Vostede está aquí

A LINGUA DE NAVEA

                Vou iniciar unha nova sección á que, coma sempre, estades convidados a participar.   Tamén podedes engadir, matizar...(mesmo unha palabra podería ter diferentes acepcións dependendo do barrio do pobo).

        Ninguén dubida de que a lingua de Navea é o galego. Como ocorre con todas as linguas, existen termos que se empregan nunha zona do país e noutras non. Eu quero lembrar unha serie de plabras, moi significativas, pola súa enorme forza fónica e semántica. Espero que non esmorezan de todo.

           Debo deixar claro que eu "nunca as ecoitei fóra do ámbito naveán", pero iso non significa que non existan ou existisen. Ben sei que hai dicionarios de varios tomos que inclúen termos dende  o nacemento da lingua ate o momento actual. Tampouco se trata dun estudo filolóxico-lingüístico sesudo, para iso xa están os expertos da R.A.G e do I.L.G. así como outros investigadores do noso idioma.

         Este é un sinxelo traballo de recopilación de palabras de uso pouco habitual, fermosas,  e  que aínda seguen vivas, polo de agora, en Navea. Ata cando?

         Empezarei hoxe coas tres primeiras.

    

DEXOBAR(SE).   Fai alusión á limpeza esmerada que se fai un a si mesmo, a outra persoa ou a obxectos e animais.

-Onte dexobouse moi ben        -Estivo dexobando no cobeto ata que brillaba                                    -Antes de ir á feira, voume dexobar

   Lembro ter oído: en cabeza de carneiro negro non vale dexobar.  É evidente que non fai referencia ao físico senón ao feito da imposibilidade de facer cambiar de opinión a unha persoa que non dá o brazo a torcer.

ESPAXOAR.  Este verbo vén a significar o feito de proceder a alonxar algo(xeralmente animais) para que non fagan dano, estraguen os eidos...

-Espaxoou as perdices da viña. -Tiven que espaxoar os gatos da porta da casa. - Pegueille uns berros ao xabarín para espaxoalo.

       Tamén se pode empregar para os seres humanos. -Espaxoono da casa.  Refírese ao feito de que alguén faga  os medios necesarios para "botar" da casa a algún pesado.

ENVORQUILLARSE.   Empregábase moito coas cabalarías(en Navea, case exclusivamente burros). Consiste en dar voltas á esquerda e á  dereita, xirando 180º sobre as súas costas no chan. Coido que o facían para liberarse dos insectos.

-Envorquillouse no lameiro.    -A ver se se envorquilla.

Lembro á xente facendo este comentario: hoxe gañou a cebada.  Eu penso que facía referencia á capacidade de dar varias voltas, mais non estou moi seguro.

  Tamén os rapaces e rapazas nos envorquillabamos, dando varios rolos pola chan. 

                                         Saúdos e saúde.

 

Artigos: 

Comentarios

Estamos de cumpre! Chegamos ás 100!  Cen achegas, unhas catrocentas palabras ou expresións.

Cando botei a camiñar esta sección (xa van anos), non pensei que fose ter tanto percorrido. Quizais o proxecto estea chegando ao seu remate; xa se verá! 

Ben sei que só ledes isto un reducido número de amigos/as. Pero, aí queda por se no futuro e ante o evidente devalo no uso e transmisión familiar da nosa lingua  en toda Galiza, alguén sente a curiosidade de coñecer algo da fala deste recuncho do país. Poida, tamén, que nun determinado momento, algún descendente de naveaos  lle apeteza coñecer algo da fala dos seus avós, bisavós ...

-Obrigado ao Manolo por abrir e  ter aberta esta canle de comunicaçao.

-Grazas as persoas  que, de vez en cando, me dicían, e tés ...?

-Grazas, singularmente, ao Bernardino que me enviou moitos termos dende terras catalás. En concreto, as que veñen a continuación son da súa autoría.

