Vostede está aquí

AXUDAS NO SEIXO

AXUDAS NO SEIXO” (59)

( A teima segue, aquí vos deixo o que fai número cinco)

A altitude das montañas que lle dan abeiro ao noso lugar, e que en certos aspectos convérteno nun paraíso, ao mesmo tempo, en épocas pretéritas pechábano (hoxe non é así loxicamente) dentro da súa contorna máis próxima con poucas fiestras ao exterior; coido que iso repercutía no xeito de sermos e de comportármonos; faltábannos visións abertas e perspectivas ao lonxe.

Coido que para tódolos cativos era unha grande ledicia visitaren aquelas altas terras para, dende aquel amplo miradoiro, poder ollar, sen atrancos, as terras veciñas e lonxanas: as chairas trivesas coa imponente serra de Queixa de fondo, Quiroga, Valdeorras, O Bolo, Manzaneda, Caldelas... (teño moi presente como dende as leiras da Santa, das Cernadas, do Franxó..., no tempo da sega, aínda se vían grandres neveiros na serra de Queixa. Quen o diría vendo o que sucede na actualidade! E ter que escoitar voces negando a negra realidade do cambio climático que temos diante...).

Aqueles horizontes amplos e abertos diante dos ollos dun neno de poucos anos, ávidos de explorar territorios, supuñan unha grande liberación. A imaxinación quedaba ceiba de atrancos e voaba, tal gabián, alto e lonxe, lonxe... Era a única oportunidade de poder ollar o tren. Montefurado era unha das primeiras olladas que, sen querer, un facía. Dende as escaleiras da nosa chavola contabamos cunha visión perfecta e sen atrancos: da vila, de longos tramos da vía, antes e despois da estación ata A Rúa, os comboios de mercadorías parados nas vías secundarias xa que habian de deixar paso aos de pasaxeiros...

Só nos quedaba un desexo por cumpriren: poder, algún día, viaxar físicamente naquel convoio que, ata a data, só nos permitía viaxes imaxinarios.

“Traballos para os que, por tradición, eramos requiridos os rapaces.”

(Para os raparigos, non só eran xogos o transcorrer dos días no Seixo, xa que habiamos de botar a man nalgunhas tarefas adecuadas á idade. A maioría destes traballos eran do noso agrado, sobre todo cando ía toda a cuadrilla xunta).

“Na seitura”:

1,- Suministro de auga da fonte do Seixo (sempre no botixo de barro para gardala ben fresca).

2,-  Axuda para levar a “merenda” (estou a referirme á da tarde, xa que para o xantar íase á chabola, así gozábase dun merecido descanso en mellores condicións).

3,-Tamén volver buscar algunha cousa esquecida, ou por necesidades non previstas, por exemplo: mediciñas, cando algún segador se cortaba...).

4,- Outra era xuntar as espigas que caían ao chan no intre de segar e logo ó atar os mollos.

5,- Apañar mollos para facer os medoucos.

“Na carrexa”:

6,-Non lembro que estivese presente nunca. Poida que, como só era traballo dun día, non fose precisa a nosa axuda.

“Na malla”:

(Era unha gran festa para toda aquela canalla que nos xuntabamos; todos estabamos atentos para faceren aquilo que nos deixaban facer e non perderen quenda).

7,- Carrexa da palla ata os palleiros (había que subir co feixe  pola escada, ata o nivel que tivese nese intre a estructura do palleiro; cada ronda ía gañando alzada e, xa que logo, máis perigoso ( non, non era o traballo máis axeitado para nenos).

8,- Algún, dos de máis idade, tamén subía á meda para axudar ao que tiraba os mollos ata a zona da máquina de mallar; alí situábanse outras persoas para desatalos e poñérllelos a xeito ao mallador.

9,- Angazar a palla que quedaba pola carreira para estrar a corte do amo da malla.

10,- Barrer o gran na aira unha vez remataba a malla de cada propietario.

11,- Tamén axudabamos nos traslados das máquinas de mallar e limpar, cando remataban as mallas de cada aira (aínda que esta axuda era máis ben pequena).

Cómpre situármonos: non teño clara a idade no intre en que se desarrollaban estas historias que vos estou a relatar; si lembro, por exemplo, que cando ía ó agro de “Rubiás” levarlles auga fresca da fonte, atopaba certos atrancos pois non tiña claro o camiño que levaba ás nosas leiras (a tradición mantiña normas, supoño que non escritas, que era preciso gardar no intre da sementeira: non deixaban camiños entre parcelas, por isto non era nada doado de dar coas propiedades), ademais non contaba con alzada dabondo para poder ollar por riba das espigas, e había de atravesar moitas leiras ata chegar á nosa. Máis dunha vez me tiveron que guiar segadores que atopaba en leiras veciñas.

Como vedes eran pequenas axudas, pero necesarias para levar a termo cada determinada tarefa.

(Relacionada co que estades a ler, lembro unha anécdota que me chamou moito a atención. Hai xa ben anos (aínda traballaba), nunha xuntanza con compañeiros doutras comunidades do estado, nun intre de lecer, saíu o tema dos traballos do agro e como se levaban a termo: as sementeiras, a seitura, a malla, a limpa... Un daqueles compañeiros (orixinario da provincia de Salamanca), explicaba como recordaba el o xeito de levar a termo as tarefas da malla/trilla na súa vila; o seu pai levábao á aira e deixábao montar no trillo para facer máis peso e así máis efectivos os pases por riba das espigas.

Logo, o xeito da limpa era “ventear o gran” (poida que máis antigo aínda): collían o gran do montón cun plato e tirábano ao ar para que a súa forza fixese o traballo, separando os restos de palla e brozas.

Referíase aos derradeiros anos da década dos cincuenta e toda a década dos sesenta do século pasado.

Para min foi unha sorpresa o enterarme que nesas datas aínda facían servir uns sistemas tan antigos, e tendo en conta ademais que as leiras e colleitas eran, en teoría, moito máis grandes cas da nosa parroquia.

Cando lles explicaba que no noso lugar e parroquias veciñas, daquela e moito antes, xa se facían eses traballos coas máquinas, eles sorprendíanse o mesmo ca eu, ao contrario claro)..

Saúde e boa viaxe.