Vostede está aquí

CASTIÑEIROS ...

SOUTOS, CASTIÑEIROS, CASTAÑAS, SEQUEIROS...”GALIZA”. (43)

Bo día:

(O proxecto que me explicou o Luis, (do que deixei constancia nesta páxina hai uns meses) para recuperar o castiñeiro do Cuviallo, axudoume a procurar a recuperación de lembranzas moi lonxanas relacionadas co mundo dos “castiñeiros”; uns recordos que, medio acubillados na memoria polo tempo, veñen de: uns das propias vivencias, os outros escoitados nos faladoiros que cada día, daquelas longas noites de inverno, se organizaban na casa. Este relato é, pois iso, a recuperación de parte desa memoria. Xa que axiña comezará o castañal, ou poida que xa andemos nel, coido que é un bo intre para que saia do caixón este artigo; así pois, aquí volo deixo por se alguén quer dispor).

Ese mundo dos castiñeiros, ao que me refiro, e todo o que xira ao seu redor, é unha parte do “ser de nós” e entronca co “nós” máis galego. (só unha persoal opinión).

O caso é que se ollamos cara atrás, e furgamos na historia e vida dos galegos, sempre imos atopar referencias ao mundo dos castiñeiros:

1. Na economía: supuña (en moitos lugares segue igual) unha fonte de riqueza, xa que ademáis do consumo propio, a venda do sobrante: castañas, madeira, leña... axudaba a repoñer o nivel de aforros que había na caixa familiar para aquilo máis necesario e imprescindíbel: médicos, mediciñas, roupas, ferramentas...

2. No idioma: arredor dese mundo, o galego conta cunha enorme cantidade de voces que, aínda que nos doia, están a esquecerse pola negativa deriva do sector, da tradición e do rural. (1)

3. Na literatura: hai creación co tema que nos ocupa; lembro a Risco, recreando o mito do “lobishome” no fantástico relato “ O lobo da xente” co eixe central das castañas e os sequeiros; as andanzas da historia percorren as terras de Trives, tamén cita Navea. (expreso agasallo a unha comarca que coñecía moi ben).

4. No pasatempo: o sequeiro viña a ser, no período da “seca”, o lugar máis axeitado para converterse en centro e fiestra aberta a tódalas actividades sociais da parroquia (diría que moi semellante ó fiandón/fiadeiro): faladoiros, xogos, contos e troula en xeral; arredor do lume (fóra ía frío) era o intre acaído para catar o viño novo que viña a ser “angélica para as gorxas resecas pola manduca dos bullotes asados; grolo vai e grolo vén, conto vai e conto vén a xuntanza era máis leda, sen decatarse que a noite ía pasando e con ela os ánimos tamén ían á baixa; era normal rematar a troula acaroados, facéndolle compaña ao mantedor do lume para que non morrese.

Non sempre era o mesmo sequeiro o lugar da xuntanza, pois era tradición visitar a maioría dos que existían na parroquia, xa que, ademáis do lugar tamén había: na Airela, en Santa Mariña, nos Lameiros e no Seixo. Disque, tamén era habitual a visita dalgúns trouleiros aos situados nos Ganadoiros, xa fóra do noso territorio.

Arredor dunha semana era o tempo que precisaban os bullotes para secar, co lume aceso sen parar e vixiándoo día e noite; logo, unha vez secos, chegaba o día da pisa que viña a ser case unha festa veciñal; era habitual contar con algúns contratados para axudar, pero tamén sempre se engadían outros veciños que logo engrosaban o número de comensais á mesa, unha vez rematado o traballo.

Teño moi presentes aqueles días de outono, plomizos, pechos, tristeiros...nos que o sol andaba agochado todo o día tras dos nubeiros e, ía moito frío (non é o de agora), só se aledaba un chisco o ánimo ollando o fume saíndo polos lousados dos sequeiros que se albiscaban dende o lugar

5. Nas relacións veciñais e con diferentes poboacións: os caldelaos eran propietarios dunha parte moi importante dos soutos e das viñas da nosa parroquia e, xa que logo, había moita inter-relación coas parroquias caldelás; aumentaba moito no verán cando os naveáns percorrían as chairas de Caldelas, ofertando a froita e produtos hortícolas baixo o sistema tradicional do “troco”; deste xeito era máis doada a venda, xa que os cartos escaseaban e había que gardalos para necesidades máis perentorias.

6. No traballo: para manteren fortes os castiñeiros e cunha produción de froito importante, era preciso dedicarlles moitas horas de traballo: a demouca, a arada (cando o terreo o permitía) ou a cava, a monda do terreo, a rega...logo xa viña a colleita dos bullotes (uns días nos que os soutos acollían unha morea de xente para xuntar o preciado agasallo da natureza), a seca, a pisa...Unha vez rematada a colleita (facíanse varias voltas, coido que hata tres) había a tradición de que calquera persoa podía acudir a coller bullotes dos que quedaban agochados nos soutos; non lembro cómo e cando comezaba ese período (supoño que consultarían aos propietarios dos soutos antes de comezar); coñecíase coma ir “ao chou”; logo unha vez rematado este período era habitual escoitar comentarios do ben que lles fora a tempada do “chou”. (as malas linguas dicían que as persoas que máis sacas xuntaban eran as que foran contratadas, para a colleita normal, polos propietarios dos soutos onde logo ían ao chou).

Saúde e boa viaxe.

(1) Aquí entra de cheo a tarefa que está a facer Xoselois coa súa serie de traballos: “A lingua de Navea.