Vostede está aquí

CONSECUENCIAS DO LUME (3/3)

CONSECUENCIAS DO LUME (3/3)

(39)  PODE SER QUE HAXA BENEFICIADOS COA DESFEITA ?

Boa tarde a todos:

Ben, pois vendo como quedou o territorio despois do lume: desprotexido diante dos fenómenos da erosión, choivas, lumes, vento... non poido deixar de pensar...e el non haberá alguén que se beneficia coa desfeita? Eu diría que si, nalgún recanto ha de haber quen se beneficiou ou se beneficiará dese atentado, aínda que non poidamos identificalo. Poida que non sexa unha persoa física; poidera ser unha persoa “xurídica”; ou porqué non, un “ente público” dos moitos que xeran os tempos actuais para enchufar os amigos sen chamar moito a atención, xa que os poderosos xestores agóchanse entre bambolinas.

E, logo, pensando no anterior, tamén me pregunto: quen, e en base a que lei ou norma, está a plantar o noso territorio de piñeiros? Nunha primeira e lixeira ollada, semella que só estén a traballar nos terreos incluídos no “monte comunal dos veciños de Navea” (que eu saiba non poden facelo sen permiso dos residentes, xa que logo, solicitáronllelo?) Xa logo, nunha ollada máis devagar, é doado decatarse que as plantacións abranguen zonas de parcelas privadas. A este paso nun santiamén atoparémolos en Palacio.

Coido que, se estou no certo, deberiamos facer xestións para, como mínimo poder reclamar a propiedade das parcelas privadas, o que nos xeraría autoridade para logo, nas futuras cortas, que algún día chegarán e xerarán beneficios, reciban os propietarios a parte que lles pertoque. Para entón, posiblemente, os veciños residentes no lugar (polo tanto destinatarios dunha parte dos beneficios xerados) xa serán ben poucos ou ningún. Si que optarían a eses beneficios os herdeiros dos terreos privados, residentes no territorio ou non.

Non sei cal será a opinión dos naveáns arredor do asunto, pero a miña é esta: sería un “negocio” de interés xeral o demostrar a propiedade das parcelas privadas, plantadas sen permiso, para logo podermos reclamar os dereitos derivados.

Supoño que o máis acaído para levar a termo esta tarefa sería : crear unha “Asociación de veciños e propietarios”. Sería este ente o que representaría a todolos propietarios, e seguro que sería de moita axuda á hora de intentar abrir portas e plantarlles cara.

Saúde e boa viaxe.

--------------------------------------------------------------------------------------

Febreiro /2018:

(O escrito que precede foi redactado cando o lume do ano 2016).

Agora, na última visita á parroquia, ollando todas as ladeiras, queimadas ou non, contrasta moi negativamente coas lembranzas que un retén de datas lonxanas. (poidera ser que a situación anímica vivida, no entorno familiar, tivese certa influencia negativa na visión, de novo, do territorio afectado polo lume). Aínda así demóstranos, a min alomenos, a nula visión de futuro dos gobernantes da comunidade á hora de idear, promover e por en marcha normas adecuadas para axudar a protexer e por en valor o enorme potencial de riqueza que atesoura o rural do país galego.

Teño para min (algunha nova andivo polos papeis) que unha das ideas que lles ronda polo maxín aos nosos altos dirixentes é a de como acadar o xeito de poderlles facer entrega, a “poderosos inversores (mellor amigos)”, da maior parte do rural, unha vez xa ceibo de propietarios que lles poidan dificultar os proxectos.

Para levar a bo termo o negocio intentarán despoxar da propiedade a aqueles donos que non teñan ao día as parcelas de acordo ás normas que van dictando un pouco polo calado e sen lles dar moita difusión; así será máis doada a incautación.

Coido que dentro deste proxecto tamén está, e dalle unha boa axuda, o “catastrazo” recente que a toda Galiza lle afectou nun % moi superior ao resto do estado. Gabábase o Sr. Feijoo, nunha entrevista, do grande incremento de ingresos do IBI xerados na comunidade. Primeiro aflorando o que eles din “construcións agochadas” ao catastro: palleiras, cortes, calquera chabola...aínda que non teñan utilidade; logo as que realmente incumprían as normas; despois e como “obra mestra” facendo unha verdadeira chapuza, tendo en conta as ferramentas coas que se pode contar na actualidade.

E logo, senón, a que ven o eliminar fincas perfectamente identificadas no anterior catastro (xa informatizado) incluíndoas cun % dunha grande área con nome “inventado” polo que xa no é unha finca identificábel?.Por exemplo: o Figueiral, o Foro, o Regueiro, a Rocha, a Pedela, a Cunca do Ouro, os Vieiros, a Fraga, os Vales, a chaira da Borrén, Carboído, A Mallada, Santa Mariña, Valdosino, Vilaboa,.. en fin, case que todo o territorio da parroquia.

E como é posíbel que propiedades, repito, ben identificadas, se engadan a outras fincas con donos diferentes?

Pouco a pouco esas áreas e propiedades quedarán, moitas delas, nun valeiro administrativo: haberán propietarios que non se decatarán, outros por desleixo, outros tendo en conta o que lles vai costar amañar a desfeita pensarán que non lles sae a conta; todo isto beneficiará a tarefa para contar cunhas extensións de terreo máis grandes (dependerá das reclamacións ) e así a cesión máis doada e frutífera.

Poida que o paso intermedio, para intentar darlle máis coheréncia e transparéncia á operación, sexa que todas esas extensións pasen a engrosar o, en principio creo ben intencionado, ente público “Banco de Terras”.Logo, os beneficiados, cando chegue o intre de repartir as ganancias, ben seguro que non han de ter nada a ver cos residentes que poida haber ou cos lexítimos donos. Nesas teóricas situacións o que sempre sucede é que os beneficios collen vieiros opostos ós que deberían coller. E case sempre, tamén, ninguén se entera.

Saúde e boa viaxe.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Marzo do 2019.

Hoxe, recorrendo o territorio da parróquia a cabalo do google, que é máis levadeiro aínda que non tan atractivo, chego á conclusión de que parte do escrito no relato que precede, con data do ano pasado, xa está feito.

Unha grande extension do territorio non traballado, ao parecer, xa houbo algún visionario da administración que veu e creu oportuno que: “os tempos eran chegados” para engadilo ao monte comunal dos veciños de Navea.

Eu non estou en contra da “repoboación”, si que estou en contra da “usurpación”.

(Disculpádeme por volver remexer no “borrallo” do lume, montando un escrito con diversas datas de redacción, pero é que un mantén a teima de que algunha cousa, nada boa para a parroquia, se está a cocer).

Saúde e boa viaxe.