BOLOIRO

<Empezarei dicindo que foi alá polos anos 70/80 do século pasado cando se construíron, en todas as casas, "cuartos de baño" ou "váteres". Antes, só algunhas casas tiñan un retrete exterior, do tamaño dunha cabina telefónica, cun sentadoiro ( iso si, cun buraco no medio). A maioría das casas tiñan preto un cachiño de terra para tales necesidades>

Mais, a maioría das actos, realizábanse en calquera lugar, procurando non ser vistos. É dicir, a xente evacuaba, ensuciaba, defecaba...alí onde se atopaba. Era, logo, fácil oír frases como esta:

-Vaia boloiro que hai aí! De quen será? Boloiro vén sendo unha cantidade considerábel de excrementos cunha forma parecida a dun "queixo de tetilla" (salvando as distancias). Ás veces tamén se emprega esta palabra  no caso dos porcos, burros, cans ... cando o volume é chamativo.

ESCALAZADO/A

Escalazar é un verbo común na nosa lingua e ten diferentes acepcións. Nós empregamos moito o adxectivo "escalazado/a" en dúas situacións. Unha é moi habitual no galego ao aludir aos estragos físicos: feridas, esfoladuras ... A outra é moi naveá. Dicimos: 

-Anda escalazado de tanto traballar! E, total, pra nada! Fai un esforzo enorme, esgota as súas enerxías, mesmo degrada a súa saúde, pero, os resultados non acompañan ou son moi cativos. 

ESLAZARADO

-Chegou da escola eslazarado coa fame! Este adxectivo pon de manifesto que a fame é moi grande, case insoportábel. Tamén podemos dicir:

-Este cabalo anda sempre eslazarado. Case non lle dan de comer. Ao pobre cabalo vénselle os ósos.

*En Navea, non anos 70/80 houbo un cabalo que era a perfecta imaxe dun ser eslazarado. Os ósos querían atravesar a pel. De feito, os das ancas estaban tan requichados polo que meu tío Justo dicía: que se ías de viaxe, servían para colgar a chaqueta, paraugas, bornal...

TURRAR

É un verbo moi produtivo no galego. En Navea, engadímoslle unha acepción máis.

-Como turra aquela moto! Fai referencia a alta velocidade coa que se despraza. 

Tamén se emprega para persoas: -Como turraban os rapaces. (corrían moito). 

Lembro, en relación a isto, feitos históricos:

-Navea-A Ponte- Navea (menos dun cuarto de hora)

-O Cereixedo- As covas (menos de 5min)

-Escola de Palacio- estadio do Chelo(menos de 1 min).

Iso era turrar! Que tempos!

                                                                       Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Boa tarde.  Pois xa estamos máis alá das 100!

ESPERECIDO

-Este ano, as uvas están esperecidas. Empregamos esta frase se observamos que as uvas están esmirriadas, chuchadas...Neste caso, teñen pouco zume(e, logo, pouco viño). As cepas están sedentas, piden auga. Ocorre cando vén un vrao longo, seco e quente.

   Aplicamos este termo para calquera planta, árbore ou froito se apreciamos un evidente déficit hídrico e, polo tanto, a necesidade perentoria de auga.

CIQUICHA

   Talvez alguén teña unhas ovellas nalgún recinto pechado, pero, estas atopen un oco para escapar. Neste caso, podemos dicir:

   -A culpa é desta ciquicha! Estariamos a nos referir á ovella que toma a iniciativa, a que dirixe as operacións; é a líder do grupo. 

   Ás veces, tamén se emprega para as persoas. Fai alusión a unha persoa lingoreteira, moi movida, sempre quere ter a razón e non é fiábel.

   É unha palabra invariábel de xénero. Inda que falemos dun carneiro, castrón e mesmo racional de xénero masculino, sempre se emprega o feminino; "é unha ciquicha".

CUCAR

  Este verbo é común na nosa lingua e tén moitas acepcións. En Navea, engadimos unha máis.

   Vou cucar un par de ovos que están boísimos. Fánselle dous buratiños ao ovo e, por un deles, chúpase o contido interior: clara e xema.

*Ao parecer, non teño evidencia científica, os ovos tomados desta maneira proporcionan moita vitalidade e enerxía após ser inxeridos. A xente tomábaos se, pouco despois, tiña que facer un esforzo grande(p,ex. segar un lameiro de herba, no Casar, ás doce da mañá con 30º).

RETRÓLEGA

-Non me veñas con retrólegas! Retrólegas son palabras ou expresións pouco axeitadas, toladas, enmarañamento dos argumentos, ensarillarse con palabras vacuas.

  Tamén se lle pode chamar a unha persoa; neste caso sempre se emprega o plural:

 -Es un retrólegas! Sería a persoa que emprega "retrólegas" no seu discurso argumental.   *Non é unha expresión de amizade, absterse do seu uso, se non é necesario.

