Vostede está aquí

FÚTBOL MIXTO EN NAVEA (2)

                                                    Empezarei esta segunda entrega falando dun aspecto que esquecín na primeira: a arbitraxe. O certo era que non había árbitro, excepto nos partidos interparroquiais. Naqueles, tiñamos ao Fausto, cando estaba(mais non pensedes que varría para a casa). Nos partidos habituais non había árbitro e incribelmente non houbo grandes conflitos. Cada un arbitrábase así mesmo. Cando un xogador cría que lle fixeran falta, berraba. falta! Agarraba o balón coa man e executábase a mesma. Como dixen antes, as discusións foron mínimas. En xeral, asumíase este procedemento.

         Vou agora co tema fundamental desta entrega.  Navea foi pioneira no acceso das mulleres á actividade futbolística. Así foi, nos anos 60, as rapazas de Navea xogaban ao fútbol, sen  ningún obstáculo, no estadio do Chelo. Certamente que non todas estaban interesadas, pero aquelas que si o estaban, puideron facelo sen trabas.  Cecais algúns estén pensando que había partidos de mulleres como nas ligas  de fútbol feminino actuais; pois non, rapazas e rapaces xogabamos mesturados. partidos mixtos. O nunca visto no mundo ata ese momento!

      Poderíase pensar que se utilizaban métodos humillantes como:

- Xogar dez rapazas contra cinco rapaces.

- Que os rapaces só puidesen chutar co pé esquerdo.

- Que os rapaces xogasen coa perna esquerda atada á dereita dun compañeiro...

          Nada diso. Coido que xa quedou claro que a súa participación se producía en condicións de igualdade. Eran elixidas na quenda correspondente, e, nalgúns casos, erano  como primeiras opcións; iso si, despois do tridente +1 formado por Gabino, Miguel, Manolo e Ernesto.  O seu nivel chegou a ser moi alto. Hoxe, algunhas, formarían na selección galega con Boquete e outras.

               Non poido  rematar esta crónica  sen manifestar a relevancia dunha xogadora: a Balbina,; non tanto polo seu nivel futbolístico, que tamén, senón porque inventou, moito antes de que os ingleses inventasen o  fair play,  o xogo limpo. Ela actuaba como árbitro oficioso e pitaba faltas con bastante frecuencia. Pero, o que chama a atención é que pitaba, fundamentalmente, as súas propias  faltas e as do seu equipo. Ás veces, os compañeiros regañábanlle e ela sempre respondía cunha frase que podería pasar á historia: a verdá sea dita!         Pois aí queda.

                 Unha segunda aperta dende Navea.