Vostede está aquí

A LINGUA DE NAVEA

 Vou iniciar unha nova sección á que, coma sempre, estades convidados a participar.   Tamén podedes engadir, matizar...(mesmo unha palabra podería ter diferentes acepcións dependendo do barrio do pobo).

Ninguén dubida de que a lingua de Navea é o galego. Como ocorre con todas as linguas, existen termos que se empregan nunha zona do país e noutras non. Eu quero lembrar unha serie de plabras, moi significativas, pola súa enorme forza fónica e semántica. Espero que non esmorezan de todo.

 Debo deixar claro que eu "nunca as ecoitei fóra do ámbito naveán", pero iso non significa que non existan ou existisen. Ben sei que hai dicionarios de varios tomos que inclúen termos dende  o nacemento da lingua ate o momento actual. Tampouco se trata dun estudo filolóxico-lingüístico sesudo, para iso xa están os expertos da RAG e do ILG así como outros investigadores do noso idioma.

Este é un sinxelo traballo de recopilación de palabras de uso pouco habitual, fermosas,  e  que aínda seguen vivas, polo de agora, en Navea. Ata cando?

ABEACA

-Pareces unha abeaca. Puidese parecer unha frase ofensiva, un insulto, porén, normalmente non o é. Cando se lle aplica a un/ha neno/a, rapaz/a, estamos a dicir que é traste, rebuldeiro, que ten certas dotes teatrais e fai rir aos adultos...

Se se empregase cunha persoa adulta e, ademais, se di cun certo ton agresivo, desta volta, convertiríase nunha ofensa co sifnificado de "ignorante"

*O DRAG recóllea para aludir a unha peza do carro, máquina que escasea en Navea.

ABRIDELA

Esta é a palabra que empregamos para o conxunto de labores que se desenvolven, xeralmente, no día seguinte ao da matanza.

- Na abridela  xuntámonos quince persoas. 

- Ven botarme unha mao o luns, que teño a abridela

Noutros lugares non empregan esta palabra, senón que falan do " día de abrir" e outras expresións semellantes. 

Trátase logo de despezar ao porco para o seu máximo aproveitamento. Sepáranse os xamóns, os lacóns, escóllese a carne para os chourizos, sálganse os touciños...Tamén se pica a carne para os chourizos e bótaselle o adobo(pemento doce e picante,sal, ourego, loureiro...). Deste xeito, temos a zorza preparada que, normalmente, se proba o día seguinte pola mañá para comprobar se lle falta algo dalgún ingrediente. Tamén é o día de probar as costelas, tanto fritas como grelladas(eu sempre lle atopei un sabor exquisito nese momento e nesas circunstancias).

-Prepara a grella que imos botar unhas costelas.

-Ímolas botar nas brasas que saben moi ben encinsadas.

ACALLOAR

Este verbo, que recolle o DRAG, co significado de "entrar en ebulición un líquido". Nós, para este proceso, empregamos escachoar. Logo, se está nesta sección, é porque, para nós, ten outro significado. Vexamos:

-Non para de acalloar!

-Que andará acalloando por eiquí?  Significa que alguén anda por camiños, eidos, congostras, leiras...sen razón aparente, a xuízo do observador, claro. Pode ser sospeitoso/a de andar a procura de "algo" que non lle pertence ou, sinxelamente, perdendo o tempo.

ACARRAMELEAR

-Non sei que andas acarrameleando?  Diríaselle isto a alguén que anda facendo algo con desleixo, sen tino, con pouco xeito. Tamén se emprega cando as forzas físicas non acompañan polo que a actividade a desenvolver é cativa ou infrutuosa.

-Vin ao/á..., que andaría acarrameleando por aí?  Formulada a cuestión deste xeito e coa entoación axeitada indica a existencia dunha dúbida acerca das intención da persoa en cuestión; é posíbel que "algo" oculte.

ACERRETAR

-Vou acerretar os cans. Este verbo empregámolo, case en exclusiva, para provocar enfrontamentos entre os cans. Mais tamén,  destes contra outros animais e, mesmo contra as persoas.

Ás veces tamén facemos uso deste termo para referirmonos a enfrontamentos entre humanos. Lembro algúns casos, sendo cativos, na escola, como os maiores acerretaban un/s pequeno/s contra outro/s.

ACHAFALLAR

-Non achafalles iso!  Estamos poñendo de manifesto que unha persoa está facendo mal as cousas,  ás présas, de calquera maneira.
Ás veces, o traballo a desenvolver non precisa moitos coidados polo que o achafallamento tería certa xustificación. Neste caso, achafallar é sinónimo de actividade ou laboura feita con rapidez, pero, non precisamnte ben.
Temos, xa que logo, o substantivo chafalleiro/a aplicado ás persoas que achafallan na realización das súas labouras.

ACHAPAZAR

Achapazar é un verbo que empregamos con relativa frecuencia. Sería a realización dunha actividade con pouca convicción e case nulo entusiasmo. Algo así como: cubrir o expediente.

-Vou achapazar estes bacelos. Un traballo feito con demasiada rapidez, sen facer unha cava profunda, sen botarlle esterco...

Teño que achapazar o xantar. O mesmo que no caso anterior, sería facelo  con rapidez e sen esmerarse en acadar un bo produto final.

*Debo  sinalar que, cando son convidado, prefiro que a comida non sexa produto dun achapazamento, senón dun traballo riguroso e dun concienzudo proceso de elaboración. Teño que dicir que  sempre é así. Dá gusto!

ACHOTAR

O nome "choto" é relativamente común na nosa lingua. Nós podemos chamarlle "choto"  a calquera anaco de madeira; dende uns cm (na páxina hai un "xogo moi naveán" co nome deste obxecto). ata un pau da luz (antes eran de madeira).

Aliás, o verbo achotar empregámolo en frases como esta: -Vou achotar un coello para facer unha empanada. O significado é obvio e tén a súa lóxica, dado que un dos métodos usados é/era golpealos cun choto tras das orellas. Por extensión tamén se lle chama achotar ao sacrificio  doutros animais (porcos, cordeiros, galos...).

ACHOU

-Na semana que vén, imos ao achou.  Significa que imos darlle a penúltima, ou cecais derradeira ollada á recolleita dalgún produto. Emprégase moito cos conchos e coas castañas...é dicir, produtos que non se recollen na árbore e que van caendo paseniñamente. Podese dicir cando alguén vai ao achou esta realizando unha actividade de "rebusca".

ACOLLEDEIRO/ACULLIDEIRO

-Hai  que preparar un acolledeiro en Lama Amarela.  Calquera dos dous termos se usan. Como o seu nome indica é un lugar para acollerse(protexerse das inclemencias meteorolóxicas).  Hai acullideiros nos que non intervén o ser huamano, como son covas de animais ou covas propiciadas pola erosión; outras, son produto dos humanos que necesitan protexerse ao atoparse no monte ou na serra facendo os labores pertinentes.

ACUBILLA

 -Mañá temos que facer a acubilla en Riocobo.  O verbo acubillar é moi produtivo na nosa lingua, pero o que debemos salientar aquí é o substantivo "acubilla". Empregámolo, fundamentalmente, en labores relacionados coas cepas. Consiste en facer unhas gábeas moi fondas, enchelas de esterco e estrado e  tapar logo coa terra que antes sacamos. É un traballo duro, hai que padexar moito, pero, as cepas agradecen ese alimento extra.

Ás veces tamén se facía a "acubilla" para sementar logo a remolacha; con regos bastante fondos que se enchían coa herba raspada e con esterco, cavando a continuación a terra. Posteriormente sementábase, esparexéndolle unha capiña superficial de esterco.

AFRIAXADA/O

Se a temperatura é moi baixa, baixa ou relativamente baixa podemos ter a sensación de frialdade, malestar e sentir a necesidade de recibir unha certa dose de calor. Tamén depende do friorenta que unha persoa poida ser. Logo, podemos dicir: 

-Estou afriaxada/0

AFURRACAR

Esta palabra empregámola, non para indicar a acción de facer buracos, senón para incidir ou actuar sobre un buraco feito previamente. Neste burato puido intervir a mao humana ou ser produto doutros seres.

-Non cicha! Hai que afurracarlle ben!  Esta frase podería dicila alguén que esté intentando sacar viño ou mosto dun cobeto, pero o bullo impídeo ou dificúltao. Tamén poderiamos afurracar, cun choto, no boqueiro dunha laga intentando que a auga saia.

* Non é aconsellábel afurracar nun buraco  que houbese na cañota dun castiñeiro se tivese un avespeiro.

AGALDRACHAR

Esta é a palabra que máis me gusta do día de hoxe.

-Vou agaldracharlle algo as ovellas.

Neste caso o falante foi buscarlle "algo" para comer, porén, non había moito que segar, arrincar ou mondar; a herba estaba esgotada e non e non era doado apañar un feixe adecuado. Tamén podería ocorrer que esa persoa tivese moita présa para marchar á feira ou ao Cristo.

-Teño que agaldrachar un feixorro antes de marchar.

Tamén poida referirse a que unha persoa fai algún traballo con pouca convicción, sen entusiasmo, escaso interese e de xeito bastante trapalleiro.

-Teño que agaldrachar a remolacha.

*É bastante lóxico pensar que se alguén sabe, ou pensa, que as tripas dos marraos foron agaldrachadas, se lle vaian as gañas de comer chourizos, androllas, pegureiros...

AIHOMENÓN

A primeira impresión que terá o lector  será pensar que esta palabra élle descoñecida, e terá razón, non está no dicionario. En realidade está formada pola unión de tres: AI-HOME-NON. 

Máis cómpre pronunciala como unha soa para que acade todo o seu pulo. En xeral, úsase para contraporse a unha frase negativa pronunciada polo interlocutor; deste xeito, convértese nunha afirmación rotunda.

-Onte non fuches á feira.

-Aihomenón! Ás dez xa estaba comendo unha tapa de polbo.

Nalgúns casos, os menos, serve para ratificar e darlle máis intensidade á negación.

-Mañá é domingo. Non irás traballar!

-Aihomenón! (pois claro que non, de ningunha maneira, só faltaba iso...). Neste caso o NON pronúnciase,aínda, con máis forza.

Habería, xa que logo, que apelar ao contexto  e a pronunciación para ter unha idea exacta do seu significado.

ALARABALLAR

-Deixou todo alaraballado. Estamos sinalando que non fixo ben o traballo, nin dende o punto de vista funcional nin estético.

Grave é cando se di:

-Deixaron as tripas dos marraos alaraballadas. Neste caso, eu recomendo non comer os chourizos, androllas, bandullo...

 Tamén o usamos ao falarmos de certas froitas. Lembro cando miña nai me dicía:

-No alaraballes as claudias!. Para os que non controlen ben esta froita, direi que teñen como unha especie de "po brillante" que as recubre polo que non convén "sobalas" xa que quedarían verdosas, feas e cunha merma importante no seu valor de mercado.

ALFÓNDREGA

A palabra alfóndrega emprégase en situacións moi específicas, cando o falante amosa unha carraxe moi forte cara á persoa aludida.

-Que dirá esa...alfóndrega!   É probábel que estivese referíndose a unha persoa de movementos torpes, cun peso esaxerado, escasa habilidade motriz...

*Persoalmente, recomendo non empregar esta palabra, a non ser que sexa estritamente necesario, debido a que é extremadamente onfensiva.

ALISCAR, ALISCADO/A

-Vaste aliscar!

-Estou algo aliscado!

Utilizamos moito esta verba para referirnos a alguén que se pasou un chisco na inxestión de alcohol. A persoa en cuestión está algo "bébeda", ten un "puntiño de alegría", pero non é grave; mesmo, pode resultar graciosa.  Se o aliscamento fose grave, estariamos a falar de "borracheira", "melopea".

ALOUBEAR

-Hoxe estou medio aloubeado!  Diríao alguén que nota certo desequilibrio, que a cabeza se lle vai un chisco, mesmo ten certos síntomas de vertixe.

Tamén dicimos que un animal está aloubeado cando observamos un comportamento algo raro; por exemplo, dar saltos, voltas e reviravoltas, sen acougo.

Cando os castrós se enfrontaban a carloucón limpo durante horas, o normal é que acabasen aloubeados.

AMANDILAR, AMANDILADO/A

-Espera que imos botar outra, ou estás amandilado?

Era unha expresión que se empregaba con certa frecuencia. Mais, no século XXI, foi perdendo forza xa que engade connotacións machistas evidentes.  Case senpre a empregaban os homes cando, un ou uns, lle dicían a outro que estaba ou parecía amandilado. Significa, logo, que a muller  tiña dominado ao home; el debía seguir as normas de aquela e non podía sairse das ordes recibidas

**Que a muller estivese "amandilada" polo home víase como algo "relativamente normal". Hoxe,afortunadamente,  a situación foi mudando.

AMANTARUXAR, AMANTARUXADA/0

-Vou toda/o amantaruxada/0

Falaría así alguén que vai con abrigo, tapabocas, gorro, luvas...Enténdese que vai moita friaxe ou a persoa en cuestión está afriaxada e mesmo encotomecida. Tamén se aplica para alguén que está no seu leito e cunha morea de cobertores enriba.

AMASTRALLAGAR

-Entrou o xabarín na viña e amastrallagou todas as uvas.  Neste caso, o xabarín foi de cepa en cepa probando, metendo os acios na boca e, probabelmente, por estar verdes, non as comeu, pero, deixou a vendima feita.

Tamén os seres humanos poden amastrallagar. Agora non é habitual nas nosas latitudes, pero antes había persoas sen dentadura; xa que logo, tiñan que amastrallagar a comida un bo rato antes de podela enviar. Tamén pode darse o caso de que alguén sexa convidado a comer; ostras, por exemplo; non lle gustan, mais "por educación" mete unha na boca e amastragállaa... ata que atopa unha solución.

AMOLACHAR.    Este verbo era bastante habitual en Navea, inda que con tendencia a ir esmorecendo. Parece que segue moi vivo en terras portuguesas. Vén a significar algo que se aplasta, se engurra, ata, nalgúns casos, quedar reducido á mínima expresión.

-Amolachou a lata das sardiñas.

- Peguei un golpe e amolachei a porta do coche.

Referido aos seres humanos ten un significado pexorativo.   

- X  está bastante amolachado/a.

Quere dicir que se aprecian claramente o paso dos anos e o conseguinte deterioro físico.

AMOUROAR

Esta palabra é/era moi empregada nunha situación moi concreta.

-Amouroaron as ovellas.  Quizabes están acaloradas, coa cabeza metida entre os fentos ou entre a herba e medio paralizadas. O exceso de calor fainas adoptar esta posición. Logo, ao arrefriar un chisco volven "en si".  Lembremos como  a veceira saía cara ás doce do mediodía. No vrao, cando se chegaba, na serra, ao castiñeiro do Javier, as cabras amouroaban; Había alí unha cacho grande de uces, cheo de ocos que foran facendo as cabras e máis outros animais non domésticos.  Hai que dicir que os humanos non eramos menos, case  se pode dicir que amouroabamos máis. Que ben sentaba aquel fresquiño! e a primeira comida!

Non é infrecuente que se vemos unha persoa en estado de adormecemento a unha hora non habitual, se lle diga:

-Amouroas, ouh?

ANDOLEXAR.  Este verbo vén a significar o contrario de dexobar.  Se para dexobar había que esmerarse en facer ben o traballo, andolexar é lavar mal, rapidamente, mesmo sen xabrón. Meter a roupa na auga, remexela un chisco e sacala ás présas.

- Vou andolexar uns trapos.

-Teño que andolexar estas sabas antes de marchar á festa.

-Voume andolexar e imos...(lavarse de forma rápida e superficial).Se algúen me di que andolexou as tripas do marrao, pensaríao antes de comer os chourizos. 

AÑICRELO

-Esta ovella ten dous añicrelos. Normalmente ten un significado un chisco despectivo. Poida que a ovella teña dous años, ou tres!. Con pouco peso para a súa idade e mesmo escuálidos.

Noutros casos, pode ter, exactamente, o mesmo significado que "año" ou "cordeiro"; sinxelamente é unha forma graciosa de dicilo. -Teño que mercar un añicrelo para o San Miguel.

APALAMBRADO/A

Non é, precisamente, un atributo cariñoso.

-O/A...está apalambrado/a.

Esta persoa, seguramente está pasando un mal momento; deste xeito, séntese cansado, sen folgos, con pouco ánimo, cecais coa mirada perdida. habitualmente é un estado pasaxeiro e a persoa recupera a situación cotiá.

Cando alguén ten un "día negro" no que os obxectos lle caen ao chan, tropeza con calquera obstáculo; é dicir, está moi torpe, tamén se podería dicir que está apalambrado.

APARTOLECER

Esta palabra empregámola en contextos coloquiais como sinónimo de aparecer.

-O Celidonio quedeou en vir, pero non apartoleceu. Adoita mosar certo resentimento ante a incomparecencia do suxeito aludido.

APAXAR, -ADA/ADO

Esta palabra está no dicionario co significado de "acariñar"....

Nós empregámola en frases con estas: 

-Mira que ben apaxada vai! Estamos a dicir que vai vestida  acorde as circunstancias que o evento require, á visión socialmente maioritaria.

-Apáxate dunha vez que se nos fai tarde(dúchate, vístete, peitéate...)

Ás veces ten unha connotación ético-moral. Persoa que cumpre coas normas sociais. Neste caso empregamos o verbo ser.        -Éche ben apaxada!

APIOUCAR

-Vou apioucar unhas cereixas. Significa, obviamente, que vou coller cereixas. Porén, xeralmente, amosa que hai certa dificultade, que non están doadas de coller.

Se dicimos:-temos que apioucar unhas castañas, estamos aludindo a que presentan algún problema, ben sexa polo seu pequeno tamaño, ou pola súa ubicación; cecais hai que dobrar, e ás veces, forzar, o cerreguizo.

ARGUMAÑO

-Metéuseme  un argumaño nun ollo. Todos sabemos que calquera "cousiña", por moi cativa que sexa, nun ollo, molesta. A esa "cousiña", habitualmente, dámoslle o nome de argumaño.

Tamén a empregamos para referirnos a calquera  obxecto pequeno que poida obstaculizar, obstruír ou dificultar a circulación de líquidos por algún conduto.

-A billa do lavabo debe ter un argumaño que non bota ben.

 APOLISCAR(SE)

En navea, tódolos domingos e festivos, a grande maioría das persoas asistían aos oficios relixiosos.  <Temos unhas fermosas campás que se tocaban tres veces por oficio: 1h antes, 1/2h antes e para convidar a entrar> A xente, ao soar a primeira, podía dicir: 

-Voume apoliscar que xa tocaron a primeira. Significa, xa que logo, asearse poñendo as mellores roupas.

Tamén se apoliscaba e nos apoliscabamos cando ían/iamos a algunha festa, convidados, ou non.

ARMARIO

Evidentemente cando alguén escoita esta palabra pensa o obvio. Que é un moble, xeralmente con caixóns, que se emprega para gardar diferentes cousas; a roupa é o máis habitual.

O significado naveán e,polo tanto, debe estar nesta sección, vémolo na seguinte frase:

-Voulle poñer un armario ás merlas que non me deixan un amorodo.

É, deste xeito, unha trampa para "cazar" paxaros, inda que tamén poden caer outros animaliños pequerrechos coma ratos. Consistía en tres pezas de madeira, enriba dos cales se colocaba un "louxón" que, ao caer, aplastaba á vítima. A cuestión era que estrutura estivese ben feita, nun equilibrio inestábel para que cando o "incauto"se acercase para comer o cebo, o trebello se desmoronase.

Ás veces, a xente tiña compaixón e facía un oco na terra para que o paxaro se acubillase e non morrese aplastado.

ARREFELOAR-ADO/ADA

-Estás todo arrefeloado.

Se alguén ten o pelo, máis ou menos longo, e non se peiteou; cecais os teña de punta, esté espeluxado(é moi habitual ao levantarse da cama); entón podemos dicir que está arrefeloado.

-Unha ovella que leva varios anos sen rapar, e non ten moi boa pinta, tamén está arrefeloada.

-Tamén hai algunha raza de gatos, moi peludos, que precisarían un peiteado para non estar arrefeloados.

ARREMPUXAR

É un verbo que empregamos como sinónimo de empuxar, arrepuxar, empurrar...pero, con certas diferenzas.

-Arrempuxouno e tirouno ao chao. 

 En xeral, emprégase en interaccións humanas e con finalidade un chisco perversa.

-Arrempuxouna e deixouna esnafrada.

Para fins menos belicosos, empregamos empuxar.

-Empuxa un pouco o canteiro, a ver se asenta o cobeto.

ARRIMAR O/A...

Arrimar é un verbo común tanto en galego como en español. En galego ten unha morea de acepcións e sinónimos. ( Moitos dos que lean isto lembrarán que cantamos centos, cecais miles de veces: arrimar, arrimeime, funme arrimando, á criada do cura cominlle o caldo, cominlle o caldo nena...).

Pero, o obxectivo non é poñer de relevo a famosa canción senón un significado "peculiar" , "diferente".

Así, arrimar significa iniciar un proceso que , sempre, está relacionado co lume.

-vou arrima-lo caldo. ( Alude so momento no que se pon ao lume e se lle botan os ingredientes).

Se estamos no outono, época de facer a augardente, poderíamos dicir:

- Mañá madrugo, ás sete teño que arrima-la alquitara.  (prender lume).

ARROUTAR. ARROUTO 

O substantivo arrouto ou arroutada é común no galego e vén a significar que se toma unha decisión súbita, impulsiva, violenta, irreflexiva, chegando, mesmo, a perder o control.

-Deulle unha unha arroutada e marchou para Rusia. Máis o significado que quero poñer de relevo, naveán 100%, é aquel que alude á expulsión de gases pola boca de forma ruidosa. Parece que, nalgunhas culturas, ten un significado positivo xa que indica que o convidado quedou satisfeito co agasallo gastronómico que recubiu. Porén, na nosa cultura, enténdese como un acto de mala educación. No caso que nos ocupa ten un carácter terapéutico xa que que se realiza para que a dixestión sexa saudábel. 

Pode ocorrer que estemos nunha matanza e xantemos ás cinco da tarde, comendo "o fégado" e "outros produtos". Logo ceemos ás nove da noite, "varios pratos de callos" e "outros produtos". Entón é probábel que unha tía nos diga:

- Toma un grolo de "champán" pra arroutar. E funciona!