                                                                                             Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

 

Boa mañá e bo día enteiro.

   Esta nova achega vén de terras catalás da mao do noso colaborador habitual Bernardino.

COGORDA

  *En Navea sabemos bastante de "cogordas" e "cogordos",setas moi apreciadas cando son "gordas" e están pechadas. Tamén hai/había algunha cogorza, inda que nós preferimos empregar os termos galegos: borracheira ou melopea.

   Aliás, utilizamos este termo, por exemplo:

-Bótame unha chisca de cogorda neste cubo que quero facer vinagre. Se botamos nun recipiente vinagre, do noso, "natural", de viño...ao cabo de certo de certo tempo fórmase unha capa sólida, na superficie que vai "engordando" a medida que o tempo transcorre. Cando esta tona pesa demasiado para aboiar, fúndese e deposítase no fondo. Ao mesmo tempo, segue o proceso na superficie.

ESPARNANCAR-ADO/ADA

    Emprégase, tanto o verbo como o adxectivo, en varias situacións.

-Saiu na foto esparnancado/a.  Coas pernas moi abertas.

-Deixaches a porta esparnancada!  Aberta de par en par.

-Aparta que te esparnanco!  Ton moi agresivo indicando que o/a vai partir en dous(polo menos).

GORRISPA

-Bótoche unha gorrispa? É unha cantidade pequena dun líquido, case sempre alcohólico. Emprégase moito para os licores, inda que tamén o usamos para o viño; porén, neste caso é máis habitual escoitar grolo ou pinga.

<Ás veces mesmo se usa para referirnos a pequenas cantidades de calquera produto ou material. Queres unha gorrispa de tortilla? (petisco)>

MELDRASTRO-MELDRASTO-MELRASTRO

<Despois de facer unha enquisa entre os naveaos e as naveás, puiden comprobar que os tres termos está vivos.>

   Se contactas cunha ortigueira, ortígaste, e, poden dicirche:

-Frega rápido con meldrastros! Efectivamente é un bo antídoto(e natural) contra o proído. Cóllense unhas follas do produto e, despois de engadirse algún líquido(por exemplo, saliva), dáselle unha freta á zona afectada. O proído cesa ou suaviza.

É unha herba que gosta das terras húmidas: lameiros e arredor dos regos. As follas son verdosas e as flores abrancuzadas. Cando medra en terras secas, por exemplo nas paredes, as follas collen unha cor agrisada. Tén un cheiro forte e, ao tempo, agradábel.

                                                                                          Saúdos e saúde.

 

 

 

Boa tarde dende terras naveás. Tarde ventosa.

ALPELDRECHO-ALPELDREXO

   Ambos termos se poden escoitar. Un mesmo falante pode empregalos, en diferentes momentos, co mesmo significado.

-Espera, vou poñer un alpeldrecho que ando algo atinfada. Refírese a unha peza de roupa de escaso valor económico pero que, nun determinado momento,  desempeña a función de protexer. Xeralmente é unha peza usada e deteriorada. Utilízase na parte do torso para protexer o pescozo, ombros..., polo que pode facer a función de bufanda, chaqueta, cazadora.

-Trae os alpeldrechos que vou aparellar o burro. Entre a albarda e o lombo da cabalaría colócase unha peza de roupa que fai de amortecedor para que o animal non se amate. <AMATARSE:  feridas que se producen nos animais polo rozamento da albarda, ou doutro trebello, contra a pel do animal>  Esta peza é, xeralmente, un cobertor vello que está cumprindo a súa derradeira función.

 

PIRICOUTO-EMPIRICOULAR- EMPIRICOULADO/A

   En Navea, usamos o substantivo piricouto para facer referencia á parte máis alta dun obxecto, lugar, construción...-Fixo o niño no piricouto do negrillo(na pola máis alta). -Sentou nun piricouto da Pena da Santa(saínte rochoso).

Tamén empregamos, con frecuencia, o adxectivo empiricoulado.

-Leva o cesto empiricoulado de uvas. Colocou todas as que puido ata que xa non lle cabía un acio máis.

