Vostede está aquí

COMERCIO NAVEÁN

 

“O COMERCIO NAVEÁN” - (45)

Bo día:

(Segue o confinamento físico, pero só o físico, así que podemos seguir facendo outras actividades).

Eu diría que a economía da nosa parroquia, en xeral, era de “subsistencia”; aínda que cavilando un pouco arredor das antergas técnicas empregadas nas continuas transacións comerciais, transmitidas de xeración a xeración, coido que hai parte desa economía que presenta xeitos que saen fóra da subsistencia e, que sempre se levaron a termo por medio de dúas canles: comercio activo e comercio pasivo.

Teño para min, que unha parte moi importante das vendas non se pode considerar dentro da tradicional “economía de subsistencia” (venda do que sobra unha vez cobertas as necesidades familiares), sistema con forte implantación no rural dende épocas antergas, xa que no noso lugar producíase tendo en conta esa parte que ía ser destinada para a venda nos diferentes mercados.

O comercio activo: podémolo nomear tamén cunha palabra que nestes tempos modernos anda moi “atarefada”: sería o comercio “emprendedor”, que ven a ser aquel que toma a iniciativa de comerciar. A xente da nosa parroquia sempre mostrou, neste campo, un alto coñecemento das técnicas de venta, (eu diría que ben puidera ser materia a estudar polos actuais gurús do ensino nas escolas comerciais, e ata poderían tirar algunha lección que outra) .

Ao longo de todo o ano estaba presente este xeito de comercio: así era cando ían ás feiras, ás festas, a recorrer, de aldea en aldea, as chairas caldelás (neste caso case sempre co sistema do”troco”) para vender: as froitas da tempada, os produtos de horta, as plantas de sementeiro coa “remolacha” como reina (moitos cartos tirou Navea coa súa venda).

Tamén axudaba moito ao saldo anual da economía familiar, aquelas vendas que aínda sendo puntuais, algunhas aportaban moito valor: porquiños de cría, cabritos, años, polos, coellos, algún becerro, algún canado de viño, cstañas, madeira ...

O comercio pasivo: sería todo aquel que se levaba a termo porque os compradores viñan buscar os produtos á nosa parroquia: ben fose en camións (nos derradeiros anos), en cabalerías, ou tamén ás costas (xa que de todo houbo).

Este xeito, non hai dúbida, era o máis produtivo e levadeiro, aínda que os prezos non chegasen aos que se podían acadar fóra; o tempo que se precisaba era moito menor e, xa que logo, podíase dedicar o resto para traballar noutros mesteres ou, tamén, para preparar outros produtos que logo, coa cabalería, se ían vender noutros mercados da contorna.

Saúde e boa viaxe.

------------------------------------------------------

O COMERCIO NAVEÁN / “AS REVENDESINAS” (46)

Bo día:

Temos falado moito, tamén escrito algo, arredor do comercio de produtos que da parroquia

de Navea saían para os diferentes mercados:

O primeiro era A Pobra e toda a comarca trivesa, logo as parroquias e lugares de caldelas, tamén outras comarcas da nosa contorna: Valdeorras, Quiroga, O Bolo...

Daquela, a froita de Navea viaxaba sen parar a festas e feiras das parroquias dos arredores; lembro as festas do San Xoan en Río, o Sant Yago en Mouruás, o Cristo e a Dolorosa na Pobra...onde acudían unha morea de veciñas para vender: cereixas, claudias, peras, ameixas, uvas, mazás...

Nas festas da contorna, unha clientela fiel eran os mozos bailadores que tiñan a oportunidade, e así o facían, de agasallar ás súas parellas de baile coa froita que podían mercar a carón do campo da festa. As vendedoras non ían provistas de papeis, nen por suposto de plásticos (non era a época aínda do, hoxe, avasalador produto). Así que a fróita entregábanllela nos panos que os compradores ofrecían. (Que pasaría hoxe se tal cousa viramos!)

Un dos que comezou máis pronto e, xa que logo, máis negociou coa froita de Navea, foi un dos comerciantes de Montefurado; tiña a casa mesmo na entrada do lugar (coido que lle decían “O Pampas”). Había que levarlle a froita ao seu local, axudarlle no envasado en “xaulas” e tamén cargalas no carro; logo tocáballe ao sogro do comerciante, aportar o cabalo para ir facturalas á estación do tren coa destinación de Ponferrada.

Máis tarde comezaron a vir outros comerciantes con camións da Coruña, que só chegaban ata A Ponte.

Moi pronto comezou a negociar tamén o noso veciño Raul (q.e.e.), primeiro co Fausto (q.e.e.), logo asociouse cun veciño de Chantada, propietario dun camión grande “Barreiros”. ( moitas toneledas de froita sacaron!)

Logo, cando a estrada se foi achegando ao lugar ían aproveitando o avance: a primeira etapa foi no Regato, alí amañouse un lugar para, con moitas maniobras, que puidesen dar a volta; a segunda etapa, xa foi nos Vales avistando á fonte; a seguinte foi na cabarca dos Rousos, alí estivo o final por moito tempo, aínda que a estrada chegaba ata a Fonte (estas etapas e lugares para dar a volta refírense aos camións, xa que os turismos ían aproveitando mellor os metros de estrada pola facilidade para virar en pouco espazo).