ATA-LA BURRA

Era unha expresión moi habitual e, aínda hoxe, segue no noso maxín, inda que xa non haxa burras en Navea. 

Daquela non había coches e, se os había, as nosas xentes non tiñan acceso doado aos mesmos; ao que si tiñan acceso era ás festas patronais que celebraban con entusiasmo. O habitual era facer intercambios; os nosos ían aos pobos veciños e eles devolvíanlles a visita polo San Miguel(eu lembro de ir ao San Paio, Ás Cabanas). Deste xeito, no manual de bos costumes estaba que os convidados, en reciprocidade polo feito de ser invitados,agasallasen aos anfitrións cos produtos correspondentes de tempada. Por exemplo, os de Caldelas traíannos "leite", "queixo esfarrapado"... e os nosos levábanlles leitugas, cereixas, ameixas... O carrexamento facíase en burros(os cabalos escaseaban en Navea).

Xa que logo, era habitual preguntar: -Vas á festa do/da...?

- Non, non vou que non teño onde atar a burra.(como o perspicaz lector sabe, significa que non fora convidado).

Ás veces, xa nin se mencionaba a palabra "festa", senón que se empregaba unha metáfora como,

-Tes onde ata-la burra pró san Pedro...?

ATROPALLAR

 Non confundir coa palabra castelá "atropellar", cuxa tradución ao noso idioma sería atropelar. Se ben, en certas situacións, poderían ter significados semellantes.

-A herba de Camba está toda atropallada. Algún ser, persoa, xabarín,,, andou bailando nela e agora non hai quen a poida segar xa que está "deitada" no chan.

-Caeu unha tronada e baixou tanta auga que atropallou as pataqueiras, freseiras... En xeral, empregámola para indicar destragos non cultivos.

 AXICAR

Este verbo empregábase moito coas galiñas. Significa alonxar, botar dun determinado lugar...case sempre coa idea de que non fagan dano.

-Axica as galiñas do horto, que non deixan nada!

-Hai que axicar as perdices da viña que non deixan in vago de mencía.

-Teño que axicar o corzo que me entra todos os días á horta.

Pero, coma sempre, os seres humanos inventan novos usos, por exemplo:

Tivo que axicar ao Xavier que non lle saía da casa.

AZAFRANAR.

Esta palabra é coñecida por case todos co seu significado clásico: usar este condimento para aderezar a comida. Mais, en Navea, ninguén diría  que azafranou o arroz senón que lle botou un chisco de azafrán ao arroz.  Sen embargo, podemos escoitar:

-Pero, que estás azafranando?

-Azafranaches, azafranaches e non fixeches nada!

Vén a significar a realización dalgún tipo de actividade sen moito éxito, de xeito bastante trapalleiro.

-Andivo azafranando na televisión e quedou peor do que estaba.

AZAGALATAR

Este verbo, como moitos outros, non se emprega case en infinitivo, pero si nalgunha forma conxugada. Podemos dicir:

- Ía cara a Río toda azagalatada Ía con présa, con ansiedade, cunha rapidez anormal, case sen responder a outra persoa que lle fale.

Alguén pode azagalatarse botando un discurso(sempre me chamou a atención como os actores, bregados en falar diante dun público, se azagalatan cando reciben un Mestre mateo, un Goya ou un Óscar).  Deste xeito,  fálase con excesiva rapidez, a pronuncia non será moi correcta e o a xente non entenderá parte do discurso(inda que se son amigos aplaudirán para sacarte do apuro).Lembro unha voda, na que un convidado subiu ao campanario para lanzarlle o arroz aos noivos cando saísen da igrexa.  Pero, azagalouse e caeulle o paquete enteiro na cabeza da pobre noiva. (Non foi grave).

AZARAMPALLAR- ZARAPALLEIRO/RA-ZARAMPALLAS

Alude ao feito de facer as cousas mal, ou moi mal, sen ningunha preocupación polo resultado final. Alguén ten que mondar unha leira e deixa todo feito un desastre.

-Deixou todo azarampallado.

As persoas que deixan os diferentes labores azarampallados son zarampalleiros/as ou zarampallas.

-Mira como deixaches iso, es un zarampallas.

-Vaia zarampalleiro estas feito!

Cando algo está moi mal feito, dicimos:

-Iso é unha zarampallada!

AZOROLLADO

A palabra "azorollado" emprégase co significado de "enrugado". Aló, polos primeiros meses do ano as patacas, as mazás, peras...vanse deshidratando, polo que a pel se enruga paseniñamente. Dicíase:

- Hai que sementar as patacas antes de que se azorollen.

- Que ben saben as mazás de "pel de sapo" azorolladas.

Tamén se pode aludir aos seres humanos, inda non é aconsellábel dicirllo á cara.

-Hoxe vin ao Brais e atopeino moi azorollado.

BANDOXO (ver zapurolo)

BANDULLO

Como ben sabe todo o mundo, o  bandullo é o estómago dos animais. Os porcos non ían ser menos.

No noso pobo, o bandullo enchíase dos mesmos produtos cás androllas e os pegureiros, mais dábaselle un relevo especial, gardábanse para os grandes momentos.

Este éncheo ben que é o do santo Tiso, e somos quince!

Se era posíbel tamén se facía un "especial" con moita costela, para agasallar á xente que máis se apreciaba.

- Este bandullo é o que imos comer en Barcelona pola Noite Boa.

Agora, debido á "internacionalización" tamén se empregan outros termos como "botelo", nome que se emprega nas terras de Valdeorras ou "butelo",  que se emprega polas da Fonsagrada.

BANGALLO

Cando escoitamos esta palabra, sabemos que fai referencia a uvas, acios, etc.

Nalgures, este termo  alude á madeira que queda no acio, despois de quitarlle os bagos. En Navea, un bangallo é un acio, que pode ser(ou estar)  ruín, pequerrecho, enfermo, apestado. Pobre dende un punto de vista estético.

-Vou por uns bangallos que teño nas Forcadas.

- O mildeu só me deixou uns bangallos de mencía.

- Queres un bangallo de sumol?

BATANAR A CABEZAÁs veces, os seres humanos, non sei se tamén os non humanos, temos unha fonda preocupación porque recibimos unha mala noticia, témoslle medo a un exame, o mildeu realizou un ataque despiadado que non podemos controlar... (que o lector engada outros). Nestas circunstancias podemos botar horas, días, semanas... cun pensamente recurrente e obsesivo.

-Estalle batanando a cabeza por...

-Díxenlle... e quedoulle batanando a cabeza.

Tamén pode expresar perseverancia, perseguir algo con aínco.

-Batanou e batanou ata que o conseguiu.

BERRALLOU

-O...é un berrallou!  É Unha persoa que berra moito, máis do razonábel, que non sabe falar "normal", que se alporiza con facilidade.

*Dado que vai uns anos non había móbiles, case todo o mundo facía prácticas "berrallouantes" para as comunicacións a media e longa distancia.

BICARRACHEIRO/A

É outra palabra moi empregada na factoría dunha das pólas dos "nogueiras".

Como a propia palabra expresa fai referencia a unha persoa que acostuma a dar bicos con moita profusión.

-O/A...é un bicarracheiro/a.  En xeral enténdese como unha actitude positiva ou, cando menos, neutra.

Só nalgúns casos podería ter unha connotación negativa se os bicos do emisor non fosen do agrado do receptor.

BOSTAREGO/A

-O/A...é un bostarego/a.

Representa un insulto. Estamos a dicir que a persoa é bruta de xeito integral: na súa forma de falar, nos seus xestos, nas súas accións...

BOTAR POR ELA

Esta, vén a significar que unha persoa esaxera moito as súas capacidades, virtudes e potencialidades, para presumir diante dos demais. Alguén podería comentar:

-Eu chego, andando, de Trives a Navea, nunha hora(Algo que non é imposíbel, mais si, moi difícil). Neste caso ben podería dicírselle: 

-Xa estás botando por ela.

Se alguén dixese que podería traer,nun día, dez feixes de estrado dende a segunda cavarca de Lourido, tamén sería moi pertinente o comentario:

-Moito botas por ela!

BOTAR UNHA FRESCA

Debo sinalar que é unha expresión moi interesante e que me gusta, inda que non lembro que a utilizase algunha vez. Pero, aínda lla oín vai moi pouco a unha persoa; logo, está viva.

 Unha persoa vai ao médico e á saída podería suceder este diálogo:

-Que che dixo logo?

- Pois botoume unha fresca que me deixou...

Este doente sufriu unha "bronca", seguramente porque, a criterio do médico, non fixo o tratamento correcto, non seguiu as pautas deseñadas, etc.

Alguén, durante o famoso "estado de alarma", realiza unha saída non autorizada, pode velo a alcaldesa e botarlle unha fresca.

En xeral, esta expresión empregábase para actos nos que "o infractor", máis ou menos, recoñecía que a reprimenda era razoábel ou merecida.

BRASIDIO

Seguramente unha persoa fixo moito lume, pola causa que fose, e alguén lle diga:

-Vaia brasidio que fixeches, poderías asar un xato!  Estamos a falar dunha morea de brasas acesas que quedan namais rematar de arder a leña.

Tamén é posíbel que estemos queimando os restos da poda e as cantidades sexan moi grandes, polo que se podería advertir:

-Hai que ter coidado, queda moito brasidio!

<No DRAG aparece "brasido", mais non recolle a nosa acepción de "cantidade" á que fai referencia o noso brasidio.>

 BROIO

Un broio é unha pedra, unha rocha, grande en termos relativos, pero non necesariamente de toneladas.  Podemos dicir:

-Lanzoulle un broio ao tellado do veciño de enfronte, rompéndolle varias louxas.(1/4, 1/2 Kg).

Cando a veceira subía por unha forte pendente, con pedras soltas,, ás veces desprendíanse broios(varios kg) que resultaban perigosos.

- Coidado, que baixa un broio!

Hai unha zona, preto do seixo, moi próxima ao lugar onde se desvía o camiño cara o Real que se chama "A Broia"; seguramente porque hai broios de abondo.

- Viña cun feixe de herba do Real e ao chegar á Broia, desfíxoseme. 

BULLAR.

Este verbo emprégase en Navea para expresar accións como estas: -Vou bullar as patacas, as castañas... É obvio que significa "quitarlles a pel". Paseniñamente, coma noutros casos, esta palabra está sendo substituída por "pelar" ou "mondar". Tamén podemos dicir:-O xabarín bullou a mazaira, a cerdeira, o castiñeiro...É dicir, roeulles a casca.

BULLOTES/mamotos

Xa que estamos na época dos magostos, sería desexábel que puidésemos aseverar:

-Vou asar os bullotes que quedei cuns amigos para celebrar o megosto.

Esta palabra non é exclusiva de Navea, emprégase noutros lugares, pero, xeralmente co significado de "castaña asada". No noso caso "castaña" e "bullote" son termos perfectamente intercambiábeis.

-Este ano non hai bullotes, vou mirar se caeron os bullotes, voulles botar un cubo de bullotes aos marraos...

Relacionado co termo está mamota(castaña) ou mamoto(bullote). Esta palabra tamén ten diferentes significados, dependendo dos lugares. Para nós un bullote mamoto é aquel que só ten a pel e nada, ou case nada por dentro.

*Por certo, coidado cos mamotos que en Navea houbo un "accidente grave", cando alguén meteu na boca un mamoto asado e quente, producíndose unha explosión con certos danos na boca.

CACARACÁ/S

Case sempre se emprega o plural. As cacaracás danlle nome a un tipo de herba e a unha flor. Están formadas por unha variña vertical que vai dende uns cm a 1/2m da que colgan unhas campaíñas de cor rosácea. Estas flores son ocas por dentro e pódense coller,  nun dos extremos cos dedos polgar e furabolos, quedando dentro aire, que podemos facer estourar, resultando divertido.

-Cantas cacaracás hai este ano!

CÁDIVA/CÁDEVA

É un utensilio, xeralmente feito de madeira; esta debe ser moi elástica, que non rache con facilidade(salgueiro vimieiro...). Cóllese unha póla de 20 ou 30 cm, dobrase ata que se cruzan os extremos. No punto de cruzamento, átase ou crávase polo que se fai unha circunferencia irregular. Déixase secar ata que se consolida. Lógo, préndeselle unha corda. Deste xeito, a corda esvara con máis facilidade á hora de enguar un feixe, polo que queda máis apretado para que non se desfaga ao telo no lombo.

-Faime unha cádiva pra corda nova que trouxen!

CACHAMEA

-Este gato ten mal a cachamea. (Fai cousas raras). É un termo coloquial para substituír ao de "cabeza". Xeralmente non se aplica para os humanos xa leva aparellado un certo ton despectivo e indica que quen fala non lle ten moito aprezo ao aludido.

CACHAPELO

Esta palabra é bastante habitual no galego. Vén a significar algo ruinoso, de escaso ou nulo valor; que xa non vale pra nada, ou case.  Nós empregámola, case en exclusiva, para referirnos a treballos, máquina, utensilios...

-Vaia cachapelo que tés!   Podería dicirselle a alguén que tivese un coche ao que lle caesen as pezas a cachos.

Tamén se lle pode aplicar ás persoas, inda que é pouco habitual e moi ofensivo.

CAFAROCHA

-Ímonos meter naquela cafarocha!   Case con toda seguridade que estamos  a falar dese espazo oco que hai no interior dalgúns castiñeiros centenarios e que se vai formando paseniñamente.

Por extensión, falamos de cafarocha para aludir a calquera tronco dunha árbore cunha cavidade

CAGADEIRA.

Esta palabra era a única que se empregaba en Navea para nomear este produto feito na tripa gorda do mesmo nome, enchida de costela adobada e de outros produtos do porco. Dicíase daquela:

- Botei a cocer unhas cagadeiras pró mediodía. 

A partir de certo momento e debido á "globalización" empezamos a escoitar a palabra "androlla". Esta, substituiu, nun breve espazo de tempo, á nosa, cecais, porque cagadeira "non soaba moi ben".

As mellores estaban feitas con costelas pero, desafortunadamente, había poucas; unhas cumprían para a "abridela", outras para salgar(que ben sabían logo cocidas).  A verdade é que non quedaban moitas e había que botar man dos ósos da soá(estas estropeábanse antes) e dos coiros.

- Vou cocer unhas cagadeiras de soá antes de que se estraguen.

CALOCA/S

Pronúnciese con Ó aberto para que acade o significado axeitado. Úsae moito coas froitas, fundamentalmente coas castañas.

-Vouche dar unha castañas, inda que xa están calocas. Nesta circunstancia, ao apalpalas, están brandas porque a casca separouse da parte comestíbel, quedando un espazo baleiro. Son doadas de pelar e, xeralmente, son adecuadas para comelas crúas.

Ás veces, empregámola para referirnos a outras froitas, cando están un chisco "pasadas", "queimadas", "azorolladas"...  Tamén a utilizamos para dicir que a leña non está totalmente seca pero está "algo", polo que xa pode arder.

CALLOSTRO

-Vou por un feixe de xardós ao callostro da Forcadas.

Un callostro é unha zona de vexetación exuberante que está situada nun buraco ou zona rodeada de outras máis altas. Ás veces o acceso non é doado. Non  falamos de callostro nos lugares situados á beira dos ríos; neste caso, falariamos dun val: O Valdosino. Nin tan sequera nos ocos dos regueiros. Referímonos, máis ben, ás zonas que rodean a unha cavarca:o callostro da Mallada. En moitos casos non hai ningunha relación con correntes acuosas: o callostro do Val( ben preto das casas).

CAMBELEAR

-Véxote cambelear moito!  Diríaselle a alguén que, estando de pé ou camiñando, mostra signos evidentes de desequilibrio. Pódese cambelear por moitas razóns. Ás veces por dar un paso errado, o cal, normalmente, non ten consecuencias. Pode deberse a unha doenza física, psíquica ou de ambas, producindo un cambeleamento transitorio ou definitivo. Mais, o que inspirou a pintores, poetas, músicos, e mesmo libros sagrados é o producido polo alcohol. Milleiros de millóns de charlas, chistes, chanzas se teñen feito ao longo dos tempos. Ás veces tamén, dependendo do infractor, se dan mostras de comprensión e compaixón.

CANADO

-Teño un cobeto de de oito canados de mencía. Este termo é moi empregado na nosa lingua e en moitos lugares do país. A diferenza do canado naveán é que ten unha capacidade de 44 litros mentres que o doutros lugares está entre 32 e 36 litros.

CANALLA

É unha palabra ben coñecida que se emprega, substantivo ou adxectivo, co significado de persoa mala, ruín, vil...Aliás, en Navea, pódese escoitar:

-A canalla non pode parar. Neste caso alude a á xente nova(nenos/as e adolescentes) que están en continua actividade, remexendo en cousas, e, ás veces, poden molestar aos adultos, Pero, nada que ver coa maldade, a ruindade,,,-Son cousas da canalla (xente xove)

CANGA

 É un termos, enormemente produtivo na nosa lingua, con moitas acepcións.  En Navea ten un significado moi concreto.

-Ten boa pinta ese "recimo", dáme unha canga. 

É, logo, unha das partes nas que se ramifica o acio(palabra desaparecida na lingua habitual de Navea; nós non temos nin racimos, senón recimos). 

O dicionario galego recolle a palabra "cangallo" con ese significado. Nós tamén empregamos cangallo, pero para refeirnos a uvas ruíns, con mala pinta, acios moi cativos...

-Vou vendimar esas cepas que só teñen catro cangallos.

CANTROCHO

Pode que alguén esté levantando un muro de pedra e diga:

-Trae ese cantrocho que me vai ben aquí neste buraco.

É unha pedra; pode ser grande ou pequena; non ten boa afeitura e, seguramente, sen unha cara "guapa";  con forma moi irregular.

CANZORNO

-Case furei a cabeza naquel canzorno.

 Estariamos a falar dun pau que sobresae dunha casa, dun alpendre, dunha parede...e que, en boa lóxica, non debería estar alí. Por extensión, ás veces, tamén se emprega para denominar un anaco dunha pola de calquera árbore que foi tronchada polo vento, pola acción humana,pola gravidade e, modernamente, por un xabarín.

CAÑOTA-CAÑOTO/S

-Voume esconder naquela cañota!  (pronúnciese con ó aberto para que soe ben. CAÑOTA).

Lémbrome de que, cando estabamos na escola de Palacio,  metiámonos nunha enorme cañota que habia no Picouto. Como baixaban os carros! Quen o tivese! Para frear había que chocar contra algún obstáculo. Cantos carloucós!

Para nós, ao falar de cañota, estamos a nos referir, case en exclusiva, a eses castiñeiros centenarios que tiñan no seu inteior un oco máis ou menos grande e que, nalgúns casos, permitía ocobillarse neles. En certos contextos, os menos, tamén lle chamamos cañota a un cacho do tronco dunha árbore, unido á raíz, despois de ser talado, tumbado polo vento...

Logo, empregamos o substantivo masculino CAÑOTO.(ese o pronúnciese pechado).

-Vaia cañotos que teño! Case con toda seguridade que estaría falando da barba, cativa, pero cuns pelos grosos e que rascan ben.

Agora que estamos en tempos de matanza, é convinte que non queden moitos cañotos xa que logo a panceta ou os coiros do lacón crávanse na gorxa.

CARLOUCÓN

Esta palabra oínlla moitas veces á miña nai.

-O carneiro deulle un carloucón á ovella e deixouna coxa. Significa, logo, golpear coa cabeza e, cos cornos, no caso de que agresor en cuestión os teña.

Os machos de moitas especies bátense a "carlouconazos" para ser o rei do harén.  En Navea, aínda lembramos cando, na veceira, os castrós botaban todo o día,carloucón vai e carloucón vén. Aparecía o sangue e, ao seguinte día, voltaban á mesma.

Tamén temos observado competicións deportivas(sobre todo fútbol) onde os rivais se retan cachola contra cachola; iso si, en xeral, non retroceden dez metros para coller pulo.

CARRAPOLA

-Este repolo non vai ir adiante, ten carrapola. É unha enfermidade cuxa manifestación máis visíbel é un abultamento na raíz; unha especie de verruga que vai crecendo. A planta vaise murchando e acaba por falecer.

Din as espertas que esta doenza se desenvolve ao regar a unha hora inadecuada, cando vai calor. Segundo isto, débese regar pola fresca. Así que, xa o sabedes!

CARTILOXO 

Cando eu era neno había en Navea dúas tendas e dous bares. Nun primeiro momento, as mercadorías viñan  "ao por maior" en enormes sacas de azucre, fariña, etc, que pesaban preto de 100Kg. Antes de que a estrada chegase ao pobo, o Raúl tiña unha chabola na Ponte(non sei se antes era do Luís). Alí descargaban e almacenaban os produtos. Logo estes apañábanos polo difícil camiño dos Rousos ata A Eirexa.  Un sufrido macho traballou arreo e, con frecuencia, o lombo humano contribuía.

Logo a xente ía á tenda por 1kg, 2kg...,que se pesaban na báscula ou na romana correspondente.

-Dáme tres kg de azucre.

-Póñochos en dous cartiloxos que en un non caben.

Daquela aínda non se coñecían as bolsas de plástico ou, cando menos, o se uso non estaba xeneralizado. O cartiloxo era, como a raíz do seu nome indica, de cartón moi resistente, ecolóxico e reutilizábel!

CASTAÑOLA

É unha palabra con varias acepcións na nosa lingua. Mesmo un trebello que serve de acompañamento rítmico nalgunhas pezas musicais.

En Navea, castañola(s) ten, ademais, outro significado. Ao quitar a papada do porco aparece unha masa graxenta(pouco apreciada) e, mesturada, están as "castañolas". Son pezas duras, escuras, non graxentas e que, estas si, moi apreciadas polo seu sabor.

En canto saian as castañolas, botámolas ás brasas.

Debido á miña ignorancia ao respeito e, despois de consultar cun "esperto", todo parece indicar que os citados torrermos se corresponden coas parótidas que, como todo o mundo sabe, son as glándulas salivais.

*Tendo en conta a dificultade que supón entender a linguaxe marranil, non é doado apreciar cando un porco se queixa das papeiras.