 

XIBRAR

-Escoita como xibra unha culebra. Se unha serpe se sinte en perigo, emite un asubío moi característico para defenderse ou intimidar aos enemigos. Ademais de empregarse para certos sons, defensivos e/ou intimidatorios, dos animais, tamén podemos dicir:

-Como xibra o vento! Cando o vento é forte e incide contra obstáculos pode producir diferentes sons aos que nos referimos co verbo xibrar. Por exemplo, se entre os bastidores da galería hai ocos, o vento xibra con alegría.

 

ENCHARQUEIRAR-ENCHARQUEIRADO/A

-Ver enlagorzado ou enchagorzado.

                                                                                   Súdos e saúde.

                                                                                      

 

 

 

 

   Boa tarde dende terras naveás.   Nova achega.

BALBIROTE

-Limpa o balbirote que che quedou aí chocolate. 

     É o termos que empregamos en Navea para referírmonos á zona da cara que está debaixo da boca. Pode ser máis ou menos prominente dependendo do ser. Coa "mudanza dos tempos" tamén lle chamamos mandíbula ou maxilar inferior.

FARRAGACHO

-Levo toda a mañá e non dou encendido a moto. 

-Claro! Tés un farragacho vello. 

   Farragacho é a palabra que usamos para facer referencia a calquera obxecto que, ben sexa polos anos, polo moito uso, ou por outros motivos, se atopa estragado e inservíbel(ou case). É. logo, un aparello que xa non vale para realizar as funciós que lle eran pertinentes.

ENFURRUXADO

  Este termo usámolo e dous sentidos e situaciós ben diferentes.

-A cancela está enfurruxada.  Está oxidada, renxe e non é doado abrila.

-Hoxe, o meu pequeno está enfurruxado. Está de mal humor, enfadado, enfociñado.

CHOPLO

-Vou cortar o choplo de Camba que ten leña para un inverno.

      É unha árbore do xénero populus ao cal pertencen bastantes especies. Se ten humidade e boa terra pode acadar  trinta ou corenta metros de altura e un diámetro considerábel. Non ten moito valor comercial nin para mobles nin para aquecer as cociñas; arde rapidamente e con pouco poder calorífico.

<En Navea case non había carballos, nin rebolos, nin touzas;  polo que o choplo era unha alternativa>

Sin:chopo

                                                                                                                                Saúdos e saúde.

 

 

       Boa tarde.

   As palabras que veñen deseguido andaron remexendo por terras catalás. Durante moitos anos viaxaron entre a Vila Olímpica e Canet de Mar. Recentemente apreixounas o Luís(da Laura) e fíxoas retornar a Navea.

    ALAIAR

Bocexar de maneira sonora, algunhas veces forte, mesmo esaxerada; xemer...

-O/A...ía alaiando. Dano físico. Quizais tivo un accidente, mancouse, está ferido/a e quéixase.

-O/A fillo/a non paraba de aliar. Dano emocional. Talvez faleceu un dos seus proxenitores e el/ela maniféstao ostentosamente.

-Mesmo se emprega para queixas mornas e case silandeiras, polo que neste caso lles aplicamos o dito: fame, sono ou ruindá do dono.

   GANCIA

-vou coller unhas gancias para prender o lume.

 A abrotia ou abrótega é unha planta abondosa nos ermos de Navea, Ten unhas flores rosáceas ou brancas e o froito en cápsulas. Pode medir ata un metro de altura. pertence ao xénero das asphodelus.

  As gancias son varas(secas ou case) da citada planta. 

*Cando eramos nenos e saiamos ao recreo, na escola de Palacio, os maiores mandábannos traer gancias para prender o lume. Ardían inmediatamente. Tamén as utilizabamos para facer lanzamentos de xavelina.

ENCERRETAR

  Podemos empregar indistintamente encerretar ou encerritar.

-Encerretoulle o can e mordeuno. Activou e provocou no can unha actitude de ataque  que este realizou sobre unha persoa, gato, outro can...

*Algúns temos lembranza de cando eramos rapaces e un dos novos do Casar tirolles pedras a un "ababareiro" que había nunha cañota. Pasaba por alí, casualidade? unha das persoas maiores do barrio(viaxaba cunha cesta ao lombo, con allos, para vender en Ponferrada). Os abábaros bateron nel. Queixouse(e con razón) ao pai do rapaz: "o teu pequeno encerritoume os abábaros".

<Ocorre, con frecuencia, que uns humanos encerretan noutros para que estes agredan, ataquen, maltraten a outros humanos. Unha mágoa!

PEQUENALLADA

-Anda por aí toda a pequenallada.  Vén a significar o mesmo que "canalla". termo que xa temos recollido.

Refírese a xente nova; cativos. Podería parecer ofensiva, pero non ten connotacións negativas, describe só aos nenos e nenas.

                                                     Saúdos, saúde o Bo Nadal

 

 

 

 

 

    Boa tarde. As tres primeiras palabras, desta nova achega, viñeron dende Canet de Mar e, a cuarta, tivo un percorrido menor, dende a Lama.

XAMBRA

-Non me gusta que andes con esa xambra.  Isto podería dicirllo un pai á súa filla se entendese que esas persoas, as que alude, non son unha boa compañía para ela.

-Vaia xambra que andou por aí toda a noite. Tal vez un grupo de xente falaba, berraba, amolaba... 

É, logo, un conxunto de persoas, xeralmente movéndose e remexendo por algures. Sempre ten un sentido pexorativo.

EMPENECAR/SE

-O/A...empenecou o/a...   Emborrachouno/a.

-O/A...empenecouse pola Noiteboa.  Emborrachouse.

Úsase como verbo transitivo e pronominal. É de coñecemento xeral que ten moitos sinónimos: embebedar, empipar, embriagar...En Navea empregamos moito "aliscar"

MURICEGO

  Con este termo referímonos a ese mamífero voador con problemas de visión. Como sinónimo máis común en todo o país temos "morcego". Aliás, en Navea, podemos dicirlle a alguén:

-Pareces un muricego!  Estariamos dicíndolle a esa persoa que, vén sexa porque ve mal e intenta enfocar mellor o obxectivo, ben sexa polos seus trazos faciais, ten os ollos  un chisco pechados.

FILLARENGO

-Hai que quitarlle aos coios eses fillarengos. Son as polas que van nacendo dende a base da planta. Convén sacalos para que crezan ben as follas superiores. Tamén as cepas botan  moitos fillarengos.

-Este ano, as cereixas teñen moitas fillarengas. Cereixiñas que nacen e medran arrimadas a outras maiores. Ocorre, ás veces, con outras froitas.

                                                                               Saúdos, saúde e bo 2026.

 

 

 

 

    Saúdos nesta afriaxada tarde de xaneiro. E bo 2026(dende decembro do 2025 non había actividade nesta sección).

ENGODOBELAR

   Este verbo ten unha connotación negativa. Usámolo para dicirlle a alguén que está facendo, realizando, colocando...algo de forma desaxeitada.

-Non engodobeles así a roupa! Talvez alguén está recollendo a roupa do tendedoiro, pero, no canto de colocala de xeito correcto, déixaa amontoada e engurrada.

-Vou engodobelar unhos chotos! Se ben para os feixes de leña, herba, estrado...empregamos o verbo enguar, podemos usar engodobelar para sinalar que ese feixe se fai á présa e sen a adicación axeitada.

DE FROQUE

-Hoxe fun comer de froque! Probabelmente fun convidado e, como é habitual, non tiven que pagar; comín gratis(de froque).

O/A...sempre anda de froque. Neste caso a expresión ten un significado negativo. Cecais a persoa en cuestión lle bota "moita, ou algo, de cara" ao tema, polo que é moi "lento" botando as maos ao peto.

REMANDINGA

   Este substantivo empregámolo, case sempre, en feminino, inda que algunha vez se podería escoitar "remandingo".

-O/A...sempre ten algunha remandinga.   Significa que esa persoa, "digas o que digas", "razoes como razoes", sempre ten algo que dicir ou engadir para amosar o seu desacordo.

Se dicimos: -é un remandingas, estamos a decer que é un pesado, prosmeiro, retrólegas...

FONDENZA

-Esta fogaza é de moita fondenza. Estamos a falar dunha peza de pan que lle fai avío a un grupo, relativamente grande de persoas ou, llo fai, a unha persoa, un número relativamente grande de días. é dicir, enche e farta debido ao seu tamaño, peso, textura, etc.

-Este ano a colleita de viño foi de fondenza. Alude ao feito de que a colleita foi moi boa en relación á superficie cultivada e ao número de cepas en produción.

                                                                                Saúdos e saúde.

 

 

 

 

 

 

Páxinas