Tamén o de Montefurado, cando se dacatou que perdera o negocio, comezou de novo esta vez xa achegándose ao lugar cun camíón propio.

Outro veciño, o Arsenio da familia do Campo, tamén comezou a negociar coa froita creo que para Ourense, onde rexentaba unha tenda, e logo para Vigo.

Poida que algún veciño máis se metese ao negocio pero non o teño claro.

Ben pois, coido que o relatado ata aquí historia do noso lugar, eu diría que somos moitos aínda os que a mantemos na memoria. Admito que pode conter erros e, xa que logo, se alguén atopa algo que considera que non é correcto que o comente na páxina, ou se mo di a min estou aberto a modificar o que sexa.

É agora que vou lembrar ás “mulleres comerciantas” que viñan á parroquia nunha época máis lonxana da descrita arriba; supuña unha saída para a froita non tan importante pero tamén axudou; é moi posíbel que haxa persoas de Navea que nunca tivesen coñecemento disto, ou tamén que o teñan esquecido polo tempo pasado; aquí contareivos o pouco que lembro máis o que outras persoas, ás que consultei, me relataron arredor das nomeadas e famosas:

“Revendesinas”.

Non atopei unanimidade en todo pero si que todos coinciden en que eran só mulleres que viñan da comarca do Bolo: de Lentellais, As Hermidas, As Escadas, Cambela... Tamén nalgunhas ocasións viñeron de Vilanuide.

Mercaban a froita que nos seus lugares non había e que en Navea abundaba, sobre todo ameixas e empreales, aínda que tamén levaban algo de claudias. O destino principal era a vila de Viana. Viñan en grupos de doce ou quince. Sempre eran benvindas, pola posibilidade que ofrecían de negocio e tamén porque a froita que buscaban non tiña moita saída e transacionábase cuns precios moi baixos.

Podemos dicir, sen medo a erro, que o comercio no noso lugar formou parte do “adn” das naveás/áns dende sempre, pero é preciso dicilo con maiúsculas: case sempre foron as “MULLERES” ( ao parecer coma no Bolo) as mantedoras do facho, ben vivo, ao longo da historia, alomenos da máis coñecida.

Saúde e boa viaxe.

---------------------------------------------------------------------------------

O COMERCIO NAVEÁN/ “O VIÑO” (47)

Boa tarde:

A parroquia de Navea, por moitos anos, foi a provedora de viño dos lugares da contorna. Como deixei escrito no artigo nº 45, a normalidade nas derradeiras décadas deste comercio era que viñesen os compradores a Navea. Podemos dicir que foi sempre así? Pois non, non sempre foi así; en tempos máis lonxanos, cando a produción era moito máis grande, alomenos os maiores produtores precisaban buscar mercados fóra. Así un dos comerciantes que mercaban o viño do noso lugar era do Pereiro (Sas de Trives). O problema, ademais da loita polo precio, era o transporte, xa que había que entregárllelo na súa adega. Daquela, como temos constancia, Navea estaba moi aislada do resto das terras de Trives; o camiño pola Ponte era o más curto para ir a Sas, pero o pontixolo para travesar o río non era adecuado para cabalarías, así que o camiño para o transporte do viño, cunha recua longa de cabalarías, non era outro que: coller a carrúa dirección para Río, logo achegarse ao Piago para seguir pola estrada ata O Pereiro. Esta longa viaxe deparaba moitas incidencias negativas que supuñan unha mingua relevante nos beneficios da transación.

Loxicamente, este trasfego non o temos documentado e, xa que logo, non podemos saber cando comezou nin cando rematou. Supoño que foi esmorecendo coma todo no rural; os cambios que pouco a pouco se foron dando, nuns lugares por mor dun feito e noutros por outros. Na nosa parroquia, coido que foi cando comezaron as construcións das centrais eléctricas que empregaron moita man de obra e cunhas condicións mellores para os traballadores: seguridade social, estabilidade, soldos máis altos... As viñas foron esmorecendo como era normal e lóxico.

Xa logo foron quedando só as necesarias para o gasto familiar, e se sobraba algo pois vendiase aos compradores que baixaban de caldelas.

Isto, máis ou menos, coido que foi a historia deste comercio, poderiamos dicir, “ao por maior”.

Ben, pois aquí vos deixo estes relatos escritos en pleno confinamento. Saen xuntos, aínda que foron redactados en diferentes datas. (hai tamén algúns contidos que se repiten)

Desexo que, se tedes a paciencia de lelos, sexan do voso agrado.

Ah, ollo cos bichiños!

Saúde e boa viaxe... non, mellor quedade na casa.

Colaboracións: 
Datos de Navea: 

Comentarios

Grazas Bernardino por agasallarnos con estes artigos tan acertados como sempre.

Desde Navea:  que pasedes o confinamento da mellor maneira posíbel.