Vostede está aquí

"A ÉPOCA ESCOLAR EN NAVEA"

“LEMBRANZAS DA ÉPOCA ESCOLAR EN NAVEA”

(56)

Boa tarde:

Don Pedro.

A miña primeira etapa na escola trascorreu sendo mestre D.Pedro, xa nos derradeiros anos da súa carreira. Daquela había unha morea de rapaces en idade escolar. A convivencia non era nada doada entre as diferentes idades do ciclo formativo pois xeraba experiencias non sempre agradábeis. Os máis grandes tiraban proveito do seu poder para amedrentar aos máis novos e, xa que logo, máis débiles.

Era moi relixioso e intentaba transmitirnos a súa relixiosidade: un día á semana, coido que era o sábado, rematabamos a mañá cun rezo na igrexa. Outro día tocaba o rezo do rosario dentro da escola; lembro como cando o mestre comezaba a letanía, a resposta “ora pro nobis” que comezaban os máis grandes, era un “visviseo”: ora pro nobissss, ora pro nobissss, e os máis pequenos tamén nos viamos involucrados, aínda que co perigo de que nos descubrise xa que eramos os que estabamos ao seu carón; os grandes quedaban máis atrás.

Cando tocaba lectura, arredor da súa mesa, sempre naqueles atropellados textos de “Vidas de grandes hombres”, moitos deles con  palabras modificadas, por algún bromista, que pasaban a ser barbaridades. Don Pedro, ao comezar a ler o primeiro lector, xa topeneaba, entón comezaba a xolda a ver quen a dicía máis grande, cando acadaba a consciencia e se daba conta do que pasaba,  enseñábaselle o libro para que vise o que diciá alí. Caraino, caraino, collía cada enfado …

Coido que foi nesa época, máis ou menos, cando o crego que rexentaba a parroquia de Navea (Don Justo) destinárono a Montefurado. Logo, viña a Navea con certa regularidade de visita e pasaba pola escola, supoño que para ver ao mestre, pero sempre nos traía unha saqueta cuns carameliños con forma de “saco”e con raias de diferentes cores. Repartíaos el mesmo, a cada rapaz deixaballe nas mans unha presa deles (eran tan miúdos...).

Cando se xubilou, a parroquia enteira colaborou para organizarlle unha homenaxe nun domingo. Teño presente o arco triunfal que os mozos lle levantaron alí onde comezaban os chanzos das primeiras escaleiras para subir á casa. O arco engalanárono con ramas, flores e carteles con escritos (non lembro as mensaxes que contiñan), pero moi ben feitos, coas letras de varias cores.

Os veciños e raparigos agardamos, dentro da igrexa cada un no seu sitio, que chegase coma cada domingo coa súa dona, a Sra. Ebarista, para asistir á misa. Tíñanlle preparada unha cadeira diante do altar e, para os nenos, os bancos habituais, un a cada banda da cadeira.

Logo á tarde,  no local da escola, prepararon unha merenda con dozaría variada.

Lembro que ao longo da celebración achegouse varias veces por onde estabamos os máis cativos para darnos rosquillas e falar connosco. Estaba o home moi ledo.

Cando estiven noutros centros, e regresaba polas vacacións, facíalle unha visita para saudalo (ao primeiro ía obrigado polos pais, pero xa logo era voluntaria). Sempre me dispensou acollidas moi calorosas. Lémbroo con agarimo.

Don Augusto.

Para o seguinte curso veu Don Augusto, coido que era de San Cibrao das Viñas. Paraba na casa do Sr. Paulino e da Sra. Milagros (os pais do Domingo).

Lembro que nos propuña, o día que tocaba dibuxo, diferentes tipos de bandeiras: de España e outras que daquela non coñeciamos, tampouco lembro que nolo explicase (coido que era unha teima). Foi logo, transcurridos varios anos que puiden decatarme do que significaban e a quen representaba: Falanxe, Requetés...).Foi aquel curso que chegara o Paco (fillo do Sr. Eliseo e da Sra Encarnación), viña de Toro (Zamora) onde estivera varios anos na casa de seus tíos. O mestre fíxoo sentar no mesmo pupitre que ocupaba eu. Esta cercanía propiciou poder compartir o que el  traía da súa “emigración infantil”: papeis de dibuxo, lapis de cores, bolígrafos tamén de diferentes cores (eu os bolígrafos nunca os vira) que nos permitían colorar as bandeiras e presentar uns traballos que o mestre valoraba moito. Fóra da teima polas bandeiras, non lembro que nos falase de asuntos políticos, nunca nos propuxo cantar o himno “Cara al sol”, que noutros lugares din que lles obrigaban a cantar. Pola miña parte en ningún dos tres centros onde estudei na Galiza, me fixeron ou propuxeron cantalo.