CASUPELA

-Merquei unha casupela na Coruña!  Esta palabra empregámola cando queremos facer referencia a unha vivenda(casa) que, normalmente, se atopa nunha situación deficiente; polo tanto, debemos facer reformas para poñela nun estado óptimo de habitabilidade.

Tamén a usamos en situacións como estas:

-Estiven facendo unha casupela para o can, gato... Neste caso sería un pequeno alboio para resgardecerse das inclemencias meteorolóxicas.

CAVARCA

-Hoxe non trae auga a cavarca de Cansacabras. É, logo, unha depresión do terreo pola que discorre auga, pero, non sempre. Esa é a diferenza entre regueiro e cavarca. O primeiro é un río pequeno e a segunda, con frecuencia, nos meses de calor, seca; ben é certo que medran rapidamente cunha tronada ou calquera chuvia forte.

CAZOCHO

É un anaco de madeira, non moi grande, que se emprega para diferentes fins. o máis habitual é que teña forma irregular e que se utilice para alimentar o lume.

-Mételle un cazocho ao lume.

Tamén pode ser un cacho de madeira, de forma máis ou menos regular, con outros obxectivos. Por exemplo, un anaco de madeira con forma de cuña para que un cobeto non role sobre os canteiros cando non se desexa.

-Prepara dous cazochos para o cobeto de trece canados.

CEDER

O verbo ceder ten bastantes significados que están na mente de todos e, por suposto, nos dicionarios(dar, transixir, estirar...)

Pero, o significado que eu quero poñer aquí de relevo é aquel que está explícito na seguinte frase:

-Cédeme unha cántara de viño para o San MIguel!

Neste caso, a persoa que cedía, estáballe facendo un favor á que recebía a mercadoría. Este, ademais de pagarlle, tiña que quedarlle agradecido e, amais, estaba en deuda, como se puña de manifesto en frases como esta:

-Cédeme uns chourizos para a vendima, que ademais de pagarchos, agradézocho.

CEMIXE

Esta palabra era moi común en tempos pasados. Cecais, hoxe, esté esmorecendo.

-Hei de mirar os xamós, que están cheos de cemixe!

Lembremos  que collían unha especie de "po" que os cubría, inda que na parte do coiro algo menos. Co paso dos días, ía a máis ata que o xamón se quedaba en nada. Se non chegaba a producirse tal é porque se comía ou se lles valía cuns "polvos"  milagreiros.(Non lembro se se mercaban na farmacia ou noutros estabelecemento). Anos máis tarde chegou a noticia de que o citado produto era velenoso. Érao?

Diremos logo que o "po" que cubría e comía o xamón era un ser vivo, case microscópico. Pero, se un se fixaba ben, víase como bulían; eran coma unha especie de formigueiro con millóns de efectivos.

CERREGUIZO

-Dóeme o cerreguizo! Levei un golpe no cerreguizo!   Esta palabra oíase con relativa frecuencia no noso pobo; por exemplo, me tío Justo empregábaa para referirse á zona lumbar; pero, curiosamente, outras persoas utilizábana para a zona cervical. Coido, logo, que o falarmos de cerreguizo, estamos a aludir ao espiñazo en calquera lugar do seu longo percorrido e, tamén, das zona adxacentes.

CHACOLEAR

-O/A...xa chacolea.

Este verbo empregámolo bastante para indicar que unh persoa empeza a dicir cousas sen sentido, algunhas parvalladas, incoherencias...

Emprégase moito tamén para definir a situación de alguén que repite unha mesma cuestión cada pouco tempo(algo que veño observando nos ocorre a todos a medida que nos van pasando os anos). 

-O/A ...ultimamente chacolea moito.

 CHAFANDÍN

-O...é un chafandín.  É unha palabra invariábel de xénero e rara vez se lle aplica a unha muller, inda que non se descarta que haxa algunha "chafandina". 

É unha persoa na que non se pode confiar, bastante tola e vaidosa, con pouco xeito e ningunha cabeciña.

CHAFAROTE

-Trae o chafarote que imos dar unha volta pola serra. Neste caso, chafararote, alude a unha escopeta convencional de caza.  Tamén se emprega para referirse a un trebello: pistola, pistolón..., seguramente non operativo; case coma unha peza de museo que alguén teña gardado procedente da Guerra Civil, ou mesmo de épocas anteriores.

CHAFELLAR

-Que andas chafellando?

Esta pregunta faríaselle a alguén que esta realizando algo con pouco tino, ou mesmo estartelando algún artefacto.

**Dado que o dicionario da RAG recolle "chafallar", "chafalleiro" e "chafallas", co mesmo significado, remito aos posíbeis interesados a ese trebello tan útil.

CHAMADEIRO/A

-Esta moza é ben chamadeira. Empregámola máis ben para referirnos ás mulleres, pero pódese empregar para ambos sexos. A persoa en cuestión chama a atención por algunha cuestión(estatura, cor dos ollos, forma de andar expresións diversas...). Probabelmente non acade tódalas características para ser considerada/o unha beleza, pero ten algo que fai non pase desapercibida/o.

CHAMONDAR

Emprégase moito esta verba. Fai referencia a unha sega, poda ou debouca, pero, pouco ortodoxa.

-Vou chamondar a herba do lameiro.  Sería unha laboura rápida, cortando a herba pola metade.Un traballo pouco elaborado, bastante chafalleiro.

Ás veces, faise unha acción correcta, chamondando as vides, pola metade, antes de facer a poda definitiva.

En sentido figurado, utilizamos  a expresión:

-Chamondáronlle a cabeza. Para indicar que foi cesado, destituído ou expulsado dalgún cargo de designación ou elección.

CHAMBARÍN

Este utensilio é moi importante na actividade da matanza. Serve para colgar os porcos polas patas traseiras; depois pódese traballar comodamente, baleirándoos, sacándolles todos os órganos dos diferentes aparellos.

-Vou preparar dous chambarís que estes están algo deteriorados.

Lembro que se usaba moito unha das madeiras máis duras e resistentes do noso ecosistema: o xardón. É necesario para porcos de douscentos ou máis kg.

CHANFONA

-Vou prender a chanfona que xa está xeando.

É o nome que que lle damos a un treballo "moderno" que se emprega como calefactor. Consta dunha caldeira onde se queima un combustíbel: leña ou os famosos "pellets". Loxicamente necesita unha cheminea pola que saen ao exterior os gases. A calor irrádiase ás dependencias adxacentes.

CHANQUEIRO

Esta palabra empregábase bastante, mais, desafortunadamente, está nunha situación de evidente emerxencia.

Tomamos un chanqueiro de viño? Sería o mesmo que tomar unha cunca ou un vaso.

Ás veces podía empregarse esta palabra para outros líquidos, como a auga, inda que o habitual é que fose viño. Nese caso diríase "queres un chanqueiro de..."?

Tamén pode significar a cantidade que se toma, sen levantar os beizos da recipiente. Coñecido é o caso daquel que foi convidado a tomar un chanqueiro  nunha xerra de dous litros e baleirouna. Iso é un chanqueiro!

A palabra "grolo" foi aparecedendo na nosa linguaxe cotián non vai moitos anos e foi substituíndo a anterior, inda que os signifidos non sexan idénticos. Se dicimos:

-Imos a Ourense tomar un groloo habitual é empregar o singular, inda que puidese significar "uns viños")

CHAPLETADA(S)-CHAPLETA(S)

-Es un chapletas! Non dis máis que chpletadas!  Empregamos estas palabras para referirnos a alguén que non di, nin fai, cousa amañada. Xeralmente aplícaselle a unha persoa que actúa sen ánimo de facer dano, pero, pode facelo, sen intención, ao dicir, ou facer, chapletadas que afecten a outras persoas.

CHAQUELLO/A

Esta é outra das palabras que me soa moi ben, independentemente do significado.

-Cala, cala que pareces un chaquello!

-Só sabes dicir chaquelladas!

Cando unha persoa di chaquelladas significa que é un chaquello. Pode selo de xeito permanente  ou ocasional. Se é permanente ten certa gravidade xa que iso quere dicir que sempre fala sen tino,non di máis que parvadas, fai razoamentos excéntricos e pouco axeitados, sen "pés nin cabeza".

En xeral, enténdese que esa persoa non é de fiar, pero non ten malicia de seu nas súas chaquelladas.

CHATOLEAR

 -Teño que chatolear as galochas.

  Cecais as persoas máis novas descoñezan que este calzado era moi empregado no medio rural galego durante a época de chuvieiras. O piso é de madeira dun grosor considerábel, pero, teñen dous problemas: o primeiro é que se esfarela con facilidade, polo que duran relativamente pouco; o outro é que esvaran moito, o que conleva certa perigosidade. Para aminorar estes problemas, hai que chatolealas. Este proceso consiste en espetarlle uns cravos debaixo e, as veces, nos laterais. Con frecuencia aproveitábanse latas, por exemplo de marmelo, para que a protección fose meirande.

Cando en Navea había efectivos dabondo, xogabamos, diariamente, ao fútbol. Cada quen empregaba as "botas" que podía. Mesmo había quen xogaba con galochas. Iso era unha enorme ventaxe xa que os rivais sentíanse intimidados ante tales armas.

CHOFREAR. Cando unha persoa, ou un animal, bebe con fruición, con moita ansia, mesmo facendo ruído, podemos empregar o verbo chofrear.

-Leva chofreando dúas horas no godello. 

Agora é pouco habitual, pero pode ocorrer que unha persoa convide a outra a beber por unha xerra de 2l. Este acepta, baleirando a xerra, neste caso, chofreou seguro!

As crías dos animai mamíferos chofrean habitualmente, rivalizando cos irmáns.

- Este año arreda ao outro e chofrea el todo.

CHOCOSO/A

-Puxéronme onte a vacina e estou algo chocoso.  Quizabes ten certo malestar, dores moderadas, algo de febre...Non está ben, pero tampouco está moi mal e, ademais, é de esperar que axiña se recupere. Emprégase moito para os arrefriados, gripes leves, etc. Se a doenza fose grave, xa habería que recorrer a outros termos.

CHOULAR

-Vou tirar este broio, xa verás como choula.

 Emprégase para referirse aos brincos que dan as pedras cando se fan rolar por un terreo de forte pendente. Pra min un dos mellores lugares para choular penedos é dende a "Pena da Santa". É un auténtico espectáculo ver choular os broios camiño do Valdosino...e do río.

Tamén os seres humanos podemos executar esta actividade. Como mostra contarei un "choutamento" que levamos a cabo sete ou oito rapaces, vai aló moitos anos. Daquela aínda non había móbiles, nen tan sequera cámaras de vídeo(populares). Foi un auténtico espectáculo. Hoxe sería considerado un deporte de "alto risco" digno dos xogos olímpicos(peores eventos se ven).

Estabamos unha tardiña nas Parras, coma moitas outras, e de repente ocorréusenos. Alá nos fomos preto da Ponticela, ao alto de Cireixedo. Trazamos unha liña recta(visual) ata unha laga que nós tiñamos nas Covas. Demos a saída e iniciamos unha carreira  incríbel: saltamos paredes, choutamos por riba dos siveiros, afundímonos no bulleiro, enchagorzámonos na cavarca do Arroxo...Non lembro quen foi o gañador, pero todos chegamos nun tempo record. Que tempos!

Facendo memoria, lembro que o Manolo estaba, coido que o Ernesto, o Gabino da Lama e Arturo, tamén. E alguén máis inda xa me fallan algo as lembranzas.

CICANCHO

-Vou cavar o cicancho da Pedela.

É un eido de superficie pequena(dicir pequena en Navea, significa que é moi pequena).  Se un cicancho ten forma rectangular recibe, tamén, os nomes: tirela ou tirelo.

Nalgún sitio desta sección está a palabra pitaranco. Vén sendo o mesmo en canto ás dimensións; a diferenza  está en que esta última verba empregámola só para lugares que están bastante afastados: o Portovello, Carbuído, Lama de Sando, O Franco...

Rematarei a entrega de hoxe engadindo unha nova palabra, moi empregada na zona da Cruz, pero que non precisa explicación porque xa temos outra case intercambiábel na sección. DESANDECIDO.

CIRRIGUICHAR

Este verbo empregámolo en Navea con moita frecuencia. O dicionario galego ten palabras como "cichar" ou cirrichar" que veñen sendo sinónimas da nosa.

-Abrín a billa do cobeto e cirriguichoume todo.   E dicir, que ten viño esparexido por todo o corpo. Tamén se pode dicir. quedou todo zarrapicado.

-Bótalle un cirriguichón de auga ás fabas. a ver se nacen dunha vez!

Neste caso, sería botarlle  unha pequena cantidade de auga a cada pé.

Modernamente, introducíronse as mangueiras en Navea para regar as hortas. Ocorre, con frecuencia, que ao manipulalas hai "accidentes" e papamos algún cirriguichón non desexado.

COBACHA/COBACHADA

-Vouche dar unha cobachada!

Cobacha é a parte de atrás do pescozo, entre os ombros e a caluga, polo que dar unha cobachada sería dar un golpe nesa zona. Tamén empregamos pescozada co mesmo significado.

COBETO, COBETA, TINA.

Estes son os tres nomes que se que se empregan( ou empregaban) en Navea para cocer e gardar o viño.

A capacidade mídese en en canados e daquela estaba a idea de que un cesto de uvas(dos  nosos pais) era a medida para dar un canado de viño.Hai que aclarar que os cestos eran duns 50Kg e os canados duns 44l.

Segundo isto, falamos de cobetos, cando a súa capacidade máxima está arredor de 15 canados. A partires de aí, empezarían as cobetas, que, en Navea, rara vez pasaban de 35 canados.   Logo estaban as tinas, con forma cilíndrica; abertas por riba o que facilitaba moito o feito de "pisar" ou "baixar" o viño.

-Vou cocer a mencía no cobeto de 13  canados.

-Hai que sangrar a portuguesa ao cobeto de 9 canados.

-Encheuse a tina coa viña da Mallada. Trouxemos 100 cestos.

CODRUÑO

Poida que alguén esté levantando un portelo con pedras de dimensións considerábeis e diga:

-Dáme ese codruño para meter eiquí entre estas dúas. É logo, unha pedra pequena, vai dende uns g ata uns kg, inda que, este peso é relativo; poderíaselle chamar codruño a unha pedra de dez kg se fose para colocar entre "broios" de media tonelada, ou maiores.

CONCHAPREAR-CONCHAPREADO/DA

Refírese a unha acción cuxo resultado foi moi satisfactorio, cando quedou perfecto.

- Esa porta quedou conchapreada.

Se alguén lle pon madeira nova ao chan da casa e quedou sen ocos, sen ruídos raros ao camiñar, podemos dicir:

-Deixouno conchapreado.

Ás veces é sinxelamente mellorar algo que estaba moi mal. Por exemplo, ti podes ter un galiñeiro con certos buracos por onde podería entrar o raposo ou a garduña para papar as galiñas. Fas un arranxo rápido e podes dicir:

-Vou conchaprear o galiñeiro.

 CORRANCHA

Corrancha é unha palabra con moita potencia fónica. Este substantivo ten un significado moi concreto e case único.  É a codia do pan. 

- A min, gústame máis a corrancha que o miolo.

- Trae unha barra que a fogaza ten moito miolo.

Excepcionalmente tamén se emprega para outras "codias", inda que sexa pouco habitual.

-Dálle ao gato a corrancha do queixo.

CORROVELLA

-Esta mazaira só ten unhas poucas corrovellas. Este substantivo alude ás mazás pequenas ou moi pequenas; pode que retortas, ruíns en tódolos sentidos.

En xeral, empregámola para froitas, pero, producidas por árbores; mazairas, pereiras, pavieiras, claudieiras...

COSA

Esta palabra debemos pronunciala cun o pechado. Se a pronunciamos cun o aberto, estariamos ante a palabra castelá "cosa"=cousa, en galego.

Cosa ten o significado de carreira intensa e cun esforzo máximo. Por exemplo se cae un tronada e temos présa por acollernos, podemos dicir:

-Botou unha cosa ata a casa.

-Chamou o mestre, imos botar unha cosa ata Palacio.

Nós empregabamos esta plabra tamén, como sinónimo de competición. 

-Quen bota unha cosa ata a Ponte?

COUQUIZO

Esta é unha plabra que segue viva no galego. Fai referencia á parte traseira da cabeza. Vén a significar o mesmo que caluga, cocote, cogote...

-Quedou adoecida do golpe que levou no couquizo.

Máis o relevante, en Navea,  é que alude ao remuíño que o pelo fai na parte alta e traseira da cabeza. 

Non dou nestes pelos do couquizo

-É moi listo, ten dous couquizos.  

CRÉPOLA

É unha palabra de uso habituual no noso pobo. Lembro que meu tío Gabino usábaa con certa frecuencia.

-Vaia crépola! Se oímos esta expresión debemos saber que o/a falante está referíndose a unha persoa ou grupo para indicar que non é/son de fiar, ben sexa polo que din, polos seus feitos ou debido á actividade que están desenvolvendo nese intre.

*Que crépola se xuntou! Podería dicilo alguén en referencia a certos colectivos que determinan o noso porvir e que son pouco de fiar.

CROUCHIÑO

 Non vai moitos días que recibín unha mensaxe dunha veciña de Navea, residente en Barcelona, onde me dicía:

- Este vrao, se o "becho" mo permite, irei ensinarlles Navea aos meus crouchiños.

Estábase referindo aos seus netos. Representa, xa que logo, unha forma cariñosa de aludir aos seus netos. Emprégase fundamentalemente no ámbito familiar, inda que  tamén, nalgúns casos, se utiliza para os  alleos.

CULEIRA

-Tráeme un saco da feira para facer a culeira. Foi un instrumento esencial para o traballo tradicional en Navea; sempre cargando feixes, sacas ou cestos ao carrelo. Ao saco, tea de forma rectangular, fánselle as dobreces axeitadas de tal modo que unha parte encaixe na cabeza e a parte máis grosa queda enriba dos ombros formando unha especie de coxín ou almofada na que se apoia o feixe ou o cesto; deste modo, inda que o peso non diminúa, non manca nos ósos nin roe na carne; así o seu levar é menos adoecido.

CULIMALLA

-Vaia culimalla que hai! Se pronunciamos esta frase, estamos a referirnos a unha ou varias persoas que mostran un comportamento pouco axeitado. Non son de fiar.

Cando se fai referencia  a pequenos e pequenas. -non hai quen poida con esta culimalla. En xeral hai  certa comprensión no falante, dando a entender que son trasnadas habituais para esa idade.

DA-LO CÚBICO

Lembro cando marchei  estudar a Ourense, meu tío Gabino díxome:

-Agora hai que da-lo cúbico(obviamente referíase a que había que estudar e non perde-lo tempo)

Esta expresión significa, xa que logo, traballar a reo, esforzarse, poñer interese en facer as cousas o mellor posíbel, para acadar uns resultados ópimos.

Cando unha persoa non desenvolve o traballo coa eficacia que de el se espera( un xogador de fútbol que cobra dez millóns de euros e sestea partido tras partido), poderiamos dicir que tal xogador non dá o cúbico.

persoa que non dá o brazo a torcer.

DEBOUCA/DEBOUCAR

-Mañá vou ao Seixo á debouca.   Cando empregamos este termo estamos a referirnos, na  inmensa maioría das ocasións, á poda dos castiñeiros. Falamos, logo de debouca cando se fai unha poda radical, de longos e grosos varelos.

O instrumento, empregado, habitualemente, é a machada(modernamente úsanse as motoserras, inda que con certos receos pola súa perigosidade). Non empregamos esta palabra para referirnos a unha "poda normal" de pavieiras, pereiras e, moito menos, cepas; a non ser que arrasemos a planta e só lle deixemos o tronco.

O dicionario da RAG recolle o termo "demouca", porén, para nós é con "b".

DEBROCAR

Este é un verbo moi interesante e, desgraciadamente, está moribundo. Significa "verter", "botar" algunha substancia sobre outra ou sobre o chan.

-Debroca ese cubo de cereixas na cañastra que lla vou levar ao Pampas. 

-Tes que debrocar todo o que tes no bolso.

Se unha persoa  se asoma a un precipicio, algúen podía advertilo dicíndolle:

-Coidado, que te vas debrocar!

DESANDECIDO (ver desazalabrado)

DESAZALABRADO

 Alude á forma de proceder dos seres humanos cando presentan síntomas pouco racionais. Se unha persoa pasa diante de nós, apresurado, sen falar e mesmo berrando, ou falando só, poderíase dicir:

- Non sei que lle pasa , vai desazalabrado. Se alguén fala de outro, con palabras grosas, até empregando o insulto, poderíase dicir:

- Hoxe o/a...está desazalabrado/a.

Tamén podería empregarse en senso positivo; por exemplo, un está no campo do Chelo e meteu oito goles no 1º partido, entón:

- O/A... está desazalabrado/a!

DEXOBAR(SE).   Fai alusión á limpeza esmerada que se fai un a si mesmo, a outra persoa ou a obxectos e animais.

-Onte dexobouse moi ben.

-Estivo dexobando no cobeto ata que brillaba.

-Antes de ir á feira, voume dexobar.

Lembro ter oído: en cabeza de carneiro negro non vale dexobar.  É evidente que non fai referencia ao físico senón ao feito da imposibilidade de facer cambiar de opinión a unha.

DESVALEXER

-Xa non se desvalexe!  Dura frase que agocha unha terríbel realidade: a persoa en cuestión ten moi mermadas as súas capacidades de movemento e presenta moitos problemas para a  realización das diferentes actividades que a vida cotiá nos esixe. Seguramente depende dos demais.

DISQUENCIA

-E logo como non viñeches onte? -Tiven unha disquencia e non foi posíbel. Alude a algún tipo de problema, accidente, acontecemento adverso...que lle impediu acudir.

Se ben, ese é o significado esencial, nalgún caso, emprégase en frases como esta: -Os/as...teñen disquencias. Neste caso, quere dicir que teñen algunha discrepancia importante que os afasta e mesmo os enfronta. *Ás veces, hai/había disquencias polos marcos dalgún pitaranco.

DOBANAR

Empregamos este verbo para referírmonos a alguén que está realizando algunha actividade, a xuízo do falante, "sospeitosa".

-Que andas dobanando? Podería preguntarlle alguén a outra persoa que anda no eido do primeiro, cecais "roubando" unha pavía.

