ou plantadas. Na decrúa cávase procurando darlle a volta aos terrós para que a herba quede por debaixo, inda que sen acadar a perfección. A esmuruxa é moito máis laboriosa, a terra queda garapinada. Faise un rego, ráspanse ben as herbas a ese rego e logo cávase toda a terra de tal xeito que a herba quede totalmente enterrada.

ACUBILLA

 -Mañá temos que facer a acubilla en Riocobo.  O verbo acubillar é moi produtivo na nosa lingua, pero o que debemos salientar aquí é o substantivo "acubilla". Empregámolo, fundamentalmente, en labores relacionados coas cepas. Consiste en facer unhas gábeas moi fondas, enchelas de esterco e estrado e  tapar logo coa terra que antes sacamos. É un traballo duro, hai que padexar moito, pero, as cepas agradecen ese alimento extra.

Ás veces tamén se facía a "acubilla" para sementar logo a remolacha; con regos bastante fondos que se enchían coa herba raspada e con esterco, cavando a continuación a terra. Posteriormente sementábase, esparexéndolle unha capiña superficial de esterco.

PAREDÓN

   Como o seu nome indica, pode ser unha parede grande. Mais, este non é o significado que nos ocupa. Un paredón é unha porción de terreo delimitado e separado de outra. A separación pode ser mediante unha parede, alta ou baixa; mesmo os paredós poden estar ao mesmo nivel separados cun carroucho, cunhas pedras ou uns louxós.

-No eido da Costa hai seis paredós.

CAVARCA

-Hoxe non trae auga a cavarca de Cansacabras. É, logo, unha depresión do terreo pola que discorre auga, pero, non sempre. Esa é a diferenza entre regueiro e cavarca. O primeiro é un río pequeno e a segunda, con frecuencia, nos meses de calor, seca; ben é certo que medran rapidamente cunha tronada ou calquera chuvia forte.

ESCAVORCAR

-Coidado que che escavorca!  É un verbo que forma parte do dicionario da RAG. En Navea empregámola para un feito, case sempre. Cando regamos unha horta e a auga non cabe no rego, debrócase, se non se lle pón remedio e fai algunha avería. Arrastra a terra superficial e quedan ás vistas as patacas, as leitugas arrincadas, as fabeiras polo chan...                                                                                                  Saúdos e saúde.

Boa tarde. Aí van unhas cantas palabras máis.

PONTIXOLO

-Marchou o pontixolo do Portovello.  Seguramente houbo unha enchenta e a auga arrastrouno regueiro abaixo.

É unha pequena ponte feita ás présas, sen moito miramento estético e, ás veces, sen moita seguranza. Xeralmente está formado por dous paus que se colocan en paralelo atravesando o regueiro e unha serie de paus máis cativos cravados perpendicularmente. Algunhas veces tamén se lle poñen pedras ou louxós para que non queden ocos que poderían provocar accidentes.

 *Por certo, xa non hai pontixolo na Ponticela; ben estaría reconstruír unha ponticela na Ponticela.

ACOLLEDEIRO/ACULLIDEIRO

-Hai  que preparar un acolledeiro en Lama Amarela.  Calquera dos dous termos se usan. Como o seu nome indica é un lugar para acollerse(protexerse das inclemencias meteorolóxicas).  Hai acullideiros nos que non intervén o ser huamano, como son covas de animais ou covas propiciadas pola erosión; outras, son produto dos humanos que necesitan protexerse ao atoparse no monte ou na serra facendo os labores pertinentes.

CANADO

-Teño un cobeto de de oito canados de mencía. Este termo é moi empregado na nosa lingua e en moitos lugares do país. A diferenza do canado naveán é que ten unha capacidade de 44 litros mentres que o doutros lugares está entre 32 e 36 litros.

Queda claro, logo, que é unha medida de capacidade que se utiliza/aba fundamentalmente para os viños, e ademsis identificamos os cobetos, cobetas e tinas en función do número de canados que poden conter.

ESTOUZAR

-Non paras de estouzar! Poderiamos dicirlle isto a unha persoa que habitualmente traballa moito, demasiado...

-Está estouzado! Sería o mesmo que dicirlle que está rebentado, que traballa en exceso; mesmo está esgotado.

ZONXO/A

-Estas sabas están algo zonxas!  Significa que non están ben secas.

-Canto pesa este feixe!    -Claro, trala herba zonxa!   Se un feixe de herba pesa máis do normal, posibelmente non esté completamente seca.

No vrao, se un madruga moito e vai por un feixe de estrado, cecais os fentos esten zonxos polo orballo.

CARRAPOLA

-Este repolo non vai ir adiante, ten carrapola. É unha enfermidade cuxa manifestación máis visíbel é un abultamento na raíz; unha especie de verruga que vai crecendo. A planta vaise murchando e acaba por falecer.

<Din as espertas que esta doenza se desenvolve ao regar a unha hora inadecuada, cando vai calor. Segundo isto, débese regar pola fresca. Así que, xa o sabedes!

                                                                                                  Saúdos e saúde.

 

  Boa tarde. Vai un novo grupo de palabras cuxo orixe está no Casar.

AFURRACAR

   Esta palabra empregámola, non para indicar a acción de facer buracos, senón para incidir ou actuar sobre un buraco feito previamente. Neste burato puido intervir a mao humana ou ser produto doutros seres.

-Non cicha! Hai que afurracarlle ben!  Esta frase podería dicila alguén que esté intentando sacar viño ou mosto dun cobeto, pero o bullo impídeo ou dificúltao. Tamén poderiamos afurracar, cun choto, no boqueiro dunha laga intentando que a auga saia.

* Non é aconsellábel afurracar nun buraco  que houbese na cañota dun castiñeiro se tivese un avespeiro.

CAFAROCHA

-Ímonos meter naquela cafarocha!   Case con toda seguridade que estamos  a falar dese espazo oco que hai no interior dalgúns castiñeiros centenarios e que se vai formando paseniñamente.

Por extensión, falamos de cafarocha para aludir a calquera tronco dunha árbore cunha cavidade.

ACERRETAR

-Vou acerretar os cans. Este verbo empregámolo, case en exclusiva, para provocar enfrontamentos entre os cans. Mais tamén,  destes contra outros animais e, mesmo contra as persoas.

Ás veces tamén facemos uso deste termo para referirmonos a enfrontamentos entre humanos. Lembro algúns casos, sendo cativos, na escola, como os maiores acerretaban un/s pequeno/s contra outro/s.

BERRALLOU

-O...é un berrallou!  É Unha persoa que berra moito, máis do razonábel, que non sabe falar "normal", que se alporiza con facilidade.

*Dado que vai uns anos non había móbiles, case todo o mundo facía prácticas "berrallouantes" para as comunicacións a media e longa distancia.

CHAFAROTE

-Trae o chafarote que imos dar unha volta pola serra. Neste caso, chafararote, alude a unha escopeta convencional de caza.  Tamén se emprega para referirse a un trebello: pistola, pistolón..., seguramente non operativo; case coma unha peza de museo que alguén teña gardado procedente da Guerra Civil, ou mesmo de épocas anteriores.

                                                                                                                                    Saúdos e saúde.

 

Boa tarde.

     Despois dunha longa tempada de ausencia, voltamos para colaborar con esta nosa páxina(que visitei asiduamente). Algunhas persoas me preguntaron sobre a cuestión e manifesteilles que se debía á falta de inspiración e a certa preguiza. Mais, chegou o momento de retomar a sección, por se for do interese de alguén. Os amigos dirán que si; eles están, entre outras cousas, para dar ánimos, e agradécense.

Aí van logo cinco máis.

CACHAPELO

    Esta palabra é bastante habitual no galego. Vén a significar algo ruinoso, de escaso ou nulo valor; que xa non vale pra nada, ou case.  Nós empregámola, case en exclusiva, para referirnos a treballos, máquina, utensilios...

-Vaia cachapelo que tés!   Podería dicirselle a alguén que tivese un coche ao que lle caesen as pezas a cachos.

  Tamén se lle pode aplicar ás persoas, inda que é pouco habitual e moi ofensivo.