Coido que só estivo un curso, aínda que non teño plena seguridade.

D.Álvaro

No seguinte curso veu D. Álvaro, era fillo da familia Romero da Pobra. Este mestre, ademais da profesión docente, tiña outra dedicación que, ao parecer, lle proporcionaba máis cartos, ou como mínimo un complemento moi importante que non estaba disposto a rexeitar.

Así que tomaba posesión da escola, deseguida  procuraba a contratación dun mestre, sen plaza, ou outra persoa con certa preparación para sustituïlo, e así poder dedicarlle tempo ao máis lucrativo. Ao parecer era a súa forma de proceder, e así o fixo en Navea. O feito de que o elexido non contase co grao de mestre non quere dicir que non fose positivo o cambio, pois eu coido que si o foi, alomenos no meu caso. Lembro que foi el quen me enseñou a superar os problemas de: divisións de decimais, regra de tres...

Diría que foi nese curso cando empezou a chegar a axuda que viña dos EE.UU, vía Unicef: leite en po (o Alfonso era o encargado de facer o lume para quentar a auga e diluir os pos do leite), manteiga e queixo.

O remate do curso, con dez anos recén cumpridos, tamén significou o meu adeus a escola de Navea. Case podemos dicir que foi onte...

Non teño moito negativo que lembrar desa época. Hoxe, logo de tantos anos, diría que boto en falta un achegamento ao medio no que a escola cos seus estudantes estaban ubicados. Había moita base para estudar….

(Este relato forma parte das miñas lembranzas da época. Gostaría ter a opurtunidade de ler outras visións. Animádebos, sen dúbida que será enriquecedor).

Saúde e boa viaxe.

 

 

 

 

Artigos: 

Comentarios

Recollo a proposta de Bernardido e cóntovos algunhas cousas sobre a miña vida escolar en Navea. Creo que fun a escola dende 1936 ata 1944 aproximadamente. A escola das nenas estaba na Barronca, na casa da señora Jovita, onde máis tarde viviría o seu fillo Domingo coa súa muller, a miña tía Gumersinda, e as fillas que tiveron. A señora Jovita e Domingo fixeron esa casa en 1929. Segundo me dixeron,  nacín nesa casa, xa que en 1930 meu pai estaba facendo a casa da Airexa, na que vivín ata que me casei.  Non o sei con certeza pero creo que en Navea houbo escola de nenas dende principios dos anos 30. 

A escola estaba, pois, nunha casa. Unha parte estaba dedicada á vivenda da mestra e a súa familia e outra á escola. A mestra durante os meus anos de escola foi Doña Sara,  unha persoa con moi pouca formación. Ás veces penso que non tiña o título de mestra ou que o tiña pero sen facer os estudios que anos máis tarde foron obrigatorios para exercer esta profesión. En resumen, sabia pouco e tampouco se “mataba“ a ensinarnos. Miña nai non me deixaba faltar nunca á escola;  fun ata os catorce anos pero …  ¡aprendín ben pouco! Sempre lle agradecerei os esforzos que fixo para que fósemos á escola. Meu pai traballaba fóra de Navea e ela tiña catro fillos. Houbera sido moi fácil dicirnos: “non vaiades á escola e traballade na casa e nos eidos”. Pero non, sempre quixo que fósemos á escola.

Polas mañás estudábamos de memoria algunha lección, faciamos contas (sumar, restar, multiplicar, dividir), copiabamos algún texto. As contas e os escritos faciámolos nunhas follas moi grandes que tiña a mestra. Utilizabamos pizarra e pizarrín, tamén algún lapis; nunca tivemos cadernos. Ás veces púñanos un problema para resolver. O problema facíase no encerado e tiñamos que buscar a solución entre todas. Mentres o resolviamos, Doña Sara ia facer a comida á casa ou a lavar a roupa. Ás veces vixiábanos o seu home Don Antonio, outras unha de nós facía ese traballo.  A mestra acostumaba a deixar aberto encima da súa mesa o libro do que sacara o problema. Alí estaba tamén a solución. Moitas veces Esperanza miraba a solución e resolviamos o problema sen aprender nada.

Ás tardes cantabamos as táboas de multiplicar (nunca as olvidei, nin agora que xa paso dos 90 anos). Cantabámolas moi alto –berrabamos- e a mestra enfadábase.  Algunhas tardes faciamos labores (coser) pero Doña Sara tampouco sabía nin coser nin bordar, polo tanto tampouco iso nos ensinou. 

Algúns días púñanos a todas ao redor da súa mesa,  ela sentada e nós de pé. Unha por unha iamos lendo Vidas de grandes hombres, Invenciones e inventores e Historia Sagrada. Nunca corrixía a nosa lectura. 

Como xa dixen, Doña Sara desaparecía moitas veces da clase.  A min utilizoume como a súa substituta. Parece que se me daba bastante ben estudar e fixen moitas veces de mestra. Agradezo a Doña Sara esa deferencia pero lamento tantas horas perdidas na escola sen aprender nada. Quen sí me ensinou moitísimo foi o mestre dos rapaces: Pedro de Palacio, “don Pedro”. Cada semana a Dolores e eu (sobriñas súas) iamos varios días a súa casa e dábanos clase. Con él aprendín matemáticas e cultura xeneral,  mellorei a escritura, … Os homes de Navea da miña época tiveron mellor caligrafía que as mulleres e en parte foi por o traballo do tío Pedro. 

Seguro que non son obxectiva falando del. Era o meu tío e foi a persoa que máis me ensinou, pero creo que non falto a verdade se digo que foi un mestre moi importante para os rapaces de Navea. Fixo clase de día e de noite. Comprou candiles de carburo para poder facer clases á noite para os rapaces que non podían ir a escola durante o día por ter que ir a traballar. Insistía na necesidade de ir a escola para aprender. Quería que todos soupesen escribir. Esperaba que os mozos de Navea cando fosen o servizo militar non tivesen que pedirlle a ninguén que lles escribise as cartas para a familia e as noivas. Cando os meus fillos eran pequenos, tamén sempre lles dicía: “tedes que estudar;  estudar é o moi importante”. 

A pesar do pouco que ensinaba Doña Sara, como xa vos dixen, sempre iamos a clase. Pero unha tarde fixemos iso que agora din “facer campana”. Á mañá púxonos un problema e marchouse a facer a comida. Nós non o soupemos resolver e esta vez non o pudemos mirar no libro. Cando volveu enfadouse moito e castigounos dicindo que á tarde tiñamos que darlle a solución. Cando chegou a tarde, non sabiamos a solución nin as da Quinta nin as da Airexa. Encarnita e Camila levaban cada tarde as cabras a pacer á Pedreira e alí encontráronse comigo  e coa miña irmá Beatriz. Tamén estaba Esperanza.  Decidimos non ir á escola. Eramos tan inocentes (ou tan parvas) que pasamos por diante da escola, fomos ata as Penas e o Val e baixamos ata os Bales, … Pasamos una moi boa tarde pero … ai, Doña Sara sentiu a miña nai traballar no Cubiallo e berroulle: “Elvira, ¿por qué no han venido las niñas hoy a la escuela?’”  Xa podedes imaxinar como acabou a historia. Ao chegar á Airexa caeunos unha boa labazada. Supoño que na Quinta pasaría o mesmo. Ao día seguinte, Doña Sara intentou explicar o problema.

Laura Núñez Nogueira

 

                    Darlle as grazas ao Bernardino polo enorme e prolífico traballo desenvolvido nos últimos días. Todos os temas son de grande interese. Mesmo, diría, que son pequenas pezas literarias. Darlle tamén as grazas á Laura, unha muller de 90 anos cunha lucidez extraordinaria. Parabéns a ámbolos dous!

     A respeito da invitación do Bernardino a aportar cuestións relacionadas coa escola, quero, sinxelamente, lembrar que temos unha sección: ANÉCDOTAS, ACONTECEMENTOS...onde xa hai bastante material. Mais sempre é bo ir engadindo cuestións novas, e para iso, únome ao chamamento para que máis persoas se animen a participar.

                                                                            Saúdos e saúde.