“NA PROCURA DAS PALABRAS ESQUECIDAS” (69)
(Este escrito, que é un desexo meu, vai adicado ao mestre “Xosé Lois”. Del foi a idea de intentar recuperar as palabras esquecidas da língua máis nosa, a de Navea. Agardo que tamén sexa compartido por tódolos que o lean).
—-----------------------------------
Vai moi calorosa esta primavera, moito. Semella que o verán teña présa por chegar. As nosas palabras non soportan tanta calor e desleixo e agóchanse baixo as louriñeiras dos “Vieiros”. ,É alí, na “Cova dos Mouros”, onde veñen pasando estes anos escuros da súa longa andaina.
De segueren estas condicións non se poderá cumprir o desexo do poeta.
–Mais, e a quen vemos alí abaixo, e el, non serán algunhas das que botabamos en falta? Ollade aquela, é a “Cacaracá”. E aqueloutra, non é a “Croqueleira”? Eh, Palabras! Non fuxades, agardade, imos falar.
–Falar? Ah, quiere decir hablar. Noo, nosotras no somos de este país, somos de Castilla.
–Arre demo! Teñen medo. É por iso que negan ser galegas. Non hai dúbida, son as nosas veciñas. Imos resgatalas, aínda que sexa á forza.
–Correde compañeiras, correde, estes homes veñen por nós. Calquera sabe que é o que buscan.
–Ren de bo, compañeira.
–Abofé.
– Hai que ver como, sendo tan vellas, corren coma mozas. Non corrades! Acougade! Somos amigos e queremos falar convosco.
–Pois si que falan ben, imos parar e agardalos a ver que novas nos din.
–Grazas Palabras. Houbemos de botar unha boa cosa pra seguirvos e vimos esgotados. Deixade que refoleguemos un chisco pra logo falarmos.
– E el, non seredes os gardas de Castela, collérona connosco e, agora, non deixan a teima pra dar cos nosos agochos.
– Noon, tranquilas. Somos veciños vosos e desexamos recuperarvos para a noso cotián. A nosa fala anda tristeira, xa que lle faltan moitas das súas palabras (incluidas vós) para ter unha vida plena e leda. Tedes que deixar o voso agocho e volver a convivir connosco. Ides estar ledas ao ver que toda a veciñanza, sobre todo os nenos e nenas, volven falar convosco. Entón, axudaredes ao cumprimento daquel desexo do grande “Cunqueiro”: “MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LÍNGUA GALEGA”.
–O voso falar soa moi ben pero, aínda así, precisamos aconsellármonos coas nosas compañeiras máis vellas.
–Pois ide e falade con “sentidiño”, xa que, o futuro da nosa língua agarda por vós.
Poida que algunha delas, aínda que con medo, se achegue á vindeira celebración da “xuntanza do mes de agosto”.
Gozo para todos no “día da Patria”
Saúde e boa viaxe.
Comentarios recentes