“O GAITEIRO NA GALIZA RURAL” (61)
Boa tarde.
(Esta lenda/conto, ven de lonxe. Na nosa cociña, arredor do lume, naquelas noites do longo e xélido inverno, escoitávase a cotío. O narrador non era outro que o noso pai. Gostaba de agasallarnos con contos moi sinxelos pero que abranguían todo o acervo cultural da época, pero sobre todo de animais salvaxes , aínda que tamén os que convivián nas cortes e poleiros da casa, tiñan o seu oco.
O lobo estaba moi presente na cultura da ficción e na realidade. Quen non tivo visitas do lobo cando coidaba da “veceira” na serra? Lembro a época na que a primeira pregunta aos pastores do día cando chegaban ao lugar era: vistes o lobo? Ben, pois a ver que vos parece).
Disque, en épocas pasadas, cando as parellas casaban, unha das prioridades para o día do casamento era contar cun gaiteiro para que axudase a luír a celebración. Non podía faltar a gaita, xa que que daba un plus de ledicia á festa. Era contratado para, como mínimo un día, e tamén había quen contrataba para máis xornadas. O gaiteiro desprazábase ata o lugar do casamento, case sempre en cabalaría, pois xa contaba que a ía necesitar para poder portear tódolos agasallos que, seguro lle ían facer, aínda que tamén había quen non dispuña de montura e había de ir a pé.
Compríalle chegar moi cediño para dar satisfacción á familia e a tódolos convidados, e tamén para gozar xa dun almorzo acorde coa importancia da festa.
O contrato podía ser de moitos xeitos, aínda que primaba o de pagar con sobras dos manxares que ofreceran aos convidados. No lote podía haber de todo tipo de compango: chourizos, ovos, cabrito, pero tamén moita dozaría; viña a ser un “plus alimenticio” á miseria coa que en xeral, daquela, se malvivía.
O conto que imos narrar tivo como actor un gaiteiro que era coñecido en toda a contorna, xa que acudía sempre ás festas padroais de cada lugar, sen que ninguén o contratase. Ía facer a súa tarefa e sempre era ben acollido, ao parecer saíalle rendibel, pois non fallaba a súa presenza. Era un complemento áo grupo de música que contrataban os veciños do lugar. O noso actor, era pai de familia con varios fillos de curta idade. Estes rapaciños o primeiro que lle pedián ao pai, cando saía ao seu traballo, era que lles trouxese doces.
Pois resulta que para acudir a cumplir co último contrato o día do casorio ergueuse moi cediño, aló as catro da mañá, para así estar presente cando comezasen a chegar os convidados e recibilos coa súa música tradicional, tal coma acordara cos país da noiva. Era así como o gaiteiro comezaba a súa andaina musical que duraría ata rematar a festa. Aínda que en moitas ocasións, vendo o ben que o fixera, pois pregábanlle que quedase máis tempo.
Coma sempre facía, nesta ocasión o homiño foi aledando o día a toda a xente convidada, percorreu todo o seu repertorio musical…, tamén contou con intres de lecer para refolegar. Foi agasallado como se merecía pola súa mestría musical, e cada vez que retomaba a gaita era aclamado con vivas e aplausos, isto loxicamente era de seu agrado e axudábao a continuar con máis azos o seu relato musical.
Como todo remata, tamén chegou a hora da despedida; os país da noiva agasallárono como merecía polo bo facer e enchéronlle as alforxas con comida de todo o que sobrara, incluíndo un bo lote de dozaría. O home consideraba que o estaban a agasallar moi ben e marchou moi ledo camiño do seu lugar.
A mañanciña fora pasando entre agasallos, longas despedidas como é habitual no rural cando a xente está satisfeita e leda. Agora decatábase que non daría chegado de día á súa aldea e comezaba a pensar no que podía pasar, ao atravesar a serra, se o cheiraban os lobos.
O homiño montado no seu borrico, case se dormía, pois non pechara ollo en toda a noite. O burro ía moi lento, coma sempre, xa que o gaiteiro en canto se montaba deseguida topeneaba co sono e cansazo que levaba. O animal xa coñecía a historia e ía pouco a pouco, semellaba que entendía o que estaba a pasar.
Ao chegar á zona onde xa sabía que podían aparecer os lobos, espertou e de socate o burro parou. Ergueu as orellas e moi nervioso ollaba para os lados. O noso amigo xa se decatou que, alí moi preto, estábano espreitando. Nervioso, pero sabendo o que tiña que facer, comezou a falarlle ao seu compañeiro e, pouco a pouco, o burro botou a andar de novo. Moi pronto comezou a escoitar ruidos entre a matogueira. Os lobos estábanos seguindo a certa distancia. Non se deixaban ver. Así foron ata que o lusco fusco deixou caer as tebras da noite, non se ollaba ren fóra de poucos metros a redonda. Entón a parexa de lobos, comezaron a achegarse máis. O burro quería comezar un trote, pero non podía coa carga que levaba. Cada vez máis cerca os lobos comezaban a ouvear, cousa que era moi perigosa, porque podían acudir outros lobos que se encontrasen pola contorna.
