Vostede está aquí

FÚTBOL EN NAVEA (1)

                    Permitídeme escomenzar esta crónica cunha lembranza persoal. Os meus primeiros pasos no fútbol foron no camiño que había por riba do cemiterio. O balón era unha botella de plástico, inda que daquela o plástico andaba escaso.

               Feito este preámbulo, direi que logo se construíu o glorioso estadio do Chelo, o que para nós era sinxelamente "O Campo", expresión abreviada de o campo de fútbol. Os terreos non tiñan esa finalidade, senón que, naquel lugar, se ían construír dúas escolas(daquela aínda había uns corenta rapazas e rapaces en Navea. A teimosía dos rapaces fixo que, unha vez fracasado o proxecto inicial, aquel  se trocase  e se convertese nun polideportivo. O fútbol pasou a ser o divertimento principal da xente nova daquela época. Só había un pequeno problema: as dimensións do estadio non eran as regulamentarias e tiñamos problemas nos partidos oficiais. Mais isto non foi impedimento para que grandes eventos futbolísticos  se desenvolvesen. Fundamentalmente adicouse á competición interna, pero tamén houbo algúns enfrontamentos interparroquiais.

          Cando o sol ía pola estrada de abaixo  no "outro lado" era o intre de iniciar a peregrinxe cara o Chelo. Dende tódolos puntos do pobo, Santamariña, A Borren, Vilaboa... se producía unha xeira de xogadores. Chegada esa hora, entrábanos un formigo que nos facía correr cara o Campo; e, se vías as nubes de po, a ansiedade era moito maior.  Os primeiros en chegar "medían", método que se empregaba para elixir aos xogadores de ambos equipos. Segundo se chegaba, cada xogador íase incorporando a un dos equipos, inda que ás veces había que esperar un chisco a que houbese unha parella para repartila entre ambos.

          Grandes tardes de fútbol  se levaron a cabo. Os partidos non tiñan límite horario, senón que remataban cando un dos equipos marcaba 8 ou 10 goles. Nunha tarde podíanse xogar 4 ou 5 partidos, polo que era posíbel meter 60 ou 70 goles nun só día. É doado entender que no noso estadio se marcaron, nun ano, moitos milleiros de goles; máis que en todas as ligas xuntas do mundo. Auténticos cracks pasaron polo noso estadio e non me resisto a nomear ao Gabino, Miguel, Manolo e Ernesto. Ningún deles lle tería nada que envexar a Pelé, Maradona aou aos actuais Ronaldo e Messi. Aquí quero facer fincapé no caso do Ernesto por único: era capaz de irse catro ou cinco contrincantes e presentarse só ante o porteiro, ou sen el, e botala fóra(e non era fácil, dado que  a portería abranguía, practicamente toda a liña de fondo). Coido que facía por empatía co rival!

            Vou rematar este primeiro traballo, explicando algunhas normas non escritas, que eran admitidas por todos.

-O Balón era aportado por calquera que o tivese, inda que houbo un momento que se mercou un e se gardaba nun caseto feito a carón do campo.

-O Balón marchaba, con frecuencia, "roullando" ata a Barronca ou...A solidariedade era grande xa que rapidamente un saía disparado, coa intención de pillalo canto antes,  xeralmente o que o tiraba.

-Ás veces púñase a regra "non valen fungueirazos", sobre todo para que os máis pequerrechos non sufrisen danos.

              Remato, manifestando o desastre que supuxo a desaparición do estadio. Dende aquela non temos un polideportivo. As futuras xeracións construrán outro no seu momento.

                            Unha aperta dende Navea.