Vostede está aquí

As algarias Naveás

Boa tarde.

(Andamos co tempo dos “Magostos”. Os días son máis curtos, xa vai frío, as cociñas son os mellores recantos das casas para gozar desas longas horas de lecer nas que, sen decatarse, xurden as lembranzas, os contos dos nosos devanceiros…, mentres, vaise dando boa conta dos saborosos bullotes asados no cacho e catando o “viño novo”. Pois, coa vosa licenza, vouvos roubar un anaquiño do voso lecer para que, se o tedes a ben, poidades ler este relato que, eu diría, é simples historia. Coido que o longo tempo pasado axuda a que os feitos se poidan xuzgar con máis visións e, xa que logo, pode ser un intre oportuno para saber das falcatruadas que facían as “nosas veciñas e sufridoras algarias”).

Hai xa ben anos que, durante unha boa tempada, se producíron na nosa parroquia unha serie de feitos que tiñan aos veciños en alerta e vixiantes diante dos galiñeiros e cortes onde se gardaban os animais.

Daquela, a parroquia Naveá era un fervedeiro de xente, había como era lóxico de tódalas idades; a mocidade contaba cunha boa representación e sempre moi activa en todo, supoño que era o que lle tocaba facer, aínda que ás veces poida que se pasasen un chisco nas actuacións de lecer. As súas actividades sempre as levaban a termo cun aquel de secreto, aínda que nalgunhas ocasións non faltaba o que se ía da língua (neste caso así sucedeu) e os feitos remataban no coñecemento de toda a parroquia; logo, viñan as acusacións, os desmentidos, tamén, pouco a pouco, a auga volvía ao seu rego e o asunto ía quedando fóra do día a día, aínda que non esquecido del todo.

Pois pasou que, certo día do xélido mes de novembro (nada a ver co tempo que temos na actualidade) comezou a circular polo lugar unha nova nada agradábel: un veciño dicía que aquela noite lle roubaran dúas pitas do seu galiñeiro. Aínda que non se acusaba a ninguén, si que se deixaba caer que a mocidade da parroquia andivera aquela noite de paparota nunha casa das Penas/Barronca. Os veciños, que escoitaban aquel relato, deseguida tiraban conclusións acusadoras para a xente nova. Vendo como a situación ía a peor, un dos mozos propuxo unha idea para rematar coas acusacións, e dixo: -esta noite imos ir deixar as plumas das pitas esparexidas pola zona do galiñeiro, un pouco apartadas e a medio acubillar (din que fan así estes animais).Pois iso fixeron algúns do grupo. Pasaron dous ou tres días e xa se comezou a escoitar un novo relato moi diferente e case que pedindo desculpas: un familiar dos donos do galiñeiro afectado atrapou unha algaria nunha trampa que tiña posta na zona.

Albirizas! Xa temos o suxeito do crime.

As linguas marmuradoras calaron, e, xa logo, todo foron boas palabras, en calquera grupo de conversa saía o tema e sempre había alguén que gababa a aptitude da mocidade xa que non o tomaran a mal.

Pois así ía pasando o tempo naquela comunidade, pechada, laboriosa…, e sempre con azos para idear fazañas novas nas que tamén colaboraban, como se demostra neste escrito, os “veciños animais salvaxes”,

Saúde e boa viaxe.

P.D. Os que tivestes a paciencia de ler “A zorra da morgaza”, relato que deixei neste mesmo medio hai uns meses, poida que atopedes algunha similitude co presente escrito; coido que sería o correcto. Só que, polo medio, pasaron moitos anos, máis dun século e, xa que logo, non podemos facer comparanzas, pois só contamos cos relatos dos nosos devanceiros que, no seu intre, o escoitaron tamén dos seus antepasados.

Colaboracións: