Vostede está aquí

Conca hidrográfica do río Navea

Este traballo é un resumo do libro publicado pola Deputación de Ourense, titulado Chandrexa de Queixa: patrimonio cultural.

      O río Navea nace no alto do Gancedo(serra de Queixa) a 1330 m de altitude, no concello de Laza. Discorre de suroeste a norleste e baixa ata os 260 m cando desemboca no Bibei. Ten unha lonxitude de 42'850 Km e a súa cunca hidrográfica abrangue 234'25 Km cadrados. Esténdese polos concellos de Laza, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Manzaneda, San Xoán de Río e Pobra de Trives.

     O perfil do río mostra tres tramos con pendentes ben diferentes.

PRIMEIRO TRAMO

       Desenvólvese entre as fontes do Gancedo e a cota 1100 cunha pendente do 13'5%. Neste sector, o río recibe numerosos regatos que lle proporcionan as súas primeiras augas, fundamentalmente as da serra de Hedreira, que tamén lle dá o seu primeiro nome

SEGUNDO TRAMO

        É o máis longo e de pendente  máis suave. O primeiro banzo atópase entre os 1100  e os 800 m; o segundo, inmediatamente a continuaciónn, chega a cota 700. A diferenza de nivel utilízase para os aproveitamentos hidroeléctricos e non é casual que cada unha das dúas presas que hai al longo do río estén construídas no punto máis baixo de ambos banzos. A máis alta corresponde ao encoro de Chandrexa de Queixa. A segunda, augas abaixo, é a de Guístolas, que sinala o inicio do 3º tramo.

    Despois de Hedreira, o río chega á Ferreiría, cuxo nome indica a actividade que alí se desenvolveu. Uns quilómetros  máis abaixo pasa baixo a súa primeira ponte de estrada: Santa Cruz, na estrada que circunvala o encoro de Chandrexa. Aquí o río chega ao que Vicente Risco(1936) describiu como "unha gran cuncha, cuxas augas recolle o Navea, dominado por imponentes moles".  

    A presa de chandrexa, cunha parede de 91 m de altura, sumerxeu as aldeas de Pousa e Casdiego así como algunhas das mellores terras do municipio de Chandrexa

TERCEIRO TRAMO

       Empeza na presa de Guístolas. O río baixa materialmente encaixado ata a cota 260, entre Guístolas e Navea nun espectacular canón de paredes altas e verticais. Dende a citada presa, novamente boa parte do seu caudal é conducido por unha derivación lateral ata a central da Ponte. O resto da auga segue o seu curso normal e en Pontenavea, pasando  baixo o arco da ponte romana, recordando así ás lexións que transitaban pola vía  XXVIII de Braga a Astorga.  A partir de aquí salva un notábel desnivel a través dun extraordinario canón(Rome) que o separa da desembocadura, percorrendo con rapidez 8'95 Km.  Antes de chegar recolle o Lentellás, que baixa de San Xoán de Río; máis adiante o río Cabana (o Regueiro) que bordea polo oeste ao fermoso pobo de NAVEA, derradeiro núcleo urbano, despedíndose nun dos canóns  máis importantes de conca do Bibei-Sil.

Datos

-Caudal aproximado: 8'46 m cúbicos por segundo.  Moderadamente caudaloso.

-Unha gota de auga, dende que cae  nos altos do Gancedo ata que chega á desembocadura, tarda 5h

Nome 

     En canto ao nome de "Navea" barállanse varias hipóteses:

- Unha delas afirma que antes se lle chamaba NEVEOÁ ( cheo de neve) e facía referencia ás súas augas frías.

- A segunda afirma que debía facer referencia á relación coas vías romanas, Deste xeito o seu significado sería paso entre montañas. 

- A terceira, que procede  nome NAPEAS,  que xunto con Náiades e Nereidas forman a triloxía dos montes, das fontes e dos mares

Perfil do río Navea

 

                                            ENGADIDO Á "conca hidrográfica do río Navea"

         Este "engadido" centrarase na parte do río pertencente ao inmenso territorio da parroquia de Navea.

    Despois de Rome, o río transita por lugares e pozos de lenda; lendas se contaron  a carón das torbiscadas do pasado, que representaban acontecementos de relevancia social e ,mesmo, económica.  Así temos lugares como O Val do Burro, O Valdosino, Lama de Sando(un dos lugares importantes de baño colectivo no pasado), Os vieros, A Charca, O Largo, O Redondo, Coído, A Ponte, O Lombo do Gato e Entrambasaugas.

            Non menos importantes son os regatos que aflúen pola súa marxe esquerda:

O Regueiro , que regou ao longo dos séculos e en todo o seu traxecto a maioría das terras cultivábeis, contando no seu percorrido con numerosas caldeiras para achegar a auga a cada un dos eidos e pitarancos espallados polo pobo.  Nace en Valados e despois de pasar polos diferentes pobos das cabanas, chega ao Real ; pouco despois, descende pola fermosa fervenza do Batán e chega á Ponticela. Despois da Ponticela precipítase por outra fervenza fermosísima que leva as augas ata a zona dos muíños. Aquí debemos facer laio polo tristemente desaparecido pozo da campá, unha obra maxistral de inxeniería feita pola natureza. Segue descendendo a enorme velocidade polas zonas do Portovello, Santa Mariña e A Molariña, ata que lle regala as súas augas ao pai Navea. 

      Con menos caudal, pero non menos representativas son .as diferentes cavarcas.

Cavarca de Casenando.   Nace na zona Vilaboa e atravesa lugares como Casenado, A pedreira, O Arroxo,O Foro, A Rocha...

Cavarca de Cansacabras. Ten dúas pólas. A primeira, indo  do pobo cara o monte, atravesa unha zona de augas férreas( no pasado ían tomas esas augas para abrir o apetito). A segunda é famosa por unha poza(que construímos os alumnos da escola de Navea, en horario escolar, o cal nos supuxo un durísimo correctivo por parte do mestre).  A continuación hai un descenso de vertixe que atravesa Os Rousos e desemboca na Charca.

Cavarca de Paradela. Como o topónimo As Forcadas indica ten dúas fontes: por un lado Ferradás e polo outro A Amieira. Nas Forcadas atópanse cantidades importantes de fananco, herba de características peculiares. No seu descenso, a cavarca, atravesa lugares como A Estacada, Paradela e O Regato, onde rinde as súas augas

Cavarca dos Folgueiros-A Mallada.  Nesta zona, a erosión formou un enorme canón (pouco lle ten que envexar ao do Colorado). Outro ramal vén do Penediño, Uníndose ambos  máis abaixo de Carbuído, para rematar en Lama de Sobreira, pouco antes de que o rio Navea deixe de ter tal nome.

Colaboracións: 
Datos de Navea: 

Comentarios

“CONCA HIDROGRÁFICA DO RÍO NAVEA”. ( 22)

Boa tarde a tod@s:

A ollada das fermosísimas imaxes, da canle alta do Navea, que nos aportaba navea hai uns días, fíxome ver que ía ser interesante unha relectura (despois dun ano) daquel traballo, sobre a mesma conca, co que nos agasallou xoselois aló polo mes de xaneiro do 2015.

Ben pois, nesta nova lectura, atopo o que podería ser un pequeno erro. No derradeiro parágrafo “A cavarca dos Folgueiros”, onde di: outro ramal que vén do “Penediño”, eu diría “Val de Riocobo” ou da “Toxeira”. O Penediño, para min, noméase a zona arredor da carrúa, por abaixo e por arriba, cando avista precisamente ao” Val de Riocobo”. Logo, máis arriba, aínda queda “A Toxeira” que é onde comeza realmente. En mapas e nalgún escrito sempre o atopei como “Val de Riocobo” e así mesmo me chegou na tradición oral.

Posibelmente aí contaredes con fontes, ás que poder consultar, con argumentos máis fiábeis cos meus.

Agora unha pregunta para xoselois: “A Estacada” onde é? nunca oira este topónimo. A lectura da redacción lévame a entender que podería ser a zona situada debaixo da carrúa e a ámbolos dous lados da cavarca. Si ?

Saúde e boa viaxe.

     Vai moito tempo que brdaquinta me preguntaba ou preguntaba onde queda "A Estacada". Pola causa que fose, aínda non llle contestara. Pois ben, chegou o momento de facelo.

       Visualicemos a cavarca que baixa polas Forcadas  e aflúe no Regato no grande río Navea. Empezamos a subir e logo cruzamos a cavarca cunha pontella sobre a mesma. Alí estamos en Paradela. Esta denominación mantense ata a zona do camiño que vai cara á Borrén. Seguimos en Paradela inda que, eu, tamén escoitaba  o nome de "Paradela de Abaixo". Continuamos subindo e a medio camiño entre o sendeiro da Borrén e o camiño ou carrúa do monte(o que vai cara O Penediño, Peites....), alí se atopa "A Estacada". Lembro que tamén se lle chamaba "paradela de Arriba".  Para acceder, collíase non Vales un sendeiro que ía máis alto có da Borrén(tamén nos levaba ata unha zona denominada "A leira".

                   Espero que a explicación resulte clarificadora. De tódolos xeitos, os que coñecemos a toponimia de Navea sabemos que nunha hectárea pode haber 10 nomes distintos e incluso, ao mesmo eido, persoas distintas empregan diferentes nomes.

                             Saúdos e saúde

 

“A Estacada” (24)

Boa tarde a tod@s: Dende hoxe engadireille ao meu bello e gastado “disco duro” este, para min, novo topónimo.

Grazas xoselois pola completa e detallada información.

Saúde e boa viaxe.

 

Disculpade polo de "bello" en contas de "vello".