Poida que dúas persoas estén falando e unha diga:

-Non sei que anda dobanando o/a...por... todas as noitiñas. Sen dúbida, subxace a sospeita de que a persoa en cuestión está metida en "asuntos túrbidos".

DOILE

Cando eramos cativos xogabamos bastante á billarda e, probabelmente, as xeracións anteriores, máis. Logo construímos o "estadio do Chelo" e adicámonos a "deportes modernos" como o fútbol e o tenis.

Doile é unha palabra que se emprega para denominar eses rebaixes que se fan nos dous extremos da billarda, onde se golpea co palán para levantar a billarda e darlle logo o golpe de alonxamento. O normal era que se xogase a tres intentos; de aí de doile1, doile 2 e doile 3. Se fallabas no terceiro intento era fácil escoitar a a expresión c_g´_ch_l_,(palabra que leva moitos as).

Pero a esta sección o que máis lle interesa son  expresións como esta:

-Agora si que lle deches no doile. Seguramente que estivo intentando solucionar algo, arranxar un problema, acadando unha solución ben satisfactoria.

Se unha persoa desenvolve os traballos necesarios, fai os tratamentos adecuados e, como consecuencia ten unha boa colleita, tamén estará dando no doile.

EMPORROÑADO/A

Non debemos confundir esta palabra con outra que se comentou recentemente: enmorroñado. 

Se alguén está emporroñado quere dicir que non se atopa ben, que sofre algún problema de saúde.

-Vin ao/a... e está bastante emporroñado/a.

O emporroñamento adoita ser temporal, de non ser así, teriamos que empregar outras palabras ou expresións.

Tamén pode empregarse para animais e vexetais. Se as pavías son pequerrechas, con moitos defectos e sabor pouco agradábel, tamén diremos que están emporroñadas.

No 2020(ano COVID), en Navea, case todos os produtos están emporroñados (non afirmo que haxa relación coa pandemia).

EMPOTUMIÑADA-O/AS-OS

-Os gatos están empotumiñados. Cando vai moita friaxe é habitual que estean moi xuntos, apertados nun espazo reducido, compartindo a calor.

-Estou empotumiñado. Fai referencia a que despois de estar bastante tempo na mesma posición, xeralmente incómoda, notamos problemas de mobilidade e encotomecemento.

Por certo, para empotumiñamento, aquela época -un era novo- cando iamos ás festas nun 600, nun catro latas...cinco ou seis persoas. E grazas!

EMPOXADO-A-OS-AS

-As ovellas quedaron empoxadas.  Alude a que quedaron pechadas, enclaustradas, nun determinado lugar, sen posibilidade de saír. A única solución é un rescate. (Lembro, de moi novo, unha acción, antes de chegar á Molariña, nunha zona que dá vertixe, co río fungando entre as rochas, como os nosos pais procederon ao rescate dunhas ovellas izándoas con cordas).

Tamén unha cabalaría pode quedar empoxada se vai cargada e se afunde en terreos lamaguentos. E mesmo un vehículo pode quedar empoxado nunha cuneta ou nunha pista bulleirenta.

ENCALAPRINAR-ADO/ADA

-O/A...está encalaprinado/a.

 É unha das moitas palabras que empregamos para dicir que alguén está "bébedo". Dentro da secuencia de termos que usamos para falar das situacións etílicas, andaría polo medio, entre o máis suave:aliscado e o máis forte: borracho perdido.

ENCENDEDALLO

-Trae un encendedallo que imos facer o lume!   Estamos a falar dun material combustíbel, arde rapidamente e fai chama con facilidade; ben é certo que se consome nun "santiamén". Os materiais que tradicionalmente se empregan como encendedallos son a carqueixa(moi valorada), o carpazo, a xesta...

Dado que a modernidade e a globalización vai colonizando todo, hoxe empréganse unhas "pastillas" especialmente preparadas para tal efecto (moi eficaces, pero, menos ecolóxicas).

ENCHAGORZADO(ver enlagorzado)

ENCHEDELA

 Enchedelas hai moitas, por exemplo o sábado á noite. Esta é diferente.

Para nós é conxunto de tarefas que se levan a cabo o terceiro día e que pecha o ciclo da matanza. Ben é certo que noutros lugares, efectúase o 4º día, deixando o terceiro para que a zorza absorba mellor o adobo.

-Este venres estou ocupado, teño a enchedela. É o día no que se fan os chourizos, "bos" e "sabadeñas"; fanse os bandullos, pegureiros, cagadeiras. Modernamente tamén se elabora o salchichón.

É un labor  que require bastante man de obra "cualificada". Os chourizos énchense cunha máquina que leva un funil longo onde se enzorrobilla a tripa que se vai desenzorrobillando a medida que se vai enchendo. Para ese traballo cumpren dúas persoas, a que atende  á tripa e a que vai xirando a manivela da máquina.Logo, hai que "atar".

Xeralmente trabállase por parellas inda que hai algunha "experta" que o fai soa. Unha ten que "tasar"(determinar a medida que levará cada chourizo) e, a outra, vai atando.

Finalmente, cólgase todo o produto no "fumeiro" para que se vaia secando e afumando. Aos poucos días xa se poden probar cocidos. Para comelos crús, hai que esperar algo máis. 

 Era habitual contalos ao rematar.  Unha nova paparota puña fin ao evento.

-Tes trinta e dúas ducias de chourizos e vinte e sete cagadeiras!

ENCHOUCELADO/A

Esta palabra é de uso común na zona dos Paus e da Cruz.

-Xa está outra vez enchoucelado/a!  Podería ser unha frase que se lle dixese a unha persoa que pasa moito tempo na casa e, a criterio do emisor, non toma susficiente aire fresco.

Que eu saiba, só se aplica para as persoas. Os marraos, galiñas, ovellas e outros animais domésticos están enchoucelados dado que, na práctica, están ao servizo dos humanos.

Se alguén se recolle na casa cando o sol vai pola estrada de abaixo significa que se enchoucela moi pronto.ENCORVELLADO. 

Aplícaselles aos seres humanos inda que tamén se pode empregar para os animais. Debido á idade ou a algunha doenza, as persoas empezan a encollerse, dobrarse...

Ao.........vino moi encorvellado.

-Á............cada vez se encorvella máis.

-Este cabrito encorvellouse de tal xeito que non vale pra nada.

O encorvellamento pode ser non permanente cando o empregamos en frases como:

 Durmiu no sofá todo encorvellado e quedou adoecido dos cadrís.

ENCOTOMECER, ENCOTOMECIDA/O

É probábel que se unha persoa está afriaxada, esté tamén encotomedida. De ser así sufrirá unha certa retardación na súa actividade que mesmo chega á parálise e ata certo tremor. Nestas circunstancias, os músculos non responden axeitadamente. Se temos estes síntomas, podemos dicir:

ENFERADO/A

-Hoxe os marraos non comeron, deben estar enferados. Estariamos  a empregar esta palabra para indicar que os porcos non comeron, ou comeron con poucas gañas; cecais estén fartos e non lles caiba máis comida, ou aquela lles causou algunha doenza gástrica.

O humanos tamén podemos estar enferados. Pola matanza, despois de varios días comendo moito porco, é habitual dicir:

-Vou cocer uns grelos pra desenferar. Neste caso a persoa está cansa de comer carne e necesita un produto que neutralice a excesiva inxesta de proteínas e graxas.

ENGACILAR

-Que andará engacilando o gato?   -Anda ensaiando, a ver se lle chega aos chourizos!

Este verbo ten o significado de asexar, buscar a maneira de conquerir algo, pero, cando a acción xa está en marcha para acadar un obxectivo (no exemplo, papar os chourizos).

Puidese darse o caso de que os seres humanos tamén "engacilasen" cara unhas metas que, dadas as circustancias, non serían precisamente honradas.

ENGARRAMPALLAR-ADO/ADA

Utilizámola para dicir que algo se enlaza, engarza e, xeralemnte, trepa por un pau, arame, casa...

-Mira como se engarrampallan as vides polos arames. Van gabeando de arame en arame.

A mostra de engarrampallamento máis evidente que teño observado no mundo vexetal naveá son as hedras que soben polas paredes verticais agarrándose coma lapas. As silvas tamén son mestras no engarrampallamento.

ENGORROPITADO/A

-A chaqueta quedou engorropitada. Poida que a lavásemos, encolleu e o seu tamaño quedou mermado. Fundamentalmente emprégase para pezas de roupa e teas en xeral.

Cecais nos estemos bañando no Largo, faga bastante friaxe e a pel se nos enrugue; neste caso, tamén estaría engorropitada.

ENGUAR

Este verbo está aquí, non porque sexa exclusivo de Navea, senón porque está esmorecendo debido ao cambio socio-económico producido no nosa país e á decadencia do mundo rural.

Hai anos, en Navea empregábase centos de veces ao día xa que se enguaban "miles" de feixes en cada xornada.

-Engúa ben que che se vai desfacer!

Significa, logo, atar o feixe cunha corda. Estes poden ser grandes ou pequenos. Se é de estrado ou herba hai que facer primeiro unhas cantas gavelas, ilas amoreando e finalmente atar con precisión. Era importante deixarlle unha "lazada" para que dese "mellor levar". Se non se engúa ben, faise un oco na zona de apoio do carrelo e as gavelas debrócanse pola cabeza.

Tamén ten outro significado, como se pode apreciar na frase:

-Vexo que engúas ben!

Eiquí, o significado sería "tragar" a comida sen mastigar, comer moito e rápido. Así mesmo,  temos o "enviar" cun significado semellante.

ENLAGORZAR/-ADO/-ADA

Se nun lugar hai moita lama(bulleiro) é que está enlagorzado. Nun terreo así vas enterrando os pés ao andar. Lembro moi ben como na Navarega estaba todo enlagorzado(regábase en Camba, O Moredo, Cimacevila...)

Tamén pode estar enlagorzado, de forma provisional, un terreo, por exemplo de pementos, se fose regado de xeito esaxerado.

-Non regues máis que xa está demasiado enlagorzado

ENMORROÑAR, ENMORROÑADO/A

-Parece que se vai enmorroñar o tempo.  Estamos facendo referencia a que vai empezar a chover, xeralmente con pouca intensidade; pero, vai crear algúns problemas xa que nos pilla nun momento importante: sementeira das patacas, sega da herba, vendima...

Tamén fai referencia aos problemas que causa cando queremos facer algún traballo e, dado que está todo mollado, poñémonos perdidos,

-Ía buscar unhas navizas para o caldo, pero está todo enmorroñado.

ENTOSOADO

 É outro participio de grande produtividade no galego naveá.

-O...vai todo entosoado.  Estamos a dicir que vai "moi serio", coa "mirada erguida e fría", poida que enfadado, con cara de poucos amigos...

Nalgúns casos, tamén se asocia coa forma de vestir. Cecais leva un traxe sen unha enruga e procura nonn facer ningún movemento para que non perda  o seu estado.

-Vai tan entosoado que non nos viu. (ao cruzármonos).

ENTREPOLAR, -ADO/ADA

Úsase moito para falar das verduras cando están a medio facer (xeralmente a medio cocer)

-Saco os grelos entrepolados, bótolles un aceitiño...

-Vou quitar unhas verzas do caldo cando estén entrepoladas. 

Por extensión, ás veces. empregámola para falar de calquera alimento que non esté ben feito. -Hoxe deixaches o cordeiro entrepolado.

ENVIORCAR

-Enviorquei a pelota.

Enviorcar é mandar algo relativamente lonxe e, ás veces, con moitas dificultades para recuperar o treballo correspondente. Pode ter, xa que logo, o significado de perder definitivamente un obxecto.

Cando se xogaba á billarda na Cova, tiña moito mérito enviorcala cara á Navarega xa que, deste xeito, o rival dábache o xogo por gañado pola dificulatade de atopar o citado e prezado aparello.

ENVORQUILLARSE. 

Empregábase moito coas cabalarías(en Navea, case exclusivamente burros). Consiste en dar voltas á esquerda e á  dereita, xirando 180º sobre as súas costas no chan. Coido que o facían para liberarse dos insectos.

-Envorquillouse no lameiro.

-A ver se se envorquilla.

Lembro á xente facendo este comentario: hoxe gañou a cebada.  Eu penso que facía referencia á capacidade de dar varias voltas, mais non estou moi seguro.

Tamén os rapaces e rapazas nos envorquillabamos, dando varios rolos pola chan.

ENXAMEAR

En Navea, hai xente que enxamea porque ten abellas, enxames e colmeas. E, logo, unha palabra moi relacionada coa apicultura.

Aliás, pra nós, ten outra acepción. É frecuente esta pregunta:

-Que andas enxameando? A mesma leva aparellada unha certa carga de nagatividade. o/a que enxamea, supostamente,  está facendo algunha actividade con pouco xeito, sen ter un obxectivo evidente e prevese que o produto final será de pouca calidade.

ENXANGADO/ADA

No dicionario da RAG aparece o verbo enxangar cun certo significado. Nós só empregamos o participio e cun sentido moi concreto. Vexamos esta oración.

-Hoxe non poido ir traballar, estou enxandado de todo.  Ten algún problema no lombo, nos cadrís, nas pernas...que lle impide dobrarse, camiñar, traballar...Cecais lle renxen as articulacións.

ENXARNICAR

Alguén vai mondar un eido, por exemplo a Casenando, pero sen moita convicción, poucas gañas e escaso resultado, polo que di:

-Andiven enxarnicando por Casenando e non fixen nada. (Realmente, "non fixen nada" non sería necesario especificalo, estaría explicitado no verbo enxarnicar)

Non é moi positivo se alguén nos di:

-Enxarnicas, enxarnicas e total, Pra nada!

ENZALAPASTRAR-ADO/ADA

É posíbel que alguén vaia a un eido coa intención de taballar en calquera tarefa agrícola e diga:

-Non se pode facer nada que está todo enzalapastrado.  Choveu dabondo e a terra, follas, herbas, pólas... están chorreando.

Tamén se lle aplica ás persoas en certas situacións. Por exemplo, cando alguén lle recrimina a outro/a o estado no que se atopa.

-Mira como vés, todo enzalapastrado!

ENZARRANQUILLAR(SE)

-Viña andando, enzarranquillou o pé nunha silva e caeu.

-Non sei como fixen, enzarranquillei os pés e marchei da parede abaixo.

Xa que logo, significa que un pé tropeza ou se enganchou no outro o que provoca unha caída ou, polo menos, un susto.

*Parece que é moi común soñares que es perseguido por alguén, con non boas intencións; enzarranquíllanchese os pés e non podes escapar. Parece, tamén, que ten unha explicación psicolóxica, inda que iso déixoo para "expertos".

ENCERRECINADO

Cando alguén ten unha iea na que insiste, volve sobre o tema cada pouco, dálle voltas e máis voltas e fala dela con certa vehemencia.

-Agora, o Ambrosio está encerrecinado co tema da autovía!

Ás veces, o encerrecinamento pode levar á obsesión e ser prexudicial para a saúde propia e, mesmo, allea.

ENZORROBILLARSE.   Alude ao feito de que unha fita, unha corda, un fío, o cordón do zapato...den voltas e máis voltas, nós e máis nós ata que resulte case imposíbel estiralo novamente.

- Enzorrobillouse o nobelo de la.

- O fío está enzorrobillado, quen o desenzorrobille...

Se de alguén se di que ten o cerebro enzorrobillado,non é moi bo sinal.

ESBOUQUELAR

Significa rachar algo, rompelo. En Navea empregábase moito para os cacharros de barro que, ao levar un golpe, marcháballe  un cacho, quedando esbouquelados.

-Tes a xerra toda esbouquelada.

Ás veces tamén se empregaba para referirse a diferentes cacharros metálicos.

-Tes a pota do caldo algo esbouquelada.

-Se unha persoa está esbouquelada non é bo sinal, significaba a a acabeciña ten algúns "furados"

-O/A...está bastante esbouquelado/a.

ESBURRIAR

-Para de esburriar que vas botar a porta abaixo!

-Axúdame a esburriar esta pedra que igual lle cae a alguén na cabea.  Ten, logo, o significado de empuxar, xeralmente coas mans, con moito esforzo e adicación.

*É coñecido o caso dun veciño de Navea, moi cabreado co seu burro que, habilmente (o burro) zampouse ao chan para non traer a carga de uvas da Borrén. Alá, polas Penas da Cancela, esburriaba no burro para que se esnafrara por aquel valicorpio abaixo. Non o conseguiu!

ESCALAMONDRAR(SE)

Poida que alguén tropezase(o cal non era difícil) cargado cun cesto de uvas baixando pola Ladeira, no traxecto que vai dende A Borrén ata Navea.Cecais teña feridas nos xeonllos, na cabeza, nos cóbados; polo que diriamos:

-Caeu na Ladeira e quedou todo escalamondrado.

Tamén se emprega cos animais e cos vexetais.

-Veu unha tronada con pedra e deixou os pementos escalamondrados.

-Pero, deixaches a mazaira escalamondrada!  Neste caso, o suxeito fixo unha poda tan "esaxerada" que á pobre árbore quedoulle o tronco e pouco máis.

ESCALDOIRAR

-Mañá teño que escaldoirar o lameiro de Camba.

Cando a primavera avanza, a temperatura sube e a calor aumenta cómpre revisar e quitar as caldeiras para que a auga chegue a todas as embelgas dos lameiros; este proceso denomínase escaldoirar.

ESCANIFRADO/A

O/A...está escanifrado/a

O/A...é un escanifrad/a.

Na inmensa maioría das ocasións nas que empregamos esta palabra, facémolo coa axuda dos verbos ser ou estar.

Pódese aplicar e persoas, pero tamén a animais. Se aludimos a unha persoa, non convén dicirllo á cara porque non nolo vai agradecer. Significa que esa persoa  está feble, cecais moi delgada, con non moi boa cara e, nalgúns casos, coas pegadas dunha doenza.

-Ese gato está escanifrado de todo!  Seguramente padece de larota sistémica que forma parte da súa triste vida; como consecuencia, aparecen os ósos requichados querendo furar a pel.

ESCAÑASTRAR, ADO/

Na entrega nº7 desta sección apareceu a palabra "cañastra" que, como alí se indica, emprégase, fundamentalmente, para cargar os animais(tamén os de dúas patas).

Cando se di que alguén está escañastrado/a, alúdese a un deterioro físico, temporal ou definitivo. Se unha persoa sube dende A Ponte a Navea ou dende A Quinta a Casenando a ritmo lento, cansino e con moito esforzo, podería dicirse: 

-Está bastante escañastrado.

Ás veces o escañastramento pode ser froito dun exceso de traballo continuado, como cando un está sementando patacas dende as oito da mañá ata as oito da tarde, cunha aixada. Sería bastante lóxico que o interesado dixese: estou todo escañastrado.

*Por certo que as cañastras tamén se escañastran e ten que un cesteiro botarlle unhas vergas para desencañastralas.

ESCARAFOCHADO

Cando unha pola ou un tronco dunha árbore está medio podre, oco o seu interior, case só lle queda a casca, podemos dicir que está escarafochada.

- Coidado! Non subas a esa cerdeira que está escarafochada.

Emprégase moito cos catiñeiros, cando teñen un grande oco no medio.

- Ese castiñeiro ten moitos anos, está todo escarafochado.

  Tamén, en sentido figurado e pexorativo, se lle aplica ás persoas. Aquí alude a que o sistema neuronal empeza a ter problemas graves.ESCARMALLA

Tamén a podemos aplicar tanto para as persoas coma para os animais. Unha persoa ou animal pode levar unha escarmalla moi grande se o esforzo realizado supera o "normal", chegando nalgúns casos ata a extenuación.

-Hoxe levei unha escarmalla de ... trouxen vinte feixes de herba do Real(igual me pasei)

-Vaia escarmalla que levou o burro, estivo todo o día apañando cargas de esterco para a Mallada.

ESCARRABUÑAR

-Que andas escarrabuñando?  Podería dicírselle a alguén que tivese un proído, ou mesmo unha ferida e estivese rascando nesa zona.  Os gatos e moitos animais salvaxes escarrabuñan frecuentemente nos paus, árbores... para afiar as súas poutas.

*Cando alguén con poucos azos e menos entusiasmo cava raño, tamén lle podemos dicir que está escarrabuñando, non cavando, na terra.

ESCARRAFULAR

Este verbo emprégabase bastante en Navea. Se alguén mete o dedo no nariz buscando...poderíaselle dicir:

-Que estás escarrafulando?

Ás veces alguén pode furgar na orella co obxecto de...

-Para de escarrafular na orella!

   Escarrafular tamén pode ser sinónimo de rañar ou rascar. Se alguén ten un proído, pode rañar e tamén escarrafular a zona afectada.

ESCARRANQUIÑAR

Deste verbo, como en moitos outros casos, empregamos fundamentalmente o participio e rara vez o infinitivo ou outras formas conxugadas.

- Esta cañastra está escarranquiñada.  Significa que está estropeada, estragada, destartelada...

Cando  nos referimos a persoas, queremos dicir que esa persoa perdeu facultades , sobre todo físicas. Anda con certa dificultade, sen chispa, sen forzas, facendo "eses" nas subidas..

-Vin ao/á...e está bastante escarranquiñado/a.

Os burros en Navea traballaban moito e "escarranquiñábanse" rapidamente.

Os coches cando fan ruídos varios tamén están "escarranquiñados".

ESCARREIXADO/A

Nesta sección levamos varios termos sinónimos; inda que imperfectos, comparten certo grao de significación. Son: esmolicrado, escarafochado, escarranquiñado, escañastrado, esmalloado(observe o lector que todos empezan por "es").  Pero, todos teñen matices diferenciadores. Imos ver, logo.

Se empregamos o verbo estar,coma na oración:

-O/A ...está escarreixado!  Estamos dicindo que sofre algunha doenza crónica que fai que teña poucas forzas; por exemplo, para coller pesos(se unha persoa non pode coller unha botella de butano e colocala na estufa é que está escarreixado)

Agora ben, se se lle di a alguén: 

-Vés escarreixado!  Probabelmente acaba de chegar cun feixe grande de Lourido ou veu andando dende A Rúa ata Navea. Neste caso o escarreixamento é transitorio.