Xa os lobos deixaron toda precaución e achegábanse ao burro para atácalo. Nesto o homiño desmontou para defendelo , o que os lobos interpretaron como que era mellor retirarse. Logo volveron, o home pensou que o seu instrumento de traballo podía axudalo e comezou a soplar con forza para inchar o fole deseguida, o soar da gaita na noite pecha case o fixo estremecer, ao tempo que os lobos marcharon despavoridos. A argucia do músico proporcionoulles un pequeno refolego, pero as feras non tardaron moito en inténtalo de novo, deseguida volveron e con máis forza. O noso amigo comprendeu que xa chegara o intre non desexado e, con moita pena, desmontou, os lobos xa nen se retiraron, para poder abrir as alforxas , logo volveu montar e xa comezou a tirarlles, pouco a pouco, cachos de carne e do resto que lle deran como pago. Só gardou o lote de dozaría que era o que máis lles agradaba aos seus meniños. Os lobos parece que se contentaban co agasallo e foron quedando atrás, pero non tardaron moito en volver a situarse a carón do burro. O home pensaba que aquilo non podía durar moito tempo. Así foron chegando a unha zona de castiñeiros no que había algunhas grandes cañotas. Ao ver aquelas árbores pensou que podía ser a súa salvación. Desmontou, colleu as alforxas e subiu a unha moi grande que case tapaba o camiño. Tivo moita sorte, xa que estaba valeira por dentro e deixouse caer ata o fondo. Co medo que pasara non tivo un derradeiro pensamento para o seu compañeiro de viaxes e fatigas. O animal non tivo moita sorte e deseguida foi devorado pola manada que os seguirá e polos que se achegaran ao sentir os ouveos na noite.
O homiño non tardou moito en quedar durmido e non espertou ata que o sol xa ía ben alto. Nestas sentiu coma un zurriagazo nas pernas, mirou e viu que era o rabo dunha fera que o metera por un dos buracos que tiña a cañota a ran do chan. Pensou que era a súa oportunidade: cuspiñou as mans e, sen pensalo moito, agarrou con forza o rabo do lobo. A fera ao sentirse presa comezou a removerse e ouvear, pero o home non floxou. O lobo a ouvear e o home tieso e forte non o deixou marchar. Pouco a pouco os oubeos eran máis cortos e menos fortes. Nestas que o home decatouse que algunha cousa estaba a suceder, o lobo removiase máis forte, e el non floxou, de socate soou un disparo e o lobo a ouvear e a removerse, pero non, o noso amigo soportou a forza do moribundo ata que deixou de ouvear e moverse. Deseguida apareceron dous cazadores, que se achegaran ao sentir os ouveos do lobo. Axudaron ao músico a saír do agocho, pois estaba rendido e non podía saír. Logo explicándolles toda a historia foron chegando á súa parroquia.
A chegada ao seu fogar foi moi leda para toda a familia e veciños do lugar que pensaran que lle pasara algo máis grave. Os fillos, desta vez, só tiveron de agasallo a dozaría, pero non se queixaron coma noutras ocasións. Era suficiente con telo de novo na casa.
Á noite, unha vez no leito, o noso amigo comezou a cavilar como faría para mercar outro burro, xa que só non podía acudir aos chamados que tivese para desempeñar o seu oficio. Non tiñan aforros… tampouco tiñan a quen pedirlle un préstamo… con estas cavilacións agarrou un sono reparador que durou ata ben entrada a mañá.
O día parece que lle traía boas novas, unha boa sorpresa esperábao na súa cociña, onde unha delegación dos veciños acompañaban súa dona. Chamoulle moito a atención que tantos vecinos viñesen á súa casa… pode que a enterarse do pasado…
Deseguida que sentou a carón da súa muller, comezou o “pedáneo”, en nome de tódolos presentes , a explicarlle o motivo da súa visita. Non era outro que trasladarlle a decisión que acordaran, unha vez reunido o “concello parroquial”, aquela mesma mañá: os veciños achegarían os cartos para mercar un burro, para que puidese continuar o seu traballo coma sempre.
(Aquí trátase dun conto, pero no rural había unha longa tradición de axudar aos veciños que, por unha desgraza, quedasen moi tocados no seu patrimonio).
Saúde e boa viaxe.
Comentarios recentes