ENCENDEDALLO

-Trae un encendedallo que imos facer o lume!   Estamos a falar dun material combustíbel, arde rapidamente e fai chama con facilidade; ben é certo que se consome nun "santiamén". Os materiais que tradicionalmente se empregan como encendedallos son a carqueixa(moi valorada), o carpazo, a xesta...

   Dado que a modernidade e a globalización vai colonizando todo, hoxe empréganse unhas "pastillas" especialmente preparadas para tal efecto(moi eficaces, pero, menos ecolóxicas).

CERREGUIZO

-Dóeme o cerreguizo! Levei un golpe no cerreguizo!   Esta palabra oíase con relativa frecuencia no noso pobo; por exemplo, me tío Justo empregábaa para referirse á zona lumbar; pero, curiosamente, outras persoas utilizábana para a zona cervical. Coido, logo, que o falarmos de cerreguizo, estamos a aludir ao espiñazo en calquera lugar do seu longo percorrido e, tamén, das zona adxacentes.

CHAPLETADA(S)-CHAPLETA(S)

-Es un chapletas! Non dis máis que chpletadas!  Empregamos estas palabras para referirnos a alguén que non di, nin fai, cousa amañada. Xeralmente aplícaselle a unha persoa que actúa sen ánimo de facer dano, pero, pode facelo, sen intención, ao dicir, ou facer, chapletadas que afecten a outras persoas.

ENZALAPASTRAR-ADO/ADA

   É posíbel que alguén vaia a un eido coa intención de taballar en calquera tarefa agrícola e diga:

-Non se pode facer nada que está todo enzalapastrado.  Choveu dabondo e a terra, follas, herbas, pólas... están chorreando.

Tamén se lle aplica ás persoas en certas situacións. Por exemplo, cando alguén lle recrimina a outro/a o estado no que se atopa.

-Mira como vés, todo enzalapastrado!

                                                                                                    Saúdos e saúde.

Albizaras!  Xa temos, de novo connosco, o mestre. Ánimo e adiante.

Saúde e boa biaxe.

                    Boa tarde.

                                  Estamos, en Navea, nun momemto de moito estrés, cos nervios a "flor de Pel"(non é orixinal). Como  saben tódalas persoas "do mundo", estase a punto de producir un evento de enorme magnitude e trnascendencia: a vendima. Espero que sexa o inicio de moitas "alegrías" vindeiras.

APIOUCAR

-Vou apioucar unhas cereixas. Significa, obviamente, que vou coller cereixas. Porén, xeralmente, amosa que hai certa dificultade, que non están doadas de coller.

Se dicimos:-temos que apioucar unhas castañas, estamos aludindo a que presentan algún problema, ben sexa polo seu pequeno tamaño, ou pola súa ubicación; cecais hai que dobrar, e ás veces, forzar, o cerreguizo.

ENGARRAMPALLAR-ADO/ADA

  Utilizámola para dicir que algo se enlaza, engarza e, xeralemnte, trepa por un pau, arame, casa...

-Mira como se engarrampallan as vides polos arames. Van gabeando de arame en arame.

A mostra de engarrampallamento máis evidente que teño observado no mundo vexetal naveá son as hedras que soben polas paredes verticais agarrándose coma lapas. As silvas tamén son mestras no engarrampallamento.

ARGUMAÑO

-Metéuseme  un argumaño nun ollo. Todos sabemos que calquera "cousiña", por moi cativa que sexa, nun ollo, molesta. A esa "cousiña", habitualmente, dámoslle o nome de argumaño.

   Tamén a empregamos para referirnos a calquera  obxecto pequeno que poida obstaculizar, obstruír ou dificultar a circulación de líquidos por algún conduto.

-A billa do lavabo debe ter un argumaño que non bota ben.

APARTOLECER

   Esta palabra empregámola en contextos coloquiais como sinónimo de aparecer.

-O Celidonio quedeou en vir, pero non apartoleceu. Adoita mosar certo resentimento ante a incomparecencia do suxeito aludido.

CULIMALLA

-Vaia culimalla que hai! Se pronunciamos esta frase, estamos a referirnos a unha ou varias persoas que mostran un comportamento pouco axeitado. Non son de fiar.

Cando se fai referencia  a pequenos e pequenas. -non hai quen poida con esta culimalla. En xeral hai  certa comprensión no falante, dando a entender que son trasnadas habituais para esa idade.

                                                                                                                                       Saúdos e saúde.

 

                 Boa tarde a tódalas persoas que se acerquen e lle den unha ollada a esta páxina. Aí van unhas cantas palabras máis. 

ACARRAMELEAR

-Non sei que andas acarrameleando?  Diríaselle isto a alguén que anda facendo algo con desleixo, sen tino, con pouco xeito. Tamén se emprega cando as forzas físicas non acompañan polo que a actividade a desenvolver é cativa ou infrutuosa.

-Vin ao/á..., que andaría acarrameleando por aí?  Formulada a cuestión deste xeito e coa entoación axeitada indica a existencia dunha dúbida acerca das intención da persoa en cuestión; é posíbel que "algo" oculte.

DESVALEXER

-Xa non se desvalexe!  Dura frase que agocha unha terríbel realidade: a persoa en cuestión ten moi mermadas as súas capacidades de movemento e presenta moitos problemas para a  realización das diferentes actividades que a vida cotiá nos esixe. Seguramente depende dos demais.

ENXANGADO/ADA

       No dicionario da RAG aparece o verbo enxangar cun certo significado. Nós só empregamos o participio e cun sentido moi concreto. Vexamos esta oración.

-Hoxe non poido ir traballar, estou enxandado de todo.  Ten algún problema no lombo, nos cadrís, nas pernas...que lle impide dobrarse, camiñar, traballar...Cecais lle renxen as articulacións.

GROLLUDO/A

-As pavías aínda está grolludas!  Significa que esta saborasa froita aínda está algo verde, que non acadou a o sabor esperado, non chegou á madureza axeitada.

Tamén a empregamos en frases como esta:

-O polbo aínda está grolludo. Neste caso, a xuízo de quen fala, aínda está duro, fáltalle un tempo de cocedura.

FATUAXO

     Xeralmente alude a unha prenda de roupa de ruín calidade, moi gastada, rota...

-Para ires á cava, váleche este fatuaxo.

Mais, ás veces, empregámola para referirnos a unha peza de roupa calquera o que nos dá unha visión de présa ou urxencia, onde a roupa é algo secundario. Vexamos:

-Lávate e pon un fatuaxo calquera que marchamos ao Folión.

                                                                                                      Saúdos e saúde.

 

   Boa tarde. Aí van unhas cantas máis.

ALFÓNDREGA

      A palabra alfóndrega emprégase en situacións moi específicas, cando o falante amosa unha carraxe moi forte cara á persoa aludida.

-Que dirá esa...alfóndrega!   É probábel que estivese referíndose a unha persoa de movementos torpes, cun peso esaxerado, escasa habilidade motriz...

*Persoalmente, recomendo non empregar esta palabra, a non ser que sexa estritamente necesario, debido a que é extremadamente onfensiva.

AMASTRALLAGAR

-Entrou o xabarín na viña e amastrallagou todas as uvas.  Neste caso, o xabarín foi de cepa en cepa probando, metendo os acios na boca e, probabelmente, por estar verdes, non as comeu, pero, deixou a vendima feita.

  Tamén os seres humanos poden amastrallagar. Agora non é habitual nas nosas latitudes, pero antes había persoas sen dentadura; xa que logo, tiñan que amastrallagar a comida un bo rato antes de podela enviar. Tamén pode darse o caso de que alguén sexa convidado a comer; ostras, por exemplo; non lle gustan, mais "por educación" mete unha na boca e amastragállaa... ata que atopa unha solución.

PILDRE-PILDRAR

   Pildre é unha das palabras que se empregan en Navea para referirse ao lugar onde remata o aparello dixestivo.

-Saíulle un gran no pildre.  Usámola en contextos coloquiais, de confianza. O dicionario da RAG ten dúas palabras para  denominar este lugar: "cu", que en determinadas situacións pode resultar forte e "ano" que pode resultar algo "fino".  

O Substantivo leva aparellado o verbo "pildrar", cuxo significado non precisa explicación.

GORROMELA

     É unha palabra viva nalgunhas zonas de Galiza e, se está aquí é porque en Navea ten certos matices diferentes no seu significado. Poida que alguén esté comendo unha mariscada e diga:

-Hai uns alí que nos están mirando, Téñennos gorromela!

Un ou unha ten un "ferrari" e prgúntalle a quen esté mirando.-Que, tes gorromela?

Xa que logo, ao desexo de posuír algo, que é o significado maioritario, engadímoslle a idea de "envexa" e non moi sa!

REBOZADA

             Cando o lector vexa esta palabra cecais pensará que nos estamos a referir ao participio do verbo "rebozar", como cando se fai unha "pescada rebozada". Esta acepción por obvia; non é a que nos interesa. Fixémonos:

-Vou dar unha rebozada, vés?  Estamos falando, logo, de dar unha volta, facer unha camiñada, un paseo. Normalmente falamos de traxectos curtos, inda que tamén se pode ir dar unha rebozada por Barcelona.

                                                                                                                                    Saúdos e saúde.

        Boa tarde de preinverno. 

MAROUBA/S

É unha verba que está no noso dicionario co significado de "froita do lodoeiro".  É merecente de estar nesta sección porque, inda que en Navea non ten esa significación,está moi viva e non é doado atopala noutros lugares.

Úsase moito en frases como esta:

-Vou ao Chelo por un feixe da cerdeira, que son maroubas. Chamámoslle, logo, maroubas as cereixas(iñas) que proveñen dunha cerdeira sen  enxertar. As maroubas son pequeniñas e escasamente soborosas.

E, algunhas veces, empregámola para calquera outra froita (peras, mazás...) provintes de plantas que non foron enxertadas, polo que teñen un escaso ou nulo valor gastronómico.

ESVERDELLA

Existe o verbo "esverdear", inda que nós apenas  o empregamos. Non obstante, o substantivo "esverdella" é moi común. 

-Mañá facemos a esverdella.  Seguramente nos atopamos a comezos de setembro e estariamos dicindo que imos vendimar os primeiros acios para facer un pouco viño, andes da vendima definitiva.

Debido á relación existente, ás veces, empregámola para as primeiriñas froitas de collemos de calquera clase: cereixas, kiwis, claudias...

ENGORROPITADO/A

-A chaqueta quedou engorropitada. Poida que a lavásemos, encolleu e o seu tamaño quedou mermado. Fundamentalmente emprégase para pezas de roupa e teas en xeral.

Cecais nos estemos bañando no Largo, faga bastante friaxe e a pel se nos enrugue; neste caso, tamén estaría engorropitada.

CALOCA/S

Pronúnciese con Ó aberto para que acade o significado axeitado. Úsae moito coas froitas, fundamentalmente coas castañas.

-Vouche dar unha castañas, inda que xa está calocas. Nesta circunstancia, ao apalpalas, están brandas porque a casca separouse da parte comestíbel, quedando un espazo baleiro. Son doadas de pelar e, xeralmente, son adecuadas para comelas crúas.

Ás veces, empregámola para referirnos a outras froitas, cando están un chisco "pasadas", "queimadas", "azorolladas"...  Tamén a utilizamos para dicir que a leña non está totalmente seca pero está "algo", polo que xa pode arder.

DOBANAR

   Empregamos este verbo para referírmonos a alguén que está realizando algunha actividade, a xuízo do falante, "sospeitosa".

-Que andas dobanando? Podería preguntarlle alguén a outra persoa que anda no eido do primeiro, cecais "roubando" unha pavía.

Poida que dúas persoas estén falando e unha diga:

-Non sei que anda dobanando o/a...por... todas as noitiñas. Sen dúbida, subxace a sospeita de que a persoa en cuestión está metida en "asuntos túrbidos".

                                                                                                                 Saúdos e saúde.

Bo día para tódalas persoas...do mundo. Aí van unhas palabriñas máis.

ENGACILAR

-Que andará engacilando o gato?   -Anda ensaiando, a ver se lle chega aos chourizos!

   Este verbo ten o significado de asexar, buscar a maneira de conquerir algo, pero, cando a acción xa está en marcha para acadar un obxectivo(no exemplo, papar os chourizos).

   Puidese darse o caso de que os seres humanos tamén "engacilasen" cara unhas metas que, dadas as circustancias, non serían precisamente honradas.

ESBURRIAR

-Para de esburriar que vas botar a porta abaixo!

-Axúdame a esburriar esta pedra que igual lle cae a alguén na cabea.  Ten, logo, o significado de empuxar, xeralmente coas mans, con moito esforzo e adicación.

*É coñecido o caso dun veciño de Navea, moi cabreado co seu burro que, habilmente(o burro) zampouse ao chan para non traer a carga de uvas da Borrén. Alá, polas Penas da Cancela, esburriaba no burro para que se esnafrara por aquel valicorpio abaixo. Non o conseguiu!

BRASIDIO

     Seguramente unha persoa fixo moito lume, pola causa que fose, e alguén lle diga:

-Vaia brasidio que fixeches, poderías asar un xato!  Estamos a falar dunha morea de brasas acesas que quedan namais rematar de arder a leña.

   Tamén é posíbel que estemos queimando os restos da poda e as cantidades sexan moi grandes, polo que se podería advertir:

-Hai que ter coidado, queda moito brasidio!

<No DRAG aparece "brasido", mais non recolle a nosa acepción de "cantidade" á que fai referencia o noso brasidio.>

TARAMOUCO/A

-O/A ...parece un/unha taramouco/a. Alude a unha persoa que apenas fala cos demais, case non se relaciona con ninguén, fálaslle e non responde, parece que está sempre "cabreado".

   Tamén fai referencia a alguén que ten ideas fixas, que endexamais cambia de opinión, inda que as evidencias mostren outro camiño.

ENXARNICAR

Alguén vai mondar un eido, por exemplo a Casenando, pero sen moita convicción, poucas gañas e escaso resultado, polo que di:

-Andiven enxarnicando por Casenando e non fixen nada. (Realmente, "non fixen nada" non sería necesario especificalo, estaría explicitado no verbo enxarnicar)

Non é moi positivo se alguén nos di:

-Enxarnicas, enxarnicas e total, Pra nada!

                                                                                                            Saúdos e saúde.

      Despois dunha longa ausencia, estamos de volta nesta nosa páxina para aportar "algo" por se fose do interese dalguén. Imos logo.

ZÓRNEGO

-Coidado con ese zórnego!  Imos andando por un terreo coa vexetación alta: carpazo, carqueixa, herbas varias... e aparece un choto requichado, e non se ve, polo que pode espetársenos no  pé, na perna...

-Cótalle tamén ese zórnego!  Posibelmente estemos podando unha árbore e quede un toco sobresaíndo; isto pode supoñer un certo perigo para a saúde, xa que logo, é convinte eliminalo.

CASUPELA

-Merquei unha casupela na Coruña!  Esta palabra empregámola cando queremos facer referencia a unha vivenda(casa) que, normalmente, se atopa nunha situación deficiente; polo tanto, debemos facer reformas para poñela nun estado óptimo de habitabilidade.

Tamén a usamos en situacións como estas:

-Estiven facendo unha casupela para o can, gato... Neste caso sería un pequeno alboio para resgardecerse das inclemencias meteorolóxicas.

RACIAS

É un substantivo que empregamos sempre en plural xa que non adoita ocorrer unha soa "racia".

-Mira que racias veñen de Rome. Ocorre nos días de temporal, agora  "danas" ou "cicloxéneses explosivas", nos que a choiva vén acompañada dun vento forte ou de mediana intensidade. En certos casos, o vapor de auga faise visíbel formando ondas que o vento vai empurrando. Estas ondas visíbeis de vapor, desparazándose,  son o que denominamos "racias"

ENFERADO/A

-Hoxe os marraos non comeron, deben estar enferados. Estariamos  a empregar esta palabra para indicar que os porcos non comeron, ou comeron con poucas gañas; cecais estén fartos e non lles caiba máis comida, ou aquela lles causou algunha doenza gástrica.