ESCAVORCAR

-Coidado que che escavorca!  É un verbo que forma parte do dicionario da RAG. En Navea empregámola para un feito, case sempre. Cando regamos unha horta e a auga non cabe no rego, debrócase, se non se lle pón remedio e fai algunha avería. Arrastra a terra superficial e quedan ás vistas as patacas, as leitugas arrincadas, as fabeiras polo chan... 

ESCAZURRIR(SE)

-Xa o tiña( o coello...) na mao, pero, escazurríuseme.   É dicir parecía que xa o tiña ben agarrado, inda que, ao final, zafouse. <As anguías escazurríanse con facilidade debido a ese corpo tan lamacento e viscoso>

Os humanos tamén poden escazurrirse: -Vin un momento á Uxía na festa, pero logo escazurríuse. Foi "visto e non visto". Naturalmente, o escazurrimento pode ser voluntario se a Uxía non quería que o encontro se producise.

ESCHOROMICADO-A-OS-AS

-As verzas están eschoromicadas.   Fai referencia a un estado lamentábel das mesmas; teñen mala pinta, están troxas, tristeiras...; cecais, pola seca ou por padecer algunha doenza.

Tamén se pode empregar para facer referencia a algún animal que se atopa en estado deplorábel. 

-Este can está eschoromicado. (Desnutrido, fraco...)

ESCORROMEXER 

Este é un verbo que alude a movemento, bulir, remexer... Por exemplo, unha persoa está sentada a carón de outra e esta non para de fedellar, entón poderiamos dicirlle:

-Non paras de escorromexer!

Alguén está intentando estudar e outros están paseando, movéndose, falando; tamén se lle podería dicir:

-Se non paras de escorromexer, non hai quen se concentre.

ESCURRICHAR, ADO/ADA

-Escurricha ben a botella. Emprégase para indicar que un recipiente, que contén un líquido, se baleira ata a derradeira gota.  Utilízase moito para cando as crías dos mamíferos (cabras, ovellas, porcos...) deixan á nai exhausta despois de mamar.

Por extensión, ás veces, tamén a usamos para aludir ao esgotamento de calquera produto.  -Vou escurrichar a cerdeira do Casar (coller ata a derradeira cereixa)

ESCOZOFARSE

-O gato non para de escozofarse. 

Empregamos esta palabra cando un animal se envorquilla ou cando se rasca contra unha parede, unha árbore...Se o fai é porque ten algún proído, algún escozor...debido aos parásitos ou a outros problemas de saúde...

 Os seres humanos tamén se escozofan, inda que, xeralmente, empregan as mans para tal actividade

ESGARRUNCHAR

Significa subir, sen o emprego de ferramentas, polo tronco dunha árbore, dun poste da luz...Esixe grande esforzo, moita forza e bastante habilidade.

-Hai que esgarrunchar, que non temos escada.

-A ver se esgarrunchar para ver aquel niño de milpéndora.

Ás veces tamén se emprega para o feito de subir por unha parede ou laxe verticiais e que presentan gran dificultade.

- Estamos subindo polo río. Hai que esgarrunchar por esa laxe ou temos que dar a volta.

ESLABAZADO/A

Existe un adxectivo, recoñecido pola normativa oficial, e que se pode atopar nos dicionarios de uso habitual. É "eslamiado". Vén sendo coincidente co noso, mais eslabazado engade algún matiz.

Emprégase, fundamentalmente para referirse ás comidas. Cando non están ben sazonadas ou lles faltan produtos e, como consecuencia, o resultado final é deficiente.

-Este cordeiro está eslabazado.  Estariamos sinalando que o sabor non é moi agradábel; cecais o coceron no canto de asalo(de todo hai polo mundo).

Se facemos un caldo ao que lle botamos moitas patacas e verzas, pero pouca "substancia animal", con toda seguridade que nos sae un caldo eslabazado.

Por certo que lembremos que ás veces dábaselles aos porcos os restos da comida humana coas graxas correspondentes e se dicía: dálle esa labaza aos marraos.

ESLOIRAR(SE)

Normalmente emprégase o reflexivo xa que non é habitual que ninguén te esloire, senón que cada un se esloira a si mesmo.  O seu significado vén a ser tumbarse, a calquera hora do día, na cama ou noutro lugar para descansar ou relaxarse. No Largo había, supoño que aínda haberá, unha laxe estupenda para esloirase ao sol. 

- Voume esloirar  un rato cama.

  Pode coincidir coa hora da sesta.

-Despois de xantar, heime esloirar unha miga que estou moi canso.

Era unha gozada esloirarse, cando facía calor, e ías coa veceira pola Serra.

-Atende ti as cabras que eu vóucheme esloirar un rato.

ESMALLOADO/A

Esta palabra palabra emigrou a Barcelona, fixo un longo percorrido e regresou recentemente.

-Estou esmalloado/a.  Seguramente traballou moi duro, fixo un esforzo físico moi grande e está moi cansado.

Ás veces, o esmalloamento prodúcese por algunha doenza física, psíquica ou de ambas, que deixan o organismo feble, extenuado.

Lembro que cando eramos rapaces tiñamos que traballar todo o día, pero á tardiña ou ao luscofusco iamos xogar ao noso estadio. Acababamos, á noitiña, "esmalloados".

ESMODROCAR-ESMODROCADO/A

Xeralmente este verbo emprégase para referirse ás persoas, inda que tamén se pode estender aos ainimais irracionais e aos obxectos. Alude a que alguén levou un golpe, tivo un accidente, recibiu unha malleira.

- A Andrea levou un golpe e quedou esmodrocada.

Se alguén aparece cheo de feridas, con sangue abondoso, podemos dicirlle, 

-Estás completamente esmodrocado.

Un burro pode marchar polo Graíl abaixo, coa carga correspondente e acabar esmodrocado.

Se un coche ten un golpe forte porque pegou contra un penedo e está amolachado, tamén poderiamos dicir que está totalmente esmodrocado.

ESMOLICRADO/A

Quere dicir que unha persoa está moi cansa, sen folgos, extenuada, esgotada. Pode acompañarse de dores xeneralizadas ou que afectan a unha zona do corpo.

- Estou esmolicrado de todo.

- Que esmolicrado me vexo!

- A gripe deixoume esmolicrado.

ESMURUXA/ESMURUXAR

-Teño que facer a esmuruxa no Cepado/ Teño que esmuruxar o cepado.

Podemos empregar o substantivo ou o verbo para aludir á mesma cuestión.  A esmuruxa e a "decrúa" son as accións que se realizan polo final do inverno ou no inicio da primavera de cara a preparar as terras para ser logo sementadas ou plantadas. Na decrúa cávase procurando darlle a volta aos terrós para que a herba quede por debaixo, inda que sen acadar a perfección. A esmuruxa é moito máis laboriosa, a terra queda garapinada. Faise un rego, ráspanse ben as herbas a ese rego e logo cávase toda a terra de tal xeito que a herba quede totalmente enterrada.

ESNARAVANDAR

Ten o significado de desfacer, esnaquizar... algo de xeito aleivoso.

-Esnaravandou a cerdeira(podouna tanto que só quedou o tronco).

-Esnaravandou a "cartilla"(do banco). (gastou todos os cartos, con pouco xuízo, segundo o criterio do falante)

-Os xabarís esnaravandaron os castiñeiros.(deixáronos desfeitos)

ESPALECERSE

-Vou dar un paseo para espalecerme.  Poida que se levantase cansado, confuso, sen forzas, e sexa necesaria esa camiñada para "espertar" e coller algo de vida.

Ten, tamén, outros matices, como se pode apreciar nesta frase:

-Foi uns días de vacacións para espalecerse. Seguramente, esa persoa estaba esgotada pola rutina do traballo cotián durante meses e necesitaba cambiar de aires para rachar co estrés habitual.

ESPANADAS

É un adxectivo que empregamos en plural e, case sempre, acompañado do substantivo maos.

-Foi coas mans espanadas.  Cando se di esta expresión estamos a facer referencia a alguén que foi convidado á casa, ou a outro lugar, e non levou ren para obsequiar ao anfitrión.

Obviamente, se alguén leva unhas empanadas, xa non vai coas maos espanadas.

ESPAXOAR.

Este verbo vén a significar o feito de proceder a alonxar algo(xeralmente animais) para que non fagan dano, estraguen os eidos...

-Espaxoou as perdices da viña.

-Tiven que espaxoar os gatos da porta da casa.

- Pegueille uns berros ao xabarín para espaxoalo.

Tamén se pode empregar para os seres humanos.

-Espaxoono da casa. Refírese ao feito de que alguén faga  os medios necesarios para "botar" da casa a algún pesado.

ESPERUCAR

Esta palabra ten variantes esparexidas por Galiza adiante. significa separar os graos de millo da mazaroca, extraer os chícharos da súa vaíña, debullar as castañas...Pero o significado máis relevante no noso pobo é separar á carne do óso, por exemplo, para facer os chourizos.

- Esperuca ben a soá(que non lle quede nada de carne)

Principalmente asóciase ao feito de aproveitar toda a carne cando comemos, por exemplo, a costela dun cordeiro.

- Que ben esperucas.

- A min dame un zanco, que non me gusta esperucar.

É coñecido o caso dun señor que nas matanzas e noutras festas gastronómicas, collía un cacho de carne, quitáballe dúas febras e aparcábao no prato. Repetía o proceso varias veces e cando xa a fonte comunitaria estaba baleira, el empezaba a esperucar, dándolle a 2ª volta, mentres os demais, abraiados,  miraban para el.

ESPESCOZAR(SE)

-Mira como se espescoza. 

Se alguén se espescoza é porque estira e remexe o pescozo co obxectivo de evitar obstáculos, que poidan haber diante. Deste xeito, a persoa en cuestión pode mellorar o seu campo de visión e, fundamentalmente, ser vista, fotografada ou captada polas cámaras de tv. Hai persoas cunha enorme habilidade, neste eido, xa que para as súas profesións, traballos, afeccións...o espescozamento élles moi útil.

*A modo de brincadeira, direi que, dentro do mundo animal, as xirafas espescózanse con moita elegancia.

ESPOLIÑAR

Este verbo emprégase moito en Navea e aplícase tanto a seres humanos coma a outros seres vivos. Significa crecer, ter mellor aspecto, curar dunha doenza...Deste xeito, podemos dicir dun porquiño:

Agora parece que vai espoliñando.

Tamén nos podemos referir a unha planta que "tiña mala pinta" e se recupera. 

-Mira esa cerdeira como espoliñou!

Cando se refire as persoas, vén a significar que esa persoa tivo unha doenza  e logo mellorou.

Xa espoliñaches! Tes mellor cara!

ESPURRIDO

Segue a utilizarse, aínda que, coma moitas outras, está perdendo vigor e esmorecendo paseniñamente.

Aplícase, fundamentalmente, para definir o comportamento dunha persoa á que se lle ofrecen varios pratos de comida e rexeitaos todos, poñendo cara de...circunstancias.

-É moi espurrido!

Algunhas veces está relacionada coa forma de ser, coa conduta,  coa imaxe que se quere dar perante os demais. Se dicimos: 

-O/a...vai moi espurrido/a.  Neste caso, queremos significar que é presumido, que lle mira aos demais por enriba do ombro, que é vaidoso/a.

ESTAMBURITARSE

Este verbo funciona, xeralmente, como reflexivo, inda que, ás veces, o estamburitamento pode ser provocado por outros.

-Ía correndo pola Carreira abaixo e estamburiteime.  Significa que caeu e puido sufrir un dano importante. Vén sendo o mesmo que "esnafrarse", "esfachicarse" ou "escachifarse"(moi naveá).

Tamén os animais teñen/tiñan "accidentes". Cando os sufridos burros subían ou baixaban pola Prebida, non era difícil que se estamburitasen esgotados polo esforzo; aínda que, hai quen di que os burros son máis listos do que o seu nome indica, e, eles mesmos se debrocaban no chao para que o dono tivese compaixón e cargase parte da carga, ao lombo, ata Valdonedo, Río...

ESTIRA

Temos o verbo estirar con significados ben coñecidos, Mais, o peculiar, para nós, é o substantivo estira.

-Hoxe levei unha estira! A persoa en cuestión está dicindo que fixo un traballo forte, duro, e rematou o choio esgotado.

*Como anécdota, direi que, vai moito tempo, organicei unha andaina por terras de Pena Trevinca, con persoas de diferentes procedencias. Metinlles e metinme unha "estira" que algunha xente tardou en recuperarse e aínda mo lembra de vez en cando. Que tempos!

ESTORCEGAR

<O dicionario da RAG recolle o verbo estordegar. Nós trocamos o "d" polo "c". O significado é o mesmo>

-Tropecei e estorceguei un nocello.  Significa que torceu e forzou o nocello ata producir  molestias varias.

En xeral, cando se estorcega algunha cousa é porque afecta a articulacións, músculos, tendóns...e, normalmente, o movemento produce dor.

ESTOUZAR

-Non paras de estouzar! Poderiamos dicirlle isto a unha persoa que habitualmente traballa moito, demasiado...

-Está estouzado! Sería o mesmo que dicirlle que está rebentado, que traballa en exceso; mesmo está esgotado.

ESTRANSIDO/A

Moi canso, esgotado, pero a un nivel máximo. Sen forzas, tanto no eido físico como no síquico.

- Estou estransida!

- Non tes boa cara, estás estransida!

- Estou tan estransido que non teño gañas de facer nada.

ESTREMONÍA

<Empezarei facendo unha aclaración para as persoas que non coñezan Navea. O noso pobo é moi extenso e ten moitos barrios(A Ponte, A Quinta, O Casar, A Lama, Os Paus, A Cruz, O Campo, A Eirexa, Casenando, O Seixo... Ocorre, con frecuencia, que existen certas variacións dunha mesma palabra. Deste xeito podemos escoitar tamén astremonía, estramonía e mesmo astramonía>

Lembro  o noso veciño da Cruz, Pedro Mondelo, dicindo:

-Vou quentar ao Miquis que me fixo unha estramonía (papáralle o xantar). Fica claro que se refire a que o ser correspondente fixo algunha trasnada ou dano que vai máis aló do aceptábel.

As estremonías, con frecuencia, son feitas polos humanos.

ESTROUPELEAR

É outro termo coloquial que empregamos en circunstancias como esta:

-Oíches estroupelear as bombas no San Xoán?  Estamos a nos referir aos estoupidos dos clásicos foguetes que anuncian as festas nos nosos pobos, aldeas e vilas.

Tamén estroupelear as cacaracás. Estas plantas teñen unhas flores en forma de campaíña que, obstruíndo a abertura e dándolle un pequeno golpe coa outra man, produce un estourido moi rebuldeiro.

ESVERDELLA

Existe o verbo "esverdear", inda que nós apenas  o empregamos. Non obstante, o substantivo "esverdella" é moi común. 

-Mañá facemos a esverdella.  Seguramente nos atopamos a comezos de setembro e estariamos dicindo que imos vendimar os primeiros acios para facer un pouco viño, andes da vendima definitiva.

Debido á relación existente, ás veces, empregámola para as primeiriñas froitas de collemos de calquera clase: cereixas, kiwis, claudias...

FACHUGUEIRA

´-Abrín a porta do  forno e e veume unha fachugueira. Estariamos a falar dunha labarada de calor e tafo, un queimazón que produciu molestias no suxeito afectado.

Tamén usamos este termo para referirnos a grandes fogueiras ou cacharelas.

-Fixemos unha boa fachugueira nas Parras o día de Noitevella.

FACOTEXO

-Vou poñer un facotexo calquera. Significa que vou poñer unha peza de roupa en non moi bo estado, estragada, que, xa non uso habitualmente, pero, para esta tarefa concreta pode servir.

Lembro que o antroido en Navea non era especialmente relevante, sen embargo si era bastante común poñer algún facotexo para o evento.

Ás veces, úsase o diminutivo cariñoso "facotexiño/acando se lle di a un/unha neno/a de tres ou catro anos.

-Pareces un/unha facotexiño/a.  Estamos a dicir que é un pequeno espelido, rebuldeiro, que non para un momento de remexer,que fai rir aos adultos.

FARRACA, FARRACADA

Este termo aparece no dicionario da R.A.G. como sinónimo de "faldriqueira". Para nós é unha especie de saco para meter produtos sólidos, como patacas, castañas, millo...

-Hoxe collín en fontecarballo tres farracas de castañas.

Tamén se empregaba para "pisar" as castañas(a base de golpes enérxicos), deste xeito sepárase a casca da parte comestíbel.

En xeral, unha farraca non sería un saco grande, máis ben podería rondar os 25 ou 30Kg. Falariamos de "saco" se andivese polos 50Kg e, a saca, sería aínda maior.  Os nosos devanceiros collían ao lombo sacas, por exemplo de fariña, de 70 ou 80Kg.

Empregamos tamén a verba farracada, inda que, xeralmente  son sinónimas, desta forma alude máis á cantidade que ao utensilio.

-Fun á Estacada e trouxen unha boa farracada de conchos.

 Neste caso tamén hai unha connotación psicolóxica xa que representa unha cantidade importante con respecto ás espectativas previas.

Ás veces tamén se emprega como metáfora para indicar unha cantidade grande de calquera cousa.

-Extiven no súper o collín unha farracada de leite.
FASTRA

-Agora xa teño moitas fastras.  Estaría dicindo que ten moitos problemas de saúde e, que lle foron aparecendo nos últimos tempos.

En xeral, unha fastra é algunha eiva ou problema físico que afecta  ás persoas. Podería trasladarse aos animais, inda que non se acostuma. Onde si está vivo este termo é no que se refire aos produtos agrícolas; de paso, podemos dicir que o presente ano 2020 é/foi horroroso en Navea, polo que:

-As mazás, peras, pavías...están/estaban cheas de fastras.

FATUAXO

Xeralmente alude a unha prenda de roupa de ruín calidade, moi gastada, rota...

-Para ires á cava, váleche este fatuaxo.

Mais, ás veces, empregámola para referirnos a unha peza de roupa calquera o que nos dá unha visión de présa ou urxencia, onde a roupa é algo secundario. Vexamos:

-Lávate e pon un fatuaxo calquera que marchamos ao Folión.

FEDE

-Cantos fedes hai este ano!

O nome deste animaliño dános unha idea clara da súa característica principal. É un insecto de cor verdosa, capaz de voar, inda que de pouco percorrido. Só que toque un instante nun lugar, queda impregando dun cheiro moi potente.

FEIXORRO

-Vou por un feixorro de herba.

-Onte trouxen un feixorro de leña.

En Navea, distinguimos ben entre "feixe" e "feixorro". Un feixe representa a cantidade "axeitada" que pode e "debe" carrexar unha persoa, e que está en función da súa idade e estado físico. Pero, feixorro é unha cantidade "pequena" para as capacidades que se lle supoñen a esa persoa, e, polo tanto, levar un feixorro é un certo demérito.

FERREÑO

Este adxectivo é común no noso idioma con significados relacionados co ferro, inda que para nós as augas que conteñen tal elemento reciben a denominación de "augas férreas".

Tamén se fai referencia  a el para expresar que alguén goza de moi boa saúde: rexo coma o ferro.

Mais, se nós dicimos:

- Este ano, os conchos son moi ferreños.  Estaremos dicindo que son pequenos, cativos con relación ao tamaño estándar ou ao esperado.(por certo que os conchos dunha nogueira recentemente talada que había no centro do pobo, tiña noces ferreñas, tanto polo tamaño como pola dureza enorme da casca.

Había e hai(supoño) un paxaro máis pequeno cós seus irmáns, do cal se falaba bastante entre nós.

-Sei dun niño dun pitoverdello ferreño.

FITIR

Inda que no dicionario aparecen as locucións "en fite" ou "fite fite" co significado de mirar fixamente,nós conxugamos o verbo en expresións como:

-Fíxate no gato como fite cara ao faiado. 

-Que estás fitindo?

No primeiro caso, o gato cheirou unha posíbel vítima, pola que está moi interesado. No segundo, coidado! Pode dar lugar a algún conflito xa que se pode entender que esa mirada é imprudente, provocadora e, incluso, retadora.

FIÚZA

Esta palabra aparece no dicionario galego como "fe en algo ou alguén". Nós non a usamos con ese significado, pero si pode escoitarse en frases como esta:

-Vaia fiúza que fixo!  Pra esa fiúza! Alude a un traballo, un labor, unha actividade...feita con escasos resultados; o produto acadado foi bastante deficiente, polo menos, a xuízo de quen fala. Segundo a énfase posta na expresión podería, mesmo, resultar que o resultado foi un desastre.

FLECHA

-Tráeme unha póla de Oliveira que vou facer unha flecha.

No dicionario da nosa lingua temos a palabra "frecha" cuxo significado máis coñecido é o de ser unha arma que, segundo as películas, empregaban moito os indios do "Oeste".

En Navea temos "flechas". Todos os que eramos pequenos daquela(vai moitos anos) e tamén os anteriores, tiñamos unha. Empregabámola para facer prácticas de tiro e tamén co obxectivo "perverso" de cazar paxaros(debo sinalar que con escaso éxito).

Nun momento de "guerra fría", dos de Abaixo contra os de Arriba, houbo ameazas de ser empregada, mais como era un aparello de "destrución masiva", deseguida  foi prohibido e inmediatamente  se asinou a paz, que xa dura máis de cincuenta anos.

Na construción emprégase unha póla en forma de V e cun mango para agarrar, logo son necesarias dúas gomas elásticas e un coiracho.

Polo universo do noso idioma atopamos diferentes nomes: tiracroios, tirapedras, tiracoios...

FOLECADA

O substantivo "foleca", e mesmo "foleco" aparecen no dicionario da RAG. Mais, en Navea, non se usan, porén, si "folecada". Fixémonos en frases como estas;

-Collín unha foledada de castañas. 

-Se non fose polo trono, habería unha folecada de cereixas.

Empregámolas, con moita frecuencia, para aludir a unha cantidade "grande", tendo en contas as espectativas xeradas previamente.

FOLELLO

-O pan hoxe saiu folello. Quere dicir que está oco, que se o apretas comprobas que case non ten máis que corrancha.

Pena é/era que á hora de comer un bandullo, tivésemos que recoñecer que estaba folello.

