Vostede está aquí

"A NADA"

Oh, outra vez a cerdeira! Agora cargada do froito que xa nos auguraba na primavera cando se nos ofrecía chea de flores. Pois nada, só sana envexa, ou non? Non non, ademáis ...“están verdes”.

Lembranzas dos veráns.  “A NADA”  (36)

Bo día a tod@s:
Agora, que vai tempo de calor, lémbrome daquelas festexadas sesións de “nada” nas mañáns dos domingos. Poida que para moitos dos mozos e mozas, que frecuentan Navea, este termo teña un significado moi diferente do que eu presento aquí; ben, supoño que é normal que así sexa, xa que os “usos e costumes” dunha comunidade tan pechada, como daquela era o noso lugar, contando ademáis coa saída continua da xente nova á procura dun futuro mellor e tendo en conta, tamén, a propia evolución da fala fan que nunca se saiba que camiños van coller e, xa que logo, as palabras  adoitan mudar e ficar en desuso sen decatármonos.
Ir á “nada” comezaba a escoitarse en Navea alá a finais do mes de maio e, logo xa arreo, ao longo do verán.
A “nada”, viña a ser un goce normalmente semanal; acordábase ao saír da misa do domingo, na parada obrigatoria no Xogo da Bola; os mozos (aquí as mozas, coma en moitas outras situacións, non tiñan oco) quedaban para iren xuntos ao río ( tamén nos engadiamos algúns raparigos sempre baixo a tutela dun maior de confianza): ó Largo, á Charca, ó Redondo...; os do cima do lugar ían vaixando e chamando polos que residiamos máis abaixo até chegaren á Quinta.
Para os raparigos, que iamos tutelados, a ledicia de ir á nada cos mozos adoitaba rematar case de contado e  de xeito nada agradábel xa que era o tutor o primeiro que, sen moitos miramentos, agarraba o tutelado e guindábao ao medio do pozo... e veña a intentar saír nadando. A verdade creo que non era o mellor xeito … pero efectivo si que era. ( e dígoo con coñecimento de causa, xa que fun un dos “privilexiados”que puido gozar da arcaica experiéncia)
Logo pola semana arriba tamén se frecuentaban outros lugares, aínda que con moitas limitacións,  no regueiro: a Campana, a Preseira do muíño, os Choplos...
Ben pois, que poidades aproveitar esas augas frescas e limpas, que aínda tedes ao voso dispor, para gozar da “nada”.

Saúde e boa Viaxe.

 

Colaboracións: 

Comentarios

Aproveitando o artigo de brdaquinta sobre o tema da "nada", vou engadir algunha cuestión. A verdade é que podería escribir unhas cantas páxinas posto que foi unha actividade que eu practiquei moito. Hoxe farei unha primeira achega e logo, xa veremos...
Efectivamente como se di no artigo quedabamos na Quinta arredor das doce; aínda que tamén lembro outra referencia horaria que era o son do "corno" para avisar da saída da veceira. Mesmo aproveitabamos para ir bañarnos ao regueiro cando había que subir as cabras ata o Chelo.
Dende a Quinta había dúas alternativas para baixar; unha era máis recta, pero máis dura, atravesando o eido dos mondelos; a segunda, algo máis longa, polos Rousos. O primeiro camiño levábanos directamente á Charca e o segundo permitía dúas opcións: pola dereita cara a Charca e pola esquerda cara o Largo. Se ías ao Largo, antes de chegar ao río, tiñas que atravesar unhas zona de piñeiros que naquel momento me parecían moi altos, chamada a Mesiña.
Había outra zona(eu aínda fun algunha vez de moi cativo)que era Lama de Sando. Daquela, a xente xuntábase na Lama.
O certo é que as miñas primeiras experiencias non foron boas xa que os métodos empregadas na aprendizaxe eran algo arcaicos: tirábante á auga e, iso si, antes de que afogases, botábanche a man e sacábante "algo acorado". Eu tardei en perdoarlles a meu irmán e ao Alfonso que me levaron ao pozo dos Vieiros e me tivesen "pedindo auxilio" durante un par de horas.
Lembro perfectamente o incendio do 66. Viñamos da Charca. Algúns subiamos polo lado dos Rousos e outros polo lado da Fraga. Neste último lado iniciouse un incendio que ameazou seriamente as casa da Quinta(nárrao moi ben Rubén Ramos Nogueira nun libro de recente aparición titulado "Punk cursi")
Alá, preto dos anos 70, ocorreu un feito relevante. O Axenor, pai do Fausto, Ernesto e Elvira construíu unha laga con bloques de cemento, para regar, na Lavandeira. Tiña unhas dimensión modestas para a nada: aproximadamente 1m de alto, 3 de longo e 2 de ancho. Pero a nós valeunos para aprender a nadar, sen medo a afogar. Iso si, cumpría logo dexobarse ben xa que saías negro ao remexerse o lodo que había no fondo(algúns hoxe acoden a terapias deste estilo por prescrición médica).
Logo, veu a proba definitiva: cruzar o Largo. Se superabas esta proba, xa sabías nadar e podías adentrarte noutros lugares máis tenebrosos como o Redondo, o Boleiro ou a Ponte.
Por hoxe, "nada" máis. SAÚDOS E SAÚDE.