O humanos tamén podemos estar enferados. Pola matanza, despois de varios días comendo moito porco, é habitual dicir:

-Vou cocer uns grelos pra desenferar. Neste caso a persoa está cansa de comer carne e necesita un produto que neutralice a excesiva inxesta de proteínas e graxas.

                                                                                                          Saúdos e saúde.

   Boa tarde a todas as persoas lectoras desta páxina. E boas vacacións para aquelas que, neste intre, as estén disfrutando. Imos logo cunha nova entrega.

ACALLOAR

              Este verbo, que recolle o DRAG, co significado de "entrar en ebulición un líquido". Nós, para este proceso, empregamos escachoar. Logo, se está nesta sección, é porque, para nós, ten outro significado. Vexamos:

-Non para de acalloar!

-Que andará acalloando por eiquí?  Significa que alguén anda por camiños, eidos, congostras, leiras...sen razón aparente, a xuízo do observador, claro. Pode ser sospeitoso/a de andar a procura de "algo" que non lle pertence ou, sinxelamente, perdendo o tempo.

XOUMELA

       Empregamos este termo como sinónimo de "choumela", inda que, nalgures, hai matices e mesmo significados diferentes.Usamos, xeralmente, o feminino, inda que tamén poida haber, e hai, "xoumelos"

-A...é unha xoumela. Fai referencia a unha persoa con poucas forzas, sen enerxías, que, habitualmente, vive cansada, esgotada...

Tamén pode haber animais "xoumelos".

- Esta gata parece unha xoumela. Se está sempre miañando, implorando comida, pero non compite cos demais gatos  nin a procura por si mesma.

PIRRALLADA

-Isto é unha pirrallada! É un termo coloquial que empregamos para dicir que algo está mal feito, mal arranxado...Vén sendo sinónimo de de "trapallada".

-Mondaron a estrada?  

-Nada, unha pirrallada! Andiveron enxarnicando e quedou peor do que estaba.

ESPALECERSE

-Vou dar un paseo para espalecerme.  Poida que se levantase cansado, confuso, sen forzas, e sexa necesaria esa camiñada para "espertar" e coller algo de vida.

Ten, tamén, outros matices, como se pode apreciar nesta frase:

-Foi uns días de vacacións para espalecerse. Seguramente, esa persoa estaba esgotada pola rutina do traballo cotián durante meses e necesitaba cambiar de aires para rachar co estrés habitual.

                                                                                                                         Saúdos e saúde.

 

 

 

 

-

 

      Boa tarde dende estas terras de Navea. Ao recibo desta mensaxe, espero que todas as persoas que se aproximen a esta páxina se atopen ben. Imos logo:

 APOLISCAR(SE)

      En navea, tódolos domingos e festivos, a grande maioría das persoas asistían aos oficios relixiosos.  <Temos unhas fermosas campás que se tocaban tres veces por oficio: 1h antes, 1/2h antes e para convidar a entrar> A xente, ao soar a primeira, podía dicir: 

-Voume apoliscar que xa tocaron a primeira. Significa, xa que logo, asearse poñendo as mellores roupas.

     Tamén se apoliscaba e nos apoliscabamos cando ían/iamos a algunha festa, convidados, ou non.

-Hai que apoliscarse para ir ao San Paio. < Por certo, cando un ía como convidado a unha festa dicíase que tiña "onde atar a burra" Para alguén alleo a Navea que lea isto, explicaremos  que a burra non ía "baleira", senón cargada con produtos naveáns: leitugas, cereixas, ameixas, figos, brevas...) Este era o agasallo que se lle facía aos anfitrións>

TABANTEIRA

-Vaia tabanteira que lle pegou. Non terá o covid?     Debido ao proceso pandémico no que aínda nos atopamos é doado pensar que este "bichiño" ten algo que ver. Porén, dende séculos atrás temos constancia da existencia de tabanteiras; eu diría que dende que o aparello respiratorio forma parte do corpo humano.

 Unha tabanteira é, logo, unha tose forte que se prolonga durante un certo tempo e que provoca que a persoa afectada pase un momento complicado.

ESPESCOZAR(SE)

-Mira como se espescoza. 

           Se alguén se espescoza é porque estira e remexe o pescozo co obxectivo de evitar obstáculos, que poidan haber diante. Deste xeito, a persoa en cuestión pode mellorar o seu campo de visión e, fundamentalmente, ser vista, fotografada ou captada polas cámaras de tv. Hai persoas cunha enorme habilidade, neste eido, xa que para as súas profesións, traballos, afeccións...o espescozamento élles moi útil.

*A modo de brincadeira, direi que, dentro do mundo animal, as xirafas espescózanse con moita elegancia.

ESCAZURRIR(SE)

-Xa o tiña( o coello...) na mao, pero, escazurríuseme.   É dicir parecía que xa o tiña ben agarrado, inda que, ao final, zafouse. <As anguías escazurríanse con facilidade debido a ese corpo tan lamacento e viscoso>

Os humanos tamén poden escazurrirse: -Vin un momento á Uxía na festa, pero logo escazurríuse. Foi "visto e non visto". Naturalmente, o escazurrimento pode ser voluntario se a Uxía non quería que o encontro se producise.

                                                                                                                              Saúdos e saúde.

 

  Boa tarde dende Navea. Imos cunha nova xeira de palabras.

RAÑO/A-RAÑEIRA

 Podemos atopar no dicionario o substantivo "raño" para referirse a un trebello que empregan os labregos e tamén as persoas que se adican a traballos de marisqueo e outras tarefas no mar. Nós non empregamos "raños" senón instrumentos semellantes con diferentes nomes,

Agora ben, usamos o adxectivo "raño" en frases como esta:

-Imos ao pozo de Lama de Sando que alí é raño e poden meterse os pequenos. Como o lector xa adiviñou engade o significado de pouca profundidade. Ás veces utilizamos o nomne "rañeira"  para a mesma idea. -Na rañeira de Coído estase moi ben que non cubre.

Tamén se pode escoitar nunha expresión como esta;

-As patacas están moi  rañas e,ao regalas, quedan ao descuberto. É dicir, están case na superficie.

TINFA

-Pillou unha tinfa!  - Estás atinfado!

Empregamos esta palabra para referirnos a algunha doenza relacionada coas vías respiratorias que, en xeral, dura pouco tempo e non reviste moita gravidade. Podía ser unha especie de "catarreira" ou "gripe suave". Non a empregamos para outro tipo de doenzas como traumatismos, tumores, infeccións graves...

FIÚZA

Esta palabra aparece no dicionario galego como "fe en algo ou alguén". Nós non a usamos con ese significado, pero si pode escoitarse en frases como esta:

-Vaia fiúza que fixo!  Pra esa fiúza! Alude a un traballo, un labor, unha actividade...feita con escasos resultados; o produto acadado foi bastante deficiente, polo menos, a xuízo de quen fala. Segundo a énfase posta na expresión podería, mesmo, resultar que o resultado foi un desastre.

MURMIA

    Pode atoparse nalgún dicionario co significado de "grande cantidade de persoas". A nós, ese uso, parécenos algo despectivo. Mais, si que a empregamos para dar unha idea de "grande cantidade" de animais, produtos agrícolas...

-Nesta zona hai unha murmia de xabaríns. (cantidade moi grande, unha praga)

-Teño unha murmia de patacas, mazás... Cando nos referimos a produtos agrícolas, ademais de cantidade grande, alude, tamén, a certo grao de deficiencia:ruíns, pequeniñas...

ENZARRANQUILLAR(SE)

-Viña andando, enzarranquillou o pé nunha silva e caeu.

-Non sei como fixen, enzarranquillei os pés e marchei da parede abaixo.

Xa que logo, significa que un pé tropeza ou se enganchou no outro o que provoca unha caída ou, polo menos, un susto.

*Parece que é moi común soñares que es perseguido por alguén, con non boas intencións; enzarranquíllanchese os pés e non podes escapar. Parece, tamén, que ten unha explicación psicolóxica, inda que iso déixoo para "expertos"

                                                                                                                                         Saúdos e saúde.

Bo día, e chuvioso tamén. Imos cunha nova gavela de palabras.

ATROPALLAR

 Non confundir coa palabra castelá "atropellar", cuxa tradución ao noso idioma sería atropelar. Se ben, en certas situacións, poderían ter significados semellantes.

-A herba de Camba está toda atropallada. Algún ser, persoa, xabarín,,,andivo bailando nela e agora non hai quen a poida segar xa que está "deitada" no chan.

-Caeu unha tronada e baixou tanta auga que atropallou as pataqueiras, freseiras...En xeral, empregámola para indicar destragos non cultivos.

CACHAMEA

-Este gato ten mal a cachamea. (Fai cousas raras). É un termo coloquial para substituír ao de "cabeza". Xeralmente non se aplica para os humanos xa leva aparellado un certo ton despectivo e indica que quen fala non lle ten moito aprezo ao aludido.

ESTROUPELEAR

   É outro termo coloquial que empregamos en circunstancias como esta:

-Oíches estroupelear as bombas no San Xoán?  Estamos a nos referir aos estoupidos dos clásicos foguetes que anuncian as festas nos nosos pobos, aldeas e vilas.

Tamén estroupelear as cacaracás. Estas plantas teñen unhas flores en forma de campaíña que, obstruíndo a abertura e dándolle un pequeno folpe coa outra man, produce un estourido moi rebuldeiro.

TOLOVEA

Termo tamén coloquial que pode escoitarse en frases como esta:

-Pareces un/unha tolovea! Fexémonos que se emprega , con frecuencia, a 2º persoa; xa que logo, non se considera un termo especialmente ofensivo, senón que ten un matiz mesmo cariñoso. Diríaselle, por exemplo, a un neno/nena que é moi movido, trebellante, que dá algo a lata, pero, tamén fai rir.

GAVILLA

  Parece un castelanismo, inda que esa afirmación e confirmación, no seu caso, déixoa para os lingüístas expertos. Nós temos "gavela" e, se fose pequena", diriamos "gaveliña" ou "gavela pequena".

Porén, si podemos dicir ou escoitar:

-Vaia gavilla que se xuntou onte na reunión! Fai referencia a un grupo de persoas que, como digo moitas veces, a xuízo de quen fala, non son de fiar, ben sexa polas súas ideas retortas ou, sinxelamente, por latosas.

                                                                                                                 Saúdos e saúde.

 

 

 

Boa tarde! Con choiva e con néboas.

PIGULLA

    Cecais alguén pronuncie ou escoite "pegulla". Forma parte dun amplo número de palabras nas que, debido á súa proximidade fónica, hai certa dúbida entre o "e" e o "i". Por exemplo: "regueiro", "rigueiro"; "indilgar", "endilgar"; "Cereixedo", "cireixedo"...

-Bota as pigullas na cañastra. Se escoitamos esta frase, podemos afirmar que nos estamos referindo ás patacas pequenas e moi pequenas. Aquelas que só se aproveitan para dárllelas aos porcos. Enténdese que non son adecuadas para os humanos.

Por extensión, ás veces, tamén se lles pode aplicar a outros produtos agrícolas: tomates, fresas(amorodos), cebolas...

CORROVELLA

-Esta mazaira só ten unhas poucas corrovellas. Este substantivo alude ás mazás pequenas ou moi pequenas; pode que retortas, ruíns en tódolos sentidos.

En xeral, empregámola para froitas, pero, producidas por árbores; mazairas, pereiras, pavieiras, claudieiras...

TRASCAR

-Sobrou moita ensalada, deixámola para a noite? -Non, á noite está todas trascada.  Ocorre cando está aderezada e, probabelmente, teña vinagre. Nesta situación, a leituga vai collendo un aspecto escuro, murcho, mirrado, mesmo parece que está cocida.

Agora, é moi frecuente que alguén diga:

-Están os xabarís trascando nos conchos.  Sería o escacharramento producido nestes produtos:noces, avelás, améndoas..., cos seus dentes.

INDILGAR

-Mira se indilgas a alguén no alto do Graíl! Neste caso, é percibir pola vista a unha persoa que se atopa moi lonxe. Mais tamén se emprega para "ver" a curta distancia, obxectos moi pequenos.

-A ver se ti indilgas para afiar a agulla

ENCERRECINADO

    Cando alguén ten unha iea na que insiste, volve sobre o tema cada pouco, dálle voltas e máis voltas e fala dela con certa vehemencia.

-Agora, o Ambrosio está encerrecinado co tema da autovía!

Ás veces, o encerrecinamento pode levar á obsesión e ser prexudicial para a saúde propia e, mesmo, allea.

                                                                                                     Saúdos e saúde.

ESTREMONÍA

<Empezarei facendo unha aclaración para as persoas que non coñezan Navea. O noso pobo é moi extenso e ten moitos barrios(A Ponte, A Quinta, O Casar, A Lama, Os Paus, A Cruz, O Campo, A Eirexa, Casenando, O Seixo... Ocorre, con frecuencia, que existen certas variacións dunha mesma palabra. Deste xeito podemos escoitar tamén astremonía, estramonía e mesmo astramonía>

Lembro  o noso veciño da Cruz, Pedro Mondelo, dicindo:

-Vou quentar ao Miquis que me fixo unha estramonía(papáralle o xantar). Fica claro que se refire a que o ser correspondente fixo algunha trasnada ou dano que vai máis aló do aceptábel.

As estremonías, con frecuencia, son feitas polos humanos.

ENXAMEAR

En Navea, hai xente que enxamea porque ten abellas, enxames e colmeas. E, logo, unha palabra moi relacionada coa apicultura.

Aliás, pra nós, ten outra acepción. É frecuente esta pregunta:

-Que andas enxameando? A mesma leva aparellada unha certa carga de nagatividade. o/a que enxamea, supostamente,  está facendo algunha actividade con pouco xeito, sen ter un obxectivo evidente e prevese que o produto final será de pouca calidade.

FACHUGUEIRA

´-Abrín a porta do  forno e e veume unha fachugueira. Estariamos a falar dunha labarada de calor e tafo, un queimazón que produciu molestias no suxeito afectado.

Tamén usamos este termo para referirnos a grandes fogueiras ou cacharelas.

-Fixemos unha boa fachugueira nas Parras o día de Noitevella.

ESTORCEGAR

<O dicionario da RAG recolle o verbo estordegar. Nós trocamos o "d" polo "c". O significado é o mesmo>

-Tropecei e estorceguei un nocello.  Significa que torceu e forzou o nocello ata producir  molestias varias.

En xeral, cando se estorcega algunha cousa é porque afecta a articulacións, músculos, tendóns...e, normalmente, o movemento produce dor.

                                                                                                              Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 Boa tarde. Acabo de ver o estupendo traballo  referido á poboación do noso pobo e, concordo con Elvira, custa pensar que houbese, polo 1826, 502 persoas. Pero, para min, aínda é máis chamativo que en 1974 houbese 349. Impresionante!

     Despois disto, sinalar algo que todo o mundo sabe: ao inverno quédalle pouco. Tiña unhas palabras por aí relacionadas co mesmo, así que é o momento.

AFRIAXADA/O

        Se a temperatura é moi baixa, baixa ou relativamente baixa podemos ter a sensación de frialdade, malestar e sentir a necesidade de recibir unha certa dose de calor. Tamén depende do friorenta que unha persoa poida ser. Logo, podemos dicir: 

-Estou afriaxada/0

ENCOTOMECER, ENCOTOMECIDA/O

     É probábel que se unha persoa está afriaxada, esté tamén encotomedida. De ser así sufrirá unha certa retardación na súa actividade que mesmo chega á parálise e ata certo tremor. Nestas circunstancias, os músculos non responden axeitadamente. Se temos estes síntomas, podemos dicir:

-Estou encotomecida/o

 

AMANTARUXAR, AMANTARUXADA/0

-Vou toda/o amantaruxada/0

Falaría así alguén que vai con abrigo, tapabocas, gorro, luvas...Enténdese que vai moita friaxe ou a persoa en cuestión está afriaxada e mesmo encotomecida. Tamén se aplica para alguén que está no seu leito e cunha morea de cobertores enriba.

 

CHANFONA

-Vou prender a chanfona que xa está xeando.

          É o nome que que lle damos a un treballo "moderno" que se emprega como calefactor. Consta dunha caldeira onde se queima un combustíbel: leña ou os famosos "pellets". Loxicamente necesita unha cheminea pola que saen ao exterior os gases. A calor irrádiase ás dependencias adxacentes.

                                                                                                   Saúdos e saúde.

 

 

 

Boa tarde. Imos cunha nova xeira de palabras nesta tarde de primavera e case vrao.

SABREDO

          Cando se cava, ben sexa para cultivar ou facer unha poza, grande ou pequena, a certa profundidade atópase unha capa rochosa, improdutiva, con escasa ou nula capacidade para que as raíces poidan desenvolverse e realizar a súa función alimenticia. En xeral, nos terreos moi erosionados, o sabredo está moi próximo á superficie.

-Dás unha cavadela e xa atopas o sabredo. Era moi habitual facerlles duras críticas ás persoas que cavaban levando sempre a terra cara a abaixo; supuña que na parte de arriba do eido o sabredo estaba preto da superficie e, polo tanto, non producía.

*O DRAG recolle a palabra sábrego cun significado parecido, pero non idéntico.

ABEACA

-Pareces unha abeaca. Puidese parecer unha frase ofensiva, un insulto, porén, normalmente non o é. Cando se lle aplica a un/ha neno/a, rapaz/a, estamos a dicir que é traste, rebuldeiro, que ten certas dotes teatrais e fai rir aos adultos...

Se se empregase cunha persoa adulta e, ademais, se di cun certo ton agresivo, desta volta, convertiríase nunha ofensa co sifnificado de "ignorante"

*O DRAG recóllea para aludir a unha peza do carro, máquina que escasea en Navea.

ESCURRICHAR, ADO/ADA

-Escurricha ben a botella. Emprégase para indicar que un recipiente, que contén un líquido, se baleira ata a derradeira gota.  Utilízase moito para cando as crías dos mamíferos(cabras, ovellas, porcos...)deixan á nai exhausta despois de mamar.

Por extensión, ás veces, tamén a usamos para aludir ao esgotamento de calquera produto.  -Vou escurrichar a cerdeira do Casar(coller ata a derradeira cereixa)

CANALLA

É unha palabra ben coñecida que se emprega, substantivo ou adxectivo, co significado de persoa mala, ruín, vil...Aliás, en Navea, pódese escoitar:

-A canalla non pode parar. Neste caso alude a á xente nova(nenos/as e adolescentes) que están en continua actividade, remexendo en cousas, e, ás veces, poden molestar aos adultos, Pero, nada que ver coa maldade, a ruindade,,,-Son cousas da canalla(xente xove)

                                                                                                           Saúdos e saúde.

  Boa tarde. Despois de ler a novo artigo do Bernardino, cunha chiscadela incluída á lingua irmá da nosa(algúns din que xemelga), imos cunhas cantas palabras máis.

AÑICRELO

-Esta ovella ten dous añicrelos. Normalmente ten un significado un chisco despectivo. Poida que a ovella teña dous años, ou tres!. Con pouco peso para a súa idade e mesmo escuálidos.

Noutros casos, pode ter, exactamente, o mesmo significado que "año" ou "cordeiro"; sinxelamente é unha forma graciosa de dicilo. -Teño que mercar un añicrelo para o San Miguel.

APAXAR, -ADA/ADO

Esta palabra está no dicionario co significado de "acariñar"....

Nós empregámola en frases con estas: 

-Mira que ben apaxada vai! Estamos a dicir que vai vestida  acorde as circunstancias que o evento require, á visión socialmente maioritaria.

-Apáxate dunha vez que se nos fai tarde (dúchate, vístete, peitéate...)

Ás veces ten unha connotación ético-moral. Persoa que cumpre coas normas sociais. Neste caso empregamos o verbo ser.        -Éche ben apaxada!

ENTREPOLAR, -ADO/ADA

Úsase moito para falar das verduras cando están a medio facer(xeralmente a medio cocer)

-Saco os grelos entrepolados, bótolles un aceitiño...

-Vou quitar unhas verzas do caldo cando estén entrepoladas. 

Por extensión, ás veces. empregámola para falar de calquera alimento que non esté ben feito. -Hoxe deixaches o cordeiro entrepolado.

ESTIRA

Temos o verbo estirar con significados ben coñecidos, Mais, o peculiar, para nós, é o substantivo estira.

-Hoxe levei unha estira! A persoa en cuestión está dicindo que fixo un traballo forte, duro, e rematou o choio esgotado.

*Como anécdota, direi que, vai moito tempo, organicei unha andaina por terras de Pena Trevinca, con persoas de diferentes procedencias. Metinlles e metinme unha "estira" que algunha xente tardou en recuperarse e aínda mo lembra de vez en cando. Que tempos!

                                                                                                                      Saúdos e saúde.

 

 

 

 

Boa tarde.  Despois dunha  longa tempada na que estivemos en silencio debido a problemas técnicos, voltamos cunha nova xeira  de palabras.   Darémoslle as grazas ao Manolo polo arranxo. Imos aló!

FOLECADA

    O substaantivo "foleca", e mesmo "foleco" aparecen no dicionario da RAG. Mais, en Navea, non se usan, porén, si "folecada". Fixémonos en frases como estas;

-Collín unha foledada de castañas. 

-Se non fose polo trono, habería unha folecada de cereixas.

Empregámolas, con moita frecuencia, para aludir a unha cantidade "grande", tendo en contas as espectativas xeradas previamente.

MANDADO(ter) 

"Mandar", "mandato" e "mandado" son termos, máis ou menos, coñecidos  e que teñen o seu reflexo nos dicionarios, Pero, a cuestión de relevo, na nosa fala naveá, necesita do verbo ter, adquirindo un significado especial. Ollemos esta conversa:

-Convídote á festa do San Miguel.    ´-Grazas, pero xa teño mandado. -Pois ven o domingo que vén, se non tés mandado.

En tódolos casos hai un compromiso previo que impìde aceptar o convite ou a proposta nova.

FEIXORRO

-Vou por un feixorro de herba.

-Onte trouxen un feixorro de leña.

 En Navea, distinguimos ben entre "feixe" e "feixorro". Un feixe representa a cantidade "axeitada" que pode e "debe" carrexar unha persoa, e que está en función da súa idade e estado físico. Pero, feixorro é unha cantidade "pequena" para as capacidades que se lle supoñen a esa persoa, e, polo tanto, levar un feixorro é un certo demérito.

ESNARAVANDAR

Ten o significado de desfacer, esnaquizar... algo de xeito aleivoso.

-Esnaravandou a cerdeira(podouna tanto que só quedou o tronco).

-Esnaravandou a "cartilla"(do banco). (gastou todos os cartos, con pouco xuízo, segundo o criterio do falante)

-Os xabarís esnaravandaron os castiñeiros.(deixáronos desfeitos)

                                                                                                                                     Saúdos e saúde

 

 

 

 

Boa tarde.  Despois de ciclós-bomba e cicloxéneses explosivas temos un chisco de repouso climatolóxico. Imos, logo, cunhas  palabriñas.

LEVEDAR

Este verbo, xunto co substantivo lévedo, é ben coñecido pola súa relación co pan e, en xeral, polos procesos de fermentación. Mais, se está aquí é porque, en Navea, ten unha acepción peculiar. Alguén podería dicir, referíndose a outra persoa:

-Está levedando!  -Parece que leveda!     Se se utiliza esta expresión, estase a dicir que esa persoa se atopa moi leda, nun estado de felicidade máximo, case en éxtase!

ESCHOROMICADO-A-OS-AS

   -As verzas están eschoromicadas.   Fai referencia a un estado lamentábel das mesmas; teñen mala pinta, están troxas, tristeiras...;cecais, pola seca ou por padecer algunha doenza.

Tamén se pode empregar para facer referencia a algún animal que se atopa en estado deplorábel. 

-Este can está eschoromicado. (Desnutrido, fraco...)

EMPOXADO-A-OS-AS

-As ovellas quedaron empoxadas.  Alude a que quedaron pechadas, enclaustradas, nun determinado lugar, sen posibilidade de saír. A única solución é un rescate. (Lembro, de moi novo, unha acción, antes de chegar á Molariña, nunha zona que dá vertixe, co río fungando entre as rochas, como os nosos pais procederon ao rescate dunhas ovellas izándoas con cordas).

Tamén unha cabalaría pode quedar empoxada se vai cargada e se afunde en terreos lamaguentos. E mesmo un vehículo pode quedar empoxado nunha cuneta ou nunha pista bulleirenta.

ESPANADAS

   É un adxectivo que empregamos en plural e, case sempre,acompañado do substantivo maos.

-Foi coas mans espanadas.  Cando se di esta expresión estamos a facer referencia a alguén que foi convidado á casa, ou a outro lugar, e non levou ren para obsequiar ao anfitrión.

<Obviamente, se alguén leva unhas empanadas, xa non vai coas maos espanadas.

                                                                                                       Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

Boa tarde, inda que afriaxada.

EMPOTUMIÑADA-O/AS-OS

-Os gatos están empotumiñados. Cando vai moita friaxe é habitual que estén moi xuntos, apertados nun espazo reducido, compartindo a calor.

-Estou empotumiñado. Fai referencia a que despois de estar bastante tempo na mesma posición, xeralmente incómoda, notamos problemas de mobilidade e encotomecemento.

<Por certo, para empotumiñamento, aquela época-un era novo- cando iamos ás festas nun 600, nun catro latas...cinco ou seis persoas. E grazas!

POSTURA

        Calquera dicionario trae media ducia de acepciós referidas a esta palabra. Amais, nós empregámola nesta situación: -Mañá imos facer unha postura. Estaremos a falar, case seguro, que encheremos  unha alquitara ou un pote para facer a augardente. Representa, outrosí, a cantidade de bullo que se emprega nunha vez. É, tamén, a cantidade de augardente destilada nunha feitura.

PANOCHA

-Foi á feira e trouxo unha panocha. Estamos a falar dunha  peza de pan, redondeada ou alongada(bastante grande), pero, non unha barra. Vén sendo un sinónimo de "fogaza"

MEDIR

    Verbo, ben coñecido, con moitas acepcións. Pero, nós usámolo(usabámolo) para a distribución dos xogadores, á hora de formar os equipos rivais nos grandes eventos deportivos naveáns: marro, fútbol e barril barrón. Medir, provén de que, inicialmente, se usaban os pés; dúas persoas enfrontadas ían poñendo un pé diante do outro, ata que un deles pecha a cadea imaxinaria e inicia a elección.

* Máis tarde empregamos o método de "pares ou nones", pero, seguiámoslle chamando "medir"

*Logo, nun acto de enorme xenerosidade era habitual dicir: -empeza ti, pero seguiamos medindo.

<Chegados a este punto contarei unha anécdota persoal. Recien chegado a Ourense, con once anos, vin alí, moi preto da casa, moitos rapaces xogando ao fútbol nun campo que a min me parecía enorme; iso si, tiña unha inclinación duns 30º; os que xogaba cara abaixo tiñan algo de vantaxe. Non tardei en acercarme e preguntei, con certo  medo, se podía xogar. -si, dixéronme.  Ao seguinte día fun dos primeiros en chegar e xa, seguro de min mesmo, dixen: -hai que medir. Un dos presentes miroume, con cara de poucos amigos e dixo: -Como medir, será "escoger". Alí aprendín, xa que logo, que en Ourense non se  medía, se "escogía". É o que hai!

                                                                                      Saúdos e saúde-

Boa tarde-noite. Aí van unhas cantas máis.

PURGAZO.

-Hoxe vou facer unhos purgazos para xantar.  *Permitídeme a licenza de empregar o indefinido "unhos" (moi naveán) no canto do normativo"uns" (pouco naveán).

O substantivo purgazo, xeralmente empregado en plural, fai referencia a ese produto moi galego:as castañas. Quítaselles a pel exterior, logo cócense coa pel interior para ser alimento de humanos e, se había dabondo, tamén de animais. Comíanse así (a pau seco); podían mesturarse con leite (se o había) e xa os "podentes" podían esborrallarlle un par de ovos (un luxo).

VALUMBIO

-Coloca ben a bombona para que non che faga valumbio. Cecais alguén leva, nunha carreta, unha carretada que inclúe unha bombona. Esta vai de pé o cal produce un movemento oscilatorio na carreta que propicia o desequilibrio do sistema e o posíbel envorcamento.

<Se estamos collendo cereixas, a dez m de altura, quizais a póla sobre a que pisamos se valumbie. Coidado!                       Tamén se valumbia un paxaro nunha poliña, inda que este non ten moitos problemas.

ACHOTAR

O nome "choto" é relativamente común na nosa lingua. Nós podemos chamarlle "choto"  a calquera anaco de madeira; dende uns cm(na páxina hai un "xogo moi naveán" co nome deste obxecto). ata un pau da luz (antes eran de madeira).

Aliás, o verbo achotar empregámolo en frases como esta: -Vou achotar un coello para facer unha empanada. O significado é obvio e tén a súa lóxica, dado que un dos métodos usados é/era golpealos cun choto tras das orellas. Por extensión tamén se lle chama achotar ao sacrificio  doutros animais (porcos, cordeiros, galos...).

                                                                                 Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

Boa tarde. Afriaxada (unha mágoa). Imos ao tema.

CRÉPOLA

É unha palabra de uso habitual no noso pobo. Lembro que meu tío Gabino usábaa con certa frecuencia.

-Vaia crépola! Se oímos esta expresión debemos saber que o/a falante está referíndose a unha persoa ou grupo para indicar que non é/son de fiar, ben sexa polo que din, polos seus feitos ou debido á actividade que están desenvolvendo nese intre.

*Que crépola se xuntou! Podería dicilo alguén en referencia a certos colectivos que determinan o noso porvir e que son pouco de fiar.

DISQUENCIA

-E logo como non viñeches onte? -Tiven unha disquencia e non foi posíbel. Alude a algún tipo de problema, accidente, acontecemento adverso...que lle impediu acudir.

Se ben, ese é o significado esencial, nalgún caso, emprégase en frases como esta: -Os/as...teñen disquencias. Neste caso, quere dicir que teñen algunha discrepancia importante que os afasta e mesmo os enfronta. *Ás veces, hai/había disquencias polos marcos dalgún pitaranco.

BULLAR.

Este verbo emprégase en Navea para expresar accións como estas: -Vou bullar as patacas, as castañas...É obvio que significa "quitarlles a pel". Paseniñamente, coma noutros casos, esta palabra está sendo substituída por "pelar" ou "mondar". Tamén podemos dicir:-O xabarín bullou a mazaira, a cerdeira, o castiñeiro...É dicir, roeulles a casca.

SABATELO

-Sae a tomar o fresco. -Vou poñer un sabatelo e xa saio. Chamámoslle sabatelo a unha prenda de roupa que se considera de escasa calidade e que se pon para "saír do paso". Poida que estea estragada polo tempo e polo uso. Tamén podemos dicir: -Tápao/a cun sabatelo. Cecais queiramos protexer unha máquina, materiais... poñéndolle enriba unha prenda que antes foi "de vestir".

                                                                                                 Saúdos e saúde.

 

Bo día dende terras naveás.    moita friaxe!  É o que hai!

ATER

         Este verbo ten varias acepciós pero, como naveao, vou destacar unha que se empregaba moito noutros tempos. Daquela, había "veceira", tamén había ovellas,as marrás tiñan marranchiños...

-Cando cheguen as cabras non esquezas ater os cabritos. Xuntar os cabritos coas súas nais para que mamen. E, se fose necesario, cando nacen, torpes aínda, introducir o teto na boca da cría para que aprenda.

CANABUCHO

-Atopei tres canabuchos!     Polo San Miguel e nos días posteriores, os pequenos buscabamos "varillas"(variñas de canas dun par de m de longo e pouco peso) e canabuchos; normalmente atopábanse unidos. É unha peza cilíndrica dentro da cal vai a pólvora. Era apreciado porque estaba arrodeado dun fío longo que se aproveitaba para "certos labores".

Posteriormente, debido á súa forma cilínddrica, tamén lles podemos chamar canabuchos a outros obxectos como, por exemplo, os que se empregan para protexer os bacelos.

FARRUMECO

-Vou poñer un farrumeco pra dar sulfato. Chámaselle farrumeco a unha peza de roupa estragada, vella, que está cumprindo as súas últimas funcións.

Tamén se pode escoitar: -pareces un farrumeco. Expresión non amistosa que só sería tolerada polo antroido cando alguén se disfraza con farrumecos e se identifica a roupa coa personaxe.

GALLÁPARO

-Vou coller unhos galláparos para as ovellas. Son as pólas que van xerando os coios no seu crecemento e que van engrosando e endurecendo polo que convén quitarllos para que saian novos gromos máis tenros.      Por extensión tamén lle podemos chamar galláparos ás pólas pequenas que crecen polo tronco dunha árbore.

                                                                              Saúdos e saúde.

Boa tarde dende terras naveás.

ACEGALATARSE

Este verbo usámolo, case exclusivamente, de xeito pronominal en frases como esta:

-Acegalatouse e suspendeu o exame oral. Cecais estaba nervioso, as palabras non lle saían con fluidez, amosaba certa torpeza...

*O acegalatamento, segundo os expertos(eu non o son), fainos menos eficientes e máis torpes; mesmo teño escoitado que alguén pisou o acelerador en lugar do freo.

ESCOROBELLAR

-Vou escorobellar unhos chícharos. vou extraer os graos das vaíñas. Tamén se escorobellan as fabas, as paianas e os tirabeques.

-Teño que escorobellar abelás. Así mesmo, onda outros verbos, tamén o empregamos no caso das abelás, conchos e améndoas, para separar a casca da parte comestíbel. *Nese caso necesitaremos algún trebello mecánico;martelo, crebanoces ou unha pedra.

Ás veces, mesmo escorobellamos castañas.

BATAFOULA

-No vrao non me gusta ir á feira que hai unha batafoula de xente. Moita, unha morea, grande cantidade de xente e, para o falante, resulta molesto. *Obviamente, é un termo relativo, depende da percepción de cada persoa.

Por asociación, tamén empregamos esta palabra para indicar unha cantidade grande de calquera produto. -Este ano, hai unha batafoula de cereixas.

ESGAZADO/A

O verbo esgazar é moi común na nosa lingua: romper gallas, rachar un tecido...Mais, hai unha acepción moi naveá.

 -Anda todo/a esgazadiño/a. Estamos a referirnos a unha persoa que cecais traballa demais e se atopa extenuado fisicamente, Tamén pode aludir á situación psicolóxica de alguén que está moi aflixido, apenado...

                                                                                          Saúdos e saúde.

 

 

 

Boa e calorosa tarde. Imos cunha nova xeira de palabras.

RASPALLÓN

-Menudo raspallón fixeches nesa perna. Poida que alguén estea no alto dunha cerdeira, mazaira...,lle rompa unha galla e a perna esvare polo garrancho que queda unido á árbore deixando unha pegada sanguinolenta. É, polo tanto unha raspadura visíbel, dolorosa, mesmo sanguenta.

<Por certo adoitan tardar tempo en curar>

ESPOLVOREXAR

O "espolvorexamento" pode ser producido por un líquido ou por un sólido(po). Consiste en esparexer unha nube de partículas con efectos para as persoas e o entorno. Po exemplo:

-Con auga: -Estiven arranxando a billa e espolvorexoume todo.

-Sulfato: -Saltou o tubo da máquina e espolvorexoume a cara.

Po: -Andivemos dando xofre nas cepas pero vento espolvorexouno por todo o eido.

COTIFÓN

                 O DRAG recolle o verbo cotifar, pero, o substantivo cotifón é moi naveá. En xeral, é un empuxón brusco e inesperado que pode producir algún efecto grave, inda que tamén o cotifón pode ser proporcionado.

-O castrón deulle un cotifón á cabra e tirouna da parede embaixo.

-O Celedonio deulle un cotifón ao Pepe e espatallouno no chao.

BARALLAR

                  Barallar é un verbo moi produtivo na nosa lingua. Cecais a acepción de remexer as cartas da baralla sexa a máis coñecida. Porén, se está aquí é porque ten unha acepción peculiar en Navea. Vexamos;

-Cando vou á feira non veño ata que barallo todo. Ten o significado de vender o produto e engade que non pode quedar nada, inda que as últimas viandas se dean a prezo de saldo.

                                                                                         Saúdos e saúde.

Boa e calorosa tarde. Aí van unhas palabriñas máis.

OLDRADA

- Levou unha boa oldrada. Significa que levou un golpe, xeralmente forte, e ,normalmente, producido por unha caída accidental ou provocada.

-O carneiro deulle unha oldrada á ovella e rompeulle unha pata. Tamén os animais dan e reciben oldradas.

 

GARANZÓN

-Hai un garanzón atrancado no camiño e case non se pode pasar. Neste caso é un pau, máis ou menos groso, que obstaculiza o paso.

Tamén se lle chama garanzón a un "garrancho", é dicir, un cacho dunha póla, xeralmente seca, que crea problemas ao andar gabeando por unha árbore. -Peguei coa cabeza nun garanzón da mazaira e vin as estrelas.

 

DESILADA

-Entroume o xabarín na viña e fíxome unha desilada. Desfeita provocada polo porco bravo. <Tamén o raposo e o teixo fan desiladas nas viñas> 

-Vaia desilada que me fixo o/a...Dano producido por algunha persoa, de xeito voluntario ou non. <Se é producido por un neno, enténdese como unha trasnada>

 

ESPATALLAR 

-Ía correndo e espatallouse. Caeu de mala maneira e , nalgúns casos, con resultados graves.

O "espatallamento" tamén pode ser provocado o cal lle dá máis gravidade. -Pegoulle un cotifón e espatallouno no chan.

                                                                       Saúdos e saúde.

Boa tarde para todas e todos.  Aí van unhas cantas palabras máis.

ATIÑAR

   O adxectivo "tiñoso" é ben coñecido no noso idioma como sinónimo de "cutre". "amarrado"...

Mais, en Navea, emprégase moito o verbo atiñar, sobre todo o infintivo. Vexamos;

-En cuestións de saúde non se pode atiñar.  Tamén o podemos conxugar: -atiñou toda a vida, case non comía!

Sempre significa non gastar ou gastar menos do necesario, do razoábel, mesmo privándose de certas actividades ou produtos básicos.

ESTRAPUZARSE

-Ía mirando para os biosbardos e estrapuzouse!  

Así mesmo, alguén pode estrapuzar a outro. - Deulle un empuxón e estrapuzouno no chan!

Empregamos este verbo para calquera caída aparatosa, inda que a caída de bruzos é a que dá unha idea máis axeitada.  

FÓLGOME

   Os verbos "folgar" e "folguexar" teñen varios significados na nosa lingua. En Navea, empregamos con frecuencia, en forma pronominal, Fólgome.

-Folgome moito de verte!   - Fólgámonos de que veñas vernos!    -Fólgome de que aprobases a oposición!   Significa aledarse, alegrarse por algunha cuestión(saúde, traballo, amizade...)que lle/lles ocorre aos demais.

*Tamén podemos folgarnos  de que as cousas non vaian ben a nivel persoal.

GOLFORÓN

-Estiven arranxando a billa da cociña e saíume un golforón que me puxo perdido.  Alude a un chorro de auga que sae dun xeito inesperado, que nos sorprende e, xeralmente, nos molla.

Aliás, tamén o podemos empregar para cando o ar  entra con forza polo buraco dunha xanela, porta, bufarra...

 

                                                                                         Saúdos e saúde.

 

 

Páxinas