FOLLATO

É unha palabra que recolle o noso dicionario, con diversas acepcións; mais, en Navea, usámola, case exclusivamente, en situacións como esta:

-Vou a Santamariña por un feixe de follato.  O follato está formado por polas, ramas, gallas de castiñeiro que se cortan cando teñen follas para alimentar cabras, ovellas, coellos...Por extensión, ás veces, podemos dicir:-canto follato ten esta cerdeira, para indicar unha ramaxe moi exuberante.

FREXEL/ES

-Vou coller uns fréxeles para facer unha ensalada rusa.

Esta é a parte comestible dunha planta denominada "feixón" que se desenvolve sementando as fabas. O froito está recuberto dunha vaíña e, cando o produto está ben tenro, é moi apreciado no mundo da gastronomía.

FUNGUEIRAZO

Fungueirazo, noutros lugares, significa dar un golpe cun "fungueiro" ou "estadullo" do carro. Mais, en Navea non había carros.

Cando empezamos a xogar ao fútbol, necesitabamos unha palabra para expresar eses "golpes" fortes cun balón aos que tamén lles podemos chamar "balonazo". Adoptamos, xa que logo, a palabra fungueirazo para esta acción.

- Vouche meter un fungueirazo!

  No noso estadio do "Chelo" exercíase unha grande democracia e  os maiores, menores e medianos, xogabamos xuntos e revoltos. Ás veces, os maiores ameazaban aos máis pequenos con empregar o recurso dos fungueirazos. Noutras ocasións púñase coma norma obrigatoria:

- Non valen fungueirazos!

 Esta medida axudaba a preservar a saúde dos máis novos e tamén para que o balón non chegase á Barronca con moita frecuencia.

GAVILLA

Parece un castelanismo, inda que esa afirmación e confirmación, no seu caso, déixoa para os lingüístas expertos. Nós temos "gavela" e, se fose pequena", diriamos "gaveliña" ou "gavela pequena".

Porén, si podemos dicir ou escoitar:

-Vaia gavilla que se xuntou onte na reunión! Fai referencia a un grupo de persoas que, como digo moitas veces, a xuízo de quen fala, non son de fiar, ben sexa polas súas ideas retortas ou, sinxelamente, por latosas.

GANAFATE

-O... está feito un ganafate.

Esta palabra ten connotaciós negativas ou moi negativas. Se nos referimos a un neno, estariamos a falar dun "traste", "inquedo", que non para de remexer. Se a referencia é un adolescente, o senso negativo intensifícase; xa que logo, podería realizar certas actividades cun reproche social evidente. E, se nos referimos a un adulto, a cuestión  aínda é peor.

-Si ho! Está el un bo ganafate.

Neste caso, estariamos no bordo da delincuencia, ou sinxelamente, unha persoa cun comportamento social moi rexeitábel.

GARAPINADO

Emprégase esta palabra para significar que "algo" se realizou ben ou, moi ben. Cando se realizou unha determinada actividade ou traballo, se o resultado foi óptimo; cando fas unha obra na casa e dá gusto ver o produto... Por exemplo, alguén plantou un horto, pasa un veciño e queda abraiado pola estupenda realización, dicindo:

- Deixáchelo garapinado!

Tamén se emprega para aludir a unha persoa que se prepara par asistir a algún evento e quere coidar moito o seu aspecto físico para dar unha boa imaxe.

- Vai moi garapinado.

GARFALLADA

Poida que estemos facendo unha fogueira e alguén diga:

-Bota tamén toda esa garfallada. Estaríase referindo a restos vexetais formados por pólas cativas, ou grosas, pero en estado de descomposición; follas...En xeral, restos vexetais aos que xa non se lle dá ningún valor.

Tamén a empregamos para aludir a froitas e hortalizas de aspecto ruín e, escaso, ou nulo, valor comercial,

-Esa  mazaira só dá garfallada.

Non é habitual, pero si a teño escoitado para facer referencia a seres humanos. Neste caso, é obvio que a persoa ou persoas aludidas non gozan da simpatía do falante.

-Iso...é todo garfallada!

GOMA

Este nome é ben coñecido e non necesita moita explicación. Utilizamos gomas para "construír flechas". Goma de borrar, goma elástica...

En Navea, é o termo que empregamos, case en exclusiva, en frases como esta:

-Vou poñer unha goma para regar os tomates.

Máis recentemente, a palabra mangueira foi gañando terreo, pero goma segue sendo maioritario.

-Vou poñer unha goma dende a Ponticela para regar as amendoeiras e as abelairas.

GOLONDRÓN

Golondrón vén sendo sinónimo de "empuxón", pero  en plan moi besta. Normalmente, a persoa que o recibe sofre algún dano físico.

-Deulle un golondrón e  e rompeulle un brazo!

Tamén se emprega como sinónimo de "abalar"(mover compulsivamente a alguén, sen desprazalo do lugar).

-Vaia golondrós que lle deu o Xacobe á súa filla!

Así mesmo, tamén se empregaba no sacrificio de animais para a alimentación.

-Deulle un golondrón(golpe) na cabea ao coello.

Entre os animais tamén hai liortas con "golondrós" incluídos.

-O "castrón" pegoulle un golondrón a esa cabra e deixouna coxa.

GORROMELA

É unha palabra viva nalgunhas zonas de Galiza e, se está aquí é porque en Navea ten certos matices diferentes no seu significado. Poida que alguén esté comendo unha mariscada e diga:

-Hai uns alí que nos están mirando, Téñennos gorromela!

Un ou unha ten un "ferrari" e prgúntalle a quen esté mirando.-Que, tes gorromela?

Xa que logo, ao desexo de posuír algo, que é o significado maioritario, engadímoslle a idea de "envexa" e non moi sa!

GROLLUDO/A

-As pavías aínda está grolludas!  Significa que esta saborasa froita aínda está algo verde, que non acadou a o sabor esperado, non chegou á madureza axeitada.

Tamén a empregamos en frases como esta:

-O polbo aínda está grolludo. Neste caso, a xuízo de quen fala, aínda está duro, fáltalle un tempo de cocedura.

GUECHA

En Navea empregábase bastante a palabra, sempre en plural, "guechos". Facía referencia ao pelo longo e, xeralmente, pouco coidado.  Nun momento determinado, a nai podía dicirche:

-Tes que quitar eses "guechos".

Mais, o peculiar é o substantivo "guecha", empregado, sempre, en singular e co indefinido "unha" diante. Alude a unha pequena cantidade dalgún material que, nalgún intre, formou parte de "algo máis grande".

- Bótalle unha guecha de herba ao burro. (formaba parte dun feixe ou da almacenada na palleira)

Non se emprega para produtos que se poidan contar por pezas, kg, l, etc. Ninguén diría " unha guecha de patacas ou cereixas".

- Trae unha guecha de estrado para botar no camiño que se esvara moito coa xeada.

GUEIFAS

Gueifa é un nome que recolle o noso dicionario e está relacionado  coas partes ou trebellos do arado.

A expresión naveá non ten que ver co aparello mencionado e, xeralmente, empregamos o plural: gueifas. Neste caso serían as mans dos humanos, aínda que empregadas dun certo xeito e nun contexto determinado.

-Como che bote as gueifas... Soa a ameaza. Botaríalle as man para facerlle... o que sexa.

Utilízase moito nos animais. Se alguén está na corte intentando pillar un porco para a matanza e este intenta saír fuxindo pola porta:

-Bótalle as gueifas aí, que escapa!

A expresión ten certa semellanza coa palabra "garras" ou "poutas", referidas aos animais.

Ás veces, algúns humanos intentan botarlle as gueifas a unha perdiz ou a un coello, no monte. Non é doado!

GUIÑAR, GUIÑALAS, GUIÑOUNAS

Guiñar é unha plabra moi común no español, pero que en galego significa "chiscar" e alude ao feito de pechar un ollo para enviar diferentes mensaxes(por exemplo, no xogo da brisca).

Mais en Navea ten o significado de falecer.

- Xa as guiñou o marrao

- Está malo o burro, vainas guiñar.

Non é común utilizala para os seres humanos, pero é coñecida a anécdota(real e triste) que sucedeu a mediados do século pasado e que paso a relatar. Unha nai tiña un fillo maliño. Cando un veciño(xordo) a viu, preguntoulle por el  e a nai respondeulle:

-Pois guiñounas esta noite.   O veciño(xordo) dixo: Pois alégrome de que vaia mellor.

 A pobre da nai, contrariada, insistiulle: - Que demo de home! Xa lle dixen que as guiñou!   Parece que a discusión durou bastante tempo ata que o home se dacatou da realidade.

HAI QUE POÑERSE EN FACHA

A palabra "facha" ten un significado político-social que é ben coñecido, e, outros varios.

A expresión acaída para esta sección pódese percibir no seguinte exemplo:

Dúas ou máis persoas están na cava das cepas na Borrén; paran para tomar un grolo, ata que un se levanta e di.

- Hai que poñerse en facha!  Alude a que o tempo de descanso rematou e hai que voltar ao choio.

en xeral vén a significar preparase  para...

Os domingos é/era día de ir á misa. As persoas aseábanse e puñan as mellores prendas de vestir.Os país podían apurar a un fillo con esta frase:

-Hai que poñerse en facha! ( estáballe a dicir que había que "moverse" e "amañarse" que xa logo era hora)

IR IMPLORANDO, XA IMPLOROU, SE NON IMPLORA...

O verbo implorar recólleo o dicionario co significado de "pedir" ou "suplicar). Mais, coma sempre, se está nesta sección é porque ten algo de peculiar na nosa fala. Con frecuencia aparece formando unha perífrase que lle dá máis relevo e significación.

-Parece que xa vai implorando!  Ben podía ser a resposta dunha persoa a quen lle preguntaron pola saúde de alguén próximo.(Cecais o doente fora mellorando da gripe).

Tamén se aplica para os animais e as plantas. Se alguén ten un eido de patacas que están "troxas", régaas pola noite e á mañá seguinte podería dicir.

-Notouse a rega, xa imploraron!

INDILGAR

-Mira se indilgas a alguén no alto do Graíl! Neste caso, é percibir pola vista a unha persoa que se atopa moi lonxe. Mais tamén se emprega para "ver" a curta distancia, obxectos moi pequenos.

-A ver se ti indilgas para afiar a agulla

LAMAR

O substantivo "lama" é moi común no galego. Mesmo nós temos o topónimo "A Lama" e tamén o nome "lameiro" para designar aquel eido con herba verde debido á abundancia de auga.

Pero ademais nós empregamos o verbo "lamar".

-Xa lama o castiñeiro.  Estamos a falar do momento no que o zume(savia) "ferve", corre a "golforóns" pola planta. Nese intre, sepárase facilmente a casca da parte leñosa. Logo, pódes facer, por exemplo, un instrumento musical(vilimbrao, gaita, etc

*Tamén se podía facer unha variña moi feituca para certos usos escolares que é mellor non lembrar.

LARANCA

-Vou ao Seixo buscar unha laranca de castiñeiro.

Unha laranca é un pau, relativamente grande e pesado. Pódese empregar verticalmente, por exemplo: soster o teito dun chabolo que periga; tamén horizontalmente, por exemplo: apoiado  sobre uns galleiros para facer unha parra. E...

LARAPEXO, LARAPEXAR

Ultimamente veño "votando" unha palabra en cada achega. Hoxe a miña elección é por este substantivo e polo verbo correspondente.  Non sei a razón.

Podería darse unha conversa coma esta:

-Vou facer a comida rapidamente.

-E logo, que vas facer?

-Vou preparar una larapexo, que teño présa.  

Referiríase a algo "mollado"; caldo, potaxe...Porén, feito rapidamente, sen moito interese por acadar un produto de excelencia.

Tamén se lle pode chamar larapexo a certa comida que se lle dá aos marraos coa mestura de diferentes restos xunto con auga e farelo.

-Para xa de larapexar na auga!  Alguén está remexendo nela e poida que facendo ruído, salpicando...

*Vai moitos anos, cando iamos ao río e non sabiamos nadar, tamén larapexabamos, onde non cubría; e, dese xeito, fomos aprendendo.

LAROTA

Seguramente que esta palabra lle soa a moi pouca xente. Eu, oíalla moito a meu pai, pero non lembro se alguén máis a empregaba. Dicía:

-Durante a Guerra(36-39) pasouse moita larota. 

-Os anos 42, 43 e 44 foron nos que máis larota pasamos.

Está claro que se refería a que nos citados períodos se pasou moita fame. A fame estaba instalada e afectaba a maioría da sociedade ou a unha parte moi grande.

Sería logo incorrecta a súa utilización nunha situación como esta:

-Son as dúas, imos xantar que teño larota.  Neste caso a palabra axeitada é fame. (larota sería equivalente ao que en castelán é "hambruna".

LEVEDAR

Este verbo, xunto co substantivo lévedo, é ben coñecido pola súa relación co pan e, en xeral, polos procesos de fermentación. Mais, se está aquí é porque, en Navea, ten unha acepción peculiar. Alguén podería dicir, referíndose a outra persoa:

-Está levedando!  -Parece que leveda! Se se utiliza esta expresión, estase a dicir que esa persoa se atopa moi leda, nun estado de felicidade máximo, case en éxtase!

LOSQUIÓN.

Podería ter un significado moi parecido ao de "labazada". Consiste en darlle a alguén un golpe de "pouca intensidade". Normalmente non vai dirixiodo á cara, senón á parte de atrás, na caluga. Enténdese, máis ben, como un toque de atención, un aviso para que a persoa, xeralmente nova, cambie a súa actitude.

-Tiven que darlle un losquión para que calase.

- Vouche dar un losquión!

- Como o volvas facer, vas levar un losquión!ESCACILAR.

Este verbo emprégase, ou empregábase, en Navea co significado de rematar "algo", que non quede "nada". Fundamentalmente utilízase para a comida.

-Escacilou ben o xamón(non quedou nin unha febra)

-Tes que escacilar, como é debido, a pota dos callos.

Por extensión podía empregarse para rematar outro tipo de tarefas.

Imos escacilar aquela mota de carqueixa que hai no medio da Ladeira.QUEIPO

Esta palabra segue viva no noso idioma e aínda se emprega en diferentes lugares, pero, en Navea, os queipos son algo diferentes.  Os de  outros lugares teñen "asa" para agarralos. Na nosa aldea existen os "cestos" cunha capacidade de 50 Kg de patacas; os "carreteros", cunha capacidade de 25 kg e os "queipos" que terían unha capacidade intermedia: 30 ou 35 Kg.  

Collín un queipo de pavías.

Cando eramos novos, se alguén pretendía "ofender" a outro e, ao mesmo tempo, presumir, podía dicir:

-Levas un "queipiño", tenta o meu cesto!

LOURIÑEIRA

-Vou baixar ao río pola louriñeira da Rocha. Inda qie nalgures se emprega louriñeira para designar as árbores, no caso de Navea, a árbore recibe o nome de loureiro e  "louriñeira" empregámola para referirnos á zona. o lugar ou o bosque cuxa planta principal é o loureiro.

LUDRIDO/A

Inda que o verbo "ludrir" sexa común e esté vivo no galego, en Navea, o emprego queda reducido, case exclusivamente, ao adxectivo ludrido/a. Ten  unha connotación positiva(cecais hoxe, non sexa así). Significa que unha persoa está "gordiña","ten boa cara"...Aparentemente goza de boa saúde.

-Que ben vexo ao Brais, está ludrido.

  Ás veces tamén se empregaba eufemísticamente para indicar que unha persoa estaba moi gorda.

-O/A........... está ben ludrido/a.

Cando a connotación positiva é máis evidente, é cando se fai referencia a un porquiño, un cordeiro, un cabrito...

-Mira que porquiños máis ludridos ten esa marrá!

MANDADO(ter) 

"Mandar", "mandato" e "mandado" son termos, máis ou menos, coñecidos  e que teñen o seu reflexo nos dicionarios, Pero, a cuestión de relevo, na nosa fala naveá, necesita do verbo ter, adquirindo un significado especial. Ollemos esta conversa:

-Convídote á festa do San Miguel.    ´-Grazas, pero xa teño mandado. -Pois ven o domingo que vén, se non tés mandado.

En tódolos casos hai un compromiso previo que impìde aceptar o convite ou a proposta nova.

MARMARULA

-Fai todo á marmarula!  Estariamos sinalando que unha persoa traballa ou fai calquera actividade, sen convicción, sen entusiasmo, sen gañas, sen que lle importe o resultado final.

Ás veces, a idea aplícase directamente ás persoas, adxudicándolles o apelativo de "marmarulo". Por exemplo, cando alguén vai camiñando para desenvolver unha determinada tarefa, pero albiscamos pouco ou nulo entusiasmo. (Cando se xogaban os impresionantes partidos no Chelo, era moi difícil atopar "marmarulos", dado o enorme entusiasmo co que se xogaba).

MAROUBA/S

É unha verba que está no noso dicionario co significado de "froita do lodoeiro".  É merecente de estar nesta sección porque, inda que en Navea non ten esa significación, está moi viva e non é doado atopala noutros lugares.

Úsase moito en frases como esta:

-Vou ao Chelo por un feixe da cerdeira, que son maroubas. Chamámoslle, logo, maroubas as cereixas(iñas) que proveñen dunha cerdeira sen  enxertar. As maroubas son pequeniñas e escasamente soborosas.

E, algunhas veces, empregámola para calquera outra froita (peras, mazás...) provintes de plantas que non foron enxertadas, polo que teñen un escaso ou nulo valor gastronómico.

MARRUCA

É un treballo moi contundente que empregamos, por exemplo, para cravar estacas, rachar leña atizándolle golpes e máis golpes a unha cuña.

-Teño que poñerlle unha hasta nova á marruca.

*Por certo, os nosos homenaxeados tiveron que zumbarlle moito á marruca para facer a obra coñecida.

MEDIR

Verbo, ben coñecido, con moitas acepcións. Pero, nós usámolo (usabámolo) para a distribución dos xogadores, á hora de formar os equipos rivais nos grandes eventos deportivos naveáns: marro, fútbol e barril barrón. Medir, provén de que, inicialmente, se usaban os pés; dúas persoas enfrontadas ían poñendo un pé diante do outro, ata que un deles pecha a cadea imaxinaria e inicia a elección.

* Máis tarde empregamos o método de "pares ou nones", pero, seguiámoslle chamando "medir"

*Logo, nun acto de enorme xenerosidade era habitual dicir: -empeza ti, pero seguiamos medindo.

<Chegados a este punto contarei unha anécdota persoal. Recien chegado a Ourense, con once anos, vin alí, moi preto da casa, moitos rapaces xogando ao fútbol nun campo que a min me parecía enorme; iso si, tiña unha inclinación duns 30º; os que xogaban cara abaixo tiñan algo de vantaxe. Non tardei en acercarme e preguntei, con certo  medo, se podía xogar. -si, dixéronme.  Ao seguinte día fun dos primeiros en chegar e xa, seguro de min mesmo, dixen: -hai que medir. Un dos presentes miroume, con cara de poucos amigos e dixo: -Como medir, será "escoger". Alí aprendín, xa que logo, que en Ourense non se  medía, se "escogía". É o que hai!

MÓCO

É fundamental que esta palabra se pronuncie correctamente. Por se hai algún despistado, ídesme permitir(que remedio) unha cativa digresión lingüística. O sistema de cinco vogais do castelán non é o noso. Nós somos máis ricos! Deste xeito temos un (o)pechado en palabras como "ponte" ou "fonte" e un (Ó) aberto en palabras como "onte" ou "pote". Ás veces este Ó aberto márcase cun til para que quede máis clara a súa pronuncia e significación.

Se nós pronunciamos moco cun o pechado estariamos a referirnos a ese fío líquido ou semilíquido que cae do nariz coas catarreiras ou coa friaxe.

Debemos, xa que logo, pronuncialo aberto nunha expresión como esta;

-Mira que es ben móco.  Queremos expresar que esa persoa di parvadas,cousas con pouco sentido, obviedades...Pero, en xeral, sen malicia nin ánimos de facer dano.

Houbo un tempo que había unha parella xove e ben habida. Ela, esaxeradamente correcta, sempre intentaba satisfacer, gabar ou deixar ben ao interlocutor. El, canso desta actitude(esaxerada), dicíalle:

Ai móca, móca! Se calases!

MURMIA

Pode atoparse nalgún dicionario co significado de "grande cantidade de persoas". A nós, ese uso, parécenos algo despectivo. Mais, si que a empregamos para dar unha idea de "grande cantidade" de animais, produtos agrícolas...

-Nesta zona hai unha murmia de xabaríns. (cantidade moi grande, unha praga)

-Teño unha murmia de patacas, mazás... Cando nos referimos a produtos agrícolas, ademais de cantidade grande, alude, tamén, a certo grao de deficiencia:ruíns, pequeniñas...

NITURRÍA

Así se di en Navea. Pero, esta palabra é usada noutras zonas de Galiza, se ben, cunha pequena variación ortográfica: NATURRÍA.

-Este neno ten moita niturría.  Cecais lle poña moitas pegas á comida, esté afeito a facer o que quere, esté moi consentido, chore por "case nada". Poderíase dicir que ten moito "mimo"

NON ME QUEDA RESQUICIO Debo confesar que esta expresión só lla oín á avoa Emilia. Logo, eu utilízoa , de cando en vez, en contextos coloquiais. Dicía a avoa:

-A min de bailar non me queda resquicio.    Quería deixar claro que nos seus anos mozos, e cecais, non tan mozos, bailara moito nas festas. Neste sentido sentíase plenamente realizada, non era unha asignatura pendente.

Animo aos lectores e lectoras que pensen de que cousa non lles queda resquicio( excluímos o traballo porque de "iso", coido, que todos imos ben). E, se o queren manifestar publicamente... Eu vouno facer(poida que alguén xa mo teña oído)

A min non me queda resquicio de comer fóra: restaurantes, bares, cafeterías, tascas, tabernas e demais locais ao uso.

PAIANA

Esta se é unha palabra exclusivamente naveá, coido. É un tipo de legume que ten a faba moi grosa. En xeral son  menos apreciadas que os fréxeles, os chícharos ou os tirabeques. Na zona de valdeorras coñecense co nome de "fabas lobas" ou "fabas cordeiras". Pódense comer coa vaíña ou sen ela. Coa vaiña só se poden comer cando son moi tenras.

-Hoxe vou comer unhas paianas con bacallau.

 Tamén se pode comer só a faba, tirando a casula:

-Estiven degrañando unhas paianas e voulle facer un rustrido.

PALLAFRÓS  (ver zapurolo)

PANOCHA

-Foi á feira e trouxo unha panocha. Estamos a falar dunha  peza de pan, redondeada ou alongada (bastante grande), pero, non unha barra. Vén sendo un sinónimo de "fogaza"

PARAVÁN

Este substantivo designa, xeralmente, un lugar, máis ben grande, para Navea, que non está ben atendido, senón, bastante abandonado.

-Teño un gran paraván en Santa Mariña, pero está cheo de silvas.

Tamén se emprega para designar unha zona da casa ou anexa, sen coidar, pero ampla. Normalmente empregábase para almacenar trastos vellos.

-Vou cambiar as camas e deixo as vellas no paraván.

Roullar é o verbo que empregamos en Navea para referirse a algo que se move, dando voltas sobre si mesmo.  Cando eramos cativos faciamos roullar pedras coa idea de que percorresen un longo camiño.    Cando se fixo a estrada ata a fonte, foron quedando moitas pedras nas beiras e disfrutabamos botándoas para que roullasen e chegasen o máis abaixo posíbel.

- Imos tirar esta pedra, a ver se chega roullando á Mesiña.Unha vez estabamos na Pena da Santa coas ovellas e faciamos roullar pedras que chegaban ata o Valdosino ou ata o Río. Produciuse un "accidente" ao que tamén se lle pode chamar "efectos colaterais". Unha ovella non podía andar porque tiña un coxote roto. Cousas do diaño!

PAREDÓN

Como o seu nome indica, pode ser unha parede grande. Mais, este non é o significado que nos ocupa. Un paredón é unha porción de terreo delimitado e separado de outra. A separación pode ser mediante unha parede, alta ou baixa; mesmo os paredós poden estar ao mesmo nivel separados cun carroucho, cunhas pedras ou uns louxós.

PÁXARA

No dicionario da R.A.G. aparece esta palabra, pero con acentuación grave, paxara; ademais co significado de "bazo do animal".

En Navea, a páxara, (acento esdrúxulo) non é bazo, senón unha víscera alongada e de cor tirando a   morada. Fritida e metida na boca semella estar mascando chicle.

-Mañá vou fritir a páxara, que a min encántame!

Cecais sexa a peza do porco con menos,dende logo un dos menos,  aprecio. Xa nalgunhas casas non se comía.

En realidade, a páxara é o páncreas do porco. Nalgures ten a mesma raíz denominándose "paxarela" ou "paxarola".

PEGULLA(S)

-Aprovéitame ben todas as pegullas.  Cando espregamos este substantivo estamos a nos referir ás patacas pequenas e, moi pequenas que se aproveitan, fundamentalemente, para dárllelas aos porcos e a outros animais. As grandes son para os humanos.

Por unha asociación obvia, ás veces emprégase para cualificar todo tipo de froitas.

-Esta cerdeira non ten máis ca pegullas(cereixas moi pequenas)

PEGUREIRO.

O dicionario da R.A.G. defíneo como unha persoa que coida o gando, un pastor.

En Navea, descoñezo se nalgún momento os pegureiros ían co gando, pero, dende logo,  había moito tempo que non ían coa veceira.

O pegureiro é outro dos produtos exquisitos da matanza, entre outras cousas porque só hai un por marrao. É a parte máis grosa do intestino groso, o inicio do mesmo.

- O domingo que vén, comemos un pegureiro.A mercancía que levaba era a mesma  cá das cagadeiras, inda que ás veces facíase unha especial para un evento "especial".

-Este pegureiro é para o entroido.

PELA

Ademais de ser un dos nomes que alude a antiga moeda de España, ten outros significados na nosa lingua. Por exemplo, forma conxugada do verbo pelar.

-Pela ben a mazá!

Tamén se refire á monda que recobre certos froitos, patacas,...

-Pela as patacas e dálle as pelas ao marrao.

Mais se está nesta sección é porque ten un significado peculiar. Diremos logo que é unha cantidade  de esterco que se saca dunha soa vez coa axuda dunha aixada ou dun rastro e, xeralmente, forma unha masa compacta.

-Vou á corte das cabras por unhas pelas de esterco. -Bota unha pela maís pra encher o cesto.

PENACHO

Este substantivo está recollido nos dicionarios habituais do galego con acepcións como: a  parte máis alta dunha pena ou montaña; tamén, feixe de plumas da cabeza de certas aves; e outras.

Agora ben, fixémonos en expresións como estas:

-Estás feito u bo penacho!

- Ai, penacho, penacho!

Estaremos a referirnos a unha persoa da que non temos boa opinión e, mesmo, no segundo caso, se podería entender como un insulto do cal o receptor non quedaría nada agradecido.

PIGULLA

Cecais alguén pronuncie ou escoite "pegulla". Forma parte dun amplo número de palabras nas que, debido á súa proximidade fónica, hai certa dúbida entre o "e" e o "i". Por exemplo: "regueiro", "rigueiro"; "indilgar", "endilgar"; "Cereixedo", "cireixedo"...

-Bota as pigullas na cañastra. Se escoitamos esta frase, podemos afirmar que nos estamos referindo ás patacas pequenas e moi pequenas. Aquelas que só se aproveitan para dárllelas aos porcos. Enténdese que non son adecuadas para os humanos.

Por extensión, ás veces, tamén se lles pode aplicar a outros produtos agrícolas: tomates, fresas(amorodos), cebolas...

PILDRE-PILDRAR

Pildre é unha das palabras que se empregan en Navea para referirse ao lugar onde remata o aparello dixestivo.

-Saíulle un gran no pildre.  Usámola en contextos coloquiais, de confianza. O dicionario da RAG ten dúas palabras para  denominar este lugar: "cu", que en determinadas situacións pode resultar forte e "ano" que pode resultar algo "fino".  

O Substantivo leva aparellado o verbo "pildrar", cuxo significado non precisa explicación.

PIRRALLADA

-Isto é unha pirrallada! É un termo coloquial que empregamos para dicir que algo está mal feito, mal arranxado...Vén sendo sinónimo de de "trapallada".

-Mondaron a estrada?  

-Nada, unha pirrallada! Andiveron enxarnicando e quedou peor do que estaba.

PITARANCO

Fai referencia a un eido pequeno, normalmente alonxado do núcleo de poboación e, case sempre, non se corresponde coas mellores terras.

- Teño un pitaranco na Broia.

- Trouxen un queipo de uvas do pitaranco que teño no Viso.

- Como non podía durmir estiven botando contas e teño máis de cincuenta pitarancos. 

PITEIRA

Ademais de ter diferentes acepciós relacionadas coas galiñas, e mesmo se lle pode aplicar a unha planta espiñenta, o significado de relevo naveán podémolo estimar na seguinte conversa:

-Que tal che vai a ferida do xeonllo?

-Vai mellor, xa lle caeu a piteira,

Estamos logo a falar desa placa dura que se forma nas feridas e que as recobre durante o período de curación e, despois remata por caer cando se rexenera a parte danada.

O galego normativo ten a palabra "bostela", pero, pra nós é, e será, espero, piteira.

PONTIXOLO

-Marchou o pontixolo do Portovello.  Seguramente houbo unha enchenta e a auga arrastrouno regueiro abaixo.

É unha pequena ponte feita ás présas, sen moito miramento estético e, ás veces, sen moita seguranza. Xeralmente está formado por dous paus que se colocan en paralelo atravesando o regueiro e unha serie de paus máis cativos cravados perpendicularmente. Algunhas veces tamén se lle poñen pedras ou louxós para que non queden ocos que poderían provocar accidentes.

 *Por certo, xa non hai pontixolo na Ponticela; ben estaría reconstruír unha ponticela na Ponticela.

POSTURA

Calquera dicionario trae media ducia de acepcións referidas a esta palabra. Amais, nós empregámola nesta situación: -Mañá imos facer unha postura. Estaremos a falar, case seguro, que encheremos  unha alquitara ou un pote para facer a augardente. Representa, outrosí, a cantidade de bullo que se emprega nunha vez. É, tamén, a cantidade de augardente destilada nunha feitura.

POTRALLADA

 -Déixate de potralladas!

Se empregamos esta expresión é porque alguén está falando, insinuando, propoñendo...algo con pouco senso, disparatado; tolerías!

Se dicimos: -todo isto é unha potrallada. Significa que todo o proxecto carece de sentido. E, se dicimos:-non di máis que potralladas. Estamos a dicir que a persoa en cuestión non goza de credibilidade.

PRECACHADA

-Iso que dis é unha precachada.  Vén sendo unha bobada, unha parvada, unha necidade, algo de pouco ou ningún senso. En xeral ten unha connotación negativa. A persoa en cuestión molesta, incomoda, fai perder o tempo e incluso os nervios. Mesmo, empregamos o apelativo precacheiro/a para referirnos a persoas que se manifestan continuamente con precachadas. Contarei logo una anécdota moi real.

A sr. Elvira da Eirexa recibía, con moita frecuencia, a visita doutra persoa do noso pobo. O certo é que esta persoa só ía "dar a lata", "porlle pegas a todo", "crear tensión"...Por iso a sr. Elvira, con razón, dicíalles aos seus:

-Non hai que facerlle caso, é unha precacheira!

PRÉIXEGOS-ALPRÉCHEGAS-EMAS

Antes de importar os melocotóns tiñamos pavías, préixegos, alpréchegas e emas. Tamén tiñamos pavías de cedo, alá polo mes de xullo; pero, al auténticas pavías son as de setembro, froito de extraordinaria calidade que acadou moitos premios na "Feira de Mostras"  da Pobra. Xa choveu!   Esta froita ten unha carabuña moi vermella que irradia un zume roxizo que abrangue a toda a carne.

-Arrecende a cociña coa cesta de pavías que tes.

Hai pavías vermellas e amarelas. A diferenza está no aspecto externo, segundo que prevaleza unha ou outra cor.

Logo están os préixegos e as alpréchegas. Teñen unha carne moi branda e unha vida efémera; por iso, non teñen moito éxito comercial.  A característica fundamental é que a carabuña se separa da carne con moita facilidade; pero, mentres que os préixegos son brancos, as alpréchegas teñen unha cor avermellada.

-Xa valen os préixegos do Figueiral!

-Hai que coller as alpréchegas que caen todas.

As emas son un produto en extinción. Por buscarlle algunha semellanza diremos que son como pequenos "albaricoques". Son pequeniñas, brancas, con escaso valor comercial, pero cun sabor exquisito.

-Vou plantar unha emeira que naceu no Cepado.

PURGAZO.

-Hoxe vou facer unhos purgazos para xantar.  *Permitídeme a licenza de empregar o indefinido "unhos" (moi naveán) no canto do normativo"uns" (pouco naveán).

O substantivo purgazo, xeralmente empregado en plural, fai referencia a ese produto moi galego: as castañas. Quítaselles a pel exterior, logo cócense coa pel interior para ser alimento de humanos e, se había dabondo, tamén de animais. Comíanse así (a pau seco); podían mesturarse con leite(se o había) e xa os "podentes" podían esborrallarlle un par de ovos (un luxo).

QUINCALLA

A esta palabra téñolle especial aprecio, e coido que o merece. Vexamos.

-Vou coller a quincalla pra feira do 15.

Representa o conxunto de produtos que os nosos pais, avós... collían para levar a vender. A quincalla constituía logo a fonte de ingresos para poder facer algo moi cotián: comer.

En principio, referíase só a produtos de pouca calidade, os ruíns ou menos bos, porén, máis tarde, pasou a significar o conxunto de materiais que se levaban a vender.

-O burro non vai poder coa quincalla.(boa, mala ou regular)

RABOLEXO/A

-Ai, rabolexo, rabolexo!   Cando se lle di a alguén que é un rabolexo, significa que fai moitas cousas ao revés, que non pon interese en aprender, ten pouco xeito. Tamén se emprega neste contexto:

-Por onde andiveches rabolexando?  Puidese ser a pregunta que uns pais lle farían ao fillo despois de estar desaparecido todo o día.

RACHELA

-Trae unhas rachelas que vou facer o lume.

Unha rachela é un anaco de madeira que, xeralmente, foi rachada e que se emprega para atizar o lume. Ás veces non é necesario "rachar" a leña xa que os paus orixinais non teñen moito grosor, sinxelamente se tronzan en anacos axeitados. Aínda así, ás veces tamén lle chamamos rachela.

-Vou preparar unhas rachelas de xesta e facer brasas para o churraco.

O verbo "atizar" segue moi vivo na nosa lingua e significa "avivar o lume", "darlle pulo", fundamentalmente engadindo rachelas.

RACIAS

É un substantivo que empregamos sempre en plural xa que non adoita ocorrer unha soa "racia".

-Mira que racias veñen de Rome. Ocorre nos días de temporal, agora  "danas" ou "cicloxéneses explosivas", nos que a choiva vén acompañada dun vento forte ou de mediana intensidade. En certos casos, o vapor de auga faise visíbel formando ondas que o vento vai empurrando. Estas ondas visíbeis de vapor, desparazándose,  son o que denominamos "racias".

RAMPONIO

-Vente prá casa que vén o Ramponio e lévate!

Esta palabra emprégase, ou empregábase, na zona de Cruz e do Campo. É un ser mítico que ten como misión asustar aos nenos para que o seu comportamento se axuste á vontade dos miores. Deste xeito, os nenos corrían a refuxiarse antes de que tal ente aparecese.

Persoalmente, eu tíñalle máis medo aos "gardas". Cando me ameazaban  con tales, non paraba de mirar cara a estrada do "outro lado" e xa os vía aparecer en cada coche que baixaba.

RAÑO/A-RAÑEIRA

Podemos atopar no dicionario o substantivo "raño" para referirse a un trebello que empregan os labregos e tamén as persoas que se adican a traballos de marisqueo e outras tarefas no mar. Nós non empregamos "raños" senón instrumentos semellantes con diferentes nomes,

Agora ben, usamos o adxectivo "raño" en frases como esta:

-Imos ao pozo de Lama de Sando que alí é raño e poden meterse os pequenos. Como o lector xa adiviñou engade o significado de pouca profundidade. Ás veces utilizamos o nomne "rañeira"  para a mesma idea. -Na rañeira de Coído estase moi ben que non cubre.

Tamén se pode escoitar nunha expresión como esta;

-As patacas están moi  rañas e, ao regalas, quedan ao descuberto. É dicir, están case na superficie.

RAPONAR

-Teño que raponar as ovellas que lle fai boa falta.   Queda claro que coa palabra anterior queremos dicir o mesmo que "rapar". Rapar é a palabra maioritaria, pero lembro como o Pedro(pai do Carlos) a empregaba moito.

Ás veces tamén se emprega noutras situacións como neste exemplo:

-Vou raponar esta mazaira.  Neste caso queremos especificar que imos facer unha poda radical e que practicamente só imos deixar o tronco.

Pronúnciese con (é) aberto para non confundilo co nome da nota musical

-Fasme un RÉ para o neno? 

É un xogo para xirar a un lado e a outro. Un fío enrólase e desenrólase arredor dun eixe. Podería asociarse á gama dos ioiós. Constrúese cun concho(noz) ao  que se lle fan tres buracos. Dous en liña recta e un perpendicular aos anteriores. Polos dous primeiros atravésase un pauciño redondo ao que, nun dos seus extremos, se lle pón unha aspa. Dentro  enrólase un fío que asoma polo terceiro buraco. Al tirar polo fío, xira o pauciño xunto coa aspa nun determinado sentido. Recóllese o fío pola inercia; repetimos a operación e logo xira no sentido contrario. E así ata que nos cansemos. Divertido!

REBOZADA

Cando o lector vexa esta palabra cecais pensará que nos estamos a referir ao participio do verbo "rebozar", como cando se fai unha "pescada rebozada". Esta acepción por obvia; non é a que nos interesa. Fixémonos:

-Vou dar unha rebozada, vés?  Estamos falando, logo, de dar unha volta, facer unha camiñada, un paseo. Normalmente falamos de traxectos curtos, inda que tamén se pode ir dar unha rebozada por Barcelona.

RÉCOVA

É unha palabra que eu utilizo moito. Gústame!

-Ía unha récova de coches polo outro lado.

Récova ten dous significados; un é o de fileira, o feito de iren persoas, animais ou obxectos uns detrás dos outros. Pero, o significado máis acaído é o de unha cantidade grande, en termos relativos.

-Había unha récova de xente na Xuntanza estival de Navea(140 persoas). Se falamos dunha récova de xente paseando pola Ramblas  de Barcelona no mes de agosto, nun ano sen COVID, poida que fosen algunhas máis.

REFOLEGAR

Esta palabra, moi empregada en Navea, coido que está a esmorecer na Galiza. Vén a significar: descansar un intre, tomar un respiro, facer unha pausa para recuperarse física e psiquicamente.

Se alguén chega con moita présa, case coa lingua fóra, ben lle poderiamos dicir:

-Para un pouco oh!  Refolega!

Cando xogabamos a fútbol no mítico estadio do Chelo, ás catro da tarde, no vrao, ás veces, non sempre, parabamos un rato para coller folgos.

Tamén se emprega profusamente no eido mental. Cando a unha persoa lle está "batanando a cabeza" de forma reiterada e intensa, estaría moi ben que outra lle dixese:

-Tes que refolegar un pouco! (inda que non sexa doado).

REGOXA

Trae a regoxa que a vou picar.

Esta palabra ten un significado moi concreto en Navea que non ten nada que ver co que o dicionario da R.A.G. expresa. Segundo este, é un "anaco de pan"

Para nós, a regoxa é un anaco, pero non de pan senón do porco. En concreto se nos situamos no pescozo, na parte de abaixo está a papada e na de arriba a regoxa.

Xeralmente é a primeira peza que se lle saca ao porco para empezar  a "abrir". A partires de aí xa se separa a cabeza e logo fanse dous longos cortes que rematan no rabo para quitar a soá e dividir o porco un dúas follas. 

Esa peza, normalmente, aprovéitase para os chourizos, inda que é coñecido o refrán, "é peor cá carne do pescozo".

REPINICAR

Non confundir con "repenicar"; repenícanse as campás.

-Repinica, se queres!  Podería dicirlle alguén que estivese comendo un recimo de uvas, a outra persoa para convidalo. Significa ir ripando vagos de uvas dun acio.

-Está toda a viña repinicada. Cecais oa paxaros fixeron un traballo sen contar co visto bo da dona da viña.

REVALLAREGO/A

A min esta palabra gústame moito, non sabería cal é a causa, cecais ese son tan rotundo.

-Esas patacas son revallaregas.  Estamos a dicir que son vellas, que están engurradas, non teñen bo aspecto e xa case non están para o consumo humano.

Non se debe empregar coas persoas xa que é moi despectivo.

Pero emprégase moito cos animais. É aquí onde vou conatar unha anécdota real. Vai uns anos, xuntámonos o creador desta páxina, eu e dous ou tres máis co obxectivo de facer unha "paparota", algo que practicabamos con asiduidade. Era na miña casa. Mercamos logo un "fermoso cabrito" de 4'5Kg(non precisamente barato) que formaba parte do menú. Xa nos estaba sabendo antes de comelo. Ao mesmo tempo, tiñamos unhas botellas de cava catalán ben frío. Cando chegou a hora de degustar o prezado manxar, tivemos serios problemas para poder cravarlle o dente. Obviamente era un cabrito moi revallarego.  Logo, pasado o cabreo, faciamos bromas dicindo que non era só pai, era xa avó!

Evidentemente, o cabrito non era de Navea. Sabido é que os de Navea tiñan fama nas comarcas próximas, e máis alá do Padornelo.

RIQUITRAQUE

-Ese cabrito é un riquitraque.  Estaremos a decir que é ruín, que se o quixeramos vender non nos darían un peso por el; é dicir, ademais de pequeno en tamaño e peso, o seu aspecto deixa moito quie desexar.

Tamén se lle aplica ás persoas, inda que non sexa moi elegante.

O/A... é un/unha requitraque. (Obsérvese que non ten variación de xénero). No caso dos humanos, só nos estamos a referir á situación física; poida que aluda a unha persoa máis ben baixa, con poucas forzas, falta de vitalidade...

Ás veces tamén se aplica para as froitas cando falamos de mazás, peras...Neste caso, son pequerrechas e sen boa feitura.

ROER CANDADOS

- A este dálle por roer candados.

Cando eu era mozo oíase bastante esta frase.  Facendo referencia a min mesmo, lembro que esa foi a frase exacta que me dixo unha persoa de Navea cando fixen a primeira reforma importante na casa, vai para trinta anos.

Podería suceder que alguén empezase a plantar unha viña no Perrilla.

-E logo que fas?

-Vou mirar de plantar unha viña porque a da Mallada quédame algo a desmao. 

-Pero a ti dáche por roer candados!

 A xuízo do interlocutor sería unha auténtica aberración; deste xeito mostraría o seu rexeitamento e, mesmo, se intentaba ridiculizar ao protagonista.

SÁBADOS, SABADEÑAS. 

-Vou facer dúas ducias de sabadeñas.

-Imos atar os sábados.

Habitualmente, facíanse dous tipos de chourizos: os "bos", para os cales non tiñamos un nome específico e os "sábados" ou "sabadeñas". Estes eran os "malos" ou "menos bos". Para estes empregábanse as partes menos apreciábeis do porco como a carne da papada, o boche, carnes sanguentas, con moita graxa... Normalmente non se comían  crús, senón cocidos e, na primeira fase con grelos e aceite de "Paradela", con moitísima acidez para, deste xeito, facer unha mestura explosiva.

Por terras de Castela fan os "chorizos sabadeños" polo que é posíbel que esta palabra sexa un castelanismo que entrase na nosa lingua oral nun certo momento.

Descoñezo se agora se seguen facendo ou non, pero, xa daquela había casas onde non os facían.

-Non fixen sabadeñas, deille o boche ao can.

SABATELO

-Sae a tomar o fresco. -Vou poñer un sabatelo e xa saio. Chamámoslle sabatelo a unha prenda de roupa que se considera de escasa calidade e que se pon para "saír do paso". Poida que estea estragada polo tempo e polo uso. Tamén podemos dicir: -Tápao/a cun sabatelo. Cecais queiramos protexer unha máquina, materiais... poñéndolle enriba unha prenda que antes foi "de vestir".

SABREDO

Cando se cava, ben sexa para cultivar ou facer unha poza, grande ou pequena, a certa profundidade atópase unha capa rochosa, improdutiva, con escasa ou nula capacidade para que as raíces poidan desenvolverse e realizar a súa función alimenticia. En xeral, nos terreos moi erosionados, o sabredo está moi próximo á superficie.

-Dás unha cavadela e xa atopas o sabredo. Era moi habitual facerlles duras críticas ás persoas que cavaban levando sempre a terra cara a abaixo; supuña que na parte de arriba do eido o sabredo estaba preto da superficie e, polo tanto, non producía.

*O DRAG recolle a palabra sábrego cun significado parecido, pero non idéntico.

SALUGA 

Esta  é outra palabra que se atopa en estado "difícil".  Recóllea o dicionario da RAG co significado de "talo dos allos". En Navea só se emprega como equivalente a "dentes dos allos":

-Boteille unhas salugas (de allo) ao guiso.

-Machaca unhas salugas para botarlle á zorza.

- Dáme unhas salugas para botarlle ao xarope este.

SANGRÓN

-Vou afiar o sangrón que mañá teño matanza. É un coitelo moi longo, máis ben estreito, co cal se matan os marraos. Dado que é un instrumento fundamental para o matachín, este profesional cóidao e mímao para que desempeñe a súa función coa máxima eficacia. Para decatarse da lonxitude do trebello, se o matachín  ten algo de sorte e a puñalada é certeira, pode chegar ata o corazón; isto acelera moito o remate e sufrimento do sacrificado.

TABANTEIRA

-Vaia tabanteira que lle pegou. Non terá o covid?     Debido ao proceso pandémico no que aínda nos atopamos é doado pensar que este "bichiño" ten algo que ver. Porén, dende séculos atrás temos constancia da existencia de tabanteiras; eu diría que dende que o aparello respiratorio forma parte do corpo humano.

 Unha tabanteira é, logo, unha tose forte que se prolonga durante un certo tempo e que provoca que a persoa afectada pase un momento complicado.

TARAMANCO

-Botou á pota un taramanco de touciño.

Empregamos esta palabra para significara algo "grande", ou "moi grande" en termos relativos.

-Menos mal que o queixo era enorme porque papou un taramanco...

Como se pode apreciar empregámola fundamentalmente para as comidas, mais, podes dicir, por exemplo; -Colleu un taramanco que lle chegou ata velo e deixalo.  Podería ser un pau moi grande e con moito peso para a persoa en cuestión.

TARAMOUCO/A

-O/A ...parece un/unha taramouco/a. Alude a unha persoa que apenas fala cos demais, case non se relaciona con ninguén, fálaslle e non responde, parece que está sempre "cabreado".

Tamén fai referencia a alguén que ten ideas fixas, que endexamais cambia de opinión, inda que as evidencias mostren outro camiño

TEÑO, TES, TEN...MALACABEZA

É evidente que con esta frase non nos estamos a referir á dor de cabeza producida por cefaleas, migrañas,etc.

Con certa frecuencia, eu saio da casa para viaxar e deixo as chaves do coche, entón dígome a min mesmo.

-Que mala cabeza teño! (esquecemento)

Se alguén se meteu en "negocios", pero non lle prestou a atención suficiente, ou non realizou os esforzos necesarios e, como consecuencia, o negocio non funcionou,  podería ocorrer que alguén dixese:

-Porque ten malacabeza! (permítome a licencia de xuntar as dúas palabras. Inda que a R.A.G. non a recoñeza como tal, funcionan coma unha unidade).

Hai algunhas persoas que están, case permanentemente, metidas liortas, pelexas, conflitos..podemos decir: -ten tan malacabeza!

TIGO

Tigo é unha palabra que se emprega en Navea como sinónimo de "cordeiro" ou "año". Xeralmente fai referencia ás idades máis temperás, cando teñen poucos kg de peso. 

- A ovella ten dous tigos igualiños!

Usábase moito para chamalos, cando se despistaban:

-Tigo, tiguiño, ven, ven!

TINFA

-Pillou unha tinfa!  - Estás atinfado!

Empregamos esta palabra para referirnos a algunha doenza relacionada coas vías respiratorias que, en xeral, dura pouco tempo e non reviste moita gravidade. Podía ser unha especie de "catarreira" ou "gripe suave". Non a empregamos para outro tipo de doenzas como traumatismos, tumores, infeccións graves...

TOLOVEA

Termo tamén coloquial que pode escoitarse en frases como esta:

-Pareces un/unha tolovea! Fixémonos que se emprega , con frecuencia, a 2º persoa; xa que logo, non se considera un termo especialmente ofensivo, senón que ten un matiz mesmo cariñoso. Diríaselle, por exemplo, a un neno/nena que é moi movido, trebellante, que dá algo a lata, pero, tamén fai rir.

TOMAR UN CACHARRO

Esta frase trunfou durante uns cantos anos en Navea. Esquezo como foi a seu nacemento, pero, iso si, tivo unha vida efémera., xa que rapidamente decaeu o seu uso. Foi habitual, naquela época, (estou falando dos anos setenta e, cecais,  dos oitenta), escoitar:

-Imos tomar unhos cacharros.

Tomar un cacharro era sinónimo de tomar un "cubalibre", un "llintónic" ou algo semellante.

Ás veces ao chegarmos ás cafetarías  diciamos:

-Dáme un cacharro! A continiación faciámoslle á aclaración correspondente ao camareiro, "larios con coca-cola"

A expresión tamén trunfou cos nosos pais que, cando ían ás noites ao bar da Sara, podían dicirlle,

-Bótanos unhos cacharros. (estábanse referindo a uns viños)

TORRERMO

O certo é que Navea ten torrermos(síntoo polos franceses e ingleses que terán algúns problemas para pronunciar este termo).  Ben é certo que o noso dicionario trae  a palabra "torresmo", aínda que cun significado moi restrictivo: -anaco de touciño fritido. En  Valdeorras empregan "torrezmo" cun significado semellante, mesmo como sinónimo de "roxón".   Para os naveáns, a significación é moito máis ampla, como se pode comprobar nesta frase:

-Cando saques a papada, dáme un torrrermo para botar nas brasas.

No día da abridela, cómense torrermos, por exemplo para almorzar.

-Vou poñer a grella que xa saen os torrermos.    Neste caso, serían anacos do lombo, solombo e mesmo da costela.

Co tempo, acadou outros significados como se pode comprobar co seguinte exemplo:

-O sábado que vén vou aos torrermosQuere dicir que  vai a unha matanza.
TOUTOADA/TOUTUADA

Ambas formas se oían, inda que eu inclínome pola primeira.

-O Pepe deulle ao Xabier unha boa toutoada. Sería un golpe, unha puñada, unha labazada. Normalmente a persoa que recibe a toutoada ten síntomas visíbeis como inchazón, mazadura, etc.

As toutoadas tamén poden ser accidentais. -Non para de brincar ata que  caeu, e desta levou unha boa toutoda.

Tamén no mundo animal son habituais as toutoadas.

-O carneiro deulle unha toutoada  á ovella e dixouna valdada.

TRACAMARQUE

É unha palabra que ten un ton despectivo. Úsase, fundamentalmente, para os obxectos de todo tipo. Se un coche está estragado, renxe por todas partes, podemos dicir:

- Hai que cambiar ese coche, que está feito un tracamarque.

Tamén pode referirse ás persoas; neste caso ten un significado moi despectivo e destrutivo(non se debe empregar).

-O/A............... parece un tracamarque.

TRASCAR

-Sobrou moita ensalada, deixámola para a noite? -Non, á noite está todas trascada.  Ocorre cando está aderezada e, probabelmente, teña vinagre. Nesta situación, a leituga vai collendo un aspecto escuro, murcho, mirrado, mesmo parece que está cocida.

Agora, é moi frecuente que alguén diga:

-Están os xabarís trascando nos conchos.  Sería o escacharramento producido nestes produtos: noces, avelás, améndoas..., cos seus dentes.

TROXO

É unha verba que empregamos moito. Aplícase tanto para persoas, como para animais ou plantas.

Cando nos referimos a alguén dicindo que está troxo/a  é porque a vemos sen vigor, apagada, sen forzas. Fisicamente e mesmo psiquicamente está mal. Cecais padece algunha enfermidade.

-O galo está troxo, parou de cantar. Algunha doenza o está afectando.

O mesmo pasa coas plantas:

-Non sei que lle pasa aos pementos que están troxos. Cecais a planta necesita auga ou ten algunha doenza. (Dicir que neste caso usamos a mesma palabra para a planta que para o produto. Se ven,de cando en vez, tamén empregamos pementeira para referirnos á planta).

TURBISCO/TURBISCADA

-Esta noite imos botar unha turbiscada.   Turbisco ou torbisco, turbiscada ou torbiscada; ambos termos se escoitan entre a nosa xente. O turbisco é unha planta pequena, unha matogueira cuxa cortiza ten usos medicinais. Pode meddir arredor de medio m. En Navea empregábase(vai alá moitos anos) para pescar grandes cantidades de peixes. Ten unha raíz moi grosa; esta machacábase, a base de paus, para que fose soltando a súa "substancia". Logo, lavábase na cachoeira e ía, polo río abaixo, envelenando o que pillase. Actúa sobre o osíxeno da auga polo que os peixes fenecían por asfixia ou intentaban subir á  superficie para respirar onde eran facilmente capturados. Primeiro sucumbían a troita e o peixe naveán e, finalmente, as bogas.

>Debe quedar claro que esta práctica foi habitual ata mediados do século pasado. Daquela unha turbiscada podía alimentar durante varios días ao pobo, polo que o seu uso estaba totalemnte xustificado.   Hoxe somos moi ecoloxistas e rexeitamos esas práticas.

UN PICÓN DE...

Vén a significar "anaco", "cacho", "trozo". Podemos facer esta pregunta:

- Queres un cacho de chourizo?

-Si, dáme un picón(un trozo pequeno)

Empregábase moito para o queixo, cecais porque cortar unha rebanda nalgúns momentos non era doado; entón, había que onformarse cun picón de queixo.    

- Vai por un picón de xamón.

VALDAR. VALDADO/A

-Anda valdao dos cadrís.   Esa persoa ten algunha doenza nesa zona, puidese ser un problema nas vértebras lumbares; deste xeito, tería problemas de locomoción, dores, máis ou menos fortes.

Tamén pode ocorrer que unha enfermidade infecciosa, cecais un virus,  deixe a unha persoa nun estado lamentábel; neste caso, tamén pode dicirse que:

-Quedou valdado!

Ás veces, chegar a este estado provén do feito, por exemplo, que un can trabe a outro no coxote. Diríase logo: agora vai valdado!

VALICORPIO/S

Este nome emprégase, case sempre, en plural. Fai alusión a "eidos" cativos, xeralmente situados en forte pendente e, con frecuencia, próximos ao río; teñen un rendemento escaso. Serían os primeiros eidos en ir abandoando. 

-Vou por un feixe de xardóns aos valicorpios que teño en Lama de Sando.

- A ver se traio unha pouca leña, para cocer, dos valicorpios do Valdosino.

VALUMBIO

-Coloca ben a bombona para que non che faga valumbio. Cecais alguén leva, nunha carreta, unha carretada que inclúe unha bombona. Esta vai de pé o cal produce un movemento oscilatorio na carreta que propicia o desequilibrio do sistema e o posíbel envorcamento.

<Se estamos collendo cereixas, a dez m de altura, quizais a póla sobre a que pisamos se valumbie. Coidado! Tamén se valumbia un paxaro nunha poliña, inda que este non ten moitos problemas.

VEÑO DO POLEIRO/VOUME AO POLEIRO...

O poleiro é/era o lugar onde as galiñas pernoctaban, onde estaban máis protexidas do raposo, garduña, etc. Digo pernoctaban porque, habitualmente, as sesións matutina e vespertina pasábana no "galiñeiro", lugar onde comían, peteiraban e ponaban. 

Mais, a expresión que encabeza este apartado non está relacionado coas galiñas, senón, coas persoas. Deste xeito, "o poleiro" sería o lugar axeitado para descansar, durmir...Por iso, podemos dicir:

-Voume empoleirar( irse á cama)

- Son as sete da tarde e xa está no poleiro!

-É hora de xantar a aínda non saíu do poleiro!

VILIMBRAO

Cando eramos cativos non tiñamos moito acceso a instrumentos musicais, porén,  a imaxinación era grande. Os máis artistas eran quen de construír un aparello, chamado vilimbrao. Os máis perfeccionados podían emitir unha escala musical  "ou máis".

- Vou facer un vilimbrao que xa lama o castiñeiro.

  A época axeitada é na primavera, arredor de maio, cando o zume flúe polas árbores con moito pulo. Así era fácil separar a casca da parte leñosa. Fánselle os ocos axeitados, afínase e xa temos unha frauta.

- Botaremos unhas pezas co vilimbrao!

Bo día a todas as persoas que accedan a esta páxina.

Desta, van unhas expresións características que non se oen( polo eu nunca as oín) noutros lugares do país.

VITILLO

É un aparello que se colocaba no fociño das cabras e das ovellas para que, ao pasar a carón do eido dalgún veciño non lle papasen as patacas, verzas...Esta palabra recóllea a RAG co nome "vetillo" e co significado de bozal feito de arames e vimbios. Os nosos vitillos son, máis ben eran, trapos como calcetíns, medias...aos que se lle engadían uns cordóns para  amarralos á cabeza.

-Ponlle os vitillos ás ovellas que as vou levar para a Rocha.

-Vou preparar uns vitillos que se me estragaron os que tiña.

XARABEADA/XARABRIADA

Ambas palabras se poden oír  no noso pobo. Eu emprego sempre a primeira.

-Onte caeu unha xarabeada impresionante!  Utilizamos esta palabra para referirnos a unha chuvia "non normal". Habitualmente é unha chuvia fina e fría, ás veces semellan cristais que se nos cravan na cara, en ocasións vén acompañada de  folerpas de neve e, fecuentemente,  aparece certo vento que axuda a aumentar a sensación de friaxe. É bastante habitual que se vaian turnando momentos de sol e de xarabeamento; por iso, dicimos:

-Leva xarabeando todo o día.

XA LIBRAMOS

Cando o lector vexa esta expresión, viráselle á mente a idea de que  o seu significado é evidente, e ten razón. O dicionario galego dá unha ducia de acepcións. Librar da mili, librar de pagar...

En Navea temos unha estrada, dende A Ponte a Navea. É algo estreita! ou cando menos non moi ancha. Atópanse dous coches, fanse os cálculos correspondentes, ao cruzárense ábrense as ventaíñas e un dille ao outro:

-A ver se libramos!  É facil que se toquen os espellos e que os pinos da mesiña estén a 2cm.

Non hai moito que un ilustre naveán, facendo referencia á pandemia coñecida me dixo:

-Agora pasan dez anos e nós xa libramos!  A verdade é que a frase é pesimista e incluso macabra. Como o lector pode intuír facía referencia a que  algún "experto" dixo que cada dez anos habería unha peste destas e como nós xa temos unha idade...

XEBELUDO

Este adxectivo emprégase, sobre todo, aplicado ás/aos rapazas e rapaces cando se considera  que son inquedos, bulideiros, respondóns, que se revolven con facilidade e , mesmo, con certa agresividade.

-Que rapaz máis xebeludo!

Obsérvanse casos nos que o "pequeno" se enfronta a un maior con patadas e outras armas primarias. Neste caso, alguén que o vise, podería exclamar:

-Pois mira que é xebeludo este pequeno!

XINADO/A

Empregamos esta palabra en expresións como esta:

-É xinada á súa nai!

Quere dicir que é "igualiña", case se confunden. Actualmente poderiamos falar de "clon", máis, esta palabra non resiste a camparación coa nosa. Xinado, xinada é moito máis expresiva e humana.

XOUMELA

Empregamos este termo como sinónimo de "choumela", inda que, nalgures, hai matices e mesmo significados diferentes.Usamos, xeralmente, o feminino, inda que tamén poida haber, e hai, "xoumelos"

-A...é unha xoumela. Fai referencia a unha persoa con poucas forzas, sen enerxías, que, habitualmente, vive cansada, esgotada...

Tamén pode haber animais "xoumelos".

ZALAMANDRO

-Voulle botar un zalamandro de lacón ao caldo.

Un zalamandro e, logo, unha cantidade grande  a respeito da situación sobre a que se aplica. Normalmente emprégase para sinalar unha parte de algo máis grande(xeralmente, un produto alimenticio): un zalamandro de touciño.

 Algunha vez oín chamarlle "zalamandro" a un ser humano. Non é educado nin delicado!

ZANGOLEXAR.   Alude ao feito  de remexer algo, fundamentalmente líquidos, pero non só.

Boteille auga ao cobeto para que inche e vouno zangolexar un pouco. 

- Como sigas zangolexando o café, valo verter.

Tamén se pode zangolexar ás persoas, agarrándoas fortemente e provocándolles movementos bruscos. Non convén zangolexar moito a cabeza  por se ás neuronas lles dá por fuxir.

Vén a significar que alguén está moi ou bastante prexudicado, inda que, xeralmente non é definitivo, senón provisional. Por iso, normalmente,  esta palabra vai acompañada do verbo estar.

- Estou derrengada( apañou doce feixes de herba do Real).

- Ando cunha dor nos cadrís que me ten derrengada.

- pegoulle unha paliza e deixouno derrengado.

ZAPOLEGO

-Vaia zapolego que estás feito.

Non é un adxectivo cariñoso, por iso a ninguén lle gustaría que  lle fose adxudicado. Aconsello, logo, precaución antes dicirlle a alguén tal termo.

Pode facer referencia á apariencia física. cando alguén se despraza con movementos torpes, cansinos e pouco harmónicos. Pero, o máis habitual é que se aluda ao "xeito de ser e comportarse". Alguén groseiro, terco, desatinado nas súas decisións, burdo. En definitiva: pouco ou nada axeitado.

ZAPUROLO

É outro adxectivo cuxo significado non é precisamente positivo, polo que, non recomendo o seu uso, a non ser que o/a interfeuto/a acreditase méritos abondos. 

O seu uso coincide, nun 90%, coa última palabra da entrega anterior: zapolego.

-Pareces  un zapurolo!  Cando se  fai esta afirmación podemos estar facendo referencia a cuestións físicas(cecais non se acomoda aos modelos estéticos de referencia) ou ao seu comportamento perante os veciños, a socidade, etc. Pode ser unha persoa que empregue expresións soeces na súa fala cotiá, que non diga cousa amañada, que non realice  as tarefas coa corrección debida...

ZARABASCO

Esta palabra vén a significar o mesmo que "cachiño"ou "anaco". É unha porción pequena de algo, xeralmente comida.

-Non deixou nin un zarabasco. (comeuno todo)

-Dáme un zarabasco de chourizo.

Pódese empregar tamén noutras situacións:

-Quédalle un zarabasco para rematar de cavar a viña.

ZARAPATEL

-Vaia zarapatel que armou. Estariamos a falar de que provocou unha liorta, unha lea, cecais unha pelexa nalgún lugar como unha festa, bar e, mesmo na casa.

 Ten outro significado que tamén empregamos algunhas veces.

-Vaia zarapatel que se formou na Navarega. Neste caso estariamos falando de que nese terreo hai tanta auga que ao andar nos afundimos ata enterrar o calzado.

ZAROLO/ZAROLA

Esta palabra emprégase para referirse a unha persoa que é algo parvaxolas, repite moito a mesma cuestión e os agumentos son peculiares e pouco lóxicos. Pode escoitar isto:

-Cala, cala, zarolo!

Tamén se refire a aquela persoa que é moi pesada porque para falar dálle voltas e máis voltas aos argumentos ata aburrir aos oíntes.

-Xa está o outro coas súas zaroladas!

Así mesmo se lle pode aplicar a unha persoa que fala de xeito moi pausado e, xa que logo, resulta un fastío.

-Ai, zarolo, zarolo!

ZONXO/A

-Estas sabas están algo zonxas!  Significa que non están ben secas.

-Canto pesa este feixe!    -Claro, trala herba zonxa!   Se un feixe de herba pesa máis do normal, posibelmente non esté completamente seca.

No vrao, se un madruga moito e vai por un feixe de estrado, cecais os fentos esten zonxos polo orballo.

ZÓRNEGO

-Coidado con ese zórnego!  Imos andando por un terreo coa vexetación alta: carpazo, carqueixa, herbas varias... e aparece un choto requichado, e non se ve, polo que pode espetársenos no  pé, na perna...

-Cótalle tamén ese zórnego!  Posibelmente estemos podando unha árbore e quede un toco sobresaíndo; isto pode supoñer un certo perigo para a saúde, xa que logo, é convinte eliminalo.

ZÚNIGA

-Entroulle a zúniga de virse. Isto podería dicilo alguén que estivese na feira e tivese que adiantar o seu regreso pola "zúniga doutro humano".  É logo un desexo moi forte, case irrefreábel, de facer algo. Unha ansia moi potente. Emprégase moito para manifestar o desexo de mercar algo ou que cho merquen. Aquí contarei unha anécdota persoal.

Cando era un cativo tiña unha enorme zúniga de que me trouxesen un balón ou, cando menos, unha pelota de goma. Por fin chegou. Pegueille a primeira patada e espeteina nun choto dunha faba que estaba requichado. Unha desgraza!

ZURUPALLO

Este substantivo é común en Navea.

-A goma tiña un zurupallo de fentos e non botaba. (probabelmente tiña unha bóla de fentos que atrancaban a mangueira).

En xeral é un vulto  formado por terrós ou outros materiais e que atrancan algún tubo.

Ás veces fai referencia a un cacho dalgún material que está obstruíndo algo ou ocupando un lugar inadecuado. 

-Mira que zurupallo de lardo ten ese chourizo,

Nalgúns casos o zurupallo é moi útil e ademais prepárase.

-Fai un zurupallo con eses trapos. Para tapar unha laga(as lagas eran pozas pequenas que proliferaban por todo Navea, en xeral de pouca capacidade, pero que se enchían rapidamente(lembro que nós nas Covas tiñamos tres que se abrían dúas veces ao día). (En Palacio había unha, por riba da escola, onde os rapaces maioares se bañaban; que tempos!).

 

Datos de Navea: